Capítulos 1 - 3

 

Título

 

Capítulo 1

 

1Palabra do Señor, que lle veu a Xoel,

fillo de Petuel.

 

 

I. A LITURXIA PENITENCIAL

 

Chamada á participación litúrxica

 

2Escoitade isto, vós, os anciáns,

oídeo todos os gobernantes do país.

¿Sucedeu algo semellante durante a vosa vida,

ou durante a vida de vosos pais?

3Contádellelo ós vosos fillos,

e vosos fillos a seus fillos,

e seus fillos á xeración seguinte.

4Aquilo que lle sobrou á larva devoradora,

comeuno a lagosta que roe;

e o que lle sobrou á eiruga que destrúe,

comeuno o saltón voador,

e o que lle sobrou ó saltón voador,

comeuno a eiruga que destrúe.

 

5Espertade, borrachos, e póndevos a chorar,

facede lamentacións, todos os que bebedes viño,

por mor do viño novo, pois quítasevos da boca.

6Velaí, un pobo sobe contra o meu país, poderoso e incontable,

os seus dentes son dentes de león,

e ten poutas de leoa.

7Converteu a miña viña nunha desolación,

e a miña figueira nun cango seco;

escascouna completamente e botouna ó chan,

as súas vides quedaron brancas.

 

8¡Laméntate ti, coma virxe vestida de saco

polo marido da súa mocidade!

9Suprímase do templo do Señor a ofrenda e a libación;

que fagan dó os sacerdotes, servidores do Señor.

10O campo está arrasado, a terra de cultivo está de loito.

Si, está arrasada a colleita, os acios están secos,

resecan as oliveiras.

 

11Volvédevos resecos de tristura, campesiños,

lamentádevos, viñateiros,

polo trigo e pola cebada

pois perdeuse a colleita do campo.

12A viña está seca e a figueira murcha,

a granada, tamén a palmeira e mais a maceira,

todas as árbores do campo están  murchas.

Si, secou a ledicia dos fillos de Adam.

 

13Vestídevos para facer loito, sacerdotes,

facede lamentacións, servidores do altar.

Vinde pasar a noite vestidos de saco,

servidores do meu Deus,

porque a casa do Señor está privada da ofrenda e mais da libación.

14Decretade un período sacro de xaxún,

convocade a asemblea,

xuntade os anciáns, a todos os que viven no país,

no templo do Señor, o voso Deus, e pedídelle auxilios ó Señor.

 

Texto da participación do profeta na liturxia penitencial. Lamentación e oración

 

15¡Ai dese día!

Si, xa está preto o día do Señor,

chega coma a ruína que vén do Omnipotente.

16¿Acaso de diante dos nosos ollos non falta a comida

e do templo do noso Deus a ledicia e mais a festa?

 

17Murchou a semente debaixo dos seus sucos;

están baleiras as arcas, están no fondo as tullas do gran,

porque o trigo secou.

18¡Como brúa o gando! ¡Coma andan descarreirados os fatos de vacas!

Si, non teñen quen as pastoree, si, os fatos de ovellas perecen.

19A ti, Señor, pídoche auxilio,

pois un lume consome os pasteiros do monte,

e un incendio queima as árbores do campo.

20Mesmo as feras do campo suspiran por ti,

pois están secos os regueiros de auga,

e o lume consome os pasteiros do monte.

 

Chamada a unha nova liturxia penitencial polo día do Señor

 

Capítulo 2

 

1Tocade o corno en Sión, dade a alarma no meu santo monte,

que estarrezan todos os habitantes do país,

pois chega o día do Señor.

Si, está preto

2o día da escuridade e dos trebóns,

o día de néboa e de escuras nubes,

coma o Luceiro da Alba estendido sobre as montañas,

forte, enorme e poderoso,

coma el non o houbo xamais, e despois del non se volverá contar

no sucederse de xeracións en xeracións.

3Diante del un lume devora, detrás del un incendio consome.

Antes del o país era coma un xardín de recreo,

despois del, un deserto desolado,

onde nin sequera haberá refugallo.

4O seu aspecto é coma o dos cabalos, que corren coma corceis.

5Coma o zunido dos carros de guerra, corren sobre os cumes dos montes,

coma o estalar do lume no incendio que consome o restrollo,

coma un pobo poderoso, preparado para a guerra.

