Capítulos 11-14
REFLEXIÓN TEOLÓXICA SOBRE A HISTORIA
Perspectivas salvíficas de futuro
Capítulo 11
1Cando Israel era escravo, eu ameino,
e de Exipto chamei ós seus fillos.
2Cando máis os chamaba, máis marchaban de onda min.
Ofrecían sacrificios ós Baales,
ofrendaban incenso ós ídolos.
3Pero eu ensináralle a Efraím a camiñar,
tíñao collido nos meus brazos,
e non quería saber que eu era o seu médico.
4Coas cordas das miñas mans acollinos, con brazos de amor,
e fun para eles coma quen lles levanta o xugo do pescozo,
ligueinos a min e dáballes de comer.
5Certo que volverá ó país de Exipto,
e ó rei de Asiria, que será o seu rei,
pois non quixeron arrepentirse.
6Así a espada dirixirase contra os seus príncipes,
e acabará cos sacerdotes que profiren oráculos,
e devorará parte dos seus conselleiros.
7E o meu pobo persistirá na súa caída,
ó Supremo El invocará
e non celebrará ó Deus Único.
8¿Como te vou entregar, Efraím? ¿Como te vou deixar, Israel?
¿Como te vou entregar igual ca Ademah?
¿Como te vou volver igual ca Seboim?
O meu corazón revólvese contra min,
ó mesmo tempo que a miña compaixón se conmove.
9Non provocarei o incendio da miña ira,
non volverei a destruír a Efraím,
pois son Deus, e non un home,
o Santo no medio de ti: non te volverei a destruír.
10Camiñarán tralo Señor, que ruxirá coma un león.
Si, el ruxirá e os seus fillos virán tremendo desde occidente.
11Virán tremendo desde Exipto coma paxariños,
e coma pombas desde o país de Asiria:
fareinos volver ás súas casas ‑é o Señor quen fala‑.
Efraím despreza a mensaxe profética coa súa idolatría e os seus crimes
Capítulo 12
1Efraím tenme rodeado de mentira;
e de falsidade, a casa de Israel.
Tamén Xudá segue índose co deus El,
e segue confiando nos ídolos.
2Efraím pastorea o vento
e segue tralo vento leste todo o día,
a Mentira e os demos multiplícanse.
Por iso conclúen alianza con Asiria,
e levan aceite a Exipto.
3Velaí o preito do Señor con Israel
para lle pedir contas a Xacob do seu comportamento,
para lle devolver a paga das súas accións.
4No ventre da nai suplantou a seu irmán,
e sendo xa maduro loitou con Deus.
5Tamén loitou contra un anxo e venceuno.
Chorou e pediulle que tivese compaixón.
En Betel atopouno e alí falou con el:
6"O Señor é o Deus dos Exércitos, Iavé é o seu tratamento.
7Pero ti, vólvete ó teu Deus,
garda a fidelidade e a xustiza,
confía sempre no teu Deus.
8Canaán ten na súa man unha balanza falsa, gústalle estafar".
9Entón Efraím respondeu: "Xa me volvín rico,
conseguín riqueza para min;
todas as miñas ganancias abondan para me acusar de culpa e pecado".
10"Eu son o Señor, o teu Deus, desde o país de Exipto:
obrigareite a vivir en tendas coma nos días do encontro.
11Falareilles ós profetas, e eu mesmo lles multiplicarei as visións
e por medio dos profetas falarei en parábolas".
12Si, Galaad foi unha mentira idolátrica,
certamente eles foron unha falsidade.
En Guilgal ofrecían sacrificios de touros,
por iso os seus altares vólvense moreas de pedras nos sucos do campo.
13Xacob fuxiu ó campo de Siria,
e Israel serviu coma servo por causa dunha muller,
e por unha muller gardou rabaños.
14Pero o Señor fixo subir a Israel de Exipto mediante un profeta,
e por medio dun profeta foi pastoreado Israel.
15Efraím provocoulle ó Señor unha amarguísima pena,
pero El esparexerá sobre Efraím o sangue vertido,
o meu Señor devolveralle as súas inxurias.
