Capítulos 46-50

Polémica contra os ídolos: só Iavé é o Señor

 

Capítulo 46

 

1Caeu Bel, derrubouse Nebó: foron os ídolos deles.

As cousas que vós portabades en alto son levadas por bechos e animais,

son carga para un animal cansado.

2Derrubáronse e caeron a un tempo, non foron capaces de salvar a quen os levaba.

Si, eles mesmos van á catividade.

3Escoitádeme, casa de Xacob, e todo o que queda da casa de Israel,

vós que fostes levados desde o ventre, vós que fostes levantados desde o útero:

4eu son quen vos leva ata a ancianidade, quen vos levantará ata a vellez.

Eu fíxeno e eu seguireino a facer. Si, levareivos e salvareivos.

5¿A quen me igualaredes e compararedes? ¿A quen me asemellaredes coma a un igual?

6Algúns sacan ouro da bulsa e pesan a prata na balanza,

e páganlle ó ourive para que ó seu xeito faga un deus,

próstranse ante el, e adórano.

7Levántano no ombreiro, e lévano;

póñeno no seu lugar, e está firme no seu santuario, e non abanea.

Algún clama cara a el, pero non responde, non o libra da súa angustia.

8Lembrádevos disto e animádevos, rebeldes; facede volver isto ó corazón.

9Lembrádevos das cousas primeiras desde antigo:

de que eu son Deus e non hai outro, de que son Deus e non hai coma min.

10Eu son quen manifesta desde o principio o que ha vir;

desde antigo, as cousas que aínda non se fixeron.

Eu son o que digo: o meu plan manterase firme, realizarei canto decidín.

11Eu son quen chamo do nacente unha aguia, da terra afastada ó home do meu plan.

Si, díxeno, e farei que suceda; planeeino, e cumprireino.

12Facédeme caso vós, duros de corazón, que estades lonxe da xustiza:

13Eu aproximo a miña xustiza, que non está lonxe,

e a miña salvación, que non tardará.

Si, eu poño en Sión a salvación, en Xerusalén o meu esplendor.

 

Lamentación pola caída de Babilonia

 

Capítulo 47

 

1¡Baixa e senta no po, virxe, filla de Babilonia!

¡Senta na terra, que non hai trono, filla dos caldeos!

Que non volverás a ser chamada: "A doce, a delicada".

2Colle as pedras do muíño e moe o gran,

envólveo no teu veo, remanga a túa saia,

descubre as nádegas, cruza os ríos.

3Descubre a túa nudez, mostra as túas vergonzas.

Vou tomar vinganza, e non se me apoñerá ninguén.

4O noso Redentor chámase o Señor Todopoderoso: é o Santo de Israel.

5Reina no inferno, entra na escuridade, filla dos caldeos,

xa que non se che volverá a chamar: "raíña de raíñas".

6Anoxeime co meu pobo, profanei a miña herdanza,

por iso entregueichos na túa man, non tiveches compaixón deles,

sobre o ancián cargaches moi pesado o teu xugo,

7e dixeches: "Para sempre serei a raíña perpetua".

Non tomaches isto en consideración,   nin te lembraches do que había      vir.

8Pois agora escoita isto, ti, amante do pracer, a que reinabas na seguridade,

a que pensabas no teu corazón: "Son eu, e non hai outra,

non reinarei viúva, non saberei o que é quedar sen fillos".

9Estas dúas cousas aconteceranche  de repente nun só día:

quedares sen fillos e viúva; ambas cousas viñeron sobre ti,

pola multitude dos teus feitizos, polo poder dos teus moitos feitizos.

10Estabas segura coa túa ruindade, pensabas: "Non hai quen me vexa".

A túa sabedoría e a túa ciencia foron a túa perdición,

pois pensabas no teu corazón: "Son eu, e non hai outra".

11Por isto virá sobre ti unha desgraza, que non saberás esconxurar,

caerá sobre ti unha maldade, que non serás capaz de expiar,

virá sobre ti de repente unha ruína, que ti non prevías.

12Monta garda cos teus feitizos, coa multitude dos teus feitizos,

nos que es mestra desde a túa mocidade;

tal vez sexas capaz de conseguir éxitos, quizais poidas meter medo.

13Estás xa cansa coa chea de consellos que recibes.

Que se presenten diante de ti e que te salven os que len no ceo,

os que ven presaxios nas estrelas,

os que anuncian cada lúa nova o que che vai acontecer.

14Velaí: son coma o coaño: queimaraos o lume:

non salvarán as súas vidas do poder da chama,

non serán brasa para cocer opan, nin lume para sentarse a carón.

