Capítulos 1 - 3

 

Capítulo 1

 

1Oráculo. Palabra do Señor dirixida a Israel, por medio de Malaquías.

Elección gratuíta de Israel e reprobación de Edom

2Quérovos ben ‑di o Señor‑. Pero vós dicides:

"¿En que nos amosas o teu amor?"

"¿Non era Esaú irmán de Xacob? ‑é o Señor quen fala‑

e eu amei a Xacob 3e menosprecei a Esaú:

convertín as súas montañas nunha desolación

e deilles a súa herdanza ós chacais do deserto".

4Si, Edom di: "Estamos destruídos, pero volveremos reconstruír as ruínas".

Así fala o Señor dos Exércitos: "Eles reconstruirán, pero eu destruirei,

e chamaráselle: Terra da ruindade e Pobo co que o Señor está sempre enfadado.

5Si, os vosos ollos verano; entón pensaredes:

O Señor é mais grande cós lindeiros de Israel.

 

Esixencias dun culto perfecto

 

6O fillo venera ó pai, e o servo ó señor.

Pero, se eu son o Pai, ¿onde está a miña veneración?

E se eu son o Señor, ¿onde está o meu respecto?"

‑dívolo o Señor dos Exércitos a vós, sacerdotes que desprezades o meu Nome.

E vós dicides: "¿En que desprezamos o teu Nome?"

7O presentardes sobre o meu altar ofrendas lixosas,

dicides: "¿En que te lixamos a ti?"

Cando dicides: "a mesa do Señor é desprezable",

8e entón ofrecedes un animal cego para sacrificar: ¿non está isto mal?

Ofrecedes animal coxo e animal enfermo: ¿non está nada mal?

Preséntallo ó teu gobernador. ¿Sentirase agasallado da túa parte

ou mostrarache o seu favor? ‑fala o Señor dos Exércitos‑.

9Pois agora intentade abrandar o rostro anoxado de Deus, ¿mostrarásevos benévolo?

Isto está na vosa man, ¿retirará por iso de vós o seu rostro anoxado?

‑fala o Señor dos Exércitos‑.

10¿Quen hai de entre vós que queira pechara as dúas portas

para non prenderdes en van o lume no meu altar?

Non teño ningunha compracencia en vós

‑fala o Señor dos Exércitos‑;

non me sinto a gusto coa ofrenda que provén das vosas mans.

11Certo, desde a saída do sol ata a súa posta

é grande o meu Nome entre os pobos,

e en todos os lugares arde unha oblación no meu Nome e unha ofrenda pura,

porque grande é o meu Nome entre os pobos

‑fala o Señor dos Exércitos‑.

12Pero vós profanastes o meu Nome ó dicirdes:

"A mesa do Señor está lixosa e a súa comida é desprezable".

13Si, vós dicides: "¡Ollade, que traballo!"

e desprezades a comida ‑fala o Señor dos Exércitos‑,

pero traedes do que collestes.

Si, o animal coxo e enfermo, ese é o que traedes de ofrenda.

¿Podo eu recibila con gusto das vosas mans? ‑fala o Señor‑.

14Maldito sexa o tramposo, que ten no seu rabaño un macho,

pero cando fai voto, ofrécelle en sacrificio ó seu Señor algo desprezable.

Pois eu son o grande Rei ‑fala o Señor dos Exércitos‑,

e o meu Nome é temible entre os pobos.

 

Capítulo 2

 

1Agora esta orde vai para vós, sacerdotes:

2Se non facedes caso e se non colledes a peito darlle gloria

ó meu Nome ‑fala o Señor dos Exércitos‑, botarei contra vós a maldición

e maldicirei a vosa bendición. Si, xa a maldicín porque non houbo entre vós quen o collese a peito.

3Vede: eu rompereivos o brazo e tirarei bosta contra as vosas caras,

a bosta das vosas festas. Seredes tirados na bosta.

4Entón recoñeceredes que eu vos tiña enviado esta orde

para que fose realidade a miña alianza con Leví

‑fala o Señor dos Exércitos‑.

5A miña alianza con el fora vida e fartura

e tamén lle tiña concedido o temor,

para que me respecte

e fose humilde ante a presenza do meu Nome.

6Na súa boca houbo sentencia verdadeira

e falsidade non se atopou nos seus labios.

Con paz e con rectitude camiñou comigo,

e a moitos fíxoos apartar da iniquidade.

7Si, os labios do sacerdote son fieis á ensinanza

e búscase a lei na súa boca:

é o mensaxeiro do Señor dos Exércitos.

8Pero vós apartastes a moitos do vieiro,

desviástelos do cumprimento da lei,

violastes a alianza con Leví ‑fala o Señor dos Exércitos‑.

9Tamén eu vos volverei desprezables e viles para todos os pobos, na medida en que vós non gardastes os meus vieiros,

e na medida en que non considerastes estimable a lei.

 

Contra os matrimonios mixtos e o divorcio

 

10¿Non temos todos nós un único Rei?

¿Non vos criou a todos o único Deus?

¿Por que traizoamos cada un ó seu irmán,

violando a alianza de nosos pais?

11Xudá obra a traizón; cométese en Israel e en Xerusalén unha abominación.

 

Certo, Xudá profana o santuario do Señor,

ama e casa coa filla dun deus estranxeiro.

12O Señor fará desaparecer o home que tal cousa fixo,

ó promotor e á testemuña:

faraos desaparecer das tendas de Xacob

e do grupo que presenta a ofrenda ó Señor dos Exércitos.

 

13Velaí, esta segunda cousa fixestes:

cubrir de bágoas o altar do Señor,

de choros e de pranto,

porque xa non fai caso da vosa ofrenda,

nin recibe con gusto o que sae das vosas mans.

