Capítulos 26-30

Oráculo de castigo contra Tiro

 

Capítulo 26

 

1Sucedeu no ano undécimo, no primeiro do mes, que me veu a

palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam:

Xa que Tiro dixo acerca de Xerusalén:

"¡Velaquí!, están esnaquizadas as portas da cidade,

e pasa ó meu poder:

fartarei nela a miña espada".

3Por isto, así fala o meu Señor, Iavé:

‑¡Óllame aquí contra ti, Tiro!

Levanto contra ti os pobos en masa

o mesmo que o mar levanta as súas ondas.

4Destruirán as murallas de Tiro

e botarán abaixo as súas fortalezas;

eu varrerei dela o mesmo po

e deixareina na nudez do penedo.

5Será un secadoiro de redes no medio do mar.

¡Son eu quen o dixo! ‑oráculo do Señor‑.

E servirá de botín para as nacións.

6As súas vilas que están en terra firme

serán traspasadas coa espada.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

 

7Pois así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, eu traio contra Tiro

a Nabucodonosor, rei de Babilonia;

desde o Norte traio o rei de reis,

con cabalos, con carros e con cabaleiros,

cun exército de moita xente.

8As túas vilas que están na terra firme

serán traspasadas coa espada,

construirá contra ti un muro de asedio,

levantará contra ti un terraplén

e erguerá contra ti un teito de protección.

9Dirixirá os golpes dos seus arietes

contra as túas murallas,

e derrubará as túas fortalezas coas súas machadas.

10Coa multitude dos seus cabalos

cubrirate de po.

E co ruído dos animais de arrastre, das rodas e dos carros,

bambearán as túas murallas,

cando el entre polas túas portas,

coma quen entra nunha cidade onde se abriron brechas.

11Cos cascos dos seus cabalos irá esmagando

todas as túas rúas.

Coa espada atravesará ó teu pobo,

e as túas poderosas estelas caerán por terra.

12Saquearán o teu tesouro

e farán botín das túas mercancías.

Botarán abaixo as túas murallas

e derrubarán os teus suntuosos palacios.

As túas pedras, as túas madeiras e as túas ruínas

botaranas ó medio do mar.

13Eu farei parar o son dos teus cantares

e a música das túas liras non se volverá oír.

14Deixareite na nudez do penedo,

serás un secadoiro de redes,

non volverás ser reedificada,

pois eu, o Señor, son quen falei,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

15Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Tiro, escoita: as costas estremeceranse

co ruído da túa caída,

co lamentarse dos teus acoitelados,

coa matanza das vítimas dentro de ti.

16Baixarán dos seus tronos todos os príncipes mariñeiros,

despoxaranse dos seus mantos

e quitaranse os seus vestidos bordados;

vestiranse de estremecemento,

sentarán no chan, tremerán  horrorizados

sentiranse estarrecidos por mor de ti.

17Entoarán unha elexía por ti, dicindo:

"¡Como desapareciches e fuches esnaquizada

no mar, vila renomeada!

¡A que era máis forte có Mar,

ela e mais os seus reis,

os que sementaban o terror en seu favor,

si, todos os reis!

18Agora as illas tremen no intre da túa caída,

as illas que hai no mar están aterrorizadas

por causa da túa desfeita".

 

19Pois así fala o meu Señor, Iavé:

‑Cando eu te converta en cidade asolada,

coma as cidades onde xa non se habita;

cando eu erga o Abismo sobre ti,

e te cubran as grandes augas,

20entón fareite baixar onda os que baixaron ó Foxo,

onda os pobos doutros tempos,

e fareite habitar nas profundidades,

nas eternas ruínas,

cos que baixaron ó Foxo,

para que non volvas reinar,

nin volvas encher de esplendor a terra dos vivos.

21Convertereite en espanto,

e xa non existirás;

buscarante e non te atoparán nunca máis,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Elexía sobre a caída de Tiro

 

Capítulo 27

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Oe ti, fillo de Adam, entoa sobre Tiro unha elexía:

3Tiro, a ti que sentas rexiamente á entrada do mar,

que a moitas costas vas traficando cos pobos,

así fala o meu Señor, Iavé:

‑Tiro, ti pareces un barco de acabada fermosura,

4os teus lindeiros están no corazón do mar,

os que te construíron consumaron a túa fermosura;

5de cipreses de Senir fixéronche todo o teu casco,

colleron un cedro do Líbano

para facer o mastro para ti;

6con carballos de Baxán fixeron os teus remos,

fixeron os bancos de almafí;

os cuartos, de cedro traído das costas de Chipre;

7de liño curado de Exipto con bordados

era a tea que che servía de vela;

de púrpura azul e de púrpura vermella das costas de Elixah era o teu toldo.

