Capítulos 21-25

Catro oráculos de castigo con lamentación simbólica sobre Xerusalén e Xudá

 

Capítulo 21

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, pon a túa cara mirando para o sur,

e profetízalle ó mediodía,

profírelle oráculos ó bosque do campo do Négueb.

3Dille: ¡Bosque de Négueb,

escoita a palabra do Señor!

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaquí, vouche prender lume,

que devorará todas as túas árbores verdes

e todas as túas árbores secas.

A ardente chama non se apagará,

senón que con ela se queimarán todas as terras,

desde o Négueb ata o norte.

4E todo mortal verá que son eu, o Señor,

quen o prendín e non se apagará.

5Entón eu respondín:

‑¡Ai, meu Señor Iavé! Eles están dicindo de min:

"¿Non é el o que conta contos?"

 

6Entón veume a palabra do Señor nestes termos:

7‑Fillo de Adam, pon a túa cara mirando a Xerusalén,

e profetiza contra o santuario,

e profire oráculos contra a terra de Israel,

8e di: terra de Israel, así fala o Señor:

‑Vede, estou contra ti,

e saco a miña espada da súa vaíña,

para exterminar de ti xustos e pecadores.

9Porque teño que exterminar de ti

xustos e pecadores,

por isto sae a miña espada da súa vaíña

contra todo mortal desde o Négueb, ata o norte.

10Deste xeito recoñecerá todo mortal

que eu, o Señor, saquei a miña espada da súa vaíña,

e que a ela non volverá.

 

11E ti, fillo de Adam, fai lamentacións

dobrando a cintura,

e con amarguras fai lamentacións na súa presenza.

12Cando eles che pregunten: "¿Por que fas ti lamentacións?",

ti has de lles responder:

Por causa dunha noticia que chega sen remedio,

e entón todo corazón fraqueará,

todos os brazos se debilitarán,

todo espírito desfalecerá,

e todos os xeonllos se desfarán en auga.

Velaí  chega e xa se fai realidade,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

13Tamén me veu a palabra do Señor nestes termos:

14‑Fillo de Adam, profetiza e di:

Así fala o Señor:

‑¡Unha espada, unha espada afiada

e para máis brunida!

15Afiada para executar a gran matanza,

brunida para que escintile.

¡Ai! ¡Levantan un cetro contra o meu fillo,

un cetro que rexeita a todas as       árbores!

16Entregan a espada a brunir

para despois a apreixaren coa man;

xa está a espada afiada,

xa está brunida,

para a poñer na man do matador.

17Berra e desfaite en gritos, fillo de Adam,

que xa está contra o meu pobo,

xa está contra todos os príncipes de Israel;

os horrores da poderosa espada están co meu pobo,

por isto date golpes nas nádegas.

18¡Que proba! Pero ¿que non sería      aínda,

se eu non rexeitase o cetro?

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

19E ti, fillo de Adam, profetiza e bate puño con puño:

‑Que se duplique a espada,

que se triplique:

é a espada dos atravesados,

a espada do gran traspaso,

a que os ten acurralados;

20para que lles desmaie o corazón

e se multipliquen os caídos;

contra todas as súas portas puxen a ameaza da espada,

feita irmá do lóstrego,

disparada para a matanza.

21Revóltate, espada, á dereita,

ponte cara á esquerda,

a onde os teus dous fíos se volven.

22Tamén eu baterei puño con puño

e esgotarei a miña ira.

Eu, o Señor, fun quen falei.

 

Xesto simbólico de castigo, na marcha de Nabucodonosor contra Xerusalén

 

23Veume a palabra do Señor nestes termos:

24‑Oe ti, fillo de Adam, traza ti mesmo dous vieiros para que vaia a espada do rei de Babilonia; os dous sairán da mesma metrópole. Marca un sinal no comezo do camiño da cidade, márcaa. 25Indica un vieiro para que entre a espada en Rabah dos amonitas e en Xudá, na inaccesible Xerusalén. 26Velaí o rei de Babilonia, que se para na encrucillada, no comezo dos dous camiños para consultar as sortes: baralla as frechas, consulta os deuses familiares, observa o fígado. 27Xa ten na súa man dereita a sorte: ¡A Xerusalén! ¡A emprazar arietes, a prorromper en alaridos, a lanzar gritos de guerra, a emprazar arietes fronte ás portas, a encher ramplas, a construír torres de asalto! 28Isto resultaralles a eles coma un vaticinar en balde ós seus propios ollos, fartos dos seus propios xuramentos de fidelidade; pero el lembrarase da inicua infidelidade para a castigar.

