Capítulos 31-35
Capítulo 31
1E entón ‑é o Señor quen fala‑
eu serei Deus para todas as tribos de Israel,
e eles serán o meu pobo.
Quíxente con amor eterno: por isto volverei reconstruírte, virxe de Israel
2Así fala o Señor:
‑No deserto atopa ó Bondadoso
o pobo dos que fuxiron da espada;
Israel vai á procura do seu acougo,
3de lonxe aparéceselle o Señor.
Quíxente cun amor eterno,
por iso mantiven moito tempo a miña fidelidade.
4Volverei construírte e quedarás construída,
virxe de Israel;
volverás a arranxar os teus pandeiros,
e sairás á danza cos que están de festa.
5Volverás a plantar viñas nos montes de Samaría;
os mesmos que as plantan, danzarán.
6Pois chegará o día en que berren os vixías
desde o monte de Efraím:
"¡En pé! Subamos a Sión,
onda o Señor, o noso Deus".
7Así fala o Señor:
‑Aclamade a Xacob con gritos de alegría,
gritádelle á primeira das nacións.
Pregoade, loade, clamade:
"Salva, Señor, o teu pobo,
salva o resto de Israel".
8Vede: vounos traer do país do norte,
vounos reunir desde os cabos do mundo.
Entre eles haberá cegos e coxos,
a que está en cinta xunto coa parida,
volverán en enorme multitude.
9Velaí, chegarán chorando;
pero entre aclamacións de agradecemento,
heinos conducir, heinos levar ós regueiros de auga
por un camiño seguro onde non han tropezar.
Si, volvereime pai de Israel,
e Efraím será o meu primoxénito.
Participación dos rescatados en banquetes
10Escoitade a palabra do Señor, pobos,
facédea coñecer nas illas de lonxe, anunciádea:
‑O que dispersou a Israel, xuntarao,
e gardarao coma un pastor o seu rabaño.
11Certo, rescatará o Señor a Xacob,
librarao dunha man máis forte.
12Chegarán para festexalo á cima de Sión,
correrán cara ós bens do Señor,
tralo trigo, o mosto e o aceite,
tralas crías do rabaño e do gando.
As súas vidas serán coma un horto ben regado,
xa nunca máis volverán a enfraquecer.
13Entón a virxe alegrarase na danza,
os mozos e os vellos andarán ledos;
eu cambiarei o seu loito en ledicia,
consolareinos e alegrareinos
despois da súa aflición.
14Enchouparei en graxa a gorxa dos sacerdotes,
e o meu pobo fartarase dos meus bens
‑é o Señor quen fala‑.
Oráculos salvíficos
15Así fala o Señor:
‑Óense berros en Ramah, cantos de loito,
choros de amargura:
Raquel está a chorar polos seus fillos,
non se quere consolar.
¡Polos seus fillos, velaí o noso loito!
16Así fala o Señor:
‑Non deas a túa voz ó pranto,
nin os teus ollos ás bágoas,
que os teus traballos terán recompensa
‑é o Señor quen o di‑:
os fillos volverán do país inimigo.
17O teu porvir está cheo de esperanza
‑é o Señor quen o di‑:
os fillos volverán á súa patria.
18Escoitar estou escoitando
como se lamenta Efraím:
"Para que eu fose ben ensinado,
ti ensináchesme con castigo,
a min, becerro que non se doma.
Para que eu me convertese,
fixéchesme converter ti, Señor, o meu Deus.
19Desde que me convertín,
sentinme consolado,
e despois de me dar conta
empecei a petar nos cadrís:
cubrinme de vergonza e de ignominia,
de ter que soportar o oprobio da miña xuventude".
20¿Non é Efraím para min o fillo tan estimado,
non é o fillo do meu contentamento?
Cantas veces falo contra el,
outras tantas o teño que relembrar,
por iso conmóvense as miñas entrañas por el,
teño que compadecerme del
‑é o Señor quen fala‑.
Chamada a volver do desterro e á conversión
21Levanta os marcos de sinal nos teus camiños,
pon os teus indicadores,
pon moita atención ó vieiro,
á verea por onde vas.