15Velaí o que eles foron para ti,

xa que te exercitaches cos feiticeiros desde a túa mocidade.

Cada un andou extraviado polo seu camiño, non houbo quen te salvase.

 

Anuncio profético da liberación de Xacob

 

Capítulo 48

 

1Escoitade isto, casa de Xacob,

os que se chaman co nome de Israel e saíron do sangue de Xudá,

os que fan o xuramento polo nome de Iavé

e nomean o Deus de Israel, sen verdade e sen xustiza.

2Chámanse a si mesmos co nome da cidade santa e apóianse no Deus de Israel, que ten de nome Señor Todopoderoso.

3As cousas pasadas hai tempo que volas manifestei, da miña boca saíron e fíxenas oír,

realiceinas en seguida, e aconteceron.

4Xa me decatei de que ti es obstinado, a túa testa é un nervio de ferro, a túa fronte é de bronce:

5por isto fíxencho coñecer desde antigo; antes que sucedese, fíxencho oír,

non fose que dixeses: "Fíxoo o meu ídolo, ordenárono a miña imaxe e a miña talla".

6Ti oíches: "Ollade todo isto". ¿E como é que non o destes a coñecer?

Desde agora fareiche oír cousas novas, encubertas, que antes non coñecías.

7Agora ‑non antes‑ son creadas: antes de hoxe non as oíches; se non, dirías: "Certo que as oín".

8Non, non as oíches, non as coñeciches: nunca as escoitou o teu oído,

pois ben sei que ti es un grande traidor, a quen se chama "Rebelde desde o seo da nai".

9Por causa do meu Nome, refreei a miña ira ante ti,

contívenme por mor da miña gloria, para non te facer desaparecer.

10Velaí: refineite, pero non coma a prata; purifiqueite no forno da aflición.

11Por min, fágoo por min,

porque ¿cómo se vai profanar a miña gloria, que a ningún outro darei?

12Escoitame, Xacob; Israel, por quen son invocado.

Eu son o Señor, eu son o Primeiro e tamén o Derradeiro.

13A miña man cimentou a terra e a miña dereita estendeu o ceo;

chámoos eu, e ámbolos dous comparecen.

14Xuntádevos todos vós e escoitade: ¿quen entre eles fixo coñecer estas cousas?

O Señor, movido polo seu amor, fai o que quere con Babilonia,

e tamén cos caldeos, coa forza do seu brazo.

15Eu fixen vir a aquel a quen chamei e lle falei, terá éxito nos seus plans.

16Achegádevos a min e escoitade isto:

nunca desde o principio falei en secreto; e desde o tempo en que aquilo sucedeu, eu estiven alí.

Agora o Señor Iavé envioume tamén o seu Espírito.

17Así fala o Señor, o teu Redentor, o Santo de Israel:

Eu son o Señor, o teu Deus, o que te ensina para que saques proveito,

quen te fai camiñar polo camiño por onde debes ir.

18Oxalá tiveses feito caso dos meus preceptos:

entón a túa prosperidade sería coma un río, e o teu triunfo coma as ondas do mar,

19a túa descendencia sería coma a area, e o froito das túas entrañas como os grans da area.

Non se acabaría nin desaparecería o teu nome da miña presenza.

20Saíde de Babilonia, fuxide de onda os caldeos,

con berros de xúbilo manifestade isto, facédeo oír,

levádeo ata o cabo da terra,

dicide: o Señor redime ó seu servo, Xacob,

21e os que marchen polos sequeiros non terán sede:

fará brotar para eles augas do penedo,

fenderá un penedo e correrán augas.

22Para os impíos ‑dixo o Señor‑ non haberá fartura.

 

Segundo poema do Servo de Iavé: luz das nacións

 

Capítulo 49

 

1Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.

O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.

2Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man,

converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba,

3e díxome: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".

4Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada,

pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.

5cSerei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza".

5Pois agora ‑fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser oseu servo,

para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El‑:

6"é moi fácil para ti ser o meu servo,

restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel,

pois convértote en luz das nacións,

e serás a miña salvación ata o confín da terra".

7Así fala o Señor, o Redentor de Israel, o seu Santo:

"A ti, o desprezado da xente, abominado do pobo, servo dos gobernantes, verante os reis e levantaranse; os príncipes prostaranse ante ti,

porque a ti te escolleu o Señor que é fiel, o Santo de Israel".

8Así fala o Señor:

"Nun momento de amor respondinche e no día da vitoria axudeite:

escollinte, e convertinte en alianza dun pobo,

para que levantes o país e repartas as herdanzas arrasadas,

9dicíndolle: ¡Presos, saíde! ¡Os que estades na escuridade, mostrádevos!