29Velaí, así fala o meu Señor, Iavé:

‑Para que vos lembredes das vosas iniquidades

ó descubrírense as vosas rebelións,

ó vérense os vosos pecados en todos os vosos feitos,

para que os lembredes,

habedes ser apreixados con man forte.

30Oe ti, malfeitor infame,

príncipe de Israel,

a quen lle chega o seu día no intre da iniquidade final,

31así fala o meu Señor, Iavé:

‑¡Saca o turbante,

quita a coroa!

As cousas xa non son como eran:

o baixo é alto,

e o alto é baixo;

32¡Ruína, ruína! Unha ruína hei facer.

Pero isto non sucederá ata que chegue aquel que ten o poder

de xulgar, que eu lle darei.

33‑Oe ti, fillo de Adam, anuncia este oráculo:

 

Ameaza contra os amonitas.

 

Así fala o meu Señor, Iavé, contra os amonitas e contra a súa violación do xuramento, dilles:

‑¡Unha espada, espada desenfundada para a matanza!

¡Espada afiada para collela e lanzar lóstregos!

34Cando acerca de ti hai xa quen ten visións vas,

cando acerca de ti hai quen adiviña mentiras,

póñente sobre os pescozos de infames malfeitores,

ós que lles chega o día,

a fin, na hora da iniquidade.

35Retira o poder do seu gume do lugar onde fuches creada,

da terra da túa orixe, onde te vou xulgar:

36Verterei en ti o meu noxo,

soprarei o incendio do meu furor contra ti,

e entregareite ó poder de xentes salvaxes,

artífices de destrución.

37Ti volveraste unha rima de leña para o lume,

o teu sangue caerá no medio do país.

Nunca máis serás lembrada,

porque eu, o Señor, son quen falei.

 

O castigo de Deus, chamada á conversión

 

Capítulo 22

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Oe ti, fillo de Adam,

¿acaso non vas condenar,

si, condenar, a cidade sanguinaria,

e facerlle ver todas as súas abominacións?

3Dille: así fala o meu Señor, Iavé:

‑A cidade que verte sangue en medio de si

chegaralle de certo o seu momento:

e a que se constrúe ídolos diante de si

volverase de certo impura.

4Co sangue que ti vertiches

volvícheste culpable,

e cos ídolos que ti fixeches

volvícheste impura,

e deste xeito precipitaches a túa hora,

e chegaches á fin dos teus anos,

por isto convértote en escarnio

para os pobos, e en burla para todos os países.

5Países veciños e países remotos

burlaranse de ti,

famosa pola túa impureza,

grande na consternación.

6Fíxate: os príncipes de Israel

están dentro de ti para verteren sangue,

cada un canto lle dá o seu brazo.

7Dentro de ti trátase con desprezo a pai e nai,

dentro de ti trátase con violencia ó emigrante,

dentro de ti son oprimidos o orfo e a viúva.

8Ti desprezas as miñas santas institucións,

e profanas os meus sábados.

9En ti hai xente que calumnia

a fin de que se verta sangue;

en ti cómense banquetes sacros na cima dos montes,

e dentro de ti fanse cousas infames.

10En ti hai quen destapa a nudez que pertence ó pai,

en ti abusan da muller na impureza da regra.

11En ti uns cometen abominacións coa muller do irmán,

outros manchan con impureza a propia nora,

e outros abusan da irmá, filla de seu pai.

12En ti acéptanse regalos para verter sangue,

ti cobras intereses de usura

e enriquéceste violentamente á conta dos teus próximos;

pero a min esquecéstesme,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

13Velaí, vou bater en ti cos meus puños

por todos os inxustos negocios

que estás facendo,

e polo sangue que se está vertendo en medio de ti.

14¿Manterase firme o teu corazón?

¿Seguirán fortes os teus brazos

os días que eu proceda contra ti?

Eu, o Señor, son quen o digo e quen o farei.

15Hei de dispersarte entre as nacións,

hei de esparexerte por entre os países,

hei de levar ata o colmo a túa impureza por culpa túa,

16e deste xeito ti recibirás de ti mesmo a herdanza

á vista de todas as nacións.

Entón recoñecerás que eu son o Señor.

