Capítulos 41-45

O Santuario: b) A sala santa: o "Hekal"

 

Capítulo 41

 

1Logo fíxome ir cara ó santuario, e mediu as pilastras: seis cóbados de ancho dun lado e seis cóbados de ancho do outro; este era o seu ancho. 2O ancho da porta era de dez cóbados e o das paredes laterais da entrada era de cinco cóbados dun lado e cinco cóbados do outro; logo mediu o longo do santuario: corenta cóbados; e o ancho, vinte cóbados.

 

O Santuario: c) O lugar máis santo: o "Debir"

 

3Despois entrou dentro, e mediu a pilastra da entrada: dous cóbados; a entrada: seis cóbados, e o ancho da entrada: sete cóbados. 4Logo mediu o longo do santuario: vinte cóbados; e o ancho: vinte cóbados; estaba cara á fachada do santuario. Logo díxome: ‑Este é o lugar máis santo.

5Logo mediu a parede do Santuario: seis cóbados, e o ancho das salas laterais: catro cóbados, todo arredor do Santuario.

 

As salas laterais, a columnata do Santuario e o lugar sen edificar

 

6As salas laterais, sala sobre sala, eran tres pisos de trinta; as mesmas salas laterais seguían todo arredor, todo ó longo do muro do templo, para serviren de apoios, e para que os apoios non estivesen no muro do templo. 7A anchura ía aumentando nas salas laterais conforme ían subindo, pois o contorno do edificio ía aumentando por todo o arredor do edificio; por isto a anchura do templo ía crecendo, e desde a sala terrea subíase á de riba pola do medio. 8A columnata do templo era alta todo arredor; a cana de seis cóbados chegaba cumpridamente desde os fundamentos das salas laterais ata a cima. 9A anchura do muro das salas laterais por fóra era de cinco cóbados; e o lugar sen edificar entre os espazos de entre as columnas laterais do templo 10e as salas, era de vinte cóbados todo arredor do templo. 11As salas laterais tiñan entrada ó lugar sen edificar: unha entrada cara ó norte e unha entrada cara ó sur, o ancho do espazo sen edificar era de cinco cóbados todo arredor.

 

O edificio do poñente

 

12Enfronte do patio, no lado que daba cara ó poñente, había un edificio de setenta cóbados de ancho; o muro deste edificio tiña cinco cóbados de ancho todo arredor; e a longura do edificio era de noventa cóbados.

 

Dimensións do Santuario

 

13Logo mediu o santuario; cen cóbados de longo. O patio , o edificio e os seus muros, medían de longo cen cóbados. 14A anchura da fachada do templo e do patio que daban cara ó nacente, era de cen cóbados. 15Despois mediu o longo do edificio, pola cara que dá ó patio que estaba detrás do edificio, e as súas galerías dun lado e do outro: deu cen cóbados. Táboas de madeira recubrían por todo o arredor o interior do santuario e mais os vestíbulos que daban ó adro, 16as entradas e as fiestras enreixadas, e as galerías por todo o arredor das tres caras de fronte á entrada; tamén recubría a madeira desde o chan ata as fiestras. As fiestras estaban tamén recubertas 17ata por cima da abertura; e tamén o interior do santuario, por fóra e por todo o arredor do muro; por dentro e por fóra había paneis 18e esculturas de querubíns e palmeiras, unha palmeira entre un querubín e outro querubín. Os querubíns tiñan dúas caras: 19unha cara de home en dirección á palmeira, dun lado; e outra cara de león en dirección á palmeira, do outro lado. As esculturas estaban sobre todo o santuario por todo o arredor. 20Desde o chan ata o van da entrada había querubíns e palmeiras esculpidas. ¡Tal era a parede do santuario! 21O santuario tiña os marcos da porta cadrados e de fronte ó santuario había coma unha especie 22de altar de madeira de tres cóbados de alto e dez cóbados de longo; tiña de madeira as súas esquinas, a súa táboa de arriba e as paredes. Entón díxome: ‑Esta é a mesa que está diante do Señor.