Volve, virxe de Israel,
volve a estas túas cidades.
22¿Ata que día andará de aquí para alí
esta filla divorciada?
Cando o Señor cree o novo pacto no país,
a muller volverá ó seu home.
Restauración de Xudá
23Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
‑Cando eu traia os desterrados, volveranse repetir
no país de Xudá e nas súas cidades estas verbas:
"Que o Señor te bendiza,
rexión de lexítima morada, monte do santuario".
24Alí morarán Xudá e todas as súas cidades,
alí se xuntarán os xornaleiros
para saíren canda o rabaño.
25Eu saciarei de auga súa gorxa esgotada,
encherei toda gorxa esmorecente.
26E, nisto, espertei e deime conta
de que o meu soño resultaba ledo.
Reconstrución de Xudá e nova orde de xustiza
27Velaquí están os días
‑é o Señor quen fala‑
nos que sementarei a casa de Xudá
e a casa de Israel
con semente de homes e semente de animais.
28E do mesmo xeito que os tiven en vixilancia
para arrincar e derrubar,
para aniquilar, para destruír e para danar,
así tamén montarei vixilancia sobre eles
para construír e para plantar
‑é o Señor quen fala‑.
29Nos días que están a chegar,
xa non se volverá dicir:
"Os pais comeron as uvas verdes, e os fillos teñen os dentes limados",
30senón que cada un morrerá pola súa propia culpa.
Se alguén come uvas verdes,
será el quen perda os dentes.
A nova alianza
31Velaquí os días
‑é o Señor quen fala‑
nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel
unha alianza nova;
32non coma a alianza que pactei cos seus pais,
o día no que os collín pola man
para os sacar do país de Exipto;
pois eles quebrantaron o meu pacto,
aínda que eu seguín sendo o seu Señor
‑é o Señor quen fala‑.
33Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel
despois deses días ‑é o Señor quen fala‑:
Hei meter a miña lei nas súas entrañas,
escribireina nos seus corazóns,
serei para eles o seu Deus,
e eles serán para min o meu pobo.
34Xa ninguén terá que instruír o compañeiro,
xa ninguén terá que instruír o seu irmán,
dicíndolle: "Respectade o Señor";
senón que todos eles me farán caso,
desde o máis noviño ó máis grande
‑é o Señor quen fala‑,
pois eu perdoareilles a súa iniquidade,
e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.
Inquebrantable fidelidade do Señor á alianza nova
35Así fala o Señor, que establece o sol para luz do día,
que establece as leis da lúa e das estrelas
para luz da noite;
o que alporiza ó mar e braman as súas ondas;
o seu nome é Señor dos Exércitos:
36Cando fallen todas estas leis
na miña presenza ‑é o Señor quen fala‑,
tamén a raza de Israel deixará
de ser pobo na miña presenza para sempre.
37Así fala o Señor:
Cando se cheguen a medir os ceos desde o alto,
cando se exploren os alicerces da terra no profundo,
tamén eu rexeitarei a toda a estirpe de Israel,
por todo o que fixo ‑é o Señor quen fala‑.
Reconstrución de Xerusalén
38Veñen días ‑é o Señor quen fala‑
nos que se construirá a cidade para o Señor
desde a Torre de Hananel á Porta da Esquina.
39E o seu cordel de medir continuarase estendendo
en presenza do Señor pola ladeira de Gareb
e dará a volta na dirección de Goat.
40Todo o barranco será para os ósos e para a cinsa
das graxas dos sacrificios,
e todos os campos ata o nacente
ata o regato Cedrón e ata a esquina da Porta dos Cabalos
serán cousa sacra dedicada ó Señor,
que nunca máis volverá ser destruída nin arrasada.
A merca dun campo durante o asedio, sinal e anticipo da Salvación
Capítulo 32
1Esta é a palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías no ano décimo de Sedecías, rei de Xudá, o que corresponde ó ano décimo oitavo de Nabucodonosor.
