Capítulos 51-55
Liturxia da consolación de Sión. Chamada á confianza no poder salvífico do Señor
Capítulo 51
1Escoitádeme os que procurades a xustiza, os que buscades o Señor.
Ollade para o penedo de onde fostes tallados e para o pozo de onde fostes escavados.
2Ollade para o voso pai Abraham e para Sara, a que vos deu a luz.
El era un só cando o chamei, pero bendicino e multipliqueino.
3Cando o Señor console a Sión e a todas as súas ruínas,
fará do deserto coma o Edén e da estepa coma o xardín do Señor,
contento e ledicia haberá nel, acción de grazas e son de cántigas.
A miña salvación durará para sempre
4¡Aténdeme, pobo meu!
¡Poboación miña, escóitame!:
unha lei sae de onda min,
e a miña sentencia será a luz dos pobos.
5Poño en movemento a miña pronta vitoria,
sae a miña salvación
e o meu brazo xulgará os pobos.
En min porán a esperanza as nacións costeiras,
e esperarán no meu brazo.
6Levantade os vosos ollos cara ó ceo,
e ollade para a terra que está abaixo,
pois o ceo esvaecerá coma fumareda,
e a terra cambiará coma un vestido:
os seus habitantes morrerán coma mosquitos,
pero a miña salvación durará para sempre
e a miña xustiza non decaerá.
7Escoitádeme os que coñecedes a xustiza,
pobo que tes a miña revelación no teu corazón:
Non lle teñades medo ó desprezo dos homes,
cos seus insultos non estarrezades,
8o carbuncho comeraos coma a un vestido,
e a traza devoraraos coma a lá,
pero a miña xustiza durará sempre,
e a miña salvación por xeracións de xeracións.
Súplica ó poder do Señor e resposta
9¡Esperta, esperta e revístete de poder,
brazo do Señor!
Esperta coma nos días de antes,
coma nas xeracións eternas.
¿Acaso non fuches ti quen matou a Ráhab,
e acoitelou ó Dragón?
10¿Acaso non fuches ti quen secou o Mar,
as augas do grande Abismo,
que converteu o profundo do mar nun camiño,
para o paso dos redimidos?
11Si, os rescatados do Señor volverán
e entrarán en Sión con xúbilo.
Haberá ledicia eterna sobre as súas cabezas,
invadiraos o xúbilo e a alegría;
o tormento e os suspiros xa fuxiron.
Eu, Iavé, son o que te consola
12Eu, eu son quen te consola.
¿De que terás medo ti? ¿Dos homes? ‑Morrerán.
¿Do fillo do home? ‑Non é máis ca herba.
13Esquecícheste do Señor, o teu creador,
o que estendeu o ceo e fundamentou a terra,
por isto estiveches estarrecido todo o día,
pola furia do opresor, cando se decidiu a arrasar.
Pero ¿onde está a furia do opresor?
14O preso será librado axiña:
non morrerá no pozo nin lle faltará o seu pan,
15pois eu son o Señor, o teu Deus,
que axito o mar de xeito que braden as súas ondas.
‑Señor dos Exércitos é o meu nome‑.
16Si, puxen as miñas palabras na túa boca,
e cubrinte coa sombra da miña man;
desde que plantei o ceo e fundamentei a terra,
díxenlle a Sión: "O meu pobo es ti".
A copa da ira do Señor pasa agora ós seus inimigos
17¡Esperta, esperta, levántate, Xerusalén!,
que xa bebiches da man do Señor a copa da súa ira:
da borracheira, xa a bebiches ata o fondo.
18Entre todos os fillos que deu a luz,
non hai quen a guíe.
Entre todos os fillos que ela criou,
non hai quen a colla pola man.
19Estas dúas cousas acontecéronche: ¿Quen se doía de ti? Saqueo e caída, fame e espada. ¿Quen se doía de ti?
20Os teus fillos non tiñan forzas,
caeron nos cruces de todas as rúas,
coma o antílope na rede do cazador,
esmagados pola ira do Señor, pola furia do teu Deus.
21Por isto, escoita ti,
aflixida e borracha, aínda que non de viño.
