Capítulos 46-48
Capítulo 46
1Así fala o meu Señor, Iavé:
‑A porta do adro interior que dá ó nacente estará pechada os seis días de traballo; pero o sábado e o día da lúa nova abrirase, 2para que desde fóra entre o príncipe polo vestíbulo da porta e se quede de pé xunto ós marcos desta porta. Logo, os sacerdotes ofrecerán o seu holocausto e o seu sacrificio de comuñón, e el prostrarase no vestíbulo da porta, e logo sairá. A porta non se pechará ata o serán. 3Os sábados e pola lúa nova a xente toda do país prostrarase diante do Señor, á entrada desta porta. 4O holocausto que ofrecerá o príncipe ó Señor será este: os sábados, seis años sen defecto e un carneiro sen defecto, 5e mais a ofrenda dun efah de fariña; polo carneiro e polos años, a ofrenda da súa libre vontade; e un hin de aceite, por cada efah de fariña. 6Os días da lúa nova constituirán o holocausto do príncipe un becerro, fillo de vaca, sen defecto, seis años e un carneiro, sen defecto. 7O príncipe tamén fará a ofrenda dun efah de fariña polo becerro e un efah polo carneiro e polos años, segundo libremente queira, e mais un hin de aceite por efah de fariña.
8Cando entre o príncipe, entrará polo vestíbulo da referida porta, e logo sairá polo seu mesmo camiño. 9Pero cando, durante as festas, a xente toda do país entre diante do Señor, os que entren pola porta do norte para prostrarse en adoración, sairán pola porta do sur; e os que entren pola porta do sur, sairán pola porta do norte: non se volverán atrás pola mesma porta pola que entraron, sairán por enfronte desta porta.
10O príncipe entrará con eles, cando eles entren; e, cando saian, sairán xuntos.
11Nas festas de romarías e nas solemnidades, a ofrenda consistirá nun efah de fariña polo becerro; e un efah, polo carneiro; e polos años, segundo a súa libre vontade; e un hin de aceite, por efah de fariña.
12Cando o príncipe queira ofrecer ó Señor un holocausto da súa libre vontade ou un sacrificio de comuñón da súa libre vontade, abriráselle a porta que mira ó nacente e fará o seu holocausto e o seu sacrificio de comuñón como o fai os sábados; logo sairá e pecharase a porta, despois de que el saia. 13Ofrecerás ó Señor en holocausto diario un año, fillo de ovella, sen defecto; ofreceralo todas as mañás. 14Como ofrenda, ti ofrecerás todas as mañás a sexta parte dun efah de fariña e a terceira parte dun hin de aceite para mollar a fariña: será unha ofrenda ó Señor de obrigación perpetua para sempre.
15Ofrecerán todas as mañás o año, a ofrenda e o aceite en holocausto perpetuo.
16Así fala meu Señor, Iavé:
‑Cando o príncipe lle faga un regalo a algún dos seus fillos, ese regalo será para os seus fillos; a súa parte de herdanza e o dereito de propiedade deles será por herdanza. 17Cando o príncipe lle faga un regalo, do que lle pertence como herdanza, a un dos seus servidores, o regalo será del ata o ano da liberación: entón volverá ó príncipe; a súa herdanza só será para os seus fillos: é a eles a quen lles pertence. 18O príncipe non collerá nada do que é xa herdanza do pobo, expropiando as súas posesións. Das súas posesións só fará herdeiros ós seus fillos, para que ninguén do meu pobo se disperse, privado da súa propiedade.
19Pola entrada que está ó lado da porta, fíxome entrar nas habitacións do santuario reservadas ós sacerdotes, as que miran ó norte. E velaí que alí había un local na parte de atrás, cara ó poñente. 20Entón díxome:
‑Este é o local onde os sacerdotes farán ferver as vítimas dos sacrificios de expiación e dos sacrificios polo pecado, e onde cocerán no forno a ofrenda, para, deste xeito, non saíren ó adro exterior e non consagraren o pobo.
21Logo fíxome saír ó patio exterior e fíxome pasar polas catro esquinas do adro, e había un patio nunha esquina do adro e outro patio na outra esquina do adro. 22Nas catro esquinas do adro había patios cercados, de corenta cóbados de longo por trinta de ancho: os catro patios das esquinas medían o mesmo. 23Os catro tiñan unha fila de claraboias todo ó redor delas, e cociñas preparadas por debaixo das claraboias todo arredor. 24Entón díxome:
‑Estas son as cociñas, onde os servidores do templo cocerán os sacrificios do pobo.