 

Deus purificará a Xerusalén coa súa ira

 

17Veume a palabra do Señor nestes termos:

18‑Fillo de Adam,

a Casa de Israel resulta escoura para min;

todos eles son bronce e estaño,

ferro e chumbo;

no medio do forno resultan escoura de prata.

19Por iso así fala o meu Señor, Iavé:

‑Volvéstesvos todos escoura,

por isto, vede, vouvos xuntar

no medio de Xerusalén.

20Xa xuntei a prata e o cobre,

o bronce, o chumbo e o estaño:

aticei neles o lume para fundilos;

así vos xuntarei a vós,

na miña ira e no meu noxo,

si, metereivos e fundireivos.

21Heivos xuntar,

e atizar contra vós o lume do meu noxo

onde vos fundiredes.

22O mesmo que se fai a fundición de prata

no medio do forno, así habédesvos de fundir

no medio do meu furor, e saberedes que

eu, o Señor, son quen vertín a miña ira sobre vós.

 

Interpretación teolóxica da caída de Xerusalén

 

23Veume a palabra do Señor nestes termos:

24‑Fillo de Adam, dille a Xerusalén:

Ti es terra non lavada,

non tes chuvias fortes desde o día do enfado.

25No medio dela hai unha confabulación dos seus profetas;

coma un león ruxidor que esnaquiza unha presa,

devoran vidas, apodéranse de riquezas e obxectos de valor,

e fan aumentar na cidade o número das súas viúvas.

26Os seus sacerdotes violan a miña lei

e profanan as miñas institucións santas,

non distinguen o sacro do profano,

non fan notar a diferenza entre o impuro e o puro,

pechan os seus ollos para os meus sábados,

e deste xeito eu son profanado entre vós.

27Os seus xefes están no medio dela

coma lobos que esnaquizan a presa,

vertendo sangue e acabando coa xente para se enriqueceren.

28Os seus profetas caleáronos de branco,

anunciándolles visións ilusorias,

e profetizándolles mentiras, dicíndolles:

"Así fala o meu Señor Iavé",

cando o Señor non falara.

29Os donos da terra practican a violencia

e cometen roubos,

oprimen o humilde e mais o pobre,

e maltratan o emigrante coa inxustiza.

30Eu busquei entre eles un que volva a levantar a muralla,

que se manteña na brecha diante de min,

por mor do país, para que  eu non o destrúa,

e non o atopo.

31Por iso vertín sobre eles a miña ira,

destruínos co lume do meu furor,

volvín sobre a súa cabeza

o castigo do seu comportamento,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Castigo de Samaría e Xerusalén pola súa infidelidade

 

Capítulo 23

 

1Entón veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, había dúas mulleres,

fillas da mesma nai;

3déronse á prostitución en Exipto;

sendo mociñas xa se deron á prostitución.

Alí apalpáronlles os seos,

Aperetáronlles os seus peitos de virxes.

4Velaí os seus nomes: Oholah, a máis grande;

e Oholibah, súa irmá.

Despois foron miñas

e déronme a luz fillos e mais fillas.

Velaí os seus nomes: Oholah chámase Samaría

e Oholibah, Xerusalén.

5Oholah, en lugar de ser miña, deuse á prostitución

e namorouse dos seus amantes, dos asirios:

6guerreiros vestidos de púrpura,

gobernadores e oficiais;

todos eles novos, bos mozos,

xinetes montados en cabalos.

7Os encantos da súa prostitución

entregóullelos a eles,

a toda a flor dos asirios,

e lixouse con todos os que eran a súa paixón

e con todos os seus ídolos volveuse impura.

8Non retirou de Exipto as súas fornicacións,

xa que se viñan deitando con ela desde a mocidade,

e eles foron quen lle apalparon os seus peitos de virxe

e quen puxeron nela os arelos de fornicación.

9Por isto entregueina ó poder dos seus amantes,

ó poder dos asirios de quen ela estaba namorada.

10Eles destapáronlle as súas vergonzas,

colléronlle os fillos e as fillas,

e a ela matárona coa espada.

Ela converteuse nun nome simbólico para as nacións,

pois os asirios executaron a súa sentencia condenatoria.

11Viu isto a súa irmá Oholibah,

e degradou o seu namoro máis ca ela,

e degradou a súa fornicación máis

cá fornicación da irmá.

12Namorouse dos asirios:

gobernadores e oficiais,

guerreiros vestidos de luxo,

xinetes montados en cabalos,

todos eles novos, bos mozos.