8Príncipes de Sidón e de Arvad eran os teus remeiros,

sabios de Tiro estaban en ti: eran os teus mariñeiros.

9Expertos de Biblos e os seus sabios

estaban en ti tapando as túas fendas;

todos os barcos do mar e mais os seus mariñeiros

aparecen en ti para facer comercio coa túa carga;

10persas, lidios e mais libios

estaban no teu exército, eran os teus homes de guerra;

escudos e helmos colgaban en ti, dábanche esplendor.

11Os de Arvad eran o teu exército, dos teus muros todo ó arredor,

e os gamaditas estaban nas túas fortalezas;

colgaban os seus escudos nos teus muros todo ó arredor,

e consumaban a túa fermosura.

12Tárxix era o teu arrieiro pola abundancia da túa riqueza;

por prata, bronce, estaño e chumbo cambiaban a túa mercadoría.

13Iaván, Tubal e mais Méxec eran os teus mercadores,

por escravos e útiles de bronce cambiaban a túa mercadoría.

14Os do estado de Togarmah cambiábanche a túa mercadoría

por cabalos, corceis e mais mulos.

15Os homes de Rodas eran os teus traficantes;

os de moitas costas eran comerciantes intermediarios teus,

dábanche en paga dentes de almafí e mais madeira de ébano.

16Aram era o teu mercador pola abundancia da túa produción;

por granate, púrpura, fío, corais e rubís

cambiaban parte da túa mercadoría.

17Xudá e o país de Israel eran os traficantes;

por trigo de Minit e por bicas doces, mel, aceite e bálsamo

cambiaban as túas mercadorías.

18Damasco era quen traficaba, coa abundancia dos teus produtos,

coa abundancia das túas riquezas,

polo viño de Helbón, pola lá de Sahar,

19e polas xerras de viño de Izal cambiaban parte da túa mercadoría;

ferro forxado, canela e canivela aromática eran parte das túas mercadorías.

20Dedán era o teu mercador en mantas de montar a cabalo.

21Arabia e os príncipes de Quedar eran traficantes dos teus haberes

en años, carneiros e castróns;

eran os teus traficantes nestas mercadorías.

22Os traficantes de Sabá e de Ramah eran os que traficaban contigo;

polo mellor de todas as especias, pedras preciosas e ouro

cambiaban as túas mercadorías.

23Harán, Caneh e Edén eran os que traficaban

con Sabá, Asur e Kilmad a túa mercadoría;

24estes eran os teus traficantes en vestidos elegantes,

en mantos de púrpura e bordados, en alfombras de lá de varias cores,

en cordas ben torcidas e fortes;

eran os teus traficantes nestas mercadorías.

25Os barcos de Tárxix eran os que che transportaban a túa mercancía;

enchícheste e pesabas moito no corazón do mar;

26os que te traían a maltraer, leváronte a alta mar,

e o vento do leste esnaquizoute no corazón do mar.

27As túas riquezas, as túas mercadorías e o teu comercio,

os teus mariñeiros e os teus homes do mar,

os que tapan as túas gretas e os que trafican coa túa mercadoría,

todos os teus homes de guerra que había en ti,

e toda a túa tripulación que está dentro de ti

caerán ó corazón do mar no intre da túa caída.

28O grito de auxilio da túa tripulación estremecerá o espazo remoto:

29entón todos os que empuñan o remo baixarán dos seus barcos,

mariñeiros e todas as tripulacións do mar quedarán en terra.

30Levantarán a súa voz e berrarán amargamente por ti,

botarán po nas súas cabezas e envorcallaranse na cinsa.

31Raparán a súa cabeza por ti, e vestiranse de saco.

Chorarán por ti con amargura persoal, con lamentos amargos.

32E no seu dó entoarán por ti unha elexía,

cantarán por ti esta elexía:

"¿Quen foi coma Tiro, coma a Fortaleza

no medio do mar?".

