Capítulos 1-5

(Texto recollido da versión dos LXX)

 

1 1a O ano segundo do reinado do rei Axuero, o Grande, o día un do mes de Nisán, tivo un soño Mardoqueo, fillo de Iaír, fillo de Ximí, fillo de Quix, da tribo de Benxamín, 1bxudeu, que moraba na cidade de Xuxán, home importante, dedicado ó servizo do pazo do rei. 1cEra un dos que Nabucodonosor, rei de Babilonia, levara cativos de Xerusalén con Ieconías, rei de Xudá. 1dO soño foi este: berros, estrondo, trebóns e terremotos e barafunda na terra. 1eDúas cobras grandísimas corrían unha cara a outra para se combateren e botaron un asubío estarrecente, 1fe ó seu asubío todos os pobos se ergueron para facerlle a guerra á nación dos xustos. 1gEra un día cheo de escuridade e tebras, de dores e angustias, de ruína e grande barafunda na terra. 1hToda a nación dos xustos se conturbou polo temor da desgraza que lle viña enriba e dispúñanse a perecer, 1ie gritaron a Deus. O seu clamor medrou coma dunha fontela medra un río grande, de moitísima auga. 1lXurdiu a luz e mais o sol e os humildes erguéronse e devoraron ós soberbios.

1mO espertar Mardoqueo, que tivera este soño, andou preocupado matinando e matinando ata a noite para comprender o seu significado e descubrir o que quería facer Deus.

 

Conspiración contra o rei

 

1nMardoqueo estaba repousando no pazo con Gabatá e Tarra, os dous eunucos do rei que gardaban o patio, 1ñoíu os seus designios e pescudou a súa intención e decatouse de que intentaban pórlle a man enriba ó rei Axuero e denunciounos ó rei, 1oque interrogou ós dous eunucos, e despois de confesar a verdade, foron levados ó patíbulo. 1pO rei fixo escribir estas cousas para lembranza e tamén Mardoqueo escribiu sobre o mesmo caso. 1qPor mor daquel feito o rei agasallou con regalos a Mardoqueo e deulle un posto mellor no seu servizo do pazo. 1rPero Hamán, fillo de Amedata, agaguita, era moi ben mirado polo rei e buscaba a maneira de prexudicar a Mardoqueo e ó seu pobo, polo asunto dos dous eunucos do rei.

 

 

Texto hebreo)

 

Capítulo 1

 

1Nos días do rei Axuero ‑aquel Axuero que reinou desde a India ata Etiopía en cento vinte e sete provincias‑, 2naqueles días, cando o rei Axuero sentaba no seu trono real do castelo de Xuxán, 3no ano terceiro do seu reinado, convidou a comer a todos os seus príncipes e ministros diante del, ós xefes de exército dos persas e dos medos, ós nobres, príncipes e sátrapas das provincias. 4Quíxolles mostrar a riqueza e a gloria do seu reino e o relucente grandor do seu poder, durante moitos días, cento oitenta días.

5Pasados eses días, ofreceu o rei a todos cantos vivían no castelo de Xuxán, desde o meirande ó máis pequeno, un xantar de sete días no patio do xardín do pazo real. 6Había colgaduras brancas e violeta suxeitas con cordóns de liño fino e púrpura en ariños de prata enriba dun piso de mármore e de alabastro, de madreperla e turquesa con columnas de alabastro e leitos de ouro e prata. 7Bebíase en copas de ouro, todas distintas, viño a treo, de acordo coa fartura real. 8A norma para a bebida era que non se forzase a ninguén, pois o rei mandáralles ós camareiros da casa que cadaquén bebese á súa vontade.