CHAMADA Á CONVERSIÓN E Á PENITENCIA
Oráculos de condenación
Capítulo 13
1Cando Efraím falaba, daba medo, era sublime en Israel;
pero fíxose culpable con Baal, e mereceu morrer.
2Pois agora continúa pecando, fai ídolos de fundición,
da súa prata fai con habilidade ídolos.
Todo iso é obra de artistas.
Din eles: "Ofrecédelles sacrificios a eles, que os homes biquen os becerros".
3Por isto volveranse coma néboa de mañanciña,
e coma orballo que pasa á madrugada,
coma a muíña que voa da eira, coma fume que escapa polo ventanuxo.
4Si, eu son o Señor, o teu Deus, desde o país de Exipto,
e deuses fóra de min non debes recoñecer, pois non hai outro salvador, senón eu.
5Eu pastoreeite no deserto, na terra do sequeiro
6Si, fíxenos pacer e fartáronse; fartáronse e ensoberbeceuse o seu corazón,
por isto esquecéronse de min.
7Si, eu serei para eles coma un tigre que apresa,
coma un leopardo estarei á espreita á beira do camiño.
8Atacareinos coma un oso a quen lle quitaron as crías,
e arrincareilles a caixa do corazón,
alí devorareinos coma unha leoa,
os animais salvaxes esgazaranos en triscos.
9Voute destruír, Israel; si, ¿quen virá na túa axuda?
10¿Onde está o teu rei, para que te auxilie a ti e ás túas cidades?
¿E onde están os teus soberanos dos que dixeches: "Dáme un rei e uns príncipes"?
11Concedinche un rei, movido polo meu noxo; e retireino, movido pola miña ira.
Reflexión acerca da vida e da morte
12Envolta está a iniquidade de Efraím, escondido o seu pecado.
13As dores do parto chéganlle a Efraím, pero el é un fillo parvo:
chegou a hora, non entra por onde rompen os fillos.
14Vou libralos do poder do Xeol, vou rescatalos da Morte.
¿Onde está, Morte, o teu aguillón? ¿Onde está, Xeol, a túa aguillada?
A misericordia está escondida dos seus ollos.
15Si, mentres el está medrando entre a herba, vén o vento do leste,
o vento do Señor que sobe do deserto,
e fai secar a súa fonte, reseca o seu viveiro.
O Señor vai saquear os tesouros, todos os obxectos preciosos.
Capítulo 14
1Samaría vai ser arrasada, pois rebelouse contra o seu Deus;
caerán a espada, os seus meniños serán escachizados,
as súas mulleres en cinta serán rebentadas.
Chamada á conversión e á liturxia penitencial
2Vólvete, Israel, ó Señor teu Deus, xa que caíches por culpa da túa iniquidade.
3Discorrede un discurso, volvede ó Señor e dicídelle:
"Perdoa totalmente a culpa;
si, acóllenos a palabra; queremos agradecercho co froito dos nosos labios.
4Asiria non nos pode salvar, non queremos montar a cabalo,
non queremos volver a chamar Deus noso á obra das nosas mans.
Pois en ti o orfo atopa compaixón".
5Eu curarei a súa apostasía, e querereilles de boa gana,
si, apartarei deles a miña ira.
6Serei coma orballo para Israel,
florecerá coma o lirio
e chantará as raíces coma o bosque do Líbano.
7Os seus xermolos medrarán e será coma a oliveira a súa beleza
e o seu perfume coma o do bosque do Líbano.
8Volverán a habitar á miña sombra, cultivarán o trigo,
lembrándose de min florecerán coma a viña, coma o viñedo do Líbano.
9A Efraím, ¿para que lle volverán a servir os ídolos?
Eu son, eu, quen o escoito e teño coidado del.
Eu son coma o ciprés sempre verde,
en min atópase froito para ti.
Conclusión sapiencial
10¿Quen é o sabio que entenda estas cousas,
o entendido que as coñeza?
Pois son rectos os camiños do Señor e os xustos camiñan por eles,
mentres que os que renegan tropezan neles.