14Vós dicides: "¿Por que?"

Polo feito de que o Señor fixo de testemuña entre ti

e a muller da túa mocidade, porque ti a traizoaches,

aínda que ela foi a túa compañeira e a muller da túa alianza.

15Certo, o Señor fixo unha unidade,

e a unidade ten carne e espírito.

E ¿que busca a unidade? ‑Unha descendencia santa.

Tende, pois, coidado do voso espírito,

e non lle fagas traizón á esposa da túa mocidade.

16Se alguén repudia con odio ‑fala o Señor, Deus de Israel‑,

cobre de violencia o seu manto ‑fala o Señor dos Exércitos‑.

Tende, pois, coidado do voso espírito e non fagades traizón.

 

O día da vinda do Señor

 

17Vós cansades o Señor coas vosas palabras,

e dicides: "¿En que o cansamos?"

Cando dicides: "Todos os que obran mal

son bos ós ollos do Señor:

El sente amor por eses";

ou: "¿Onde está o Deus dos xustos xuízos?"

 

Capítulo 3

 

1Velaí: eu envío o meu mensaxeiro,

para que limpe o camiño diante de min.

Nun momento entrará no seu santuario

o Señor a quen vós estades buscando,

o mensaxeiro da Alianza, a quen vos lle tendes amor:

vede que chega ‑fala o Señor dos Exércitos‑.

 

2¿Quen aguantará o día da súa chegada?

¿Quen se manterá de pé cando El apareza?

Si, El será coma o lume do fundidor,

coma a lixivia dos que lavan.

3Sentarase coma o fundidor que refina a prata,

refinará os fillos de Leví e purificaraos;

coma a prata e coma o ouro, así serán para o Señor

os que presenten a ofrenda con xustiza.

 

4Entón seralle agradable ó Señor a ofrenda de Xudá e Xerusalén,

coma nos días remotos, coma nos anos antigos.

 

5Entón achegareime a vós para o proceso xudicial,

e serei acusador aleuto

contra os feiticeiros e contra os adúlteros,

contra os que xuran en falso

e contra os que abusan do pagamento do xornaleiro,

da viúva e do orfo, e rebaixan os dereitos do emigrante.

Pero non me teñen medo ‑fala o Señor dos Exércitos‑.

 

A paga das débedas cúlticas, sinal de fidelidade e bendición

 

6Eu son o Señor, non cambiei,

pero vós, fillos de Xacob (do que engana) aínda non acabastes.

7Si, desde os días de vosos pais vídesvos apartando dos meus preceptos,

e non os gardades.

Volvede a min, e eu volverei a vós

‑fala o Señor dos Exércitos‑.

Pero vós dicides: "¿En que temos que volvernos?"

8¿Pode un home roubar a Deus? Pois vós estádesme roubando a min.

E dicides: "¿En que che roubamos?" "Nos décimos e nas primicias".

9Coa maldición estades sendo malditos,

pero seguides roubándome vós, o pobo enteiro.

10Traede todo o décimo á casa do tesouro.

Para que haxa comida no meu templo.

Si, poñédeme a proba ‑fala o Señor dos Exércitos‑,

para ver se eu non vos abro as comportas do ceo,

para librar sobre vós a bendición ata que nada quede na miña man.

11Rifaríalle en favor voso ó saltón,

para que non vos destruíse o froito da terra,

e para que a viña no campo non vos quedase sen uva

‑fala o Señor dos Exércitos‑.

12Entón proclamaríanvos ditosos todos os pobos,

pois sodes un país de felicidade,

‑fala o Señor dos Exércitos‑.

 

O día do Señor será de triunfo e ledicia para os seus servidores

 

13Os vosos ditos contra min son duros ‑fala o Señor‑.

Preguntades: "¿Que dixemos nós contra Ti?"

14Dicides: "¡É cousa inútil servir a Deus!

¿Que proveito quitamos de gardar os seus mandamentos,

e de camiñarmos en penitencia na presenza do Señor dos Exércitos?

15Agora nós declaramos felices os soberbios:

Si, os que cometen maldades prosperan,

poñen a proba a Deus, líbranse".

 

16Deste xeito falan entre eles os que respectan o Señor,

cada un co seu próximo,

pero o Señor préstalles atención e escóitaos,

pois o libro das lembranzas estase escribindo na súa presenza,

por mor dos que temen o Señor e estiman o seu Nome.

 

17Serán para min ‑fala o Señor dos Exércitos‑

propiedade persoal no día en que eu actúe,

porque lles perdoarei o mesmo que un home perdoa o fillo obediente.

 

18Entón veredes de novo a diferenza entre o xusto e o malvado,

entre quen serve ó Señor e quen non o serve.

19Pois velaí chega o día: abrasará coma un forno,

e os soberbios e todos os que cometen a maldade serán palla.

Si, o día que chega será a vosa queima

‑fala o Señor dos Exércitos‑:

non vos deixará raíz nin póla.

20Brillará para vós, os que respectades o meu Nome,

un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás.

Vós sairedes e brincaredes coma becerros ceibos:

21esmagaredes os malvados, pois serán po baixo a planta dos vosos pés,

no día en que eu actúe ‑fala o Señor dos Exércitos‑.

 

Suplementos: mirando ós tempos novos

 

22Lembrádevos da lei de Moisés, o meu servo,

lei que eu lle ordenei no Horeb,

preceptos e decretos para todo Israel.

 

23Vede: eu vouvos mandar o profeta Elías

antes de que chegue o día do Señor grande e temible:

24El fará volver o corazón dos pais cara ós fillos,

e o corazón dos fillos cara ós pais,

non sexa que eu me vexa obrigado a vir

para castigar o país co exterminio sagrado.