Capítulos 26-30

ORÁCULOS SALVÍFICOS E EPISODIOS DA VIDA DO PROFETA

 

Discurso contra o templo e proceso de Xeremías. Martirio de Urías

 

Capítulo 26

 

1No comezo do reinado de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, veu de parte do Señor este oráculo:

2Así fala o Señor: ‑Ponte de pé no adro da Casa do Señor, e pronuncia contra todas as cidades de Xudá, que veñen adorar na Casa do Señor, cantas palabras che mandei comunicarlles sen deixar ningunha. 3Quizais che fagan caso e se converta cada un do seu mal comportamento, e así tamén eu me arrepentirei do mal que teño pensado facerlles por mor da ruindade dos seus feitos.

4Haslles dicir deste xeito: así fala o Señor:

"Se non me facedes caso cumprindo a Lei que vos puxen diante, 5escoitando as palabras dos meus servos os profetas, que vos mandei ben de madrugada e sen parar ‑pero non lles fixestes caso‑, 6entón eu volverei este templo coma o de Xiloh e converterei esta cidade nunha sorte de maldición para todos os pobos do mundo".

7Os sacerdotes, os profetas e todo o pobo escoitaba a Xeremías, mentres el proclamaba no templo estas palabras. 8Logo, cando Xeremías acabou de dicir todo o que o Señor lle mandara dicir a todo o pobo, collérono os sacerdotes, os profetas e todo o pobo e dixéronlle: "Mereces a condena á morte, 9porque te atreves a profetizar no nome do Señor, dicindo que este templo se volverá coma o de Xiloh e que esta cidade se quedará nas ruínas e sen habitantes". Todo o mundo se puxo arredor, contra Xeremías, no templo.

10As autoridades de Xudá, cando souberon estas cousas, subiron desde o palacio real ó templo do Señor e sentáronse á entrada da porta nova do templo do Señor. 11Entón os sacerdotes e os profetas dixéronlles ás autoridades e a todo o pobo:

‑Este home merece a pena de morte, xa que profetizou contra esta cidade, segundo vós mesmos oístes cos vosos oídos. 12Logo Xeremías respondeulles a todas as autoridades e ó pobo todo:

‑O Señor mandoume a profetizar contra este templo e contra esta cidade todos os oráculos que vós oístes. 13Agora ben, mellorade o voso comportamento e os vosos feitos, e facédelle caso á chamada do Señor, voso Deus, e o Señor arrepentirase das ameazas que proferiu contra vós.

14E en canto a min, velaquí estou, no voso poder: tratádeme o mellor e máis xusto que vos pareza. 15De verdade, tede ben aprendido, que, se vós me facedes morrer, facedes culpables da morte dun inocente a vós mesmos, a esta cidade e ós seus habitantes, xa que, sinceramente, foi o Señor quen me mandou a vós, a anunciar todos estes oráculos de xeito que os entendades.

16As autoridades e todo o pobo dixéronlles ós sacerdotes e ós profetas:

‑Este home non merece a pena de morte, vede que nos fala no nome de Iavé, o noso Deus.

17Logo uns homes dos anciáns da cidade erguéronse para lle dicir a toda a asemblea do pobo:

18‑Miqueas, o de Moréxet, que foi profeta durante o reinado de Ezequías, rei de Xudá, faloulle a todo o pobo de Xudá, dicíndolle: así fala o Señor dos Exércitos: Sión será arada coma un campo. Xerusalén será un montón de ruínas e o monte do templo volverase un outeiro.

19¿Acaso trataron de matalo Ezequías, rei de Xudá, e todo o seu pobo? ¿Acaso non trataron de respectar o Señor, e de aplacar o seu rostro irado, para que o Señor se arrepentise do mal que lles anunciara? Nós imos cometer semellante barbaridade, que pagaremos coas nosas vidas.

20Había entón outro home que profetizaba no nome do Señor: Urías, fillo de Xemaías, natural de Quiriat Iearim. Predicaba contra esta cidade e contra este país oráculos do mesmo xeito cós de Xeremías. 21Logo que o rei Ioaquim, toda a súa garda e os seus ministros escoitaron os seus oráculos, o rei buscábao para matalo; pero sóuboo Urías, e cheo de medo fuxiu para Exipto. 22O rei Ioaquim mandou homes a Exipto: a Elnatán, fillo de Acbor e o seu destacamento. 23Sacaron a Urías de Exipto e leváronllo ó rei Ioaquim. O rei fíxoo morrer pola espada e botou o seu cadáver na fosa común.

