Capítulos 1-5

Título

 

Capítulo 1

 

1Historia de Xeremías, fillo de Hilquías, que pertencía ós sacerdotes que había en Anatot, na bisbarra de Benxamín, 2a quen lle veu a palabra de Deus desde o tempo de Ioxías fillo de Amón,   rei de Xudá,  desde o ano trece do seu reinado, 3e continuou desde o tempo de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, ata acabar ós once anos do reinado de Sedecías, fillo de Ioxías, en Xudá, e ata o quinto mes do desterro de Xerusalén.

 

 

I. ORÁCULOS CONTRA XUDÁ

 

Vocación do profeta

 

4A palabra do Señor veume dicir:

5‑Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite;

antes de lle saíres das entrañas, consagreite;

constituínte profeta para as nacións.

6Entón eu díxenlle:

‑¡Ai, meu Señor, Deus!

Repara en que non sei falar,

que son un rapaz.

7Logo o Señor respondeume:

‑Non digas: "son un rapaz",

pois a onde eu te mande, irás;

o que eu che ordene, dirás.

8Non lles teñas medo,

Eu estou contigo para te salvar  ‑é o Señor quen fala‑.

9Alongou o Señor a súa man e tocou con ela na miña boca; logo díxome:

‑Fíxate: poño a miña palabra na túa boca,

10mira que hoxe te fago inspector

sobre as nacións e sobre os reinos,

para arrincar e derrubar,

para destruír e arruinar,

para construír e plantar.

11A palabra do Señor veume de novo:

‑¿Que estás a ollar, ti, Xeremías?

Repuxen:

‑Unha vara de amendoeira é o que estou ollando.

12Volveume dicir o Señor:

‑Viches ben: eu estou alerta coa miña palabra

para a cumprir.

13Volveume de segundas a palabra do Señor:

‑¿Que estás a ollar?

Repuxen:

‑Vexo un pote co lume atizado,

coa boca do tiro cara ó norte.

14Díxome o Señor:

‑Do norte atizarase a calamidade,

sobre todos os habitantes do país.

15Velaquí, estou para chamar

a todas as dinastías do norte ‑é o Señor quen fala‑:

Virán, e cada unha afincará o trono

e abrirá as portas de Xerusalén

no círculo de todos os seus muros,

en todas as cidades de Xudá.

16Dictarei por medio deles as miñas sentencias

por causa da maldade dos que me abandonaron,

dos que adoraron a outros deuses,

dos que se prostraron ante as obras das súas mans.

17Pero ti has cinguir o teu van

has erguerte e dicirlles

todo o que eu che mande.

Non te acovardes por medo deles,

non sexa que eu te faga esmorecer diante deles.

18Fíxate: hoxe convértote en cidade cortada a pico,

en columna de ferro, en muralla de bronce, para todo o país,

para os reis de Xudá e para os seus príncipes,

para os seus sacerdotes e para a xente do campo.

19Faranche guerra, pero non poderán contigo,

pois contigo estou eu para te salvar ‑é o Señor quen fala‑.

 

As contas que Deus pide

 

Capítulo 2

 

1Veume a palabra de Deus:

2‑Vai e berra nos oídos de Xerusalén:

Así me ten dito o Señor:

quero recordarche o agarimo da túa xuventude,

o amor do teu namoro,

o teu camiñar tras de min polo deserto,

por terras sen sementeira.

3Israel era a propiedade escollida de Deus,

primicia da súa colleita;

sempre que calquera se atreva a comela, pagarao,

viralle enriba unha calamidade ‑é o Señor quen fala‑.

4Escoitade a palabra de Deus, fillas de Xacob,

todas as tribos descendentes de Israel:

5‑Así ten falado o Señor:

¿Que cousa torta atoparon en min vosos pais,

para se afastaren de min?

Fóronse tras dos que son nada

e volvéronse nada.

6En vez de preguntar: ¿onde está o Señor

que nos sacou de Exipto e nos deu forzas

para camiñar polo deserto,

por terras ermas e fragas,

por terras requeimadas e sombras de morte,

por sitios que ninguén pasa

e onde o home non habita?

7Eu conducinvos ó país dos hortos,

para que comésedes os seus froitos e os seus bens;

pero vós entrastes e luxastes a miña  terra,

convertestes en algo noxento o meu eidiño.