23A sala santa tiña porta dobre; e o santuario 24tamén tiña porta dobre. Cada porta tiña dúas follas. Un portal tiña dúas portas; e outras dúas portas tiña o outro portal. 25Nelas, isto é, nas portas da sala santa, había esculturas de querubíns e de palmeiras, do mesmo xeito cós esculpidos sobre o muro. Tamén había un alpendre de madeira fronte á fachada do vestíbulo, polo lado de fóra. 26Así como fiestras enreixadas e palmeiras, dun lado e do outro, sobre as paredes dos lados do vestíbulo e sobre os lados do templo e do alpendre.

 

Habitacións do edificio

 

Capítulo 42

 

1Entón fíxome saír ó adro exterior polo corredor do norte, e levoume ás habitacións que están fronte ó adro e fronte ó edificio que dá ó norte: 2a fachada era de cen cóbados de longo, coa porta cara ó norte, e a súa anchura era de cincuenta cóbados. 3Diante do altar das libacións que está no adro interior, fronte ó lousado que está no patio exterior, había galerías, unha sobre outra, en tres pisos. 4Diante destas habitacións había un camiño de dez cóbados de ancho, e no interior das habitacións un corredor dun cóbado, e as portas das habitacións daban ó norte. 5As habitacións de arriba estaban acurtadas, pois as galerías collían máis edificios ca elas, máis cás habitacións de abaixo, e máis cá do medio; 6e pola outra banda, aínda que as habitacións formaban tres pisos, non tiñan columnas coma as columnas dos outros adros; por isto, as habitacións de arriba comparadas coa planta do edificio eran máis pequenas cás de abaixo e cás do medio.

7Había un muro polo lado de fóra das habitacións, polo adro exterior, e estaba ó lado da fachada das habitacións, e medía cincuenta cóbados de longo. 8A lonxitude das habitacións que había no adro exterior era de cincuenta cóbados; e a das habitacións que había fronte á fachada do santuario era de cen cóbados. 9Por debaixo destas habitacións estaba a entrada que viña do nacente, e que daba entrada a elas desde o adro exterior. 10Todo ó ancho do muro do adro, en dirección do nacente, fronte á fachada do adro e fronte á fachada do edificio, había habitacións, 11e mais un corredor diante delas. Tiñan o mesmo aspecto cás salas que había contra o norte; tiñan o mesmo longo ca ancho, todas as súas saídas e as súas distribucións e as súas portadas eran do mesmo xeito. 12O mesmo cás portas das habitacións que daban ó mediodía, había unha porta no comezo do corredor; era o corredor que había na fachada do muro de protección, o corredor do nacente ó que as habitacións daban paso.

13Entón díxome: ‑As habitacións do norte e mais as habitacións do mediodía que están nas fachadas do adro son as habitacións do templo, onde os sacerdotes que se chegan xunto ó Señor comen comidas santísimas. É alí onde se poñen as cousas santísimas, as ofrendas, as vítimas dos sacrificios polos pecados e mais as vítimas para sacrificios de reparación; ben certo que o lugar é santo.

14Cando os sacerdotes entran alí non saen do santuario ó adro exterior, senón que deixan alí as vestiduras coas que oficiaron, pois son vestiduras santas. Han de vestir outras roupas para se achegaren ó lugar que lle corresponde ó pobo.

 

Medición exterior do conxunto do templo

 

15Cando acabou a medición do interior do santuario, fíxome saír pola porta que dá ó nacente, e logo mediu o templo todo arredor. 16Mediu o lado do nacente coa cana de medir: cincocentas canas, en cana de medir. Deu a volta e 17mediu a cara norte: cincocentas canas con cana de medir. Deu a volta 18ó lado do mediodía, e mediu cincocentas canas con cana de medir. 19Deu a volta para o poñente, e mediu cincocentas canas con cana de medir. 20Mediu o templo polas catro caras: tiña un muro todo arredor de cincocentas canas de longo por cincocentas de ancho, para separar o santo do profano.