 

Comportamento da raíña Vaxtí

 

9Tamén a raíña Vaxtí ofreceu un convite para as mulleres no pazo do rei Axuero. 10No día sétimo, cando o corazón do rei estaba alegre por mor do viño, mandou a Mehumán, Bizetá, Harboná, Bigtá, Abagtá, Zetar e Karkás, os sete eunucos que servían ó rei Axuero, 11que lle trouxesen a raíña Vaxtí coa coroa real á súa presenza, para mostrarlles ós pobos e ós príncipes a súa fermosura, pois era de belida presenza. 12Pero a raíña Vaxtí rexeitou a orde que lle dera o rei por medio dos eunucos. O monarca enrabechouse moito e colleuno unha fonda carraxe. 13E o rei consultou os sabios expertos no dereito real (pois era costume someter os asuntos reais ós coñecedores da lei e do dereito), 14sendo os máis achegados a el Karxená, Xetar, Admatá, Tárxix, Meres, Marsená e Memukán, os sete príncipes de Persia e Media, os únicos que podían ver cara a cara ó rei e que ocupaban os primeiros postos no reino. Preguntoulles:

15‑"De acordo coa lei ¿que lle hai que facer á raíña Vaxtí por non obedecer a orde do rei Axuero, dada por medio dos eunucos?" 16Entón Memukán dixo diante do rei e dos príncipes: ‑"A raíña Vaxtí non soamente ofendeu ó rei, refugando a súa orde, senón tamén a todos os príncipes e a todos os pobos que viven en todas as provincias do rei Axuero; 17porque o feito da raíña chegará a coñecemento de todas as mulleres, que desprezarán ós seus homes. Dirán: O rei Axuero mandou vir onda el á raíña Vaxtí, e ela non veu. 18Desde hoxe mesmo as princesas de Persia e Media que saiban o feito pola raíña, desprezarán a todos os príncipes do rei, e xurdirá un vergoñento desprezo e unha grande liorta. 19Se lle parece ben ó rei publíquese un decreto real que se inclúa entre as leis de Persia e Media, que non se poida retrucar e que diga que a raíña Vaxtí non se presente máis diante do rei Axuero, e que o monarca lle dea a súa coroa a outra máis digna ca ela. 20E, cando o decreto do rei sexa escoitado en todo o seu reino, aínda sendo tan grande, todas as mulleres lles terán respecto ós seus homes desde o máis grande ó máis pequeno". 21Pareceulle ben ó rei e ós príncipes a proposta de Memukán e o rei fixo de acordo coas súas verbas; 22mandou decretos a todas as provincias do reino, a cada provincia de acordo coa súa escritura e a cada pobo segundo a súa lingua, ordenando que todo marido fose dono da súa casa.

 

Ester escollida para ser a raíña

 

Capítulo 2

 

1Despois daquilo, cando a carraxe do rei Axuero minguou, recordouse de Vaxtí e tamén do que fixera ela e do que el decretara contra ela. 2E dixeron os funcionarios ós seus ministros: ‑"Temos que lle buscar ó rei doncelas virxes de belida presenza. 3Que en cada provincia do reino escolla o rei encargados de recoller as doncelas virxes de belida presenza e que as xunten no pazo de Xuxán, na casa das mulleres, baixo as ordes de Hegué, o eunuco real custodio das mulleres, e que lles dea canto precisen para o seu adorno, 4e a moza que máis lle praza ó rei será raíña no posto de Vaxtí". E gustoulle ó rei a proposta e así se fixo.

5Había no castelo de Xuxán un xudeu, de nome Mardoqueo, fillo de Iair, fillo de Ximí, fillo de Quix o benxaminita. 6Este fora deportado de Xerusalén cos cativos levados con Ieconías, rei de Xudá, por Nabucodonosor, rei de Babilonia. 7Criara el a Hadasah, ou sexa, Ester, filla dun seu tío, orfa de pai e nai, rapaza de fermosa figura e belida presenza, a quen adoptara Mardoqueo coma filla tras de lle morreren a ela pai e nai.