8Os sacerdotes xa non preguntan:

¿Onde está o Señor?

Os que tiñan que conservar a Lei,

xa non me coñecen,

os pastores aborrécenme,

os profetas profetizan en nome de Baal,

van tras deuses que de nada serven.

9¡Veña un trono, que vou preitear convosco!

‑é o Señor quen fala‑.

Si, cos fillos dos vosos fillos tamén preitearei.

10Ollade: atravesade ata as costas de Chipre e mirade,

mandade xente a Quedar e repasade desde antigo:

ollade: ¿hai algo coma isto?

11¿Cambiou de deuses un pobo algunha vez?

(e iso que aqueles non son deuses).

Pero o meu pobo cambiou a miña adoración

pola dun deus que non serve.

12Os ceos véñense fixando nisto,

están estarrecidos e alporizados desde entón,

‑é o Señor quen fala‑,

13pois dúas maldades cometeu o meu pobo:

deixoume a min, viveiro de auga vivificadora,

polos pozos gretados que non reteñen a auga.

 

Amargas consecuencias do abandono do Señor

 

14¿É Israel un escravo ou é un fillo nado na familia?

¿Como é que se converteu en presa

15pola que roxen os leóns e lanzan os seus ruxidos?

Converten a súa terra en algo horrible,

as súas cidades están arrasadas sen habitantes.

16Con berros as xentes de Nof e de Tafnes

excitan a túa altiveza.

17¿Acaso isto non che está pasando,

por abandonares o Señor, o teu Deus,

aquel que te facía camiñar polo seu vieiro?

18Pois ¿que se che perde camiño de Exipto?

¿Acaso bebes a auga do Nilo?

¿Que se che perde camiño de Asiria?

¿Acaso bebes a auga do Éufrates?

19A túa maldade será quen te instrúa co seu castigo

e as túas apostasías serán as que te castiguen.

Recoñece o desastroso, o amargo

que che resulta abandonar o Señor,

e non respectar o teu Deus

‑é o Señor, Iavé todopoderoso, quen fala‑.

20Fíxate: desde antigo rompiches o teu xugo

e fixeches saltar as túas piogas,

e dixeches: "nunca máis serei servo".

Velaquí que sobre todo monte alto,

e baixo toda árbore frondosa,

ándaste agachando para dáreste á prostitución.

21Eu fixen de ti un plantío de cepa escollida,

todo el de patrón lexítimo,

¿con que dereito te me volviches cepa brava, dexenerada?

22Se te lavas con lixivia

e se multiplicas os teus lavados con xabón,

a túa culpa será expiada ante min

‑é o Señor, o teu Deus, quen fala‑.

 

Respostas ás declaracións de inocencia do pobo

 

23¿Como te atreves a dicir:

"non estou manchada,

non fun tras dos baales"?

Olla as túas pegadas polo val,

e recoñece o que fixeches,

lixeira poldriña de camela

que trotea o seu vieiro,

24burra salvaxe afeita ós ermos,

que no seu celo cheira o vento:

¿quen a volverá?

Quenquera que a busque

non se precisa cansar,

atópaa no seu celo.

25Deixa de andar sen ferraduras,

abandona a clareira onde pasas sede.

Ti respondes: "¡Non porfíes!

pois quixen sempre os estranxeiros,

e ireime tras eles".

26Como está avergonzado un ladrón cando o sorprenden,

así sorprendida hase avergonzar a casa de Israel,

ela e mais os seus reis e os seus príncipes,

os seus sacerdotes e mais os seus profetas.

27Eles son os que lle din a un anaco de madeira:

"ti es o meu pai",

e a unha pedra: "ti es a que me pariu".

Eles vólvenme as costas, e non dan a cara.

Pero cando lles veña a desgraza,

aparecerán ante min a dicir:

"¡Ei, Señor, sálvanos!"

28E logo ¿onde están os teus deuses, os que para ti fixeches?

¡Que eles esperten, se te poden salvar

na hora da túa calamidade!

Olla, Xudá: o número das túas cidades

é o mesmo có número dos teus deuses.

29¿Por que preiteaches comigo,

se todos vos rebelastes contra min?

‑é o Señor quen fala‑.

30Estou castigando os vosos fillos en van:

non aprenden;

a vosa propia espada devorou os vosos profetas

¡Vede que un león devorador vos anda  arredor!