 

Volta da gloria do Señor ó santuario

 

Capítulo 43

 

1Entón El levoume cara á porta, a porta que mira en dirección do nacente, 2e vin que a gloria do Deus de Israel chegaba da parte do nacente, e o seu ruído era como o ruído de augas caudalosas e a cidade resplandecía coa súa gloria.

3¡Velaí a visión! A visión que eu vin foi como a visión que tivera cando a gloria de Deus viñera destruír a cidade. ¡Velaí a visión! Fora coma a que tivera xunto ó río Quebar. Entón prostreime en adoración, 4e a gloria do Señor entrou no santuario pola porta que mira ó nacente.

5O espírito arrebatoume e fíxome entrar no adro interior, e velaí que a gloria do Señor enchía o templo. 6Entón oín un que me falaba desde o templo, mentres que o home seguía de pé ó meu lado, 7e díxome:

‑Fillo de Adam, aquí tes o lugar do meu trono,

velaquí o sitio do estrado dos meus pés,

onde eu habitarei entre os fillos de Israel para sempre.

Xa non volverán profanar o meu santo Nome

nin a Casa de Israel nin os seus reis,

coas súas fornicacións e cos cadáveres dos seus reis,

e mais cos seus sepulcros.

8Poñendo eles a súa portada xunto á miña portada

e os marcos das súas portas ó lado dos marcos das miñas portas,

e mais a parede entre min e eles,

profanaron o meu santo Nome

coas abominacións que cometeron;

por isto os consumín levado do meu noxo.

9Agora puxeron lonxe de min as súas fornicacións

e mais os cadáveres dos seus reis,

e por isto eu habitarei entre eles para sempre.

10Ti, fillo de Adam, descríbelle este santuario á Casa de Israel, e que se avergoncen das súas abominacións. Que midan o plano do templo, 11e se avergoncen de todo o que fixeron. A organización do santuario e a súa estrutura, as súas entradas e as súas saídas, todas as súas ordenacións e todos os seus preceptos, todas as súas ordenacións e as súas leis, fáillelas coñecer e escríbellelas perante os seus mesmos ollos para que observen todas as ordenacións e todas as leis do santuario e as poñan por obra. 12Esta é a lei do santuario: na cima do monte, todo terreo que lle corresponde ó santuario, todo arredor, é santísimo. ¡Certo! Esta é a lei do santuario.

 

Descrición do altar

 

13Estas son as medidas do altar en cóbados (este cóbado era dos de cóbado e palmo). Había unha foxa dun cóbado destes e un cóbado de ancho; e a altura do altar na súa beira era dunha cuarta todo arredor: esta era a foxa do altar. 14Desde o fondo da foxa ata o zócalo máis baixo había dous cóbados, e un cóbado de ancho; e desde o zócalo máis pequeno ata o zócalo máis grande había catro cóbados, e un cóbado de ancho.

15A sagrada elevación da ara tiña catro cóbados; e do divino fogón saían os catro cornos. 16O divino fogón tiña doce cóbados de longo por doce cóbados de ancho. Era cadrado polos seus catro lados. 17O zócalo tiña catorce cóbados de ancho por catorce de longo polos seus catro lados, e o reborde que tiña arredor medía medio cóbado. O zócalo tiña unha foxa dun cóbado todo arredor. As escadas do altar miraban ó nacente.