33Coa exportación das túas mercadorías polo mar

fartabas os pobos das túas riquezas;

coa abundancia dos teus bens e das túas mercadorías

enriquecías os reis do mundo.

34Agora ti estás desfeita polo mar,

estás nos profundos do mar;

as túas mercadorías e a túa tripulación naufragaron.

35Todos os habitantes das costas están estarrecidos por causa túa,

e os seus reis están horrorizados, conmóveselles a faciana.

36Os traficantes entre as nacións asubían por ti:

¡volvícheste algo horrible,

deixaches de existir para sempre!

 

Contra o príncipe de Tiro: 1. Oráculo de castigo

 

Capítulo 28

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, dille ó príncipe de Tiro:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Dado que se ensoberbeceu o teu corazón

e pensaches: "Son un deus,

estou sentado nun trono de deuses

no corazón do mar",

sendo ti un home, non un deus;

aínda que ti pensaches que tiñas unha sabedoría

coma a dos deuses.

3¡Seica ti es máis sabio ca Daniel e

ningún misterio se che resiste!

4Coa túa habilidade e coa túa agudeza

conseguiches ouro e prata entre os teus tesouros.

5Con aguda habilidade nos teus tratos

aumentaches a túa fortuna,

e coa riqueza o teu corazón volveuse orgulloso.

6Por isto así fala o meu Señor, Iavé:

‑Porque consideraches a túa sabedoría

coma a sabedoría dun deus,

7por isto, velaí que eu vou traer contra ti

os bárbaros, os máis tiranos dos pobos;

desenfundarán as súas espadas contra a túa preciosa sabedoría

e acoitelarán o teu esplendor.

8Farante baixar ó Abismo, e no corazón do mar

morrerás coa morte do acoitelado.

9¿Aínda te atreverás a dicir: "Eu son un deus"

na presenza dos que te van matar?

Pois ti es un home, non un deus,

nas mans dos que te van acoitelar.

10Nas mans dos bárbaros morrerás coa morte dos castrados,

pois eu son quen falei,

‑oráculo do Señor‑.

 

2. Elexía

 

11Veume a palabra do Señor nestes termos:

12‑Fillo de Adam, entoa unha elexía sobre o rei de Tiro:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Ti es a serpente da perfección,

cheo de sabedoría, e perfecto en fermosura;

13ti vives no Edén, o xardín de Deus,

toda sorte de pedras preciosas son o teu valo:

cornalina, topacio, augamariña,

crisólito, berilo e ónix;

zafiro, rubí e esmeralda,

e o ouro que hai en ti é por causa da túa fermosura,

e do teu esplendor; foi preparado para ti

o día que fuches creado.

14Ti eras un querubín coas ás estendidas,

púxente de gardián, estabas no monte santo dos deuses,

e movíaste por entre carbóns ardendo.

15Ti eras perfecto polo teu comportamento,

desde o día en que fuches creado

ata o día no que se atopou en ti a iniquidade.

16Coa abundancia do teu comercio íaste enchendo

por dentro de violencia e pecados,

por isto eu destituínte da categoría sacra,

lonxe da montaña de Deus,

e elimineite a ti, querubín protector,

de entre os carbóns acendidos.

17O teu corazón ensoberbeceuse por mor da túa fermosura,

e ti destruíches a sabedoría

a causa do teu esplendor;

eu boteite no Xeol e púxente diante dos reis

para que te contemplasen.

18Coa multitude das túas iniquidades

e a inxustiza do teu comercio

profanaches o teu santuario;

por isto farei saír lume do medio de ti,

que te devorará, e convertereite en cinsa,

sobre a terra, na presenza de todos os que miren.

19Todos os teus amigos entre as nacións

estarán horrorizados por causa túa;

ti serás algo horrible,

e nunca máis volverás existir.

 

Oráculo de castigo contra Sidón

 

20Veume a palabra do Señor nestes termos:

21‑Fillo de Adam, dirixe a túa ollada cara a Sidón e profetiza contra ela:

22Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaquí, eu estou contra ti, Sidón,

e vou ser glorificado dentro de ti.

Entón recoñecerán que eu son o Señor,

cando execute nela a sentencia

e mostre nela a miña santidade.

23Mandarei contra ela a peste

e o sangue ás súas rúas;

caerá o asasino sobre ela,

coa espada subirá a Sidón de todo o arredor.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

24E xa non volverá haber para os da Casa de Israel

espiño que se crava nin aguillón que  fura

de parte de todos os veciños que os desprezan.