31Tede coidado coa palabra do Señor.

 

¿Por acaso volvinme eu para Israel un ermo,

ou unha terra escurísima?

¿Por que entón di o meu pobo: "queremos ser libres,

non volveremos máis xunto a ti"?

32¿Acaso esquece a rapaza os seus enfeites,

e a esposa os seus lazos?

Pero o meu pobo esqueceuse de min,

desde tempo sen conto.

33¡Que ben coñeces o teu camiño para procurar o amor!

Para faceres o mal ¡aprendiches ben os teus vieiros!

34Nas túas mans sangue,

a vida dos pobres inocentes;

non o sangue dos que son sorprendidos furando nas paredes

senón o que saíu de todos estes.

35Ti respondes: "pois eu son inocente,

e a ira de Deus apartouse de min".

Repara: eu estou litigando contigo,

por iso que dis: "non pequei";

36pois ¡como te apartas desde tan antigo,

como cambiar o teu vieiro!

Avergonzaraste de Exipto,

como estás avergonzada de Asiria:

37A berros sairás entón un cento de veces

coas mans na cabeza.

O Señor rexeitou os que che eran de confianza:

non terás sorte con eles.

 

Capítulo 3

 

1Dilles:

‑Se un deixa a súa muller, e ela se vai de onda el,

e ela é doutro home, ¿volverá onda ela o primeiro?

¿Por acaso non está profanada esta cidade?

¿E ti non es a prostituta de moitos amantes?

Pero volve a min ‑é o Señor quen fala‑.

2Ergue os ollos para os teus dous amantes:

¿onde non fornicaron contigo?

A beira dos camiños sentábaste agardándoos,

como fan os nómades de Arabia no deserto.

Profanaches a terra

coas túas prostitucións e coas túas maldades.

3Non se che dan as chuvias do ceo, non hai a chuvia do abril.

Ti tes cara de prostituta, e non queres avergonzarte.

4¿Acaso non viñeches onda min? ¿Acaso non me clamaches: "meu Pai,

ti es o amigo da miña mocidade"?

5¿Seguirá Deus enfadado para sempre,

ou gardarame rancor perpetuo?

Velaquí o que ti dis, pero segues facendo as maldades

e cada vez con máis forza.

 

6Nos tempos do rei Ioxías díxome o Señor:

‑¿Non viches o que fixo a apóstata Israel, que subía a todo monte alto e se agachaba baixo toda árbore frondosa, para se dar alí á prostitución? 7Despois que ela fixo contra min todas estas cousas, eu dixen: "Converterase", pero non se converteu.

Ollouno Xudá, a pérfida da súa irmá. 8Mostrei quen son castigando a apóstata Israel por se dar ó adulterio: rexeiteina e deille a acta de divorcio. Pero non colleu medo a pérfida da súa irmá Xudá, e vai e dáse á prostitución tamén ela. 9A súa lixeireza para a prostitución corrompe o país, xa que comete adulterio cos que son pedra e madeira. 10A pérfida de Xudá non se aparta converténdose a min de corazón, senón soamente na aparencia ‑é o Señor quen fala‑.

 

Tres chamadas á conversión

 

11Logo díxome o Señor:

‑Máis xusta é a actitude da apóstata Israel cá da pérfida Xudá.

12Vai e proclama a berros este oráculo cara ó norte:

Volve, apóstata Israel ‑é o Señor quen fala‑,

e non deixarei caer o meu enfado sobre vós;

ollade que eu son compasivo ‑é o Señor quen fala‑

e non me quero enfadar contra a vosa rebeldía.

13Recoñece a túa impiedade,

pois pecaches contra o Señor, teu Deus,

dirixiches os teus camiños a deuses estranxeiros

baixo calquera árbore frondosa

e non quixeches escoitar a miña voz

‑é o Señor quen fala‑.

14Arrepentídevos, fillos apóstatas

‑é o Señor quen fala‑,

velaquí, eu serei o voso defensor:

collereivos a un de cada cidade, e a dous de cada tribo

e traereivos a Sión.

15Dareivos pastores conforme a miña idea

que vos gobernen con sabedoría e sexan prudentes.

16Habédesvos de multiplicar

e aumentar no país naqueles días ‑é o Señor quen fala‑.