6Ante a súa presenza tremerán os pobos,

todos os rostros se xuntarán ante esa maldición.

7Pois soldados corren, guerreiros agatuñan pola muralla,

cada un marcha polo seu camiño, non dan rodeos as súas filas.

8Ningún lle estorba ó seu compañeiro,

cada un dos soldados vai polo seu camiño.

Aínda que sexa no medio de frechas, non caerán,

nin romperán a fila.

9Asaltan a cidade, corren pola muralla,

soben ás casas, entran coma ladróns polas fiestras.

10Na súa presenza treme a terra, estremécese o ceo,

o sol e mais a lúa escurecen, as estrelas perden o seu resplandor.

11Si, o Señor levanta a súa voz, diante do seu exército.

¡Que enorme é o seu campamento!

¡Que poderoso é o exército que cumpre o seu plan!

¡Que grande é o día do Señor e enormemente terrible!

¿Quen o soportará?

 

Oráculo acerca das esixencias da proximidade do día do Señor

 

12Pero, agora ‑é o Señor quen fala‑,

convertédevos a min de todo corazón,

con xaxún, con lágrimas e con loito.

13Esgazade o voso corazón, e non os vosos vestidos,

convertédevos ó Señor, voso Deus,

pois El é compasivo e misericordioso,

é calmoso para o enfado e abondoso en bondade,

e ten compaixón da desgraza.

14Quizais cambie e teña compaixón,

e deixe tras de si a súa bendición,

a ofrenda e mais a libación, para o Señor, o voso Deus.

 

Continúa a chamada á participación na liturxia penitencial

 

15Tocade o corno en Sión,

dedicádelle un tempo sagrado ó xaxún,

convocade a asemblea.

16Xuntade o pobo, consagrade a asemblea,

reunide os anciáns, xuntade os rapaces,

tamén os meniños de peito.

Que saia o marido do seu cuarto,

e a muller da súa alcoba.

17Que choren entre o adro e o altar os sacerdotes,

que digan os ministros do Señor: "Perdóalle, Señor, ó teu pobo,

non entregues á burla a túa herdanza,

de xeito que a dominen pobos alleos.

¿Por que se vai dicir entre as nacións: Onde está o seu Deus?"

 

Resposta oracular da acollida da liturxia penitencial

 

18Entón ó Señor entráronlle celos do seu país,

e perdoou ó seu pobo.

19Respondeu o Señor dicíndolle ó seu pobo:

"Velaí: vouvos mandar o trigo, o mosto e mais o aceite novo

para que vos fartedes de todo iso,

e non vos volverei entregar para servir de burla entre os pobos alleos,

20senón que porei lonxe de vós o inimigo do norte,

e botareino para un país reseco e deserto:

coa súa vangarda cara ó mar do nacente,

e coa súa retagarda cara ó mar do poñente;

subirá o seu fedor, seguirá subindo a súa pestilencia,

xa que quixo facer grandes cousas".

21Non teñas medo, terra de cultivo,

brinca de ledicia e alégrate,

pois o Señor fai grandes cousas.

22Non teñades medo, feras do campo,

que agroman os pasteiros da estepa.

Si, as árbores dan o seu froito,

e a figueira e mais a vide agroman con forza.

23Vós, fillos de Sión, brincade de alegría,

alegrádevos polo Señor, o voso Deus,

pois deuvos a chuvia conforme o seu compromiso,

mandouvos chuvia abundante;

a temperá e a serodia coma noutros tempos.

24As eiras énchense de trigo e nos lagares reborda o mosto e o aceite novo.

25Así compénsovos polos anos nos que as colleitas foron comestas

pola eiruga que roe,

a voadora, a que destrúe, e mais o saltón,

o meu grande exército, que mandei contra vós.

26Si, comeredes ata fartarvos, e loaredes o Nome do Señor, o voso Deus,

que actuou convosco facendo milagres,

deste xeito o meu pobo non se avergonzará endexamais.

27Entón recoñeceredes que eu estou no medio de Israel.

Si, eu, o Señor, o voso Deus, e ninguén máis ca min,

e o meu pobo non se avergonzará endexamais.

 

 

II. O DÍA DO SEÑOR

 

Tempo salvífico pola efusión do Espírito

 

Capítulo 3

 

1Despois disto sucederá

que verterei o meu Espírito sobre toda carne,

e os vosos fillos e mais as vosas fillas

converteranse en profetas.

