Capítulos 6-9

Capítulo 6

 

1"¡Malia os que viven no lecer en Sión,

os despreocupados no monte de Samaría,

a elite das primicias das nacións

ós que acode a xente de Israel!

2Ide ata Calno e ollade,

de alí pasade ó Gran Hamat,

baixade despois a Gat dos filisteos.

¿Valedes vós máis ca eses reinos?

¿É meirande o voso territorio?

3Intentan arredar o día funesto

favorecendo o dominio da violencia,

4déitanse en leitos de marfil,

vaguean nas súas camas,

xantando os carneiros do rabaño

e os xatos sacados da corte.

5Cantarexan ó son da arpa

e, coma novos David, inventan instrumentos.

6Beben viño nas grandes copas

e únxense coa esencia dos perfumes,

mais a desfeita de Xosé non os deprime.

7Por iso agora van partir para o exilio

á cabeza dos deportados,

pois rematou a esmorga dos nugalláns".

‑Oráculo de Iavé, Deus dos Exércitos‑.

8Xurou o Señor Iavé por si mesmo:

"Dáme noxo a prepotencia de Xacob,

aborrezo os seus pazos e vou entregar a cidade e canto a enche";

9e se nunha casa quedan dez homes, morrerán tamén;

10e cando alguén leve un parente ou achegado para sacar da casa os ósos, diralle a quen anda polo recuncho da peza: "¿Quédache aínda alguén?"; e responderalle "Ninguén". Entón aquel dirá: "¡Cala!" (pois non se debe mencionar o nome de Iavé).

11Porque velaquí o que Iavé ten decretado: Reducirá a casa grande a entullo e a casa pequena a faragullas.

 

12¿Galopan os cabalos polos penedos

ou árase con bois o mar?

Pois vós trocades o dereito en pezoña

e o froito da xustiza en asentes.

 

13Os que se alegran por Lo Debar e din: "¿Non conquistamos Carnaim coas nosas forzas?"

14"Velaquí, vou facer xurdir contra vós, casal de Israel

‑Oráculo de Iavé, Deus dos Exércitos‑,

un pobo que vos asoballe desde Lebó-Hamat ata o torrente do Arabah".

 

Capítulo 7

 

1Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé:

velaquí: estaba un a criar saltóns

cando comezaba a agromar a herba tardía

(esta é a herba tardía que vén despois da sega do rei);

2e cando xa estaban para rillar a rentes toda a herba do chan, dixen eu:

"Meu Señor Iavé, perdoa por favor;

¿como se vai manter Xacob que é tan pequeno?"

3Iavé arrepentiuse diso: "Non sucederá tal": dixo Iavé.

 

4Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé:

velaquí: estaba un a convocar un trebón de lume

que engulipa o grande océano abisal

e cando xa estaba queimada a agra,

5dixen eu:

"Meu Señor Iavé, detente, por favor;

¿como se vai manter Xacob que é tan pequeno?"

6Iavé arrepentiuse diso: "Tampouco non sucederá": dixo o meu Señor Iavé.

 

7Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé:

velaquí: estaba un a carón dun muro

e tiña unha chumbada na man.

8E Iavé preguntoume: "¿Que ves ti, Amós?"

‑"Unha chumbada"‑, respondín.

E díxome entón o meu Señor:

"Velaquí: vou botar a chumbada no medio do meu pobo Israel.

Non lles vou transixir máis.

9Serán arrasados os altos de Isaac.

Os santuarios de Israel serán destruídos,

vou atacar coa espada a caste de Ieroboam".

 

10Daquela, Amasías, sacerdote de Betel, mandou recado a Ieroboam rei de Israel, dicíndolle: "Amós está a conspirar contra ti no medio e medio do casal de Israel; o país xa non pode aturar por máis tempo as cousas que di.

11Pois, velaquí o que di Amós:

Ieroboam vai morrer a espada,

Israel será deportado de certo da súa terra".

12Despois díxolle Amasías a Amós:

"Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;

come alí o teu pan, fai alí de profeta,

13mais en Betel non volvas profetizar

pois é santuario real, é templo nacional".

14Respondeu Amós e díxolle a Amasías:

"Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,

xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,

15mais foi Iavé quen me colleu de trala grea

e foi Iavé quen me dixo: vai profetizar ó meu pobo Israel.

16E agora escoita a palabra de Iavé:

Ti dis: non profetices contra Israel,

non fagas agoiros contra o casal de Isaac;

17pois velaquí o que di Iavé:

A túa muller fará de prostituta en plena vila;

sobre os teus fillos e fillas caerá a espada;

as túas leiras partillaranse á liña,

ti mesmo irás morrer en terra impura

e Israel vai ser deportado dos seus eidos".

 

Capítulo 8

 

1Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé:

velaquí unha canastra de froitos madurecidos;

2e preguntoume: "¿Que ves ti, Amós?"