 

Consagración do altar

 

18Entón díxome:

‑Fillo de Adam, así fala o Señor:

‑Estes son os preceptos acerca do altar:

Cando se acabe de facer, para poder ofrecer holocaustos nel e verter sangue sobre el, 19ti haslles presentar ós sacerdotes levíticos, que son da estirpe de Sadoc, e que se achegan a min para me daren culto ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑, un becerro, fillo de vaca, para sacrificio polos pecados. 20E ti collerás do seu sangue, e untarás con el os catro cornos do altar e os catro lados, o zócalo e o reborde todo arredor, para facer sobre o altar a expiación e mais a súa propiciación. 21Collerás o becerro do sacrificio de expiación e queimaralo no lugar do templo axeitado para isto, fóra do santuario. 22O segundo día presentarás en ofrenda un chibo, sen defecto, e farase a expiación sacrificial o mesmo que se fixo co becerro. 23Cando acabes co sacrificio de expiación, presentarás a ofrenda dun becerro, fillo de vaca, sen defecto, e mais un carneiro do rabaño, sen defecto: 24presentaralos en ofrenda ante o Señor, e os sacerdotes botaranlles sal e ofreceranllos en holocausto ó Señor. 25Durante sete días, cada día farás o sacrificio de expiación co chibo e tamén se fará o sacrificio de expiación co becerro, fillo de vaca, e co carneiro do rabaño, todos eles sen defecto.

26Durante sete días farase a propiciación do altar e purificarase e consagrarase. 27O pasaren estes días, o día oitavo e os seguintes, os sacerdotes farán sobre o altar os vosos holocaustos e mais os vosos sacrificios de reconciliación e eu aceptaréivolos benevolamente ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

A porta do santuario, soamente para o príncipe

 

Capítulo 44

 

1O home fíxome volver en dirección á porta exterior do santuario que mira ó nacente, e estaba pechada. 2Entón o Señor díxome:

‑Esta porta seguirá pechada, nunca se abrirá.

Ninguén poderá entrar por ela

porque o Señor, Deus de Israel, entrou por ela.

Seguirá pechada.

3Pero cando chega un príncipe, se é príncipe, porá o seu trono ante ela para comer a súa comida diante do Señor. Entra polo vestíbulo desta porta e sae polo mesmo sitio.

 

Normas de admisión no santuario, e os seus responsables

 

4Logo fíxome entrar pola porta do norte ata a fachada do templo. Ollei, e velaí que a gloria do Señor enchía o templo do Señor, e entón prostreime en adoración. 5O Señor díxome:

‑Fillo de Adam, fixa a túa atención, mira cos teus ollos, escoita cos teus oídos todo o que eu che vou dicir acerca de todos os preceptos do templo do Señor e de todas as súas leis; pon a túa atención na entrada do templo e en todas as saídas do santuario. 6Dilles ós rebeldes, á Casa de Israel: así fala o meu Señor, Iavé: ‑Xa hai abondo en contra vosa, con todas as vosas abominacións, Casa de Israel. 7Pois trouxestes estranxeiros, xentes sen circuncidar nin na carne nin no corazón, para que estivesen no meu santuario, para que profanasen a miña mesma casa; ofrecéstesme a miña comida, graxa e sangue, ó mesmo tempo que rompiades a miña alianza con todas as vosas abominacións. 8Non observastes os meus preceptos cúlticos, senón que ó voso antollo puxestes no meu santuario oficiantes do servizo cúltico.

9Así fala o meu Señor, Iavé: ‑Ningún estranxeiro, home sen circuncidar no corazón e na carne, poderá entrar no meu santuario; si, ningún estranxeiro dos que viven entre os fillos de Israel. 10Canto ós levitas, que vos apartaron da miña presenza, cando Israel se perdeu, e que se extraviaron da miña presenza índose tralos ídolos, cargarán coa súa iniquidade. 11Eles serán no meu santuario os encargados da vixilancia fronte ás portas do santuario e os servidores do santuario. Eles mesmos lle matarán ó pobo as vítimas dos holocaustos e dos sacrificios, e eles mesmos estarán de pé diante do pobo para o serviren.