8E aconteceu que ó coñecerse a orde do rei, o seu decreto, e ó se xuntaren moitas mozas no pazo de Xuxán, baixo a autoridade de Hegué, foi tamén escollida Ester para a casa do rei e confiada a Hegué, o custodio das mulleres.

9Gustoulle a Hegué a rapaza, que achou graza ós seus ollos, e de seguido lle deu as cremas de tocador e a correspondente mantenza, e sete doncelas escollidas da casa do rei, e levouna coas súas doncelas á mellor sala do harén das mulleres. 10Ester non desvelou nin o seu pobo nin a súa parentela, porque Mardoqueo lle aconsellara que non o descubrise. 11Mardoqueo paseaba a cotío por diante do patio da casa das mulleres para saber da saúde de Ester e de canto lle sucedía. 12A cada rapaza chegáballe a súa vez para ir onda o rei Axuero, despois de se preparar durante doce meses, segundo prescribía o regulamento das mulleres. Os meses do tratamento repartíanse así: seis meses con óleo de mirra e outros seis con aromas e cremas para mulleres. 13Cando unha rapaza entraba onda o rei, dábanlle todo o que pedía para levar consigo desde a casa das mulleres ata a casa do rei. 14Presentábase á tardiña e volvía ó amañecer a outra casa das mulleres, que vixiaba Xaaxgaz, o eunuco encargado das concubinas. Non volvería a entrar onda o rei, a non ser que a chamase polo seu nome, por lle ser do seu agrado.

15Cando a Ester, filla de Abihail, tío de Mardoqueo, que el tomara por fillo, lle chegou a súa vez de entrar onda o rei, non pediu cousa ningunha, fóra do que lle dixera Hegué, o eunuco do rei, custodio das mulleres. Ester enfeitizaba a todos os que a vían. 16Ester foi levada onda o rei Axuero, ó pazo real no décimo mes, o mes de Tebet, no ano sétimo do seu reinado. 17O rei quíxolle máis a Ester do que a todos as outras mulleres; tanto que lle puxo na cabeza a coroa real e declarouna raíña no posto de Vaxtí.

18O rei ofreceu un gran banquete a todos os xefes e servidores en honra de Ester; concedeu un día festivo en todas as provincias e repartiu regalos en abundancia, como corresponde á riqueza do rei.

 

Ester na casa das concubinas

 

19Cando Ester se xuntou coas outras doncelas na casa das concubinas, Mardoqueo estaba destinado ó servizo da porta do rei. 20Ester non desvelou a súa parentela nin o seu pobo, como lle aconsellara Mardoqueo, pois ela obedecía os mandados de Mardoqueo como cando se criaba con el. 21Naqueles mesmos días, cumprindo Mardoqueo o seu servizo na porta do rei, Bigtán e Térex, dous eunucos do rei, gardas da porta, estaban descontentos e preparaban un atentado contra o rei. 22Informouse Mardoqueo do asunto e contoullo á raíña Ester e ela díxollo ó rei de parte de Mardoqueo. 23Pes-cudouse o caso e resultou ser verdade; polo que foron colgados os dous do madeiro e o caso quedou escrito nos anais do rei.

 

Hamán e Mardoqueo

 

Capítulo 3

 