2Naquel entón os exércitos do rei da Babilonia estaban a cercar Xerusalén, mentres o profeta Xeremías estaba preso no patio da garda que había no palacio do rei de Xudá. 3Prendérao Sedecías, o rei de Xudá, acusándoo:
‑¿Por que profetizas ti dicindo: así fala o Señor: "Eu entrego esta cidade ó poder do rei de Babilonia, para que a conquiste? 4E Sedecías, o rei de Xudá, non se escapará das mans dos caldeos, senón que será entregado de certo no poder do rei de Babilonia, e falarán cara a cara, e veranse fronte a fronte. 5El conducirá a Babilonia a Sedecías, quen quedará alí ata que eu me ocupe del ‑é o Señor quen fala‑. Aínda que resistades contra os caldeos, non sairedes con éxito".
6Entón dixo Xeremías:
‑A palabra do Señor veu a min nestes termos: 7Velaí vén Hanamel, fillo do teu tío Xalum, onda ti, a dicirche: "Merca para ti o campo que eu teño en Anatot, xa que es ti o que ten dereito de rescate para adquirilo". 8E, efectivamente, segundo a palabra do Señor, chegou Hanamel, o meu primo, o fillo do meu tío, ó patio da garda, e díxome: "Mércame o campo que teño en Anatot, na rexión de Benxamín, xa que ti tes o dereito de herdanza e a ti correspóndeche rescatalo: cómprao para ti". E eu comprendín que aquilo era unha orde de Deus, 9e merqueille a Hanamel, fillo do meu tío, o campo que el tiña en Anatot e peseille a prata: dezasete siclos foi o prezo. 10Escribín o documento de compra, seleino e cerreino, fíxenllelo asinar ás testemuñas e pesei a prata na balanza. 11Logo collín a escritura da compra, o texto selado e cerrado coa lei e coas determinacións, e o texto aberto, 12e entregueille o documento de compra a Baruc, fillo de Nerías, fillo de Maseías, á vista de Hanamel, o meu primo, á vista das testemuñas, que asinaran a escritura da compra, e á vista de todos os xudeus que estaban presentes no patio da garda: 13á vista deles, deille a Baruc esta orde: 14"Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
Colle estes documentos, a escritura desta compra, a escritura cerrada e selada e esta escritura aberta, e ponos nunha ola de barro para que duren moito tempo, 15pois así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Aínda se volverán mercar casas, campos e viñas neste país".
16Despois de lle dar a Baruc, fillo de Nerías, o documento da compra, dirixinlle ó Señor esta oración:
17‑¡Ai, meu Señor, meu Deus! Ti fixeches o ceo e mais a terra
co teu grande poder e co teu brazo estendido,
nada hai demasiado difícil para ti.
18Ti usas de fidelidade con miles e miles,
mentres que devolves a iniquidade dos pais
ó seo dos fillos que os suceden.
Este é o gran Deus, o guerreiro valente;
Señor dos Exércitos é o seu Nome.
19¡Grandeza a deste plan, que sublimes estes feitos!
Pois os teus ollos están ben abertos
sobre o comportamento de todos os homes,
para darlle a cada un conforme a súa conduta
e os froitos das súas obras.
20Mostrácheste realizando sinais e prodixios
no país de Exipto ata o día de hoxe,
e deste xeito en Israel e en todo o mundo
adquiriches un renome coma o que hoxe tes,
21xa que sacaches o teu pobo Israel
do país de Exipto con sinais e con prodixios,
con man forte e brazo estendido,
con impresionante poder,
22e décheslles esta terra
que lles xuraras dar a seus pais,
terra que deita leite e mel.
23Entraron e tomaron posesión dela,
pero non escoitaron a túa voz,
nin seguiron as túas normas,
non fixeron o que ti lles mandaras facer.
Por isto fixeches que lles acontecese toda esta desgraza.
24Velaquí as ramplas de asedio que chegan á cidade para conquistala,
a cidade entrégase ó poder dos caldeos,
que a estiveron asediando coa espada, a fame e a peste.