Entón recoñecerán que eu son o Señor, Deus.

 

Restauración de Israel e castigo contra os seus veciños

 

25Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Cando eu reúna a Casa de Israel

de entre os pobos onde están esparexidos,

mostrarei a miña santidade neles á vista de todos os pobos

e asentarán na terra que eu lle dei ó meu servo, Xacob.

26Asentarán nela con tranquilidade,

construirán casas e plantarán viñas

e vivirán na tranquilidade,

cando eu execute as sentencias

contra todos os que ó seu arredor os desprezan.

Entón recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus.

 

Tres oráculos de castigo contra Exipto

 

Capítulo 29

 

1O ano dez, o día doce do mes décimo, veume a palabra do Señor

nestes termos:

2‑Fillo de Adam, dirixe a túa ollada cara ó Faraón, rei de Exipto,

e profetiza contra el e contra todo o Exipto.

3Fala e dille:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, eu estou contra ti, Faraón, rei de Exipto,

grande monstro, deitado entre as canles do Nilo,

que di: "De min sae o meu Nilo,

e eu prodúzoo para min".

4Poñerei dous ganchos nas túas queixadas,

e apegarei os peixes do Nilo ás túas escamas;

farei que subas do medio do Nilo,

e leves pegados todos os peixes do Nilo nas túas escamas.

5Arrastrareite ó deserto

a ti e a todos os peixes do Nilo;

morrerás sobre a superficie do campo,

sen que te recollan nin te enterren.

Poñereite de pasto para os bechos de debaixo da terra

e para os paxaros do ceo;

6entón todos os habitantes de Exipto

recoñecerán que eu son o Señor.

Por seren eles un bastón de canivela,

para a Casa de Israel,

7cando ti os apertes coa túa man, sentiraste débil

pero romperás ante eles todo apoio;

cando eles se apoien en ti, romperaste,

pero farás que todas as túas forzas

se restablezan para o ben deles.

8Por isto así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, vou traer a espada contra ti

e exterminar de ti homes e animais,

9e o país de Exipto volverase desolación e ruína.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

Por dicires: "O Nilo sae de min,

eu son quen o fixen",

10por isto, velaí, eu estou contra ti

e contra o teu Nilo;

eu vou converter o país de Exipto en ruínas,

nunha ruína desértica desde a Torre das Caravanas

ata a fronteira de Etiopía.

11Non o atravesará pé de home

nin casco de animal o cruzará;

nin será habitado durante corenta anos.

12Converterei o país de Exipto nunha desolación

maior cós países que están desolados:

as súas cidades que foron arruinadas,

durante corenta anos.

Esparexerei a Exipto entre os pobos

e espallareino entre os países.

 

Oráculo salvífico para Exipto, subordinado a saúde espiritual de Israel

 

13Velaí o que di o meu Señor, Iavé:

‑O cabo de corenta anos reunirei a Exipto

de entre os pobos a onde foi esparexido;

14deste xeito cambiarei a sorte da catividade de Exipto

e fareinos volver ó país do Sur,

a súa terra de orixe,

e formarán alí un reino humilde,

15que será máis humilde cós outros reinos;

e non se volverá levantar contra os outros pobos,

fareino miúdo para que non oprima ós demais pobos.

16Exipto nunca máis será para a Casa de Israel a seguridade,

que fai lembrar a iniquidade de cando Israel

se volvía tras el,

senón que a Casa de Israel recoñecerá

que eu son o Señor, Iavé.

 

Deus entrégalle Exipto a Nabucodonosor, en paga dos seus servizos

 

17O ano vinte e sete, o un do primeiro mes, veume a palabra do Señor nestes termos:

18‑Fillo de Adam: Nabucodonosor, rei de Babilonia, fixo traballar ó seu exército en dura campaña contra Tiro;

todas as cabezas quedaron peladas,

e todos os ombreiros quedaron sen pel;

pero nin el nin o seu exército sacarán proveito de Tiro,

a pesar da campaña que contra el fixeron.

19Por isto, así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, voulle entregar o país de Exipto a Nabucodonosor, rei de Babilonia,

que collerá os tesouros de Exipto, roubará as súas ganancias

e arrebatará o seu botín,

e así terá salario para o seu exército.

