Capítulos 21-24
As vilas dos levitas
Capítulo 21
1E achegáronse os cabezas de familia dos levitas ó sacerdote Elazar e a Xosué, fillo de Nun, e ós cabezas de familia das tribos de Israel, 2e faláronlles en Xiloh, na terra de Canaán, deste xeito:
‑"O Señor, por medio de Moisés, mandou que se nos desen pobos para residirmos, con pradairos para o noso gando".
3E déronlles os fillos de Israel ós levitas da súa herdanza, pola palabra do Señor, estas vilas e as súas praderías:
4Saíu a sorte para as familias dos quehatitas e sacaron para os fillos levitas do sacerdote Aharón trece vilas, do lote da tribo de Xudá, da tribo de Simeón, e da tribo de Benxamín. 5E para os restantes fillos de Quehat, das familias da tribo de Efraím, da tribo de Dan e da media tribo de Menaxés correspondéronlles na sorte dez vilas. 6E para os fillos de Guerxón, das familias da tribo de Isacar, da tribo de Axer, da tribo de Naftalí e da media tribo de Menaxés no Baxán tocáronlles en sorte trece vilas. 7Para os fillos de Merarí, segundo as súas familias, da tribo de Rubén, da tribo de Gad, e da tribo de Zebulón, doce vilas.
8E deron os fillos de Israel ós levitas estas vilas cos seus pastos en sorte, segundo mandara o Señor por medio de Moisés. 9E déronlles, da tribo dos fillos de Xudá e da tribo dos fillos de Simeón, esas vilas que van chamadas polo nome: 10Para os fillos levitas de Aharón, das familias dos quehatitas ‑pois a eles correspondera o primeiro lote‑, 11déronlles Quiriat-Arbá (a vila do pai de Anoc ‑que é a cidade de Hebrón‑, na serra de Xudá), coas praderías dos seus arredores. 12Pero a zona verde da cidade e das súas aldeas déronllas a Caleb, fillo de Iefuneh, en propiedade.
13E ós fillos sacerdotes de Aharón déronlles Hebrón (para cidade de refuxio do homicida) e os seus pastos, e Libnah e os seus pastos.
14Iatir cos seus pastos, Extemoa cos seus pastos, 15Holón cos seus pastos, Debir cos seus pastos, 16In cos seus pastos, Iutah cos seus pastos, e Bet-Xémex cos seus pastos: nove vilas, escolmadas daquelas dúas tribos.
17E da tribo de Benxamín, Gabaón cos seus pastos, Gueba cos seus pastos, 18Anatot cos seus pastos e Almón cos seus pastos: catro cidades. 19Todas as cidades dos sacerdotes fillos de Aharón, eran trece, cos seus pastos.
20E ás familias dos levitas fillos de Quehat ‑os outros fillos de Quehat‑, déronlles un lote de cidades escolmadas da tribo de Efraím: 21Xequem (para cidade de refuxio do homicida, na serra de Efraím) cos seus pastos, Guézer cos seus pastos, 22Quibsaim e os seus pastos, e Bet-Horón e os seus pastos: catro cidades.
23E da tribo de Dan, Eltequé e os seus pastos, Guibetón e os seus pastos, 24Aialón e os seus pastos, e Gat-Rimón e os seus pastos: catro cidades.
25E da media tribo de Menaxés, Taanac e os seus pastos, e Ibleam e os seus pastos: dúas cidades. 26No total, dez, cos seus pastos, para as restantes familias dos fillos de Quehat.
27E para as familias dos levitas fillos de Guerxón partillaron da media tribo de Menaxés Golán (no Baxán, como cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, e Bet-Axtarah cos seus pastos: dúas cidades.
28E da tribo de Isacar, Quixón, cos seus pastos, Daberat cos seus pastos, 29Iarmut cos seus pastos e mais En-Ganim cos seus pastos: catro cidades.
30E da tribo de Axer, Mixal cos seus pastos, Abdón cos seus pastos, 31Helccat cos seus pastos, e Rehob cos seus pastos: catro cidades.
32E da tribo de Naftalí, Quédex (en Galilea, para cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, Hamot-Dor cos seus pastos e Cartán cos seus pastos: tres cidades. 33Todas as cidades dos guerxonitas, segundo as súas familias, eran trece, cos seus pastos.