12Xa que veñen servindo ó pobo no culto ós ídolos e están servindo de ocasión á Casa de Israel para caer no pecado, xuro contra eles coa miña man ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑ que cargarán coa súa iniquidade. 13Non se poderán achegar a min oficiando coma sacerdotes meus e arrimándose a todas as miñas cousas santas no lugar santísimo, senón que soportarán a súa vergonza e as abominacións que cometeron. 14Eu fágoos encargados do servizo do templo en todos os oficios do templo e en todo o que se fai nel.

 

O sacerdocio sadoquita

 

15Os sacerdotes levíticos, fillos de Sadoc, que respectaron os preceptos cúlticos do meu santuario, cando os fillos de Israel se afastaban lonxe de min, só eles se achegarán a min para me dar culto, e estarán de pé diante de min para me ofrecer graxa e mais sangue ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑. 16Só eles entrarán no meu santuario e só eles se arrimarán á miña mesa para me daren culto, e observarán os meus preceptos cúlticos. 17Cando entren nas portas do adro interior, han de ir vestidos con vestidos de liño; e cando actúen dentro das portas do adro interior e dentro do templo, non levarán sobre eles roupa de lá. 18Levarán nas súas cabezas turbantes de liño; e nos cadrís faixas de liño. Non levarán faixa que transpire a suor. 19Cando eles saian ó adro exterior, onda a xente, mudarán os vestidos cos que oficiaron, e deixaranos nas habitacións do templo; vestiranse con outros vestidos, para non sacralizar o pobo cos seus vestidos. 20Non raparán a súa cabeza, nin andarán guedelludos; cortarán decentemente o seu cabelo. 21Ningún sacerdote beberá viño cando vaia entrar no adro interior. 22Nin viúva nin divorciada poderán coller para eles como muller, senón virxes da liñaxe de Israel; tamén poderán escoller unha viúva, pero viúva dun sacerdote.

23Han de lle aprender ó meu pobo a diferenza entre o sacro e o profano, e han de lle ensinar a diferenza entre o impuro e o puro. 24Nos preitos serán eles os xuíces que presidan para xulgar; conforme ó meu dereito é como han de xulgar os preitos. Gardarán as miñas leis e mais os meus preceptos acerca de todas as miñas festas, e santificarán os meus sábados. 25Non entrarán xunto ó home morto, por mor da impureza; pero poderanse volver impuros co pai ou coa nai, cun fillo ou cunha filla, cun irmán ou cunha irmá que non teña marido.

26Despois de purificarse este tal, contaránselle sete días, 27e o día que entre no santuario, no adro interior para oficiar no santuario, ofrecerá un sacrificio de expiación polo seu pecado ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑. 28Non terán ningunha propiedade herdada: eu son a súa herdanza. Non se lles dará posesión en Israel: eu son a súa posesión. 29Eles comerán da ofrenda e das vítimas dos sacrificios polo pecado e das vítimas dos sacrificios de expiación; e todo o que se consagra ó Señor en Israel será para eles. 30O mellor das primicias de todo, e o mellor das contribucións sobre todo ‑de todas as vosas contribucións‑ será para os sacerdotes; tamén lle daredes ó sacerdote o mellor da vosa muiñada, para que a bendición descanse na túa casa. 31Os sacerdotes non poderán comer carne morta nin ningunha carne escalazada por fera, trátese de paxaro ou de animal.

 

Partilla da terra: a parte do Señor

 

Capítulo 45

 

1Cando repartades en porcións a terra, reservade para o Señor unha parte de ofrenda, unha parte sacra separada do resto da terra, de vinte e cinco mil cóbados de longo e dez mil cóbados de ancho. Será un lugar sagrado, con todo o seu muro de separación arredor.