20En paga da esforzada campaña que fixeron contra Tiro,

eu entregareilles o país de Exipto, pois fixérono por min,

‑é o meu Señor, Iavé, quen o di‑.

21O día aquel medrará a puxanza da Casa de Israel,

e a ti concedereiche o poder abrir a boca no medio deles.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

 

O día do Señor: oráculos de castigo contra Exipto

 

Capítulo 30

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, profetiza e di: así fala o Señor, Iavé:

‑Facede esta lamentación:

¡Ai do día aquel!

3¡Chega o día,

chega o día do Señor!:

¡Será un día de nubes,

será o instante das nacións!

4Unha espada penetrará en Exipto,

e o estremecemento chegará ata Etiopía,

cando caian os acoitelados en Exipto;

arrebataranlle os seus tesouros,

e derrubaranlle os seus alicerces.

5Etiopía, Put, Lud e toda a Arabia,

Cub e xente do país aliado,

caerán mortos pola espada xunto con eles.

 

6Así fala o Señor:

‑Caerán os que sosteñen a Exipto,

e derrubarase o seu orgulloso poder;

desde a Torre das Caravanas todos caerán en Exipto,

‑é o meu Señor, Iavé, quen o di‑.

7Exipto quedará máis desolado cós países desolados,

e as súas cidades quedarán máis arrasadas ca cidade ningunha.

8E recoñecerán que eu son o Señor,

cando lle poña lume a Exipto

e sexan desbaratados todos os que o axudan.

9O día aquel sairán, en barcos, mensaxeiros de onda min,

para aterrorizar a tranquila Etiopía;

haberá angustia entre os etíopes o día de Exipto,

si, ¡velaí  chega!

10Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Eu poreille fin á riqueza de Exipto,

por medio de Nabucodonosor, rei de Babilonia.

11El e mais as súas tropas con el, as máis poderosas das nacións,

serán levados para destruír o país;

desenvaiñarán as súas espadas contra Exipto,

e encherán o país de mortos.

12Farei un sequeiro das canles do Nilo,

e entregarei en venda o país na man dos malvados,

por man de bárbaros arrasarei o país e canto o enche.

Eu, o Señor, son quen falei.

13Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Eu vou destruír os seus ídolos,

e facer desaparecer de Menfis os deuses importantes,

e da capital de Exipto o príncipe,

que nunca máis volverá haber.

Impoñerei respecto sagrado no país de Exipto.

14Destruirei o país do Sur,

poñereille lume a Tanis

e executarei a sentencia contra Tebas.

15Desafogarei o meu noxo en Pelusio,

praza forte de Exipto;

e destruirei as riquezas de Tebas;

16prendereille lume a Exipto,

Pelusio retorcerase de dor,

e a muralla de Tebas estará para fenderse,

e Menfis terá o seu asedio no seu día.

17Os escollidos de One e de Pibéset caerán a espada;

e as mulleres irán á catividade.

18En Tafnes deterase o día,

cando eu rompa alí os cetros de Exipto,

e se acabe nela o orgullo do seu poderío.

A ela cubriraa unha nube,

e as súas fillas irán á catividade.

19Entón eu executarei sentencia contra Exipto,

e recoñecerán que eu son o Señor.

 

O Señor dirixe os procesos históricos

 

20O ano once, o sete do primeiro mes, veume a palabra do Señor nestes termos:

21‑Fillo de Adam, rompín o brazo do Faraón, rei de Exipto,

e velaí que non está recomposto para poñerlle medicamentos

e aplicarlle vendaxes, non está atado nin colle forza

para empuñar a espada.

22Por isto, así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, eu estou contra o Faraón, rei de Exipto;

voulle romper os brazos, o brazo san e mais o quebrado,

e vou facer caer a espada da súa man.

23Vou espallar a Exipto entre as nacións,

e a dispersalo entre os países.

24Dareilles forza ós brazos do rei de Babilonia,

e entregarei a miña espada na súa man;

pero romperei os brazos do Faraón,

que lanzará diante del xemidos de acoitelado.

25Farei fortes os brazos do rei de Babilonia,

mentres que os brazos do Faraón caerán;

recoñecerán que eu son o Señor

cando poña a miña espada na man do rei de Babilonia,

para que a manexe contra o país de Exipto.

26Dispersarei a Exipto entre as nacións,

e espallareino entre os países.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.