24Pero Ahicam, fillo de Xafán, protexeu a Xeremías, para que non caese nas mans do pobo, que o quería matar.

 

 

SUMISIÓN Ó REI DE BABILONIA:  contra os falsos profetas

Acción simbólica do envío das cangas e mensaxe ós reis dos pobos veciños

 

Capítulo 27

 

1Nos comezos do reinado de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, veulle de parte do Señor a Xeremías este oráculo. 2Así me falou o Señor:

‑Faite cunhas cangas e cuns cancís e ponos no teu pescozo; 3logo mándallelos ó rei de Edom, ó rei de Moab, ó rei dos amonitas, ó rei de Tiro e ó rei de Sidón polos embaixadores que veñen de Xerusalén onda Sedecías o rei de Xudá.

4Mándalles que lles digan ós seus señores:

‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel;

así lles habedes dicir ós vosos señores:

5"Eu son quen creou o mundo,

cos homes e cos animais que hai sobre a superficie da terra,

co meu enorme poder e co meu poderoso brazo:

e doullo a quen me parece ben.

6Agora eu poño todas estas nacións

na man de Nabucodonosor, o rei de Babilonia, o meu servo;

tamén lle dou todos os animais salvaxes para que o sirvan.

7Hano servir todas as nacións, a el, ó seu fillo e ó seu neto;

testemuña da chegada do período de gloria da súa nación serao tamén el,

cando pobos numerosos e reis poderosos sexan os seus vasalos.

8O pobo ou ó reino que non o sirva a el,

a Nabucodonosor, rei de Babilonia,

a ese pobo que realmente non poña o seu pescozo baixo o xugo do rei de Babilonia,

eu pedireille contas

coa espada, coa fame e coa peste

‑é o Señor quen fala‑

e acabarei con eles, servíndome de Nabucodonosor.

9Pero vós non lles fagades caso nin ós vosos profetas,

nin ós vosos adiviños, nin ás vosas soñadoras,

nin ós vosos agoireiros, nin ós vosos feiticeiros,

xa que eles vos repiten a cotío:

Non vos sometades ó rei de Babilonia.

10Sabede que é mentira o que eles vos están profetizando,

para vos afastaren a vós da vosa terra.

Si, heivos facer desaparecer, e vós pereceredes.

11Pero ó pobo que poña o seu pescozo baixo o xugo do rei de Babilonia,

e se someta a el,

eu fareino vivir tranquilo na súa terra

‑é o Señor quen fala‑,

traballará e vivirá nela".

 

Mensaxe a Sedecías

 

12A Sedecías, rei de Xudá, dígolle isto mesmo:

"Sometede o voso pescozo ó xugo do rei de Babilonia;

servídeo a el e ó seu pobo, e deste xeito, viviredes.

13¿Por que queredes morrer, ti e o teu pobo,

pola espada, de fame e de peste,

tal como lles dixo o Señor ós pobos que non se queren someter ó rei de Babilonia?

14Non lles fagades caso ós consellos dos profetas que vos din:

Non vos sometades ó rei de Babilonia;

é falso o que eles vos profetizan,

15pois eu non os mandei ‑é o Señor quen fala‑,

e por iso o que eles profetizan no meu Nome é mentira,

de sorte que eu vos vou facer desaparecer

e pereceredes vós e os profetas que profetizan para vós".

 

Mensaxe ós profetas e ó pobo

 

16Os profetas e a todo este pobo eu dígolles: ‑Así fala o Señor:

Non fagades caso das palabras dos vosos profetas que vos profetizan dicindo: "Velaquí os utensilios do templo do Señor que van ser traídos de volta de Babilonia agora, de seguidiña"; é mentira o que eles vos están profetizando. 17Vós non lles fagades caso. Sometédevos ó rei de Babilonia e viviredes; ¿para que converter esta cidade nun montón de ruínas? 18Se eles son profetas, se a palabra do Señor está da súa parte, que intercedan ante o Señor dos Exércitos para que non vaia a Babilonia o resto dos utensilios que quedaron no templo do Señor, no palacio do rei e en Xerusalén. 19En efecto, así fala o Señor dos Exércitos acerca das columnas, do Mar e das bases con rodas e do resto dos utensilios que quedan nesta cidade, 20os que non colleu Nabucodonosor, rei de Babilonia, cando el deportou, de Xerusalén a Babilonia, a Ieconías, fillo de Ioaquim rei de Xudá, e a toda a nobreza de Xudá e de Xerusalén.

21Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel, acerca dos utensilios que quedan no templo do Señor e no palacio do rei de Xudá e de Xerusalén:

22"Levaranos a Babilonia e quedarán alí ata o día en que eu me ocupe deles ‑é o Señor quen fala‑ para os facer subir e volver a este lugar sagrado".

 

Polémica entre Xeremías e Hananías: revelación do verdadeiro profeta

 

Capítulo 28

 

1Despois deste ano, o do comezo do reinado de Sedecías, rei de Xudá, no ano cuarto e no quinto mes, o profeta Hananías fillo de Azur, natural de Gabaón, díxome no templo do Señor, en presenza dos sacerdotes e de todo o pobo:

2‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

Estou disposto a romper o xugo do rei de Babilonia,

3Dentro de dous anos completos eu farei volver a este lugar os utensilios do templo do Señor, que o rei de Babilonia, Nabucodonosor, colleu deste sitio e levou a Babilonia. 4Tamén traerei eu a este lugar ‑é o Señor quen fala‑ a Ieconías, rei de Xudá, fillo de Ioaquim e todos os cativos de Xudá levados a Babilonia, xa que romperei o xugo do rei de Babilonia.

5Entón Xeremías, o profeta, respondeulle ó profeta Hananías en presenza dos sacerdotes e de todo o pobo que se atopaba no templo do Señor. 6O profeta Xeremías dixo:

‑¡Amén, que o Señor o faga deste xeito! Que o Señor cumpra a profecía que ti acabas de profetizar, traendo de Babilonia a este lugar os utensilios do templo do Señor e a todos os cativos. 7Pero fai o favor de escoitarme estas palabras que vou dicir para ti e para todo o pobo: 8"Os profetas que, coma min e coma ti  houbo desde sempre, profetizaban guerras, calamidades e peste a nacións numerosas e a grandes reinos. 9Se o profeta anunciaba fartura, ó cumprirse a súa palabra profética, o profeta era recoñecido como verdadeiramente mandado polo Señor".

10Entón o profeta Hananías colleu o xugo que o profeta Xeremías tiña posto ó pescozo e rompeuno, 11e diante de todo o pobo dixo:

‑Así fala o Señor: deste mesmo xeito hei romper dentro de dous anos completos o xugo que Nabucodonosor, rei de Babilonia, ten sobre o pescozo de todas as nacións.

O profeta Xeremías colleu o seu camiño e marchou.

12Despois que o profeta Hananías rompeu o xugo que Xeremías o profeta tivo ó pescozo, veulle a Xeremías esta palabra do Señor:

13‑Vaille dicir ó profeta Hananías: Así fala o Señor:

Ti rompiches xugos de madeira, pero despois destes hei facer xugos de ferro, 14pois así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Eu poño un xugo de ferro ó pescozo de todas estas nacións, para que sirvan a Nabucodonosor, rei de Babilonia, e sexan os seus vasalos, e aínda os mesmos animais salvaxes doullos a el".

15Logo Xeremías, o profeta, díxolle ó profeta Hananías:

‑Escóitame, Hananías; o Señor non te mandou, senón que ti es quen fai que este pobo se fíe de ilusión. 16Por iso, así fala o Señor: "Voute expulsar de sobre a superficie da terra: este mesmo ano morrerás, xa que predicaches a oposición ó Señor".

17E o profeta Hananías morreu o sétimo mes dese mesmo ano.

 

Escrito de Xeremías ós deportados no ano 598

 

Capítulo 29

 

1Estas son as palabras do escrito que desde Xerusalén mandou Xeremías, o profeta, ó resto dos anciáns desterrados, ós sacerdotes, ós profetas e a todo o pobo, que deportou Nabucodonosor de Xerusalén a Babilonia, 2despois de que o rei Ieconías, a raíña nai, o persoal da corte, os principais de Xudá e de Xerusalén, os técnicos e os ferreiros deixaron Xerusalén. 3Mandouno a Nabucodonosor, rei de Babilonia, por Elasah fillo de Xafán, e por Guermarías, fillo de Hilquías, ós que Sedecías, o rei de Xudá mandaba a Babilonia.

4‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel, a todos os desterrados que eu deportei de Xerusalén a Babilonia:

5Construíde casas e habitádeas,

plantade terreos e comede os seus froitos.