Eu respondinlle: "Unha canastra de froitos madurecidos".

Entón díxome Iavé:

"Madureceu a fin do meu pobo Israel,

xa non lle vou pasar máis por alto".

3Naquel día laiaranse as cantantes do pazo,

‑oráculo do meu Señor Iavé‑

amorearanse os cadáveres que esparexerán por todos os lugares ás caladas.

 

4Escoitade isto, vós que asoballades o pobre

e exterminades a xente humilde do país;

5vós que dicides:

"¿cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo

e o sábado para fornecer o gran

traficando ata co salvado,

para minguar a medida,

aumentar o prezo

e defraudar con balanza falsa,

6para mercarmos por diñeiro o mendigo

e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"

7Xura Iavé pola soberbia de Xacob:

"Endexamais non esquecerei os seus delitos.

8¿Non haberá de tremer a terra por isto

e levar loito cantos nela moran?

¡Hase erguer toda coma o Nilo,

ha tremer e mirrar coma a corrente de Exipto!

9Sucederá naquel día ‑oráculo do meu Señor Iavé‑,

farei que o sol se poña ó mediodía

e entebrecerei o país en pleno día,

10trocarei as vosas festas en loito;

todas as vosas cántigas en laios;

cinguirei todos os lombos de saco,

deixarei toda cabeza rapada,

vouno dispor coma o pranto polo vinculeiro

e o remate vai ser coma o dun día amargado.

11Velaquí chegan os días ‑oráculo do meu Señor Iavé‑

nos que vou mandar a fame ó país;

non fame de pan nin sede de auga,

senón de escoitar a palabra de Iavé.

12Vagarán de mar a mar,

andarán do norte ó leste

á procura da palabra de Iavé

e non a atoparán".

13Naquel día esmorecerán de sede

as rapazas belidas e mais os mozos,

14os que facían xuramento polo delito de Samaría

dicindo: "Por vida do teu Deus,       Dan",

e "por vida da verea de Beerxeba";

caerán, e xa non se han erguer máis.

 

Capítulo 9

 

1Vin o meu Señor en pé sobre o altar, que batía nos capiteis

facendo tremer os gonzos, e dixo:

"Vou quebrar as cabezas de todos eles

e o resto vouno atravesar coa espada;

non haberá de entre eles fuxitivo que fuxa

nin escapado que escape.

2Anque furen deica o Xeol,

de alí quitaraos a miña man;

aínda que suban deica o ceo,

de alí fareinos baixar;

3aínda que entoben no cumio do Carmelo,

alí os descubrirei e os pillarei;

aínda que se agachen da miña ollada no fondo do mar,

alí mandarei a serpente que os morda;

4aínda que saian deportados diante dos seus inimigos

darei orde á espada de que os fenda;

pois vou pousar os meus ollos sobre eles

para desfeita, non para ben".

5Pois o meu Señor é Iavé dos Exércitos

que se El toca a terra, esta derrétese

e fan loito cantos nela moran,

xa que se ergue toda coma o Nilo

e mirra coma a corrente de Exipto,

6que edificou no ceo o seu solio

asentando na terra a bóveda celeste,

que chama as augas do mar

e as esparexe sobre a superficie da terra:

Iavé é o seu nome.

7"¿Non sodes acaso vós para min coma cuxitas,

fillos de Israel? ‑oráculo de Iavé‑.

¿Non fixen eu subir a Israel do país de Exipto

coma ós filisteos de Kaftor

e a Aram de Quir?"

8Velaquí os ollos do meu Señor Iavé que se volven contra o reino pecador:

"Vouno exterminar de sobre a face da terra,

mais non quero aniquilar o casal de Xacob"

‑oráculo de Iavé‑.

9Velaquí: dou orde de abalar de entre todos os pobos o casal de Israel

como se abala a peneira, sen que caia ó chan unha pedriña.

10Pola espada van perecer todos os pecadores do meu pobo, os que din: "Non nos atinxirá, non chegará ata nós a desfeita".

 

11Naquel día erguerei a tenda derrubada de David,

repararei as súas fendas, restaurarei as ruínas

e reconstruireina coma nos tempos antigos,

12para que se apropien do resto de Edom

e de todos os pobos sobre os que se proclamou o meu nome,

‑oráculo de Iavé que fai tales cousas‑.

13Velaquí veñen os días ‑oráculo de Iavé‑

nos que o arador enlazará co segador

e o que pisa a uva con quen sementa,

e os montes destilarán mosto

e todos os outeiros se derreterán.

14Daquela repatriarei ó meu pobo Israel,

reconstruirán as vilas devastadas e habitaranas,

plantarán vides e beberanlles o viño,

traballarán leiras e comeranlles os froitos:

15vounos eu plantar no seu terreo

para nunca máis seren arrincados da súa terra,

a que eu lles dera:

dixo Iavé, o teu Deus.