1Despois destas cousas, o rei Axuero ascendeu a Hamán, fillo de Amedata, o agaguita, e distinguiuno poñendo a súa cadeira máis alta cá de todos os seus compañeiros ministros; 2e todos os funcionarios da corte se axeonllaban ante Hamán por orde real, facéndolle homenaxe; pero Mardoqueo nin lle dobraba os xeonllos nin o reverenciaba. 3Os funcionarios do pazo preguntáronlle: ‑"¿Por que ti desobedeces o mandado do rei?". 4Despois de que llo dixeron un día e outro, sen que lles fixese caso, sucedeu que o comentaron con Hamán, para ver se as razóns de Mardoqueo lle abondaban, pois afirmaba facelo por ser xudeu. 5E comprobou Hamán que Mardoqueo non se axeonllaba nin se domeaba diante del e encheuse de carraxe; 6pero pareceulle pouco castigar só a Mardoqueo ‑pois dixéranlle de que pobo era‑, e intentou exterminar a todos os xudeus que había no reino enteiro de Axuero. 7No mes primeiro, o mes de Nisán, do ano doce do rei Axuero, botaron Pur, isto é, sortes, diante de Hamán, para saberen o día e o mes; e caeu a sorte no día trece do mes doce, que é o mes de Adar. 8Entón Hamán díxolle ó rei Axuero: ‑"Hai un único pobo, espallado e estendido entre os pobos por todas as provincias do teu reino, que ten leis diferentes das doutros pobos, e non obedecen as leis do rei. Non lle convén ó rei consentirllo. 9Se o rei o xulga conveniente, mande publicar un decreto para exterminalo e entregarei dez mil talentos de prata nas mans dos contadores, para as arcas do tesouro real". 10O rei tirou da súa man o anel e púxollo a Hamán, fillo de Amedata, o agaguita, inimigo dos xudeus, 11e díxolle: ‑"A prata doucha a ti; en canto ó pobo fai o que queiras con el".

12O día trece do primeiro mes foron chamados os escribáns do rei para escribir, e escribiuse, de acordo con todo o que mandara Hamán, ós sátrapas do rei, ós gobernadores que había á fronte de cada distrito e ós príncipes de cada pobo: a cada distrito segundo a súa escritura, e a cada pobo, segundo a súa lingua, a todos no nome do rei Axuero, e selouse co anel do rei. 13E mandaron os decretos, por medio dos correos, a todas as provincias do rei para matar e exterminar e aniquilar a todos os xudeus, mozos e vellos, nenos e mulleres nun só día, o día trece do mes doce, que é o mes de Adar, e saquear os seus bens.

13aVelaquí o texto da carta: ‑"O grande rei Axuero ós xefes e gobernantes, ós seus súbditos das cento vinte e sete provincias que hai desde a India ata Etiopía, escríbelles o seguinte: 13bSendo xefe de moitos pobos e dono de toda a terra habitada, coidei de non me deixar levar pola soberbia do poder, senón de gobernar sempre con afabilidade e mansedume, e de manter decote en calma as vidas dos que me están sometidos, procurando un reino tranquilo e asisado ata as súas fronteiras e facendo xermolar a paz, tan arelada por todos os homes. 13cConsultados os meus conselleiros sobre como podería levar a cabo isto, Hamán, que destaca entre nós polo seu siso, pola súa inalterable lealdade e rexa fidelidade, e que foi promovido ó segundo posto do reino pola súa dignidade, 13ddemostrounos que entre todas as tribos da terra hai mesturado un pobo inimigo, oposto polas súas leis a todas as nacións, que refuga continuamente as ordes dos reis de maneira que non se poida establecer un goberno seguro, endereitado por nós con acerto. 13eDecatámonos de que este pobo é o único que prexudica a todos os homes, afastado pola estraña maneira de vivir coas súas leis, resultando inimigo dos nosos intereses ó cometer as peores maldades para que non se consiga un reino estable. 13f Polo tanto, mandamos que todos os sinalados nos escritos de Hamán, encargado dos nosos negocios e que é coma noso segundo pai, sexan todos exterminados de raíz coas súas mulleres e fillos pola espada dos seus inimigos sen compaixón ningunha nin consideración o día catorce do mes doce, mes de Adar, deste mesmo ano, 13gde maneira que os inimigos antigos e de hoxe sexan violentamente botados nun mesmo día ó sepulcro, e así nos deixen manter no futuro os nosos asuntos en seguranza e paz".