Pastarán á beira dos camiños e nos montes pelados terán os seus pasteiros,

10non terán fame nin sede, non lles dará o soán nin o sol:

quen ten compaixón deles guiaraos e conduciraos ás nacentes augas.

11Converterei as miñas montañas en vieiro, construiranse as miñas calzadas.

12Velaí chegan de lonxe: do norte, do poñente, e do país de Sinim".

 

Canto á consolación de Sión

 

13Exulta, ceo; brinca de ledicia, terra; que se fendan os montes coa alegría,

pois o Señor consolou o seu pobo, e compadeceuse dos seus pobres.

14Sión di: "Iavé non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min".

15"¿Esquécese unha muller do seu meniño? ¿Non se compadece do fillo das súas entrañas?

Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti.

16Velaí, estás escrito nas palmas das miñas mans,

as túas murallas están sempre ante min.

17Que apuren os que te reconstrúen, que marchen os que te arruinaron e arrasaron.

18Levanta os teus ollos arredor e olla: Todos eles se xuntan, veñen a ti.

¡Pola miña vida ‑é o Señor quen fala‑ que os vestirás a todos con mantos,

e que os cinguirás coma a unha noiva!

19Velaí as túas desolacións e as túas ruínas, velaí a túa capital destruída:

¡agora serás demasiado pequena para os teus habitantes!

Os mesmos que te devoraron farante máis grande.

20Os fillos que che quitaron volverán dicir ós teus oídos:

Non teño sitio: apertádevos por min, para que poida vivir aquí.

21E ti pensarás no teu corazón: ¿Quen me deu estes?

Pois eu quedei sen fillos e estéril, desterrada e apartada. ¿A estes quen os criou?

Velaí: eu quedei soa; estes ¿de onde son?"

22Así fala o Señor Iavé:

"Velaí: eu ergo a miña man cara ós pobos, e levanto cara ós pobos a miña bandeira,

para que traian os meus fillos no colo, e as miñas fillas ó lombo.

23Entón reis serán os teus titores; e as súas princesas, as túas amas de cría.

Diante de ti prostrarán o rostro na terra, e lamberán o po dos teus pés.

Entón recoñecerás que eu son o Señor, porque non se avergonzarán os que esperan en min.

24¿Pódeselle quitar a presa a un heroe? ¿Poderá escapar o cativo de quen o ten preso?"

25Porque así fala o Señor:

"Aínda que a presa lle sexa quitada ó heroe e o cativo escape do tirano,

eu preitearei con quen preitee contigo, e salvarei os teus fillos,

26farei que os teus opresores coman a súa propia carne,

e que beban o seu propio sangue coma viño doce.

Entón toda carne recoñecerá que eu son o Señor que te salvo,

o teu Redentor, o Valente de Xacob".

 

Castigo e salvación

 

Capítulo 50

 

1Así fala o Señor Deus:

"¿Onde está esa acta de divorcio da vosa nai, a quen eu despedín?

¿Quen dos meus prestamistas foi aquel a quen vos vendín?

Polas vosas iniquidades fostes vendidos, polas vosas rebeldías foi despedida a vosa nai.

2¿Por que cando eu cheguei non había ninguén e cando chamei ninguén respondeu?

¿Acaso é a miña man demasiado curta para non rescatar? ¿Acaso non hai en min forza para liberar?

Cando eu brúo, fago secar o mar, converto os ríos nun deserto,

feden os peixes por falta de auga e morren coa sede.

3Eu vestirei o ceo de escuridade, e poreille unha cuberta de saco".

 

Terceiro canto do Servo de Iavé: desprezado e maltratado, pero seguro da axuda do Señor

 

4O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,

para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.

El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.

5O Señor Iavé abriu o meu oído,

e eu non me rebelei, non me botei para atrás.

6Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.

Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.

7Pero o Señor axudarame,

por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,

pois sei que non me avergonzarei.

8O que defende a miña causa está cerca.

¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?

Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.

9O Señor Iavé axudarame: ¿quen será o que me declare culpable?

Velaí: todos eles se gastarán coma un vestido, serán comidos pola traza.

10Quen de entre vós respecte o Señor, que escoite a voz do seu servo,

pois camiña na escuridade e non hai claridade para el,

pero confía no Nome do Señor e apóiase no seu Deus.

11En cambio todos vós estades prendendo o lume, rodeádelo de tizóns.

Camiñades co resplandor do voso lume e cos tizóns que prendestes.

Da miña man provén isto para vós: deitarádesvos nun lugar de sufrimentos.