2Disto deixarase para o santuario un cadrado de cincocentos por cincocentos cóbados todo arredor, e o santuario terá arredor unha eira de cincuenta cóbados. 3E despois destas medicións, mediredes vinte  e cinco mil cóbados de longo por dez mil de ancho, pois aquí estará o santuario, o lugar máis santo, 4o máis sagrado do país; e isto será para os sacerdotes que son ministros do santuario, os que se acercan a dar culto ó Señor. Deste xeito terán un lugar para casas e mais un lugar sagrado para santuario. 5Vintecinco mil cóbados de longo por dez mil de ancho serán para os levitas, ministros oficiantes do templo; eles posuirán a súa cidade para habitar. 6E como propiedade de tal cidade, concederédeslle cinco mil cóbados de ancho por vinte e cinco mil cóbados de longo, ó lado da parte destinada ó santuario; isto será de toda a Casa de Israel. 7O príncipe tocaralle a un lado e ó outro do lugar do templo e da parte da cidade, enfronte ó lugar do templo e enfronte ó lugar da cidade, polo lado do poñente, cara ó mar; e polo lado do nacente, cara ó nacente, e a longura será do mesmo xeito para cada unha das partes: desde a fronteira do poñente ata a fronteira do nacente 8do país. Esta será a súa propiedade en Israel, e os meus príncipes xa non volverán oprimir o meu pobo, senón que lle repartirán a terra á Casa de Israel segundo as súas tribos.

9Así fala o Señor, Deus:

‑¡Xa hai abondo convosco, príncipes de Israel!

Deixade a opresión e a violencia;

practicade o dereito e a xustiza;

retirade as vosas explotacións de sobre o meu pobo

‑é o Señor, Deus, quen fala‑.

10Usade balanzas fieis e fanegas xustas e canadas xustas. 11Que o efah  e o bat  teñan a mesma cabida: o bat  que levante a décima parte do hómer, e o efah  que levante tamén a décima parte do hómer: que a súa proporción se faga con hómer. 12O siclo son vinte gueras; vinte siclos máis vinte e cinco siclos máis quince siclos serán para vós unha mina. 13Este será o imposto que vós recolleredes: seis efáhs  por hómer  de trigo e outros seis efáhs por hómer de centeo. 14Velaí o precepto do aceite, do bat  de aceite: a décima parte dun bat por cada kor, pois dez bates fan un hómer e tamén dez bates  fan un kor. 15Tamén unha res do rabaño por cada duascentas reses do ben regado chan de Israel será para a ofrenda, para o holocausto, para o sacrificio de comuñón, para facer a expiación sobre eles ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

16Toda a poboación do país terá parte nesta contribución a favor do príncipe de Israel, 17pois o príncipe é o responsable dos holocaustos, da ofrenda, das libacións nas festas, nas lúas novas, nos sábados e en todas as romarías da Casa de Israel. El mesmo fará o sacrificio polos pecados, a ofrenda, o holocausto e os sacrificios de comuñón para facer a expiación en favor da Casa de Israel.

18Así fala o meu Señor, Iavé:

‑O día primeiro do primeiro mes collerás un becerro, fillo de vaca, sen defecto, e purificarás de pecados o santuario. 19O sacerdote collerá o sangue do sacrificio de purificación dos pecados, e untará con el os marcos do santuario, as catro esquinas do zócalo do altar e os marcos da porta do adro interior. 20O mesmo has de facer o día sete dese mes, por mor do home que pecou por descoido ou por ignorancia, e así facedes a expiación do templo. 21O día catorce do mes primeiro celebraredes a Pascua, unha festa de sete días, nos que se comerá pan sen fermento. 22Ese día, o príncipe ofrecerá un becerro en sacrificio de expiación por si mesmo e por toda a poboación do país. 23Durante os sete días de festa, ofreceralle ó Señor, cada día, un holocausto de sete becerros e sete carneiros, sen defecto. Durante os sete días tamén ofrecerá, cada día, un sacrificio de expiación polo pecado, un chibo, 24e fará a ofrenda dun efah de fariña por becerro e doutro efah por carneiro e dun hin  de aceite por cada efah  de fariña.

25Na festa do día quince do sétimo mes farase o mesmo que nestes sete días: os mesmos sacrificios de expiación polo pecado, os mesmos holocaustos, a mesma ofrenda e o mesmo aceite.