13Eu vin como se volvía impura:

as dúas colleran o mesmo camiño.

14Aumentou as súas fornicacións

vendo as esculturas de homes sobre as paredes

e as figuras dos caldeos pintadas en vermello,

15cun cinto polo van

e con turbantes que lles agrandaban a cabeza,

parecían todos eles xenerais,

tiñan o aspecto de babilonios de Caldea,

a terra da súa orixe.

16Coa soa visión dos seus ollos namorouse deles

e mandoulles mensaxeiros a Caldea.

17Os babilonios viñeron onda ela,

ó leito dos amoríos,

volvérona impura coas súas fornicacións,

e ela sentiuse impura con eles,

e a súa gorxa sentiu noxo deles.

18Descubriu os seus xeitos de prostituta

e descubriu as súas vergonzas,

e entón a miña gorxa sentiu noxo dela,

o mesmo que sentira noxo da súa irmá.

19Pero ela aumentou as súas prostitucións

lembrándose dos días da súa mocidade,

cando se prostituíra no país de Exipto.

20Ela seguiu namorada daqueles mancebos,

a carne deles era de burros,

a súa semente era semente de cabalos.

21Por isto eu castiguei a lascivia da túa mocidade,

de cando os teus peitos eran apalpados por Exipto

por causa dos teus seos de moza.

22Por isto, Oholibah, así fala o meu Señor:

‑Velaí, estou incitando contra ti os teus amantes,

eses dos que a túa gorxa sente noxo,

e fareinos vir contra ti de todo o arredor.

23Os babilonios e todos os caldeos, anoxados dela,

visitan en demanda de axuda a todos os asirios,

a eles, novos, bos mozos,

gobernadores e oficiais todos eles,

ós xenerais e oficiais, montados en cabalos todos eles.

24Virá contra ti un exército de xinetes e carros,

con multitude de tropas;

e porán diante de ti todo ó arredor

as forcadas, os escudos e mais os helmos;

eu expoñerei diante deles a causa

e eles xulgarante segundo a súa xustiza.

25Verterei contra ti os meus celos

e tratarante con rabia;

arrincaranche o nariz e as orellas

e o que che quede caerá a espada;

prenderán os teus fillos e as túas fillas

e o que che quede será consumido polo lume.

26Quitaranche os teus vestidos

e arrebataranche as túas xoias.

27Farei desaparecer de ti a túa lascivia

e da terra de Exipto a túa fornicación de prostituta;

non volverás levantar os teus ollos cara a eles

nin te volverás lembrar máis de Exipto.

28Pois así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, entrégote ó poder dos que ti odias,

ó poder daqueles dos que a túa gorxa sente noxo.

29Tratarante con odio

e apoderaranse de todas as túas riquezas,

deixarante espida e en coiro,

e quedarán ó descuberto as túas vergonzas de prostituta.

30A túa lascivia e as túas prostitucións trouxéronche isto,

por te prostituíres indo tralas nacións,

e por te volveres impura cos seus ídolos.

31Colliches o camiño da túa irmá,

e por isto eu porei na túa man a súa mesma cunca.

32Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Beberás a cunca da túa irmá,

ben fonda e ben ancha.

Servirá para rir e para burlarse

pola súa grande cabida.

33Ti encheraste de borracheira e de pesares,

¡cunca de horrores e de desolación é a cunca da túa irmá Samaría!

34Beberala e deixarala baldeira,

rillarás o seu barro,

e logo racharás os teus peitos,

pois son eu quen falei,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

35Por isto así fala o meu Señor, Iavé:

‑Por te esqueceres de min

e por me dares as costas,

por isto, ti soporta

o castigo da túa lascivia e da túa prostitución.

 

36O Señor díxome:

‑Fillo de Adam, xulga a Oholah e a Oholibah,

bótalles na cara as súas abominacións.

37¡Si que cometeron adulterios!

Teñen sangue nas súas mans

e cometeron adulterios cos seus ídolos;

e ademais os seus propios fillos,

que para min deran a luz,

servíronllelos en comida ós ídolos.

38E aínda me fixeron isto:

contaminaron o meu santuario o día aquel

e profanaron os meus sábados.

39O ofreceren os seus fillos ós ídolos en sacrificio,

o día aquel entraron no meu santuario, profanándoo.

Velaí o que fixeron dentro da miña Casa.

