Capítulos 16-20
Os fuxitivos moabitas participarán no reino mesiánico en Xudá
Capítulo 16
1Mandade carneiros dos señores do país,
desde o Penedo do Deserto, ó monte da filla de Sión.
2Pois o mesmo cós paxaros espantados ou unha niñada escorrentada,
serán as fillas de Moab nos vaos do Arnón.
3Presenta ti un plan, toma unha decisión.
Converte a túa sombra en noite á luz do mediodía,
esconde ó fuxido, ó escapado non o descubras.
4Que vivan contigo coma estranxeiros os fuxitivos de Moab.
Serás ti a súa protección ante o devastador.
Cando se acabe a opresión, desapareza o asolamento,
e o asoballador desapareza completamente do país,
5establecerase un trono de amor e reinará con fidelidade na tenda de David
un que xulgue con xusto xuízo e que sexa perito na xustiza.
Desastre político e agrícola
6Oímos falar da soberbia de Moab, da súa soberbia que vén de antigo,
da súa fachenda, do seu orgullo e do seu furor,
das súas lerias que non son verdade.
7Por isto xeme Moab, todo Moab xeme,
polas doces uvas de Quir Harés quéixanse os aflixidos.
8Os campos de Hexbón están murchos e o mesmo as viñas de Sibmah:
nas súas cepas selectas mallaron os señores das nacións.
Chegaban ata Iazer, perdíanse no deserto,
as súas vides estendíanse, cruzaban o mar.
9Por isto vou chorar, ó mesmo tempo ca Iazer, polas viñas de Sibmah.
Vouvos regar coas miñas bágoas, Hexbón e Elaleh,
porque as cántigas desapareceron da túa seitura e da túa colleita.
10Desaparecen dos campos a alegría e o xúbilo
e nas viñas non se brinca de ledicia, non se danza co gozo.
As uvas nas tallas xa non as pisa o viñateiro,
vin desaparecer a canción da vendima.
11Por isto as miñas entrañas tremen por Moab, coma unha arpa,
e o meu interior treme por Quir Harés.
12Verase que se esforza Moab por subir ó outeiro,
intenta ir ó seu santuario rezar, pero non pode.
13Esta é a palabra que o Señor lle falou desde antigo a Moab, 14pero agora o Señor di así: "Dentro de tres anos, día a día coma anos de mercenario, a gloria de Moab xunto con toda a súa xente volverase desprezable, e o seu resto será pequeniño de todo e sen poder".
Contra a liga sirio-efraimita
Capítulo 17
1Oráculo contra Damasco.
a) Reinos de Damasco e Efraím
Velaí Damasco: deixa de ser cidade, será unha ruína derrubada.
2As súas cidades van ser abandonadas,
unha vez arrasadas, van ser para os rabaños,
que se tombarán nelas,
sen que ninguén os espante.
3Acabaránselle a Efraím as fortalezas,
e a Damasco, o reino,
e o resto de Aram será semellante
á gloria dos fillos de Israel.
‑É o Señor dos Exércitos quen fala‑.
b) Reino de Israel
4Sucederá no día aquel que a gloria de Xacob será humillada,
o orgullo dos seus praceres quedará humillado.
5Sucederá como cando o segador vai apreixando o trigo que está de pé,
e logo o seu brazo sega as espigas.
Sucederá como cando un recolle as espigas na veiga dos Refaím,
6e soamente queda nela un resto,
o mesmo que cando se varea a oliveira,
e quedan dúas ou tres olivas na puntiña,
catro ou cinco nas pólas que dan froito.
‑É o Señor, Deus de Israel quen fala‑.
7No día aquel ollará o home para o seu Creador,
os seus ollos mirarán para o Santo de Israel;
8non ollarán para os altares, obra das súas mans,
nin mirarán para o que os seus dedos fixeron:
símbolos de Axerah e estelas dedicadas a Baal.
9No día aquel as súas cidades de refuxio
serán coma o abandono da bouza do bosque,
que queda abandonada polos fillos de Israel e vólvese unha desolación.
10Ti esquecícheste do Deus da túa salvación,
do Penedo do teu refuxio non te lembraches,
por iso plantaches plantas de delicias e enxertaches pugas estranxeiras.
11De día medra o teu plantío, e pola mañá agroma o teu enxerto,
pero no intre de recoller acolleita, desaparece. ¡Que dor incurable!
12¡Ai! Ruído de pobos numerosos; será coma o ruído dos mares.
Retumbar de nacións, coma o retumbar de augas poderosas.
13Si, nacións que retumbarán como o retumbar de moitas augas.
O inimigo ameázao co ruído, e foxe para lonxe,
é perseguido como a muíña das montañas ante a presenza do vento,
o mesmo cá poeira ante a presenza do vendaval.
14O chegar a tardiña, velaí o terror; antes da mañanciña, xa non existe.
Este é o lote dos nosos saqueadores, a sorte dos que nos queren roubar.
Oráculo acerca de Cux
Capítulo 18
1¡Ai do país de barcos voadores,
que está ó longo dos ríos de Cux,
2que manda polo mar embaixadores,
sobre a auga os manda en barcos de papiro!
Ide, áxiles mensaxeiros, ó pobo alto e relucente,
á nación temible aquí e mais alá,
pobo poderoso, que domina;
pola súa terra corren ríos.
3Todos os habitantes do orbe e os que vivides na terra,
ó levantaren a bandeira nos montes, tende medo,
e, ó soaren o corno, escoitade.
4Si, así me falou o Señor:
"Quedarei quieto e ollarei atento desde o sitio onde estea:
unha calor abrasadora vén do sol, unha nube de orballo na calor da seitura.