34E para as familias do resto dos levitas fillos de Merarí, escolmaron da tribo de Zebulón Iocneam cos seus pastos, Cartah cos seus pastos, 35Dimnah cos seus pastos e Nahalal cos seus pastos: catro cidades.
36Da tribo de Rubén, Béser e os seus pastos, Iahsah e os seus pastos, 37Quedemot e os seus pastos e Mefáat e os seus pastos: catro cidades.
38E da tribo de Gad, Ramot (en Galaad, para cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, Mahanaim e os seus pastos.
39Hexbón cos seus pastos, Iazer cos seus pastos: no total, catro cidades. 40A suma de todas as cidades que lles tocaron ós fillos de Merarí para as súas familias ‑para os que quedaban das familias de levitas‑, foi de doce cidades. 41E o número de cidades dos levitas na propiedade dos fillos de Israel, foi de corenta e oito cos seus pastos: 42como tiña cada unha os pastos arredor, así os tiña o resto delas.
Conclusión teolóxica
43E deu o Señor a Israel toda a terra que xurara ós seus devanceiros que había de darlles: e herdárona e viviron nela. 44E o Señor deulles acougo á redonda, como prometera ós seus devanceiros, e non houbo inimigo que resistise diante deles: o Señor púxoos a todos nas súas mans. 45Non fallou unha de todas as boas promesas que fixera o Señor á casa de Israel: todiñas se cumpriron.
Discurso de Xosué ás tribos de Galaad
Capítulo 22
1Por aquel entón chamou Xosué ós rubenitas, ós gaditas e á media tribo de Menaxés, 2e díxolles:
‑"Vós gardastes todo canto vos mandara Moisés, servo do Señor, e escoitastes a miña voz, todo canto eu vos mandei; 3non abandonastes a vosos irmáns durante todo este tempo, ata o día de hoxe, senón que observastes con fidelidade o mandamento do Señor, o voso Deus. 4E agora o Señor, o voso Deus, deulles acougo a vosos irmáns, como lles tiña prometido. Así que volvede e ídevos ás vosas tendas, á terra da vosa herdanza, que vos deu Moisés, servo do Señor, na outra banda do Xordán. 5O que si habedes de coidar é cumprir o mandamento e a Lei que vos impuxo Moisés, servo do Señor, de xeito que amedes o Señor, o voso Deus, e vaiades polos seus camiños, e custodiedes os seus mandatos, para que vos afeccionedes a El e o sirvades de todo corazón e con toda a vosa alma".
6E bendiciunos Xosué e despediunos e foron para as súas tendas.
7E á media tribo de Menaxés déralle posesión Moisés no Baxán, namentres que á outra media lla deu Xosué entre os seus irmáns, nesta banda do Xordán, na do occidente. E, ó mandalos Xosué para as súas tendas, bendiciunos, 8e díxolles:
‑"Tornades ás vosas tendas con moitos bens, con abonda facenda, con prata, ouro, cobre, ferro e vestidos en gran cantidade: repartide con vosos irmáns os despoxos dos vosos inimigos".
9Daquela volveron os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, e deixaron Xiloh, onde estaban os fillos de Israel, na terra de Canaán, para se dirixiren á terra de Galaad, á terra da súa herdanza, que tiñan asignada pola palabra que dera o Señor por medio de Moisés.
O altar das tribos de Galaad
10En chegando á beira do Xordán na terra de Canaán os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés construíron alí un altar grande, para poderen contemplalo. 11E chegou isto ós ouvidos dos fillos de Israel:
‑"Velaquí que os fillos de Rubén, os fillos de Gad e mais a media tribo de Menaxés edificaron un altar no extremo da terra de Canaán, á beira do Xordán, na banda dos fillos de Israel".