40Aínda máis, fanlles regalos

a homes que veñen de lonxe,

ós que mandaron mensaxeiros;

e velaí que viñeron con sorte:

ti bañácheste, pintaches os ollos

e engalanácheste con xoias.

41Logo deitácheste en diván pomposo,

cunha mesa preparada diante do diván,

e puxeches fronte ó diván

o meu incenso e os meus perfumes aceitosos.

42No diván oíase o balbordo dunha multitude leda,

e un exército de homes, que foron invitados a vir do deserto,

‑unha abundancia de homes‑ enchíanse de beber.

Entón eles puxeron brazaletes nos brazos delas

e unha diadema espléndida nas cabezas.

43Eu dixen: ¡Certo, agora adulterios!

¡Ai, prostituta, lasciva tamén ela!

44¡Veñen onda ela,

como se vai xunto dunha prostituta!

Así viñeron onda Oholah e Oholibah,

esas mulleres impúdicas.

45Velaí os homes xustos que as han xulgar

coa sentencia das adúlteras

e coa sentencia das asasinas,

pois elas son adúlteras

e teñen sangue nas súas mans.

46Pois así fala o meu Señor, Iavé:

‑Fai subir contra elas unha multitude

e entrégaas á aldraxe e ó saqueo.

47Que a xente lance pedras contra elas

e que as esnaquicen coas súas espadas,

que maten ós seus fillos e ás súas fillas,

e que queimen co lume as súas casas.

48Farei desaparecer a lascivia do país,

e escarmentarán todas as mulleres,

que non volverán imitar a vosa infamia.

49Farase caer sobre vós a vosa lascivia

e soportaredes os vosos pecados de idolatría.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor, Deus.

 

Anuncio do asedio de Xerusalén: a ola enferruxada

 

Capítulo 24

 

1O ano nove do mes décimo, o dez deste mes, veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, escribe ti mesmo a data de hoxe, a data deste preciso día. Neste preciso día o rei de Babilonia atacou Xerusalén. 3Proponlle á Casa Rebelde unha parábola, dicíndolles:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Pon, pon no fogón unha ola,

e bótalle dentro auga;

4bota nela os anacos de carne,

todas as talladas mellores,

pernil e solombo.

Énchea dos mellores ósos.

5Colle o mellor do rabaño.

¡Que un feixe de ósos debaixo dela

fagan ferver o seu cocido!

¡Que cozan os ósos que ten dentro!

6Por isto, así fala o meu Señor, Iavé:

‑¡Ai da cidade lixada de sangue!

¡Ai da ola emporcallada e enferruxada,

da que non sae a ferruxe!

¡Que a baleiren tallada a tallada,

pois non houbo sorte con ela!

7O seu sangue está no medio dela;

púxoo sobre un penedo pelado,

non o verteu na terra,

para que o po o tape.

8Para aumentar o meu noxo

para tomar a miña vinganza,

deixeina poñer o seu sangue sobre un penedo pelado,

para que non se cubra.

9Por isto así fala o meu Señor, Iavé:

‑¡Ai da cidade lixada de sangue!

Eu mesmo farei máis grande a rima de leña,

aumentarei a leña,

10prenderei o lume e farei que se consuma a carne,

botareille graxas recendentes

e queimaranse os ósos.

11Logo poñerei a ola baleira sobre as brasas

para que o seu bronce se requeime

e se poña relucente;

e derreterase a porcallada que ten dentro,

consumiráselle a súa ferruxe.

12Aínda que multiplicase os meus traballos,

non lle sairía a súa moita ferruxe,

nin con lume sairía a ferruxe.

13Na túa impureza hai lascivia;

por máis que te limpei,

ti non quedaches limpa da túa impureza,

e non volverás estar limpa

ata que esgote contra ti a miña ira.

14Eu, o Señor, dixen:

Chega a miña ira, e fareino,

non o descoidarei,

non me apiadarei, nin me compadecerei;

serás xulgada conforme o teu comportamento

e conforme as túas accións

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

15Veume a palabra do Señor nestes termos:

16‑Fillo de Adam, velaí, vouche arrebatar de repente

a alegría dos teus ollos.

Non fagas dó nin chores

e que non che veñan as bágoas.

17Quéixate en silencio pola túa morta,

non fagas dó;

cingue o teu turbante

e calza nos pés as túas sandalias;

non cubras a barba

nin comas pan doutros homes.