Ninguén falará da arca da alianza do Señor,

nin se lles virá á cabeza, nin se lembrarán dela,

nin a botarán de menos, nin farán unha nova.

17No tempo aquel chamaranlle a Xerusalén "trono de Deus"

e xuntaranse nela todos os pobos

polo poder do Señor e por mor de Xerusalén,

e xa non volverán a seguir os desexos do seu ruín corazón.

18Desde aqueles días xuntaranse

o reino de Xudá co reino de Israel

(e xuntos virán da rexión do norte ó país

que eu lles dei en herdanza a seus pais).

19Velaquí que eu xa teño dito:

‑¡Con que amor te conto entre os meus fillos

e che dou un país precioso,

e herdas unha gloria superior ás demais nacións!

¡Con que gusto eu repito: chamarédesme "meu Pai",

endexamais non deixaredes de seguirme!

20O mesmo que unha muller traizoa o seu marido,

así vós me traizoaches a min, reino de Israel

‑é o Señor quen fala‑.

21Escóitanse berros nos petoutos,

choros suplicantes dos fillos de Israel.

Velaquí que perderon o seu camiño,

esqueceron o Señor, seu Deus.

22‑Volvede, fillos apóstatas,

eu fareivos abandonar as vosas apostasías.

 

Autoconfesión dos pecados do pobo

 

‑Míranos aquí, que vimos xunto a ti,

xa que ti, Señor, es o noso Deus.

23En verdade, ¡que engano hai nos outeiros,

que confusión nos montes!

En verdade, no Señor noso Deus,

está a salvación de Israel.

24Cousas vergonzosas consumiron os aforros dos nosos pais

desde a nosa xuventude

(as súas ovellas e vacas, os seus fillos e fillas).

25Deitámonos coa nosa desvergonza e tapounos a nosa ignominia;

pecamos contra o Señor, o noso Deus, nós e nosos pais,

desde a nosa xuventude ata hoxe;

non fixemos caso da palabra do Señor, noso Deus.

 

Promesas salvíficas condicionadas

 

Capítulo 4

 

1Se te volves, Israel ‑é o Señor quen fala‑, volve a min;

se deixas a un lado as túas ignominias,

non andarás vagabunda lonxe de min;

2se xuras "¡Vive o Señor!"

(con verdade, con xustiza e con dereito),

El bendicirá por ti os pobos e cubriraos de gloria.

 

 

II.SERIE DE ORÁCULOS DE COMENTARIOS DO PROFETA

 

3Ollade o que lles di o Señor ós homes de Xudá e de Xerusalén:

‑Desarmádevos a vós mesmos, que sodes campos ermos,

e non sementedes cardos.

4Circuncidádevos en ofrenda ó Señor

sacade do voso corazón os impuros prepucios,

homes de Xudá e veciños de Xerusalén,

senón a miña ira saltará coma lume

e queimará sen ter quen o apague,

á vista da maldade dos vosos feitos.

5Facédello saber a Xudá,

facédello escoitar a Xerusalén e dicídelle:

tocan o corno polo país, chaman a formar, a pórse en filas,

tomemos as cidades do Inexpugnable,

6collede a bandeira de Sión, fuxide sen parar.

Ollade, eu estou traendo do norte unha desgraza,

unha grande ruína,

7está subindo o león da frondosidade,

bótase fóra o devorador de pobos,

sae do seu tobo para converter o teu país en algo horrible,

para que as túas cidades sexan arruinadas

polo aniquilador dos seus veciños.

 

8Por iso vestídevos de saco,

facede loito e lamentádevos,

ollade que non se apartan de nós

a ardente indignación e a ira do Señor.

 

9No día aquel ‑é o Señor quen fala‑

esvaecerá o corazón do rei e mais o dos príncipes,

aparvarán os sacerdotes, e pasmarán os profetas.

10Entón eu dixen:

‑¡Ai, Señor, meu Deus!

En verdade enganaches a este pobo e a Xerusalén,

dicíndolle: "Teredes fartura e paz",

Velaquí a espada que nos chega á gorxa.

11No tempo aquel diranlle a este pobo e a Xerusalén:

‑Un vento quente de arriba vén do deserto,

camiño da capital do meu pobo;

non é vento de erguer nin de limpar;

12coma ese vento, un espírito forte de maldición apodérase de min.