14A copia deste escrito tiña que ser publicada coma lei en todas as provincias e tiña que se dar a coñecer en todos os pobos para que estivesen dispostos naquel día. 15Os correos saíron urxentes por orde do rei, e o decreto foi publicado no pazo de Xuxán. Mentres o rei e Hamán bebían ledos, a cidade estaba abraiada.

 

Os xudeus fan dó e Ester  arreda o perigo

 

Capítulo 4

 

1Soubo Mardoqueo canto se fixera e rachou os seus vestidos, vestiuse de saco, cubriuse de borralla e saíu ó medio da cidade dando laios e dicindo: ‑"Desaparece un pobo inocente". 2Chegou ata a porta do pazo, pois ninguén pode entrar da porta para dentro vestido de saco. 3En cada provincia, onde ía chegando a orde do rei, o seu decreto, os xudeus facían pranto, xaxún, dó e loito; e o saco e a cinsa eran o leito para moitos. 4As doncelas e os eunucos de Ester entraron onda ela e contáronlle todo. A raíña quedou abraiada, e mandoulle roupa a Mardoqueo para que se vestise e quitase o saco, pero el non quixo. 5Chamou Ester a Hatak, un dos eunucos do rei, que el puxera ó servizo dela, e mandouno onda Mardoqueo para informarse de que era aquilo e a que se debía.

6Saíu Hatak e foi onda Mardoqueo, que estaba na praza que hai diante da porta do pazo, 7e Mardoqueo contoulle todo o que acontecera e a cantidade de diñeiro que Hamán prometera botar nas arcas do tesouro de rei polo exterminio dos xudeus. 8Deulle unha copia escrita do decreto publicado en Xuxán para destruílos, para que llo mostrase a Ester e que ela o coñecese; e mandouna que se presentase ó rei para lle rogar e suplicarlle que se considerase do seu pobo. 8aMandoulle dicir: ‑"Lembra cando eras pequena e que eu che dei de comer pola miña man. Hamán, o segundo despois do rei, decretou contra nós a morte. Roga ó Señor, e fálalle ó rei en favor noso e líbranos da morte".

9Entrou Hatak e transmitiulle a Ester as verbas de Mardoqueo. 10Ester mandou a Hatak que lle dixese a Mardoqueo: 11‑"Todos os funcionarios do rei e todos os habitantes das provincias saben que calquera home ou muller, que se presente diante do rei no patio interior sen ser chamado, é condenado a morte pola lei, agás aquel a quen o rei toque coa punta do cetro de ouro; e eu xa hai trinta días que non fun chamada para entrar onda o rei". 12Comunicáronlle a Mardoqueo as verbas de Ester, 13e Mardoqueo mandoulle dicir: ‑"Non vaias imaxinar que, por estares na casa do rei, só ti de entre todos os xudeus te vas salvar, 14porque se neste intre ti calas, doutra parte virá a axuda e a liberación dos xudeus, mentres ti e mais a casa do teu pai pereceredes. ¿Quen sabe se para un momento coma este chegaches a ser raíña?". 15Ester mandoulle dicir a Mardoqueo: 16‑"Vai e xunta a todos os xudeus que hai en Xuxán e xaxuade por min, sen comer nin beber nada en tres días e tres noites. Eu e mais as miñas doncelas tamén xaxuaremos. Despois entrarei onda o rei, aínda que teña que morrer por culpa do decreto real". 17Mardoqueo foise e fixo todo o que lle mandara Ester.

 

Oración de Mardoqueo

 

17aMardoqueo rogou ó Señor, lembrando todas as obras do Señor e dixo: 17b‑"Señor, Señor, Rei dos poderes todos, na túa potestade está todo, e non hai quen cho poida impedir se ti decides salvar a Israel. 17cTi fixeches o ceo e a terra e todo canto hai de admirable debaixo do ceo e es o Señor de todos, e non hai quen poida retrucar o teu señorío. 17dTi coñeces todas as cousas; ti sabes, Señor, que non foi por orgullo, nin por soberbia, nin por vaidade polo que eu fixen isto de non me axeonllar diante do fachendoso Hamán, pois de boa gana ata lle beixaría eu os pés pola salvación de Israel. 17eEu fíxeno para non lle dar gloria a un home por riba da gloria de Deus; e non me axeonllarei diante de ninguén, senón só diante de ti, meu Señor; e non o fago por vaidade.