22Así fala o teu Señor, Iavé,
o teu Deus que se querelaba co seu pobo:
"Velaí: xa collín da túa man a copa da borracheira,
non seguirás bebendo o cáliz da miña ira,
23pois o puxen na man dos que te aflixiron,
dos que che dixeron a ti mesmo: Tómbate para que pasemos,
pon o teu lombo como a terra, como a rúa para os que pasen".
Anuncio da liberación
Capítulo 52
1"¡Esperta, esperta, revístete do teu poder, Sión!;
¡viste os teus vestidos de esplendor, Xerusalén, Cidade Santa!,
que non seguirán entrando en ti nin incircunciso nin impuro.
2¡Sacude o po, levanta, Xerusalén cativa!"
3Así fala o Señor: "fostes vendidos de balde: sen prata seredes redimidos".
4Así fala o Señor Iavé:
"nun principio o meu pobo baixou a Exipto para vivir alí coma emigrante,
e logo Asiria oprimiuno por nada.
5¡Pois ben! ¿Quen son eu aquí ‑é o Señor quen fala‑ para que se me colla ó meu pobo sen máis,
e os seus dominadores berren triunfantes ‑é o Señor quen fala‑
e se ande a desprezar decote o meu Nome?
6Por isto o meu pobo recoñecerá de certo o meu Nome naquel día, cando eu diga: ¡Aquí estou!"
Anuncio da boa Nova: o teu Deus reina
7¡Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!
8¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
"Todos os ollos contemplarán a volta do Señor a Sión".
9Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.
10O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de todos os pobos,
e todos os confíns da terra viron a salvación do noso Deus.
11Apartade, apartade, saíde de aí, non toquedes cousa impura.
Saíde do medio dela, mantédevos limpos, os que levades os vasos do Señor.
12Non saiades de présa nin marchedes á escapada,
que diante de vós camiña o Señor, e a vosa retagarda é o Deus de Israel.
Cuarto poema do Servo de Iavé
13Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ó seu Servo.
14A grande multitude quedará abraiada ante el,
pois o seu aspecto non parecía o dun home,
a súa figura non parecía a dun fillo de Adam.
15Pero agora fará conmover a pobos numerosos:
por causa del os reis pecharán a súa boca,
porque contemplarán o que nunca se lles contou, e comprenderán o que nunca escoitaron.
Capítulo 53
1¿Quen creu o que lle dixemos?
¿A quen se lle revelou o brazo do Señor?
2El subiu coma tenro gromo na súa presenza,
coma raíz en terra reseca.
Non tiña beleza nin esplendor;
vímolo, e o seu aspecto non era atraente.
3Desprezado, o máis rexeitado dos homes,
varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.
Coma alguén de quen se esconde a cara,
desprezado, non lle tivemos aprecio.
4El cargou coas nosas dores,
el soportou os nosos sufrimentos.
Nós considerámolo ferido,
castigado por Deus e aflixido.
5Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,
foi esmagado polas nosas iniquidades.
O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a nosa curación.
6Todos nós coma rabaño andabamos perdidos,
cada un polo seu camiño.
Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós.
7Foi oprimido, foi aflixido;
pero el non abriu a súa boca.
Foi levado coma unha res á matanza,
e, coma ovella muda ante o tosquiador,
non abriu a súa boca.
8Foi levado cun xuízo perverso,
ninguén se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do mundo dos vivos,
para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.
9Puxeron a súa sepultura entre os malvados,
e a súa tumba entre os ricos,
aínda que non cometeu violencia,
nin houbo fraude na súa boca.
10O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
11Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará.
12Por isto repartirei con el xunto cos grandes,
e cos poderosos terá parte no botín,
porque entregou a súa vida á morte
e foi contado cos malvados.
Si, el foi o que cargou co pecado de moitos
e fai a intercesión polos malvados.
Restauración gloriosa de Sión
A) Restauración humana
Capítulo 54
1Berra leda ti, estéril,
a que non deches a luz,
rompe en aclamacións,
exulta ti, a que non sentiches as dores do parto,
porque os fillos da abandonada serán moitos máis
cós fillos da casada ‑dixo o Señor‑.