Agora eu ditarei a berros sentencia contra eles:

13"Velaquí que sobe coma unha nube,

os seus carros coma unha poeira,

os seus cabalos máis veloces cás aguias.

¡Ai de nós, que nos esnaquizan!"

14‑Limpa da ruindade o teu corazón, Xerusalén,

para que poidas salvarte,

¿Por canto tempo durmirán no teu peito os plans da túa desgraza?

15Velaquí que se está oíndo unha voz que vén de Dan,

escoitade unha desgraza que vén dos montes de Efraím:

16Acordádellelo ós pobos: "¡Velaquí!";

facédello escoitar a Xerusalén:

"Os atacantes chegan dun país remoto,

xa lanzan os seus gritos de guerra contra as cidades de Xudá".

17‑¡Os gardas do Poderoso están arredor contra ela,

pois ela está contra min! ‑é o Señor quen fala‑.

18O teu comportamento e os teus feitos trouxéronche isto,

esta é a calamidade que te aflixe. ¡Que amargura!

¡Como chega ó teu corazón!

19‑¡As miñas entrañas! ¡As miñas entrañas retórcense de dor!

Chamo ó meu corazón; anda solto:

non son capaz de atalo.

Estou oíndo o ronquido do corno, o estrondo dos gritos de guerra:

o barullo das gorxas da guerra,

20un arrasamento chama por outro, todo o país está estragado,

dun golpe estragan as miñas tendas, dun empurrón os meus campamentos.

21¿Ata que día ollarei a bandeira

e oirei o ronquido do corno?

22‑Que aparvado está o meu pobo: a min non me recoñece;

son fillos aparvados, non as pensan;

son espelidos para facer o mal, non saben facer o ben.

23Enxergo o país, e vexo un caos,

enxergo o ceo, e non ten a súa luz;

24enxergo os montes, e están tremendo,

enxergo os petoutos e todos estarrecen;

25miro atentamente, e nin cultivo hai,

todos os paxaros do ceo voaron;

26miro, e o horto volveuse un deserto,

todas as cidades do meu pobo están arrasadas,

ante a presenza do Señor, polo ardor da súa ira.

27Ollade o que di o Señor:

‑Todo o país se volverá un estrago,

o estrago serei eu quen a faga;

28por iso a terra volverase erma,

e o ceo escuro, por causa de tanto delito;

ollade que o dixen, penseino ben,

non me arrepinto nin retiro a miña palabra.

29Soamente co ruído dos xinetes e dos arqueiros

foxe toda a cidade, métense na espesura, ruben ós penedos;

toda a cidade está abandonada; non queda sequera un veciño.

30¡Olla para ti, como estás arrasada!

¡Que fas! ¿Como te vistes de seda?

¿Como te enfeitas con adornos de ouro?

¿Como estendes con negro a raia dos teus ollos?

¡Poste bonita para nada;

os teus amantes desprézante,

buscan acabar coa túa vida!

31Xa houbo berros coma de quen se retorce no parto,

angustias coma dunha primípara;

é o grito da filla de Sión que xeme,

é ela quen estende as súas mans:

"¡Ai de min, xa non teño forzas!

¡Ai da miña vida, que me matan!"

 

Capítulo 5

 

1Percorrede as rúas de Xerusalén, ollade ben e fixádevos,

esculcade as súas prazas por se atopades a alguén,

por se hai quen faga o que é xusto, quen busque a verdade,

así eu perdoarei a cidade.

2Se din: "¡Vive o Señor!",

é para xuraren en falso.

3‑¿Acaso non é a verdade o que enxergan os teus ollos, Señor?

Batícheslles e non lles doeu,

esnaquizáchelos e non aprenderon a lección;

puxeron caras máis duras cá pedra,

refugaron converterse.

4E eu pensaba para min: que ignorantes, que loucos,

non coñecen o camiño do Señor,

o precepto do seu Deus.

5Irei eu mesmo onda os grandes e falareilles,

pois eles coñecen o camiño do Señor,

o precepto do seu Deus.

‑Velaí, todos a unha partiron o xugo,

fenderon os cancís,

6por iso feriraos o león que sae da selva,

devoraraos o lobo que sae da carpaceira,

unha pantera está á espreita das súas cidades,

esnaquizará a todos os que saian delas,

porque multiplicaron os seus pecados

e as súas apostasías.