Está a suceder o que eu dixen, e ti estalo a ver.
25Pero, ti, meu Señor, Deus, acábasme de dicir:
"Merca o campo con prata, fai asinar ás testemuñas",
cando a cidade está sendo entregada ós caldeos.
26Entón veulle a Xeremías a palabra do Señor nestes termos:
27‑Eu, o Señor, son o Deus de todos os homes:
¿acaso hai algo imposible para min?
28Por isto, así fala o Señor:
‑Vou entregar esta cidade ó poder dos caldeos, ó poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, que a conquistará.
29Os caldeos que están asediando esta cidade entrarán nela e prenderanlle lume; incendiarán as casas onde, nas terrazas, queimaron incenso en honor de Baal e verteron libacións a deuses alleos para anoxarme a min. 30Pois foron os fillos de Xudá e mais os fillos de Israel os que xa desde a súa mocidade estiveron cometendo maldades ós meus ollos; certo, os fillos de Israel estanme a ofender coas prácticas idolátricas ‑é o Señor quen fala‑. 31A pesar da miña ira e a pesar do meu furor, esta cidade está contra min desde o día en que a construíron ata o día de hoxe. ¡Que se aparte da miña presenza, 32por toda a maldade dos fillos de Israel e dos fillos de Xudá que me fixeron enfadar: eles, os seus reis, os seus principais, os seus sacerdotes, os seus profetas, os homes de Xudá, os habitantes de Xerusalén! 33Volvéronme as costas e non deron a cara. Ensineilles a sabedoría, pero eles non aprenderon a lección do castigo. 34Poñen as súas abominacións no templo sobre o que se invoca o meu Nome para profanalo. 35Ollade: nos outeiros do val de Ben Hinnom construíron os altares de Baal para pasar polo lume os seus fillos e mais as súas fillas en honor de Molok, cousa que nin eu lles mandei; nin se me veu á cabeza que fixesen semellante horror, extraviando deste xeito a Xudá. 36Pois ben, agora así fala o Señor, Deus de Israel, encol desta cidade, que vós vedes que está á mercé do poder do rei de Babilonia, da espada, da fame e da peste.
37"Vede que os vou xuntar de todos os países a onde os dispersei por causa da miña ira, da miña furia e do meu grande noxo, e farei que volvan a este lugar e que vivan con toda a seguridade. 38Eles serán o meu pobo e eu serei o seu Deus. 39Dareilles a mesma mentalidade e o mesmo comportamento, de xeito que me respecten sempre. ¡Que ben será para eles e para os fillos que os sucedan! 40Pactarei con eles unha alianza eterna; non me apartarei deles para lles facer ben e porei o meu respecto no seu corazón, de xeito que non se aparten da miña presenza. 41Alegrareime neles facéndolles ben e na miña fidelidade heinos plantar nesta terra con todo o meu corazón e con todas as miñas forzas".
42Así fala o Señor: ‑O mesmo que trouxen sobre este pobo toda esta grande calamidade, así tamén lles traerei todo o ben que lles estou prometendo. 43Mercarase o teu campo neste país que vós estades vendo feito unha desolación por falta de homes e de animais, que está sendo entregado ó poder dos caldeos. 44Mercarán campos con prata, redactarase a escritura, asinarana e cerrarana e firmarán as testemuñas na rexión de Benxamín, nos arredores de Xerusalén, nas cidades de Xudá, nas cidades da montaña, nas cidades da Xefelah e nas cidades do Négueb, xa que eu farei volver os seus cativos ‑é o Señor quen fala‑.
Oráculos salvíficos para Xudá e Xerusalén
Capítulo 33
1A palabra do Señor veulle de segundas a Xeremías nestes termos, mentres continuaba aínda preso no patio da garda.
2Así fala o Señor, que o fará; o Señor, que lle dará forma;
o Señor daralle o ser;
o seu nome é Iavé:
3‑Chámame e respondereiche,
e mostrareiche cousas grandes e inaccesibles:
ti non as coñeces.