Capítulo 47
1Logo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que debaixo do vestíbulo do templo saía auga cara ó nacente, pois a fachada do templo daba ó nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ó sur do altar. 2Logo fíxome saír pola porta do norte e dar a volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ó nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita. 3Cando o home saíu cara ó nacente, levaba un cordel na súa man e mediu mil cóbados; logo fíxome atravesar pola auga, que me chegaba ós nocellos. 4Volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar polas augas, que me chegaban ata os xeonllos; volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar: ¡a auga ata a cintura! 5Volveu medir mil cóbados: era un río que eu non era capaz de cruzar. Tanto subiran as augas, que eran augas de nadar, un río que non se podía cruzar. 6Entón díxome:
‑¿Viches, fillo de Adam?
Logo fíxome dar a volta, e levoume á beira do río. 7E cando dei a volta, velaí, á beira do río, unha enorme arboredo dun lado e do outro. 8Entón díxome:
‑Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ó mar, quedarán de certo saneadas. 9E todo ser vivente, que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.
10E os pescadores estarán de pé á beira do río:
desde En-Guedí ata Eneglaim
haberá secadoiros para as redes;
os seus peixes serán por especies
tan abundantes coma os peixes do Mediterráneo.
11Nas súas marismas e nas súas lagoas
non haberá saneamento,
senón que se deixarán para ter sal.
12A beira do río, nunha marxe e noutra,
medrará toda clase de árbores froiteiras:
a súa follaxe non murchará,
e a súa froita non acabará,
senón que cada mes dará unha nova colleita,
pois as augas do río
son as que saen do santuario;
por isto a súa froita servirá para comer,
e as súas follas servirán para remedios.
13Así fala o Señor, Deus:
‑Estas son as marxes, dentro das que vós repartiredes a propiedade da terra entre as doce tribos de Israel: a Xosé tocaranlle dúas partes de terra. 14Repartiredes a terra, tocándolle a cada un o mesmo có seu irmán, xa que eu xurei coa man levantada, que llela daría ós vosos pais, e por iso esta terra tocaravos a vós en partes de herdanza.
15Estes son os lindeiros do país: polo lado do norte: desde o mar Mediterráneo, polo camiño de Hetlón, entrando en Sedadah, 16Hamat, Berotah, Sibraim ‑entre a marxe de Damasco e a marxe de Hamat‑, Haser do medio que está cerca do territorio de Haverán. 17Así esta fronteira irá desde o mar ata Haser Enón, lindando co territorio de Damasco polo norte, e ó norte tamén o territorio de Hamat. Tal será o lado norte. 18Velaquí o lado do nacente: medide vós entre Haverán e Damasco, e entre Galaad e a terra de Israel, logo o Xordán será a linde ata o mar do nacente. Tal será o lado do nacente. 19Velaí o lado do Négueb, cara ó sur: desde Tamar ata o oasis de Meribah de Cadex, na dirección do río e ata o mar Mediterráneo: tal será o lado do sur, na dirección do Négueb. 20Velaí o lado do poñente: o mar Mediterráneo serve de marxe fronte á entrada de Hamat: este é o lado do poñente.
21Vós repartirédesvos a terra esta entre as tribos de Israel, 22pero farédelo botando ás sortes as partes da herdanza para vós e para os estranxeiros que viven entre vós, os que xa tiveron fillos entre vós; serán para vós coma nativos entre os fillos de Israel, e con eles botaredes ás sortes as partes da herdanza no medio das tribos de Israel. 23Será na tribo na que resida o estranxeiro onde lle daredes a súa parte de herdanza ‑é o Señor, Deus, quen fala‑.
Capítulo 48
1Estes son os nomes das tribos:
Desde o extremo norte, seguindo cara á comarca que se atopa camiño de Hetlón, á entrada de Hamat, seguindo cara a Masar-Enán, e a fronteira de Damasco cara ó norte, e á comarca de Hamat: todo desde o lado do nacente ata o poñente, esta será a parte de Dan. 2A beira do territorio de Dan, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Axer. 3A beira do territorio de Axer, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Naftalí. 4A beira do territorio de Naftalí, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Menaxés. 5A beira do territorio de Menaxés, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Efraím. 6A beira do territorio de Efraím, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Rubén. 7A beira do territorio de Rubén, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Xudá. 8A beira do territorio de Xudá, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará a ofrenda de terra que vós ofrendaredes, de vinte e cinco mil cóbados de longo e de ancho, desde o lado do nacente ó lado do poñente, o mesmo que cada unha das outras partes. No medio dela estará o santuario. 9A ofrenda de terra que vós ofrendaredes ó Señor será de vinte e cinco mil cóbados de longo e dez mil de ancho.