12Entón xuntouse toda a asemblea dos fillos de Israel en Xiloh, para declararlles a guerra. 13E enviaron os fillos de Israel onda os fillos de Rubén e os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, na terra de Galaad, a Pinhás, fillo do sacerdote Elazar, 14xunto con dez príncipes, un por cada tribo de Israel, sendo cada un deles xefe da súa familia patriarcal, entre os milleiros de Israel. 15E chegaron onda os fillos de Rubén, onda os fillos de Gad e onda a media tribo de Menaxés, na terra de Galaad, e faláronlles deste xeito:
16‑"Así se pronunciou toda a asemblea do Señor: ¿Que deslealdade é esa que cometestes contra o Deus de Israel, arredándovos hoxe do seguimento do Señor, edificando un altar, e poñéndovos así hoxe contra Iavé? 17¿Logo non nos era de abondo o pecado de Peor, do que non nos demos purificado ata o día de hoxe, e que trouxo a praga á congregación do Señor? 18E vós arredádesvos hoxe do seguimento de Iavé, e, obrando así, ‑poñéndovos hoxe contra o Señor‑, o día de mañá vaise alporizar contra toda a asemblea de Israel. 19No caso de que consideredes impura a terra da vosa herdanza, pasádevos á terra da herdanza do Señor, onde mora o seu tabernáculo, e tomade posesión no medio de nós; pero non vos arrepoñades contra o Señor e contra nós: non vos rebeledes facéndovos un altar a maiores do altar do Señor, o noso Deus. 20¿E logo non cometeu unha deslealdade co sagrado Acán, o fillo de Zérah, e ceibouse a cólera sobre toda a asemblea de Israel?; ¿E non veu el morrer co seu pecado?"
21Os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, responderon ós xefes dos milleiros de Israel:
22‑"El, Elohim, Iavé; El, Elohim, Iavé: El ben o sabe, e Israel hao saber. Se foi por rebelión ou por deslealdade ó Señor, que non pasemos de hoxe, 23por construírmos un altar para arredarnos do seguimento do Señor: se foi para ofrecerlle holocaustos, presentar ofrendas ou ofrecerlle sacrificios pacíficos, que o mesmo Señor o inquira. 24Ou se máis ben foi por inquedanza nosa, pensando: O día de mañá dirán vosos fillos ós nosos: ¿que tedes que ver vós co Señor, Deus de Israel? 25Pois o Señor puxo de lindeiro entre nós e vós ‑fillos de Rubén e fillos de Gad‑ o Xordán, non tedes parte co Señor; e así, vosos fillos farán afogar nos nosos o temor do Señor. 26Foi por iso que dixemos: temos que construír un altar, non para holocaustos nin sacrificios, 27senón para que sexa testemuña entre nós e vós, e entre as xeracións que nos seguirán, de que queremos ofrecer o culto ó Señor diante del, cos nosos holocaustos, e cos nosos sacrificios e coas nosas ofrendas pacíficas: e así non dirán vosos fillos o día de mañá ós nosos: non tedes parte co Señor. 28E dixemos: acontecerá que, se o día de mañá nolo din a nós e ás nosas xeracións, responderemos: ollade o exemplar de altar do Señor que fixeron os nosos devanceiros non para holocaustos nin para sacrificios, pois testemuña é el entre nós e vós. 29Líbrenos Deus de repoñernos contra El e de arredarnos hoxe do seguimento do Señor por construírmos un altar para os holocaustos, para as ofrendas e sacrificios, a maiores do altar do Señor, o noso Deus, que está diante da súa morada".
30Cando o sacerdote Pinhás, os príncipes da asemblea e os xefes dos milleiros de Israel, oíron as palabras que dixeron os fillos de Rubén, os fillos de Gad e mais os fillos de Menaxés, quedaron conformes.
31E dixo Pinhás ‑o fillo de Elazar o sacerdote‑ ós fillos de Rubén, ós fillos de Gad e ós fillos de Menaxés:
‑"Agora sabemos que o Señor está no medio noso, pois non cometestes tal deslealdade contra El, librando así ós fillos de Israel da man do Señor".
32Cando Pinhás, fillo de Elazar o sacerdote, e mais os príncipes volveron de onda os fillos de Rubén e os fillos de Gad, da terra de Galaad, á terra de Canaán, onda os fillos de Israel, fixéronos sabedores do que lles acontecera. 33E a resposta contentou ós fillos de Israel, que louvaron a Deus, e non falaron xa de loitar contra eles e asolar así a terra onde habitaban os fillos de Rubén e os de Gad. 34E os fillos de Rubén e mais os fillos de Gad chamáronlle a aquel altar Ed, pois dixeron: é testemuña entre nós de que o Señor é Deus.