4Así fala o Señor, Deus de Israel, acerca das casas desta cidade e dos palacios dos reis de Xudá que están para ser arrasados. A forza das ramplas de asedio e a forza da espada 5veñen loitar xunto cos caldeos: encheranos a eles de cadáveres de homes que eu ferín coa miña ira e co meu furor, xa que lle escondín a miña cara a esta cidade por toda a súa maldade. 6Pero velaquí que eu lle poñerei á cidade remedios e curas, e curareina; descubrireilles as riquezas da paz e da fidelidade.
7Farei volver os cativos de Xudá e os cativos de Israel, e restablecereinos coma no principio. 8Purificareinos de toda a súa iniquidade, coa que pecaron contra min; perdoarei todas as iniquidades coas que pecaron contra min e coas que se rebelaron contra min. 9Isto será para min un alegre renome, un motivo de loanza e de gloria ante todos os pobos da terra, que oian todo o ben que eu lles fixen a Xudá e a Israel; os pobos saltarán e brincarán de ledicia por todo o ben e toda a paz que eu lles fixen.
10Así fala o Señor: neste lugar que vós vedes que está devastado por falta de homes e por falta de animais; nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén, desoladas por falta de homes, por falta de habitantes e por falta de animais, aínda se volverán oír 11berros de alegría e voces de gozo, o cantar do esposo e a cántiga da esposa, e a salmodia dos que, ó presentaren o sacrificio de acción de grazas no templo do Señor, dirán: "Loade o Señor dos Exércitos ¡Que bo é o Señor! ¡Eterna é a súa fidelidade!".
Si, eu farei volver os cativos desta nación coma nun principio ‑dío o Señor‑.
12Así fala o Señor dos Exércitos: neste país desolado por falta de homes e por falta de animais, e en todas as súas cidades, aínda volverá haber pasteiros de pastores que fagan descansar os seus rabaños. 13Nas cidades da montaña, nas cidades da Xefelah, nas cidades de Négueb, na rexión de Benxamín, nos arredores de Xerusalén e nas cidades de Xudá, aínda volverán pasar as reses ante as mans do que as conta ‑di o Señor‑.
Fidelidade de Deus á Alianza
14Velaquí os días ‑é o Señor quen fala‑
nos que cumprirei a promesa
que lles fixen á casa de Israel e á casa de Xudá.
15Nos días aqueles e no intre aquel
farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
que practicará o dereito e a xustiza no país.
16Nos días aqueles
salvarase Xudá,
e Xerusalén descansará na seguridade,
e este lugar chamarase: "¡Iavé, nosa xustiza!".
17Certo, así fala o Señor: non será privado David dun que sente no trono da casa de Israel, 18nin ós sacerdotes levíticos os privarán de que me sirvan na miña presenza ofrecendo holocaustos, queimando ofrendas e celebrando o sacrificio de todos os días.
19Veulle a palabra de Deus a Xeremías nestes termos: 20Así fala o Señor: ‑Cando quebrantan a miña alianza de día e cando a quebrantan de noite, o meu corazón estarrece día e noite polo seu matinar; 21de certo que rompe o meu pacto co meu servo David, que non lle faltaría un fillo que fose rei no seu trono, e rompe o meu pacto cos sacerdotes levíticos, meus servidores. 22Pero o mesmo que non se contan as estrelas do ceo, nin se dá medido a area do mar, así hei de multiplicar a descendencia de David, o meu servo, e a dos levitas que me serven a min.
23Logo veulle a palabra do Señor a Xeremías nestes termos:
24‑¿Acaso non viches o que este pobo di? "As dúas familias que o Señor escollera, rexeitounas". Así rexeitan o meu pobo e non o consideran pobo ante eles.
25Así fala o Señor:
Tan certo como cumpro a miña alianza co día e coa noite, e teño establecidas as leis do ceo e da terra, 26así non rexeito a descendencia de Xacob e de David, o meu servidor, nin deixarei de coller dela os xefes para a descendencia de Abraham, Isaac e Xacob. Certo, eu rescatarei a súa catividade e compadecereime desta descendencia.