10A ofrenda da terra para o santuario será para estes:
Para os sacerdotes: vinte e cinco mil cóbados de longo ata o norte; cara ó poñente, dez mil cóbados de ancho; cara ó nacente, dez mil cóbados; e cara ó sur de ancho, vinte e cinco mil cóbados; e no medio estará o santuario do Señor. 11Para os sacerdotes, os consagrados de entre os fillos de Sadoc, que cumpriron as miñas prescricións cúlticas ‑pois non se desviaron, cando se extraviaron os fillos de Israel, como se desviaron os levitas‑, 12eles terán unha parte ofrecida da ofrenda da terra, a parte máis santa, ó lado do territorio dos levitas. 13En canto ós levitas, o seu territorio será parello ó dos sacerdotes: vinte e cinco mil cóbados de ancho e dez mil de longo. En total, o ancho da ofrenda da terra será de vinte e cinco mil cóbados e dez mil ó longo.
14Non poderán vender nada, nin se poderá cambiar nin traspasar nada desta parte da terra, pois é cousa consagrada ó Señor.
15Os cinco mil cóbados que quedan de longo ó lado dos vinte e cinco mil, serán a zona profana da cidade, para solares e pasteiros comunais; e no medio estará a cidade.
16As súas dimensións serán estas: pola banda do norte, catro mil cincocentos cóbados; e pola banda do sur, catro mil cincocentos cóbados; pola banda do nacente, catro mil cincocentos cóbados; e pola banda do poñente, catro mil cincocentos cóbados.
17Os pasteiros comunais da cidade terán: cara ó norte, douscentos cincuenta cóbados; cara ó sur, douscentos cincuenta cóbados; cara ó nacente, douscentos cincuenta; e cara ó poñente, douscentos cincuenta cóbados.
18O que queda dentro da anchura proporcional á ofrenda da terra do santuario, serán dez mil cóbados cara ó nacente e dez mil cóbados cara ó poñente, e será proporcional á ofrenda da terra do santuario; e co que produza comerán os empregados da cidade. 19Os empregados da cidade, procedentes de todas as tribos de Israel, serán os que traballen este resto.
20O total da ofrenda da terra será de vinte e cinco mil cóbados por vinte e cinco mil, e a cuarta parte dela ofrecerédela en ofrenda sacra para a propiedade da cidade. 21O resto será para o príncipe, a un lado e ó outro da terra ofrendada ó santuario e da propiedade da cidade: desde a fronteira de vinte e cinco mil cóbados da ofrenda da terra ata a fronteira do nacente; e polo poñente, desde a fronteira de vinte e cinco mil cóbados ata a fronteira do poñente. O príncipe corresponderalle igual cás outras partes, pero terá no medio a ofrenda da terra para o santuario e o santuario do templo. 22Desde a propiedade dos levitas e desde a propiedade da cidade, no medio dos terreos para o príncipe, entre a fronteira de Xudá e a parte de Benxamín, estarán os terreos para o príncipe.
23Resto das tribos: desde o lado do nacente ata o lado do poñente estará o territorio de Benxamín. 24A beira do territorio de Benxamín, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Simeón. 25A beira do territorio de Simeón, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Isacar. 26A beira do territorio de Isacar, desde o lado do nacente ata o lado do poñente, estará o territorio de Zebulón. 27A beira do territorio de Zebulón, desde a banda do nacente ata a banda do poñente, estará o territorio de Gad. 28A beira da fronteira estará Gad, cara á fronteira do Négueb cara ó sur; e a fronteira será desde Tamar, e o oasis de Meribah de Cadex, seguindo o río cara ó mar Mediterráneo. 29Esta será a terra que vos repartiredes ás sortes de entre a herdanza que lles pertence ás tribos de Israel, e estas son as partes ‑é o Señor, Deus, quen fala‑.
30Estas serán as saídas da cidade: pola cara do norte, catro mil cincocentos cóbados de medida, 31e as portas da cidade serán motivo para lembranza das tribos de Israel. Polo norte tres portas: a porta de Rubén, a porta de Xudá e a porta de Leví. 32Pola cara do nacente catro mil cincocentos cóbados e tres portas: a porta de Xosé, a porta de Benxamín e a porta de Dan. 33O lado sur terá catro mil cincocentos cóbados de medida e tres portas: a porta de Simeón, a porta de Isacar e a porta de Zebulón. 34A cara do poñente terá catro mil cincocentos cóbados e tres portas das tribos: a porta de Gad, a porta de Axer e a porta de Naftalí. 35A volta será de dezaoito mil cóbados.
E desde ese día o nome da cidade será "O Señor está alí".