6Casade e tende fillos e fillas,

tratade de casar ós vosos fillos e ás vosas fillas,

para que vos dean netos e netas;

multiplicádevos aí, e non minguedes.

7Procurade a fartura da cidade a onde eu vos desterrei,

rezade ó Señor por ela,

xa que a súa fartura será a vosa fartura.

8Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

Que non vos enganen os profetas que están entre vós,

nin os vosos adiviños:

Non lles fagades caso ós vosos soños, que vós mesmos provocades.

9Ollade que vos profetizan ilusións no meu Nome,

Eu non os mandei ‑é o Señor quen fala‑.

10‑Así fala o Señor: tan axiña como se lle cumpran a Babilonia os setenta anos,

heivos facer unha visita, para cumprir convosco

a miña promesa de vos traer outra vez a este lugar.

11Soamente eu coñezo os proxectos que eu planeo para vós

‑é o Señor quen fala‑,

proxectos de fartura e non de desgraza,

de darvos un porvir e unha esperanza.

12Habédesme invocar e viredes onda  min;

rezarédesme a min, e eu escoitareivos.

13Andaredes á miña procura e habédesme atopar.

Buscarédesme de todo corazón,

14e eu deixarei que me atopedes ‑é o Señor quen fala‑

para cambiar a vosa sorte:

xuntareivos de entre todas as nacións e lugares

a onde vos dispersei ‑é o Señor quen fala‑

e fareivos volver de novo a este lugar de onde vos levei cativos.

15Si, vós dicides: "O Señor suscitounos profetas en Babilonia".

 

16Así fala o Señor acerca do rei que senta no trono de David e de toda a xente que vive nesta cidade, os vosos irmáns que non saíron convosco para a catividade. 17Así fala o Señor dos Exércitos: ‑Vede: vou mandar contra eles a espada, a fame e a peste e vounos volver coma figos pasados, que de malos non se poden comer.

18Vounos perseguir coa espada, coa fame e coa peste,

e convertelos en algo arrepiante para todos os reinos da terra,

que se nomeará nas maldicións:

desolación, burla e vergonza entre todas as nacións a onde os dispersei.

19Xa que non escoitaron as miñas palabras ‑é o Señor quen fala‑

aínda que eu lles mandei os meus servos, os profetas:

madruguei a mandalos, pero non fun escoitado

‑é o Señor quen fala‑.

20E vós, todos os deportados que eu mandei de Xerusalén a Babilonia, escoitade a palabra do Señor:

21‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel, acerca de Acab, fillo de Colaías e de Sedecías, fillo de Maseías, que profetizan mentiras no meu Nome: "Mirade que os entrego no poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, para que os axustice diante dos vosos mesmos ollos. 22Todos os desterrados de Xudá que viven en Babilonia recollerán da súa historia esta maldición: que te trate o Señor coma a Sedecías e coma a Acab, a quen o rei de Babilonia asou no lume. 23Pola súa culpa cometeuse unha deshonra en Israel: cometeron adulterio coa muller do seu próximo e dixeron cousas falsas no meu Nome, cousas que eu non lles mandei. Quen o sabe e é testemuña son eu ‑é o Señor quen fala‑".

 

Anuncio de castigo contra un falso profeta do desterro

 

24Dille a Xemaías, o de Nehelam:

25‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: ti mandaches no teu nome uns escritos a toda a poboación que reside en Xudá e ó sacerdote Sefanías, fillo de Maseías, e a todos os sacerdotes, dicíndolles: 26"O Señor constitúete sacerdote, sucesor do sacerdote Iehoiadá para seres o responsable do templo e de todo aquel que se considere profeta da destrución: a este tal méteo no cepo e na cadea. 27Entón ¿por que non reprendiches a Xeremías, natural de Anatot, quen se considera o voso profeta? 28¡Canta culpa ten! Chegou a nos mandar dicir en Babilonia: A cousa vai para lonxe: facede casas e vivide nelas, plantade terreos e comede os seus froitos".

29O sacerdote Sefanías leulle esta carta a Xeremías, o profeta. 30E veulle a Xeremías esta palabra do Señor:

31‑Mándalles dicir a todos os deportados:

Así fala o Señor acerca de Xemaías, o nehelamita:

"Xa que Xemaías vos anunciou oráculos sen que eu o mandase,

e deste xeito vos fixo confiar en ilusións, inxustamente,

32así fala o Señor:

Velaquí que eu lle pedirei contas a Xemaías, o nehelamita, e á sua descendencia,

non terá ningún descendente que habite con este pobo,

compracéndose do ben que eu lle farei ó meu pobo,

‑é o Señor quen fala‑

xa que predicou a rebeldía contra o Señor".