Oráculos sobre Sedecías
Capítulo 34
1Cando Nabucodonosor, rei de Babilonia e o seu exército, todos os reinos da zona do seu dominio e todos estes pobos estaban en guerra contra Xerusalén e contra todas as súas cidades, a palabra de parte do Señor veulle a Xeremías nestes termos: 2así fala o Señor, Deus de Israel:
‑Vai e dille a Sedecías, rei de Xudá: Así fala o Señor: eu entrego esta cidade nas mans do rei de Babilonia que a incendiará. 3Ti non escaparás da súa man; ben certo que serás arrestado e entregado á súa disposición; os teus ollos verán os ollos do rei de Babilonia e el en persoa falará contigo, e irás a Babilonia. 4Con todo, escoita Sedecías, rei de Xudá, a palabra do Señor: así fala o Señor acerca de ti: non morrerás a espada. 5Morrerás en paz e o mesmo que se queimaron perfumes polos teus pais, os primeiros reis, teus antepasados, así tamén os queimarán por ti e chorarán por ti: "Ai, Señor". Son eu quen che dou a miña palabra ‑é o Señor quen fala‑.
6E o profeta Xeremías díxolle a Sedecías, o rei de Xudá, todas estas cousas en Xerusalén, 7mentres as forzas do rei de Babilonia estaban loitando contra Xerusalén e contra as cidades de Xudá que aínda resistían: contra Laquix e Azecah, pois elas eran, entre as cidades de Xudá, as cidades fortes que quedaban.
8Esta é a palabra que lle veu a Xeremías de parte do Señor, logo que o rei Sedecías fixo con todo o pobo, que se atopaba en Xerusalén, o pacto de proclamaren a liberdade dos escravos; 9o pacto de que cada un mandaría libres o seu escravo e a súa escrava, hebreo ou hebrea, de xeito que por eles ‑por hebreos‑ non fose servido ningún irmán seu. 10Fixéronlle caso todas as autoridades e todo o pobo que entrara no pacto de que cada un mandaría libres o seu servo e mais a súa serva, de xeito que non serían máis servidos por eles. Mantiveron a palabra e deixáronos ser libres. 11Despois volvéronse da palabra dada e fixeron retornar os servos e servas que deixaran libres, e fixeron que os servisen coma servos e coma servas.
12Entón veulle de parte do Señor a Xeremías a palabra do Señor nestes termos: 13Así fala o Señor, Deus de Israel:
‑Eu son quen fixo un pacto con vosos pais o día que os saquei do país de Exipto, da casa de escravos, nestes termos: 14"O cabo de sete anos, cada un de vós liberará o seu irmán hebreo que lle fora vendido. Servirate seis anos, logo mandaralo libre de onda ti". Pero os vosos pais non me fixeron caso, nin prestaron oído. 15E vós hoxe xa vos converterades e fixerades o que é xusto ós meus ollos, ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e facerdes un pacto diante de min, na casa onde se invoca o meu Nome. 16Pero volvéstesvos atrás e profanastes o meu Nome, facendo cada un de vós volver o seu servo e a súa serva, que mandarades libres, e sometéstelos a ser servos e servas vosos.
17Por iso, así fala o Señor: vós non me fixestes caso ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e para o seu compañeiro. Eu estou a proclamar contra vós a liberdade da espada, da peste e da fame, e convertereivos en algo que fará estremecer a todos os reinos da terra ‑é o Señor quen fala‑. 18Os homes que quebrantaron o meu pacto, que non mantiveron os compromisos que eles pactaron, a estes entregareinos ás maldicións pronunciadas na presenza do becerro que cortaron en dous, pasando por entre os anacos.