Os vosos anciáns soñarán soños,

os vosos mozos verán visións.

2Tamén sobre os servos e mais as servas

verterei naqueles días o meu Espírito.

3Farei prodixios no ceo e mais na terra:

sangue, lume e columnas de fume.

4O sol cambiarase en escuridade

e a lúa en sangue,

ante a chegada do día do Señor,

do día grande e terrible.

5Pero sucederá que todo aquel que invoque o nome do Señor se salvará,

pois no monte Sión e en Xerusalén será dado o perdón

‑tal como o prometeu o Señor‑

e tamén para os fuxitivos que chame o Señor.

 

Tempo de xuízo contra as nacións

 

4 1Si, velaí: naqueles días e naquel intre

cando eu cambie a sorte de Xudá e Xerusalén,

2xuntarei a todas as nacións

e fareinas baixar ó val de Ioxafat

e unha vez alí, entaboarei xuízos cos pobos,

por mor do meu pobo e da miña herdanza, Israel,

a quen eles dispersaron entre as nacións.

Repartiron o meu país,

3e sortearon o meu pobo,

trocando un rapaz por unha prostituta,

vendendo unha rapaza por viño para se emborrachar.

4¿E que é o que tiñades en contra miña, Tiro e Sidón,

e todas as provincias da Filistea?

¿Quixestes levar a cabo un desquite contra min?

¿Quixestes vós facerme algo?

Pois ben, dun golpe rápido farei volver

os vosos feitos sobre as vosas cabezas.

5Xa que me roubastes o meu ouro e a miña prata,

e levastes para os vosos templos

os meus tesouros preciosos.

6Xa que ós fillos de Xudá e ós fillos de Xerusalén

os vendestes ós da Xonia,

para os afastar da súa terra:

7vede: eu vounos arrincar do lugar

onde vós os vendestes,

e farei volver os vosos feitos

sobre as vosas cabezas.

8Os vosos fillos e mais as vosas fillas

vóullelos vender ós fillos de Xudá,

que llelos venderán ós xabeos, un pobo remoto.

Si, díxoo o Señor.

 

A guerra santa do día do Señor

 

9Comunicade este pregón entre os pobos:

‑Declarade a guerra santa,

poñede en pé de guerra os soldados,

que se xunten e suban

todos os homes de guerra.

10Batede na zafra as rellas dos vosos arados,

para convertelas en espadas,

e as vosas podas

para convertelas en lanzas,

que o medroso diga: "Eu son un soldado valente".

11Dádevos présa, saíde, todas as nacións de arredor,

e xuntádevos alí:

Señor, fai baixar os teus valentes.

12Espertade e subide, nacións, ó val de Ioxafat

xa que alí vou sentar para xulgar a todos os pobos veciños.

13Botade a fouce, que o gran xa está maduro;

vinde e pisade, que a moxega xa está chea.

Facede rebordar as cubas, que é grande a súa ruindade.

14¡Xentíos e xentíos no val da sentencia!

Si, está preto o día do Señor,

no val da sentencia.

15O sol e mais a lúa escurecen

esmorece o resplandor das estrelas.

16O Señor brama desde Sión,

El lanza o seu berro desde Xerusalén:

tremen o ceo e mais a terra.

Pero El será refuxio para o seu pobo,

e fortaleza para os fillos de Israel:

17así recoñeceredes que eu son o Señor, o voso Deus,

que habita en Sión, o monte de meu santuario,

e será Xerusalén un santuario,

por onde non volverán a pasar estranxeiros.

 

Conclusión: bendicións divinas para Xudá e Xerusalén, e desolación para as nacións inimigas

 

18E sucederá no día aquel:

os montes zumegarán mosto e os outeiros deitarán leite;

todos os corgos de Xudá deixarán correr a auga;

unha fonte sairá da casa do Señor,

e verterá a súa auga no río das   Mimosas.

19Exipto volverase unha desolación,

Edom volverase un ermo asolado,

a causa da opresión contra os fillos de Xudá,

por verteren sangue inocente no país.

20Xudá estará habitada para sempre,

e Xerusalén por xeracións e xeracións.

21Vingareime do sangue daqueles, certo que o farei,

si, eu o Señor, que habita en Sión.