 

Oráculos salvíficos para o Reino de Israel e Xudá

 

Capítulo 30

 

1Palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías nestes termos:

2Así fala o Señor, o Deus de Israel:

‑Escribe para o teu servizo todas as palabras que eu che dite.

3Velaquí veñen os días ‑é o Señor quen fala‑ nos que eu cambiarei a sorte do meu pobo Israel e Xudá ‑dío o Señor‑ e volvereinos traer ó país que lles dei a seus pais, para que o reciban en herdanza.

4Estas son as palabras que o Señor lles di a Israel e a Xudá.

 

Angustias dun parto de esperanza

 

5Así fala o Señor:

‑Estamos oíndo berros de angustia,

de pavor sen acougo.

6Preguntade, ollade:

¿Están de parto os varóns?

¿Como é que vexo a todos os homes

coas mans nos riles coma a muller que está de parto,

todas as caras desfiguradas?

¡Ai, que palidez!

7¡Que día tan grande ese!

¡Non o hai coma el!

Momentos de angustia para Xacob,

pero verase libre dela.

 

Esnaquizarei o xugo de Xacob

 

8Aquel día ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑

esnaquizarei o xugo de Xacob que ti levas sobre a cabeza,

e romperei as túas piogas,

e os estranxeiros xa nunca máis o someterán á escravitude,

9senón que se someterán ó Señor, o seu Deus, e a David, o seu rei,

a quen eu constituirei sobre eles.

 

Voute traer a salvo de terras remotas

 

10E ti, meu servidor Xacob, non teñas medo ‑é o Señor quen fala‑

Israel, non te sintas abatido.

Mira que te vou traer a salvo desde terras remotas,

e vou traer a salvo a túa descendencia desde o país do seu desterro.

Volverá Xacob e vivirá tranquilo,

estará ó seguro e non haberá quen o atemorice.

 

11Atende: eu estou contigo ‑é o Señor quen fala‑

para terte a salvo.

Provocarei a destrución entre todos os pobos,

a onde te dispersei,

pero a ti non te destruirei:

soamente che farei aprender con castigos o que é xusto,

sen deixar nada sen corrección.

12Así fala o Señor:

profundo é o teu quebranto,

incurable é a túa ferida,

13non hai quen faga xustiza na túa causa: ¡que desangre!

Non hai remedio para ti: ¡que rego de sangue!

14Esquecéronte todos os teus amantes,

a ti xa non te buscan,

castigueite con castigo de inimigo,

con corrección cruel;

os teus pecados multiplican a débeda

da túa moita ruindade.

15¿Por que berras polo teu quebranto,

pola túa profunda ferida?

Si, os teus pecados son os que multiplicaron a débeda da tua moita ruindade,

son eu quen che fixen isto.

16Con todo, todos os que te devoran serán devorados,

e todos os que te perseguen irán ó desterro,

os que te rouban servirán de botín,

e a todos os que te saquearon entregareinos ó saqueo.

17Restablecerei a túa saúde,

curareite das túas feridas

‑é o Señor quen fala‑.

Chamáronte "a desaparecida",

"Sión non ten quen a busque".

18Pero, así fala o Señor:

‑Eu son o que transformarei o desterro das tendas de Xacob,

e terei piedade do seu xeito de vivir;

cada cidade será construída no seu petouto,

e cada pazo asentará no seu lugar propio.

19Sairán deles cántigas de agradecemento,

e os aturuxos dos que están de festa.

Multiplicareinos e non minguarán,

fareinos xente de ben e non serán desprezables.

20Os seus fillos terán os privilexios de antes,

e a súa asemblea manterase firme na miña presenza.

Eu castigarei a todos os seus opresores.

21O xefe será un dos seus,

e o soberano nacerá deles;

eu fareino achegarse, e achegarase a min, pois ¿quen é o que pola súa conta se achegaría a min?

‑é o Señor quen fala‑.

22E deste xeito volveredes ser para min o meu pobo,

e eu serei para vós o voso Deus.

23Velaí a tormenta do Señor:

sae o seu furor,

a súa tempestade vólvese ameazadora,

dá voltas sobre a testa dos malvados.

24Non cederá o ardor da ira do Señor

ata que realice e cumpra os proxectos do seu corazón.

O que pasen estes días, entenderédelo.