17fE agora, Señor, Deus, Rei, Deus de Abraham, perdoa ó teu pobo, porque nos andan encima vendo como nos han destruír e devecen por exterminar a que desde sempre foi a túa herdade. 17gNon deixes de mirar pola túa parcela que rescataches para ti do país de Exipto. 17hEscoita a miña súplica, móstrate propicio á túa herdade; cambia o noso loito en festa, para que, vivindo, cantemos himnos ó teu nome, Señor. Non peches a boca dos que te loan". 17i Todo Israel berraba con forza, pois tiñan a morte ante a vista.

 

Oración de Ester

 

17l Tamén a raíña Ester se refuxiou onda o Señor, apreixada pola agonía de morte. Espiu os vestidos de gloria e puxo unha roupa ruín de loito e tristura. En vez de caros aromas, botou na cabeza cinsa e po lixoso, desfigurou o seu corpo canto puido, e cos seus cabelos revoltos tapou a belida fermosura do seu corpo, e suplicou ó Señor dicindo: 17m‑"Meu Señor e noso Deus, ti es único. Vén no meu socorro, que estou soíña e non teño outro socorro ca ti, e a miña vida está en perigo. 17nDesde o meu nacemento xa na tribo dos meus devanceiros oín que ti, Señor, escolliches a Israel de entre todos os pobos, ós nosos pais de entre todos os seus antepasados, para que fosen a túa herdade por sempre, e cumprícheslle todo canto lle prometeras. 17ñTemos pecado moito contra ti e entregáchesnos nas mans dos nosos inimigos porque honramos ós seus deuses. Xusto es, Señor. 17oPero agora non lles abonda a nosa amarga escravitude, senón que puxeron as súas mans no poder dos seus ídolos para borrar o decreto da túa boca e destruír a túa herdade; para pechar as bocas dos que te loan e apagar a gloria da túa Casa e do teu altar; 17pe para abrir, en troques, as bocas dos xentís e loaren os seus deuses e admirar eternamente a un rei de carne.

17qNon lles deixes, Señor, o teu cetro ós que non son nada; que non festexen a nosa caída; volve contra eles o seu destino, e, xa que se ergueron eles primeiro contra nós, fai que sirvan de escarmento.

17rAcórdate, Señor, e faite coñecer no momento da nosa tristura e faime valente, rei dos deuses e Señor de toda autoridade. 17sPon nos meus beizos verbas feiticeiras, cando estea na presenza do león; troca o odio do seu corazón en contra do que nos persegue para desfeita súa e dos que pensan coma el. 17tA nós líbranos co teu poder e acude no meu socorro, que estou soíña, e non teño a ninguén máis ca ti, Señor.

17uTi coñeces todas as cousas, sabes que eu aborrezo a gloria dos malvados, que abomino o leito incircunciso e o de calquera estranxeiro. 17vTi coñeces ben a angustia na que me atopo, que me anoxan as alfaias de grandeza cando cinguen as miñas tempas nos días solemnes, como dá noxo un pano impuro, e que non as poño en privado. 17xA túa escrava non comeu á mesa de Hamán nin tivo por gloriosos os xantares reais nin bebeu do viño das libacións. 17zA túa serva non tivo un só momento de ledicia desde o día da miña coroación ata hoxe máis ca en ti só, Señor e Deus de Abraham. 17abOh Deus, que dominas a todos, escoita o clamor dos privados de esperanza, líbranos da man dos malfeitores, e sobre de todo, líbrame a min do meu medo".