Discurso de Xosué ás tribos de Canaán
Capítulo 23
1Moito tempo despois de concederlle o Señor a Israel acougo entre todos os seus inimigos de arredor, resulta que Xosué estaba avellentado, entrado en anos. 2E convocou Xosué a todo Israel ‑ós seus anciáns, ós seus xefes, ós seus xuíces e ós seus oficiais‑, e díxolles:
‑"Eu volvinme vello, entrado en anos. 3Vós ben vistes todo o que fixo o Señor, o voso Deus, a todos aqueles pobos xentís de diante de vós, porque o Señor, o voso Deus, loitaba da vosa parte. 4Ollade ben, eu fixen repartir en herdanza para as vosas tribos aqueles pobos xentís que quedaban xunto con todos os que exterminei, desde o Xordán ata o Mar Grande, no occidente. 5E o Señor, o voso Deus, rexeitaraos de diante de vós e chimparaos fóra, de xeito que herdedes a súa terra, tal como vos prometera o Señor, o voso Deus. 6Esforzádevos moito por gardardes e facerdes todo o que está escrito no libro da Lei de Moisés, de xeito que non vos desviedes del á dereita nin á esquerda, 7nin vos xuntedes cos pobos xentís que quedaron entre vós, nin pronunciedes sequera o nome dos seus deuses, nin xuredes por eles, nin os sirvades, nin vos abatades diante deles; 8senón máis ben, apegádevos ó Señor, o voso Deus, como fixestes ata o día de hoxe, 9pois o Señor botou de diante de vós a pobos xentís grandes e poderosos, namentres que ninguén puido resistir diante de vós, ata o día de hoxe. 10Cada un de vós pode escorrentar a un milleiro, pois o Señor, o voso Deus, loita da vosa parte a carón de vós, tal como vos prometeu. 11Así que coidade ben de vós mesmos, de xeito que amedes o Señor, o voso Deus, 12pois se arredar vos arredades del e vos achegades ó resto daqueles pobos xentís que quedaron entre vós, e casades con xente deles e andades con eles e eles convosco, 13estade seguros de que o Señor, o voso Deus, non volverá botar de diante de vós a aqueles pobos: e eles serán para vós rede e lazo, tralla no voso lombo e espiñas nos vosos ollos, ata que desaparezades desta boa terra que o Señor, o voso Deus, vos entregou. 14Velaquí que eu estou hoxe para percorrer o camiño de todos. Recoñece con todo o corazón e con toda a alma que non fallou unha soa das promesas que vos fixo o Señor, o voso Deus: todiñas se cumpriron, sen faltar unha. 15E así como chegaron a cumprirse todas as boas promesas que vos fixera o Señor, o voso Deus, do mesmo xeito fará chegar o Señor sobre vós todas as ameazas, ata chimparvos desta boa terra que vos deu o Señor, o voso Deus. 16Cando fendades a Alianza que o Señor, o voso Deus, vos estableceu, e vaiades e sirvades a deuses alleos, e vos prostredes diante deles, prenderase a ira do Señor contra vós e desapareceredes axiña desta boa terra que El vos deu".
O Testamento de Xosué e a Alianza de Xequem
Capítulo 24
1E xuntou Xosué a todas as tribos de Israel en Xequem, e chamou ós anciáns de Israel, ós xefes, ós xuíces e mais ós oficiais, e presentounos diante de Deus. 2E Xosué falou a todo o pobo deste xeito:
‑"Así di o Señor, Deus de Israel: os vosos devanceiros viviron desde sempre na outra banda do río (Térah, o pai de Abraham e mais de Nahor) e serviron a deuses alleos. 3E collín a voso pai Abraham da outra banda do río, e leveino por toda a terra de Canaán, e multipliquei a súa semente dándolle a Isaac. 4E a Isaac deille a Xacob e mais Esaú. A Esaú deille en herdanza a montaña de Seir, namentres que Xacob e seus fillos baixaron a Exipto. 5E enviei a Moisés e mais a Aharón, e ferín a Exipto coas obras que fixen naquela terra, e despois logrei tirarvos de alí. 6Saquei ós vosos devanceiros de Exipto e chegastes ó mar. Os exipcios perseguiron ós vosos devanceiros con carros e cabaleiros ata o Mar Rubio. 7E clamaron os vosos ó Señor, e interpuxo a tebra entre vós e Exipto, e botou sobre os outros o mar, que os enguliu. Ben viron os vosos ollos o que fixen con Exipto; e despois morastes moito tempo no deserto. 8Logo leveivos á terra dos amorreos, que habitaban na outra banda do Xordán. Eles loitaron contra vós, e eu púxenos nas vosas mans para que herdásedes a súa terra, e desbarateinos diante de vós. 9Entón ergueuse Balac, fillo de Sipor, rei do Moab, e loitou contra Israel; e mandou chamar a Balaam, fillo de Beor, para que vos botase unha maldición; 10pero eu non quixen dar ouvidos a Balaam, que rematou bendicíndovos, e dese xeito, salveivos da súa man. 11Logo pasastes o Xordán e chegastes a Xericó; e loitaron contra vós os veciños de Xericó ‑os amorreos, os perizitas, os cananeos, os hititas, os guirgaxitas, os hivitas e os iebuseos‑, e púxenos nas vosas mans. 12E enviei diante de vós avésporas, que tiraron de diante os dous reis amorreos, sen intervención da vosa espada nin do voso arco; 13e deivos unha terra que non traballastes, e cidades que non edificastes e que as habitades; viñas e oliveiras que non plantastes, en tanto que comedes delas. 14Agora, pois, temede ó Señor, e servídeo abofé, con lealdade; arredade os deuses ós que serviron vosos pais na outra banda do río e en Exipto, e servide ó Señor. 15E, se vos anoxa servir ó Señor, escollede hoxe a quen ides servir: se ós deuses que serviron vosos pais na outra banda do río, ou ós deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e mais a miña familia serviremos ó Señor".