2Alonga o espazo da túa tenda,
estende as cortinas das túas moradas,
non te negues;
alonga as túas cordas, afinca as túas ferraxes,
3que terás que estenderte para a dereita e para a esquerda,
pois a túa descendencia herdará nacións
e volverá habitar cidades arrasadas.
4Non teñas medo, que non te avergonzarás,
non teñas vergonza, que non terás que ruborizarte,
pois esquecerás a vergonza da túa mocidade,
e do oprobio da túa viuvez non te lembrarás máis.
5Pois velaí o teu Facedor, o teu Creador,
Señor Todopoderoso é o seu nome.
Certo que o teu Redentor é o Santo de Israel,
chámase Deus de toda a terra.
6Si, o Señor chamoute
coma a esposa abandonada e aflixida no espírito,
e coma a esposa da xuventude,
que de certo foi rexeitada;
o teu Deus díxoche:
7"Durante un pouco tempo abandoneite,
pero con inmensa compaixón recollereite.
8Por un arrebato de ira escondín a miña cara de ti algún tempo
pero con amor eterno teño compaixón de ti
‑dixo o Señor, o teu Redentor‑.
9Si, nos días de Noé aconteceume isto:
xurei que as augas de Noé non volverían cruzar sobre a terra,
así tamén xurei que non me enfadaría contra ti nin te ameazaría.
10Pois os montes moveranse e os outeiros abanearán,
pero o meu amor non se moverá de onda ti
e a miña alianza de paz non cambaleará
‑dixo o Señor, que ten compaixón de ti‑.
B) Restauración material
11Aflixida, azoutada polos ventos, non es compadecida.
Olla que eu asento con cordel de color as túas pedras
e ciméntote con zafiros.
12Asento as túas torres con rubís, e as túas portadas con pedras de cuarzo.
Toda a túa muralla con pedras preciosas.
13Todos os teus fillos son discípulos do Señor,
e mestres da paz son os teus fillos,
14(e) estabas ben afincada na xustiza.
Gárdate lonxe da opresión. ¡Non teñas medo!
E lonxe do terror. ¡Que a ti non se arrime!
15Se alguén te atacase, non o fará da miña parte,
quen te atacase, caerá por causa túa.
16Olla: eu creei o ferreiro que sopra nos carbóns do lume,
e fabrica ferramentas para o seu traballo;
pero eu tamén creei o Destrutor para arruinar.
17Toda arma que se faga para ir contra ti, non terá éxito,
e toda lingua que se levante contra ti no tribunal,
ti probarás que é culpable.
Este é o quiñón da herdanza dos servos do Señor.
Si, a xustiza deles vén de min,
‑é o Señor quen fala‑.
C) Restauración espiritual: a alianza eterna e o mesianismo universal
Capítulo 55
1¡Oh, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro (comprade) viño e leite.
2Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
3Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna,
os beneficios de David que se manteñen firmes.
4Velaí: fareino pregoeiro das nacións,
príncipe e lexislador das nacións.
5Convocarás un pobo que non coñeces,
e un pobo que non te coñece correrá onda ti,
polo Señor, o teu Deus, e polo santo de Israel,
que ¡tanto te glorificou!
6Buscade o Señor mentres se deixa atopar,
invocádeo mentres está cerca.
7Que o malvado deixe o seu vieiro,
e que o home pecador (deixe) os seus plans,
que se volva ó Señor para que teña misericordia del,
que (se volva) ó noso Deus
que ¡tanto engrandece ó perdoar!
8Pois si, os meus plans non son os vosos plans,
nin os vosos vieiros son os meus vieiros
‑é o Señor quen fala‑.
9¡Canto máis altos son os ceos cá terra!
Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,
e os meus vieiros do que os vosos vieiros.
Conclusión de II Isaías
10Velaí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ó que sementou
e pan ó que come,
11así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.
12Si, sairedes con ledicia e seredes traídos con fartura,
os montes e os outeiros estalarán de xúbilo na vosa presenza,
e todas as árbores do campo baterán as palmas.
13En vez de silvas medrará o ciprés,
en vez de estrugas medrará o buxo,
e isto serviralle ó Señor de renome,
de sinal eterno que non desaparecerá.