 

Ester preséntase no pazo do rei

 

Capítulo 5

 

1aO terceiro día, cando acabou de rezar, espiu as roupas ruíns e vestiuse de raíña. Recuperada a súa brillante beleza, invocou a Deus, que coida de todos e a todos salva, e collendo consigo a dúas doncelas, apoiouse con suavidade nunha delas, mentres a outra ía detrás sosténdolle o fondo do vestido. 1bIa ela relucente, no cume da súa fermosura, coa cara alegre coma a dunha namorada, aínda que o seu corazón estaba apreixado pola angustia. 1cAbrindo todas as portas, chegou á presenza do rei; estaba o rei sentado no trono real, vestido coa roupa das celebracións públicas, todo cuberto de ouro e de pedras preciosas e cunha aparencia impresionante. 1dLevantando o rostro, relucente de gloria, botoulle unha ollada tan chea de ira, e a raíña esvaeceu; perdeu a cor e apoiou a cabeza enriba da serva de diante. 1eTrocou Deus, entón, o corazón do rei en dozura, e, angustiado, ergueuse de présa do trono e colleuna nos seus brazos e en canto ela volvía en si, el dicíalle verbas suaves 1fcoma: ‑"¿Que che pasa, Ester? Eu son o teu irmán, ten confianza. Non morrerás, pois o meu decreto é só para a outra xente. Achégate". 2E collendo o rei o cetro de ouro pousouno no pescozo de Ester e bicouna, dicindo: ‑"Fálame". 2aEla respondeu: ‑"Señor, vinte coma un anxo de Deus e o meu corazón turbouse polo respecto da túa gloria. Porque es admirable e o teu rostro está cheo de maxestade". 2bDito isto volveuse a esvaecer. O rei turbouse e todos os seus servos puxéronse a reanimala. 3O rei preguntoulle: ‑"¿Que sucede, raíña Ester? ¿Que desexas? Daráseche anque sexa a metade do reino". 4Respondeu Ester: ‑"Se ó rei lle prace, veña o rei con Hamán hoxe ó convite que lle teño preparado". 5O rei dixo: ‑"Correde onda a Hamán e que faga o que pide Ester". 6Despois de beber o viño do convite díxolle o rei a Ester: ‑"¿Cal é a túa petición? Daráseche. ¿Que desexas? Daráseche aínda que sexa a metade do reino". 7Ester respondeu, dicindo: ‑"Esta é a miña petición e a miña arela: 8se atopei graza ós ollos do rei, e se ademais lle prace ó rei darme o que lle pido e facer o que eu arelo: que veña o rei con Hamán ó convite que mañá lle vou ofrecer, de acordo coa palabra do rei".

9Nese día Hamán saíu cheo de ledicia e de gozo no seu corazón; pero cando Hamán viu a Mardoqueo na porta do pazo e que non se ergueu nin sequera se moveu diante del, encheuse de carraxe Hamán contra Mardoqueo. 10Hamán alporizouse e foi para a súa casa e avisou e fixo vir os seus amigos e a súa muller Zérex. 11Contoulles Hamán a grandeza da súa riqueza e a multitude dos seus fillos e todas as cousas con que o tiña engrandecido o rei e como o enxalzara por riba dos príncipes e dos ministros do rei, 12e engadiu Hamán: ‑"Ademais a raíña Ester convidoume a min só co rei ó convite que lle ofreceu, e tamén mañá só eu fun convidado por ela co rei. 13Pero todo isto non é nada para min en canto siga vendo a Mardoqueo, xudeu, sentado á porta de rei". 14Díxolle Zérex, a súa muller, e todos os seus amigos: ‑"Que fagan un madeiro de cincuenta cóbados de alto, e mañá pídelle ó rei que sexa pendurado nel Mardoqueo, e así poderás entrar contento despois ó convite co rei". Gustoulle o consello a Hamán e mandou facer o madeiro.