7¿Como che podo perdoar isto,

se os teus fillos me seguen abandonando

e xuran polos que non son deuses?

¿Como os podo fartar se seguen facendo adulterio

e indo en manada á casa da prostituta?

8Son cabalos cebados e en celo,

cada un rincha trala muller do veciño.

9¿Acaso de todo isto non vos vou pedir contas?

‑é o Señor quen fala‑.

¿Acaso non me vou vingar eu mesmo dun pobo coma este?

10Subide ás súas viñas e destruídeas;

facede a desfeita máis completa,

facédelle desaparecer as vides,

pois xa non lle pertencen ó Señor.

11Si, fóronme infieis a casa de Israel e a casa de Xudá

‑é o Señor quen fala‑;

12renegaron do Señor, e dixeron: "El non é ninguén,

por iso non nos pode vir ningunha calamidade,

non sentiremos a espada nin a fame.

13Os seus profetas son vento,

a súa palabra non está neles".

Pero todo iso lles pasará.

14Por isto, así fala o Señor, Deus dos exércitos:

‑Xa que vós dixestes estas cousas,

vede que converterei en lume as palabras que eu poño na túa boca:

consumirás este pobo coma un montón de leña.

 

 

III. SERIE DE ORÁCULOS DE CASTIGO

 

Anuncio de castigo

 

15Ollade que eu estou traendo contra vós,

un pobo remoto, casa de Israel ‑é o Señor quen fala‑:

é un pobo imperecedoiro, un pobo que vén de moi antigo,

un pobo ó que non lle coñeces a fala, nin comprendes o que di;

16as súas alxabas son coma sepulturas abertas,

a súa destrución é a dos heroes.

17Comerán as túas colleitas e o teu pan,

devorarán os teus fillos e as túas fillas,

comerán as túas ovellas e as túas vacas,

comerán as túas viñas e as túas figueiras,

arrasarán coa espada as túas cidades inexpugnables,

nas que ti pos tanta confianza.

 

Deportación do pobo de Xudá

 

18Velaquí o que ben alto vos di o Señor:

‑Naqueles días eu provocarei entre vós a destrución.

19E se preguntan:

‑¿Por que o Señor, noso Deus, nos inflixiu todos estes males?

Ti responderaslles:

‑O mesmo que vós me abandonastes a min, para servirdes deuses alleos no voso país, así tamén serviredes vós os estranxeiros nun país que non é o voso.

 

Oráculo de acusación

 

20Comunicádelle isto á casa de Xacob,

proclamádello a Xudá, dicindo:

21‑Escoitade isto, pobo louco e sen xuízo:

teñen ollos e non ven,

teñen oídos e non escoitan.

22¿A min non me tedes respecto? ‑é o Señor quen fala‑.

¿Non tremedes ante a miña presenza?

Eu son o que puxen a area de lindeiro para o mar:

marxe eterna que el non traspasa;

enfurécense as súas ondas, pero non son capaces,

revólvense, pero non traspasan a marxe.

23Este pobo ten un corazón duro e aparvado,

apartouse e marcha para lonxe.

24Nin sequera pensa no seu corazón:

"Respectemos o Señor, o noso Deus,

ollade que nos está instruíndo,

ó darnos a chuvia de cedo e a chuvia de tarde ó seu tempo,

ó manter para nós as semanas xustas para a seitura".

25As vosas iniquidades impedirán estas cousas,

os vosos pecados apartarán a chuvia de vós.

26Velaquí que no meu pobo hai   malvados;

están, coma cazadores, alerta contra o teu remedio,

levantan firme a ruína, cazan homes.

27Como un cesto cheo de paxaros

así están as súas casas cheas de roubos;

28así medran, fanse ricos,

crecen gordos e lustrosos.

A berros proclaman a sentencia inxusta,

non xulgan conforme o dereito;

o xuízo do orfo endexamais non ten éxito,

nin sentencian o dereito dos pobres.

29Destas cousas ¿non vou pedir contas? ‑é o Señor quen fala‑;

dun pobo coma este ¿non me vingarei eu mesmo?

30Cousas horribles e vergonzosas pasan no país:

31os profetas profetizan con mentira,

os sacerdotes asoballan ó levantaren as súas mans,

e o meu pobo está contento vivindo deste xeito.

¿Que fará cando chegue o desenlace?