19As autoridades de Xudá e ás autoridades de Xerusalén, ós eunucos e ós sacerdotes e a todos os campesiños, que pasaron entre os dous anacos do becerro, 20entre-gareinos ó poder dos seus inimigos e ó poder dos que andan á busca da súa vida, e o seu cadáver servirá de carnaza para os paxaros do ceo e para os animais da terra. 21E a Sedecías e ós seus ministros entregareinos ó poder dos seus inimigos, ó poder dos que andan ó axexo da vida e ó poder dos exércitos do rei de Babilonia que se están retirando da vosa presenza. 22Eu dou unha orde ‑é o Señor quen fala‑, e fareinos volver a esta cidade: loitarán contra ela e prenderanlle lume; converterei as cidades de Xudá nunha desolación sen habitantes.
Xesto simbólico cos recabitas: discurso
Capítulo 35
1Esta é a palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías no tempo de Ioaquim fillo de Ioxías, rei de Xudá, nestes termos:
2‑Vai á familia dos recabitas e trata con eles de que veñan ó templo do Señor, a un dos comedores, e logo dálles de beber viño.
3Eu fun buscar a Iazanías, fillo de Xeremías, fillo de Habasinías, ós seus irmáns, a toda a súa familia e a toda a familia dos recabitas, 4e tróuxenos ó templo do Señor, ó comedor dos fillos de Hanán, fillo de Igdalías, o home de Deus; ese comedor está ó lado do das autoridades e enriba da alcoba de Maseías, fillo de Xalum, garda da entrada. 5Puxen diante dos fillos do clan dos recabitas xerras cheas de viño e cuncas, e díxenlles:
‑Bebede viño.
6Pero eles responderon:
‑Nós non beberemos viño, xa que Ionadab, fillo de Recab, o noso pai, deunos estas normas: "Non bebades viño nunca máis nin vós nin os vosos fillos; 7non construades casa, nin sementedes semente, nin plantedes viñas nin as teñades, xa que habitaredes en tendas toda a vosa vida, para deste xeito vivirdes moitos días na terra onde viviredes peregrinos". 8E nós vimos obedecendo as instrucións que Ionadab nos deu, relativas a non bebermos viño durante toda a nosa vida, nin nós nin as nosas mulleres, nin os nosos fillos, nin as nosas fillas; 9e en relación a non construírmos casas para vivir, nin termos viñas, nin campos, nin sementes, 10e vivirmos en tendas. Nós obedecemos e facemos todo o que nos mandou Ionadab, noso pai. 11Pero cando Nabucodonosor, rei de Babilonia, subiu a este país, nós dixemos: "É mellor entrar en Xerusalén para fuxir do exército dos caldeos e do exército dos arameos", e por isto vivimos en Xerusalén.
12Logo veulle a Xeremías a palabra do Señor nestes termos:
13‑Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel: vai dicirlle a cada home de Xudá e ós habitantes de Xerusalén: ¿Non aprendedes a lección para obedecerdes as miñas palabras? ‑é o Señor quen fala‑. 14Eles gardan as palabras de Ionadab, fillo de Recab, quen lles deu ós seus fillos instrucións para que non bebesen viño, e non o beben ata o día de hoxe; eles si que obedecen o mandato de seu pai. Pero a min, aínda que madruguei a dicírvolo e o fixen insistentemente, non me fixestes caso; 15aínda que madruguei a mandarvos os meus servos os profetas, e repetidas veces volos mandei a dicirvos: "Arrepentídevos cada un de vós do seu mal vieiro, mellorade o voso comportamento, non vaiades tras deuses alleos para lles dar culto, e así viviredes na terra que vos dei a vós e a vosos pais", vós non prestastes oído, nin me fixestes caso. 16Os fillos de Ionadab, fillo de Recab, si que manteñen o precepto que seu pai lles ordenou, pero este pobo non me fai caso. 17Por iso, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Ollade: vou traer contra Xudá e contra todos os habitantes de Xerusalén a enteira calamidade que lles anunciei, porque lles falei e non escoitaron, berreilles e non me responderon".
18Polo contrario, ó clan dos recabitas, díxolle Xeremías:
‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
"Visto que obedecestes o precepto de Ionadab, voso pai, e observastes o seu mandado, e fixestes todo o que el vos mandou 19‑así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel‑: non lle faltarán a Ionadab, fillo de Recab, descendentes que se manteñan na miña presenza todos os días".