16E respondeu o pobo:
‑"Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a outros deuses, 17pois o Señor, o noso Deus, fíxonos subir a nós e a nosos devanceiros da terra de Exipto, da casa do asoballamento, e fixo diante de nós aqueles grandes prodixios e protexeunos ó longo de todo o camiño que percorremos, e mais por todos os poboados por onde pasamos; 18e botou o Señor de diante de nós a todos os pobos, e ós amorreos que habitaban este país. Así que tamén nós serviremos ó Señor, pois El é o noso Deus".
19E dixo Xosué ó pobo:
‑"Vós non sodes quen para servirdes ó Señor, pois El é un Deus santo e dado ós celos e non aturaría as vosas rebeldías nin os vosos pecados. 20Se vos arredades do Señor e servides a deuses alleos, tornarase contra vós ata carrexarvos o mal e esnaquizarvos despois de tanto ben como vos fixo".
21Respondeulle o pobo a Xosué:
‑"¡Non!, pois nós serviremos ó Señor".
22Dixo entón Xosué ó pobo:
‑"Vós sodes testemuñas contra vós mesmos de que escollestes servir ó Señor".
E dixeron eles:
‑"Certo, somos testemuñas".
23‑"Daquela ‑dixo Xosué‑, botade fóra os deuses alleos que hai entre vós, e apegade o voso corazón ó Señor Deus, e escoitaremos a súa voz". 24Respondeu o pobo:
‑"Serviremos o Señor, o noso Deus, e escoitaremos a súa voz".
25Selou así Xosué o pacto co pobo no día aquel e forneceuno de leis e costumes en Xequem. 26E escribiu aquelas palabras no libro da Lei de Deus e colleu unha pedra grande, e erixiuna alí, debaixo da aciñeira que hai no santuario do Señor. 27E dixo a todo o pobo:
‑"Velaquí esta pedra que será testemuña contra nós, pois ela escoitou todas as palabras que o Señor nos proclamou e será testemuña contra vós, para que non reneguedes do voso Deus".
28De seguido, Xosué despediu o pobo e foi cadaquén para a súa herdanza.
Morte e sepultura de Xosué
29Xa despois daquilo morreu Xosué, fillo de Nun, servo do Señor, ós cento dez anos de idade, 30e sepultárono no territorio da súa herdanza, en Timnat-Sérah, que queda na serra de Efraím, na parte norte do monte Gaax.
31Israel serviu ó Señor durante toda a vida de Xosué e a dos anciáns que lle sobreviviron e que ollaran todas as obras que o Señor fixera con Israel.
As cinsas de Xosé
32E os ósos de Xosé, que trouxeran os fillos de Israel de Exipto, sepultáronos en Xequem, no agro que comprara Xacob ós fillos de Hamor, pai de Xequem, por cen pezas de prata, e foron herdanza dos fillos de Xosé.
Morte e sepultura de Elazar
33Tamén morreu Elazar, fillo de Aharón, e sepultárono nun outeiro pertencente a seu fillo Pinhás, a quen se lle dera a herdanza na serra de Efraím.