5Na hora da seitura, cando a floración do viño está completa,
e a flor se volve gran verde que vai madurar,
pódanse os bacelos coa coitela, e esgázanse da cepa os gallos ladróns.
6Déixase todo xunto para os gabiáns das montañas
e para os bechos da terra:
os gabiáns han pasar o verán sobre a cepa;
e os bechos da terra, o inverno sobre ela".
7Nesa hora no monte de Sión presentaranlle ó Señor dos Exércitos un regalo de parte dun pobo alto e relucente, dun pobo temible aquí e mais alá, unha nación poderosa, que domina; pola súa terra corren ríos.
Traerán o regalo para o Santuario do Nome do Señor dos Exércitos, ó monte de Sión.
Oráculo contra Exipto
Capítulo 19
1Oráculo contra Exipto.
Velaí o Señor montado nunha nube lixeira;
vai a Exipto, tremen os seus deuses por mor da súa presenza,
o corazón de Exipto derrétese nos seus adentros.
2Vou encirrar un Exipto contra o outro:
faranse a guerra, cada un co seu irmán,
cada un co seu veciño, cidade con cidade, reino con reino.
3Sobresaltarase o espírito de Exipto e destruirei o seu plan,
aínda que consulten ós deuses, ós bruxos, ós nigromantes e ós adiviños.
4Entregarei a Exipto no poder de donos severos e reinará nel un rei cruel
‑é o Señor, Deus dos Exércitos, quen fala‑.
5Secarán as augas da corrente, o río secará e estiñará;
6botarán fedor os canais, os brazos do río no Baixo Exipto baixarán e secarán,
a canivela e o xunco murcharán.
7As xunqueiras de onda o río e do esteiro,
todos os campos da ribeira secarán e desaparecerán: non serán.
8Suspirarán os pescadores, lamentaranse todos os que botaban o anzol no río,
esmorecerán os que largaban a rede sobre a superficie da auga.
9Os que traballaban o liño avergonzaranse,
as cardadoras e os teceláns quedarán mirrados,
10as súas tecelás andarán humilladas,
e todos os que traballan por xornal estarán co ánimo abatido.
11¡Que loucos están os príncipes de Soán,
os sabios que aconsellan ó Faraón consellos estúpidos!
¿Como lle poderán dicir ó Faraón:
"Eu son fillo de sabios, fillo de reis orientais"?
12¿Onde están, logo, os teus sabios?
Que che mostren e dean a coñecer o que ten planeado
o Señor dos Exércitos sobre Exipto.
13Puxéronse loucos os príncipes de Soán,
están enganados os príncipes de Nof,
os príncipes das súas tribos fan descarreirar a Exipto.
14O Señor vértelles no seu interior un espírito de confusión;
por isto abanean Exipto con todas as súas obras,
o mesmo que cambalea o borracho co seu vómito.
15Deste xeito non haberá para Exipto
obra que poida facer a cabeza ou o rabo, a palmeira ou o xunco.
Sinais da conversión de Exipto
16No día aquel Exipto será coma as mulleres,
abaneará e tremerá ante a man do Señor dos Exércitos,
que a vai mover contra el.
17E a terra de Xudá converterase en causa de vergonza para Exipto,
todo aquel que lla lembre a Exipto sentirá temor
ó ver o que o Señor dos Exércitos dispuxo contra Exipto.
18No día aquel haberá cinco cidades no país de Exipto,
que falarán a lingua de Canaán,
e que farán os xuramentos polo Señor dos Exércitos:
a unha chamaráselle a cidade do Sol.
19No día aquel haberá un altar consagrado a Iavé no medio de Exipto,
e unha estela dedicada ó Señor ó lado da súa fronteira,
20serviralle ó Señor dos Exércitos de sinal e testemuño no país de Exipto.
Cando eles clamen ó Señor pola presenza dos opresores,
o Señor mandaralles un salvador e un xefe para que os libre.
21O Señor daráselle a coñecer a Exipto,
e os exipcios recoñecerán o Señor no día aquel:
daranlle culto con sacrificios e oblacións,
e farán ó Señor votos, que cumprirán.
22O Señor ferirá a Exipto con ferida curable,
pois converteranse ó Señor, que se lles mostrará propicio
e os curará.
23No día aquel haberá unha calzada desde Exipto a Asiria,
Asiria irá a Exipto e Exipto a Asiria,
Exipto dará culto xunto con Asiria.
24No día aquel Israel será igual ca Exipto e Asiria,
será causa de bendición no medio da terra,
25pois o Señor dos Exércitos hao bendicir nestes termos:
"Bendito o meu pobo, Exipto, a obra da miña man, Asiria,
e a miña herdanza, Israel".
Isaías espido e descalzo, sinal para Exipto
Capítulo 20
1No ano no que veu o xeneral en xefe a Axdod, cando o mandou Sargón, rei de Asiria, a atacar Axdod e conquistala, 2entón falou o Señor por medio de Isaías, fillo de Amós, nestes termos:
"Vai e solta o saco da túa cintura e quita as sandalias dos teus pés".
El fíxoo así, camiñando espido e descalzo. 3Logo dixo:
"O mesmo que o meu servo Isaías camiñou espido e descalzo, durante tres anos, como sinal e imaxe referente a Exipto e a Cux, 4así o rei de Asiria levará os prisioneiros de Exipto e os deportados de Cux, rapaces e vellos, espidos e descalzos, e coas nádegas en coiro: a vergonza dos exipcios. 5Estarán confundidos e avergonzados por causa de Cux, a súa esperanza, e por causa de Exipto, a súa gloria. 6E dirán os habitantes daquela costa no día aquel: Vede como quedou a nosa esperanza, a onde corriamos por axuda para nos librarmos da presenza do rei de Asiria, e ¿como escaparemos nós?".