18Pola mañá faleille ó pobo,

e polo serán morreu a miña muller

e á mañá seguinte

fixen tal como se me mandou.

19Entón díxome a xente:

‑¿Acaso non nos vas mostrar

que queren dicir estas cousas?

¿Que é o que estás facendo?

20Logo, díxenlles:

‑Veume a palabra do Señor nestes termos:

21Dille á Casa de Israel: isto di o meu Señor, Iavé:

‑Sabede que eu vou profanar o meu santuario,

o orgullo da vosa cidadela,

a alegría dos vosos ollos,

e instrumento de expiación polas vosas vidas.

Os fillos e as fillas que deixastes

caerán pola espada.

22Entón faredes tal como eu fixen:

Non taparedes a barba

nin comeredes pan doutros homes.

23Seguiredes cos turbantes nas vosas cabezas

e coas sandalias nos vosos pés;

non faredes dó nin choraredes,

consumirédesvos por culpa das vosas iniquidades,

e lamentarédesvos cada un polo seu irmán.

24E cando isto veña,

Ezequiel serviravos de sinal admirable:

faredes todo tal coma el fixo

e recoñeceredes que eu son o Señor, Iavé.

25E ti, fillo de Adam,

o día que eu lles arrebate a súa fortaleza,

a alegría da súa gloria,

a ledicia dos seus ollos,

e o rexurdir das súas vidas,

os seus fillos e as súas fillas,

26o día aquel

irá onda ti o que puido fuxir,

para traer a noticia ós teus oídos.

27E o día aquel a túa lingua soltarase

e falarás co fuxitivo;

non volverás estar mudo,

senón que serás para eles un sinal admirable.

Recoñecerán que eu son o Señor.

 

 

ORÁCULOS CONTRA AS NACIÓNS

 

Contra os amonitas

 

Capítulo 25

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, ponte cara ós amonitas

e profetiza contra eles,

3dilles ós fillos de Amón:

Escoitade a palabra do meu Señor Iavé:

‑Por dicirdes contra o meu santuario:

"¡Ei, que sexa profanado!"

E contra a terra de Israel:

"¡Que vaian á catividade!",

4por isto velaquí que eu te entrego en herdanza

ós fillos do Nacente,

que asentarán en ti as súas cercas de pedra,

e chantarán en ti os seus campamentos;

eles comerán os teus froitos,

e beberán o teu leite;

5converterei a Rabah nun pasteiro de camelos

e as construcións de Amón nun curral de ovellas.

Deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.

6Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Por bateres palmas e pateares cos pés,

e por te alegrares con todo o teu desprezo

polas terras de Israel,

7por isto estendo a miña man contra ti:

entregareite en botín ás nacións

e exterminareite de entre os pobos;

fareite desaparecer de entre os países e devastareite.

Deste xeito recoñecerás que eu son o Señor.

Contra Moab

8Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Por dicirdes, Moab e Seir: "Velaí a Casa de Xudá,

é igual ca todas as nacións",

9por isto, fíxate: vou abrir un costado a Moab,

por falar burlescamente;

de entre as súas cidades quitareille a xoia do país,

o Casal da Desolación, o Casal de Baal, Meón e Quiriataim:

10entregareina ós fillos do Nacente

en herdanza ante os fillos de Amón,

para que nunca máis sexan lembrados os fillos de Amón entre os pobos.

11Farei xustiza en Moab.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

 

Contra Edom

 

12Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Por mor do comportamento de Edom

ó practicar a vinganza contra a Casa de Israel,

e se facer culpable da súa vinganza contra ela,

13por isto así fala o meu Señor, Iavé:

‑Estendo o meu brazo contra Edom:

exterminarei del homes e animais,

convertereino nunha desolación,

desde Temán ata Dedán caerán á espada.

14Descargarei a miña vinganza contra Edom

pola man do meu pobo Israel,

que tratará a Edom conforme o meu xenio e a miña ira.

Entón coñecerán a miña vinganza

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Contra os Filisteos

 

15Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Por obraren os filisteos a traizón

e por se vingaren con profundo desprezo persoal

dunha morte que trouxo odio secular,

16por isto así fala o meu Señor, Iavé:

‑Vede que vou estender a miña man contra os filisteos,

vou exterminar os quereteos,

vou arruinar os que queden da beira do mar.

17Vou facer neles unha terrible vinganza,

con castigos desapiadados.

Entón, cando eu me vingue deles,

recoñecerán que eu son o Señor.