Capítulos 11-15

Anuncio de castigo contra as falsas seguridades dos dirixentes de Xudá

 

Capítulo 11

 

1O Espírito arrebatoume e levoume á porta oriental do templo do Señor, que dá ó nacente, e vin á entrada da porta vintecinco homes; no medio deles vin a Iezanías, fillo de Azur e mais a Pelatías, fillo de Benaías, xefes do exército. 2Entón o Señor díxome:

‑Fillo de Adam, estes son os homes que están a maquinar iniquidades e a dar malos consellos nesta cidade. 3Están a dicir: "Certo, antes de que se aproxime o tempo de construír casas, a cidade será a pota e nós seremos a tallada".

4Por isto, profetiza contra eles, profetiza, fillo de Adam. 5Entón caeu sobre min o Espírito do Señor e díxome:

‑Dilles: así fala o Señor: Deste xeito falades vós, Casa de Israel; o que se vos sobe á cabeza seino ben eu. 6Multiplicastes os vosos caídos nesta cidade e enchestes as rúas de vítimas. 7Por isto, así fala o Señor, Deus: as vosas vítimas, as que vós puxestes no medio da cidade, elas son a tallada e a cidade é a pota; pero a vós fágovos saír da cidade. 8Tédeslle medo á espada, pero a espada traereina contra vós ‑é o Señor Iavé, quen fala‑.

9Heivos facer saír do medio da cidade,

heivos entregar no poder de estranxeiros

e hei facer convosco xustiza.

10A espada caeredes,

sobre o territorio de Israel heivos xulgar,

e deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.

11A cidade non vos servirá de pota

nin vós serviredes de tallada no medio dela:

heivos xulgar sobre o territorio de Israel.

12E deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor,

do que non seguistes os preceptos

senón que obrastes segundo os costumes dos pobos

que están ó voso arredor.

13Mentres eu profetizaba, Pelatías, fillo de Benaías, morreu. Entón eu caín rostro en terra e gritei con forte berro:

‑¡Ai, meu Señor, Iavé! ¿Vas ti exterminar o resto de Israel?

 

O verdadeiro resto de Israel

 

14Entón veume a palabra do Señor nestes termos:

15‑Fillo de Adam, os teus irmáns, os teus propios irmáns, os homes da túa familia e toda a Casa de Israel desapareceron, pois os habitantes de Xerusalén dinlles a eles: "Quedádevos lonxe do Señor; é a nós a quen se nos deu esta terra en herdanza". 16Por iso dilles: así fala o Señor, Iavé:

‑Certo que os fixen apartar entre os pobos,

certo que os esparexín polos países;

pero por un pouquiño eu fun para eles

un santuario nos países a onde foron.

17Por isto, así fala o Señor Iavé:

‑Heivos reunir de entre os pobos,

heivos xuntar de entre os países

a onde fostes esparexidos,

e heivos dar a terra de Israel.

18Entrarán nela e retirarán dela

todos os seus ídolos e todas as súas abominacións.

19Heilles dar un só corazón

e infundirei en vós un espírito novo:

arrincarei da súa carne o corazón de pedra

e dareilles un corazón de carne,

20para que se comporten conforme os meus preceptos,

garden os meus mandamentos e os cumpran;

eles serán o meu pobo

e eu serei o seu Deus.

21Pero se o seu corazón se apega

á crenza dos ídolos e das súas abominacións,

eu farei recaer o seu comportamento sobre as súas cabezas,

‑é o Señor, Iavé, quen fala‑.

 

A gloria do Señor abandona o templo e vai a Caldea sobre o profeta

 

22Entón os querubíns levantaron as súas ás, estando as rodas xunto a eles; a gloria do Deus de Israel sobresaía sobre eles. 23A gloria do Señor levantouse do medio da cidade e detívose sobre o monte que está ó nacente da cidade. 24Logo o Espírito arrebatoume e, en éxtase baixo o efecto do Espírito do Señor, levoume a Caldea onda os desterrados, e a visión que eu vira subiu por enriba de min. 25Eu conteilles ós desterrados todas as cousas que o Señor me concedera ver.

 

Xesto simbólico da deportación para o príncipe e para os dirixentes

 

Capítulo 12

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, ti estás vivindo no medio da Casa Rebelde:

teñen ollos para ver, e non ven;

teñen oídos para escoitar, e non escoitan,

pois son Casa Rebelde.

3‑Oe ti, fillo de Adam, prepara o teu fardelo de desterrado,

e marcha ó desterro en pleno día, ante os seus propios ollos;

marcha do teu lugar a outro lugar á vista deles,

a ver se o ven, pois son Casa Rebelde.

4Colle o teu fardelo, fardelo de deportado,

en pleno día á vista deles;

e sairás polo serán e á vista deles,

como os que saen para o desterro.

5A vista deles fura o muro e saca por el o fardelo.

6A vista deles bótao ás costas, sácao de noite,

cubre a túa cara para non ver o país,

fíxate: fago de ti un sinal para a casa de Israel.

7Eu fixen tal como se me mandara:

collín en pleno día o meu fardelo coma fardelo de desterrado,

furei polo serán no muro coa man, saquei o fardelo na escuridade

e cargueino ó lombo á vista deles.

8A mañá seguinte veume a palabra do Señor nestes termos:

9‑Fillo de Adam, ¿acaso non che preguntou a Casa de Israel, a Casa Rebelde, que era o que estabas a facer? 10Dilles: así fala o meu Señor, Iavé: ‑Este oráculo é para o príncipe que hai en Xerusalén e para toda a Casa de Israel que está no medio dela. 11Dilles:

Eu fun un sinal para vós:

o mesmo que eu fixen, así se lles fará a eles:

Irán deportados ó desterro.

12O príncipe que vive entre eles cargará ó lombo o seu fardelo na escuridade e sairá polo muro que furaron para poderen saír por el, tapará a súa cara para non ver cos seus ollos o país. 13Eu estenderei a miña rede sobre el, e será cazado na miña trampa; levareino a Babilonia, país dos caldeos, pero el non a verá, aínda que morrerá alí. 14E a todos os que están ó seu arredor, ós seus axudantes e ás súas tropas esparexereinos ós catro ventos, e desenfundarei a espada tras eles. 15E recoñecerán que eu son o Señor, cando os esparexa por entre os pobos e os disperse polos países.

16Pero deixarei de entre eles un resto, uns poucos homes escapados da espada, da fame e da peste, para que conten as súas abominacións nos pobos a onde vaian. Entón recoñecerán que eu son o Señor.

 

Xesto simbólico contra Xerusalén

 

17Veume a palabra do Señor nestes termos:

18‑Fillo de Adam, come o teu pan con estremecemento,

bebe a túa auga con tremor e receo.

19Haslle dicir á xente do país:

‑Así fala o Señor Iavé acerca dos habitantes de Xerusalén,

dos que viven na terra de Israel:

Comerán o seu pan con receo

e beberán a súa auga con medo,

pois a súa terra estará feita unha desolación

chea da violencia de todos os que habitan nela;

20as cidades que agora están habitadas, estarán devastadas,

e o país será unha desolación.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

 

Dinamismo e eficacia das visións e palabras de Iavé contra os ditos populares

 

21Veume a palabra do Señor nestes termos:

22‑Fillo de Adam, ¿que significa para vós este dito na terra de Israel, cando dicides: "Os días alónganse, e perde forza a visión?" 23Pois ben, dilles: así fala o Señor Iavé: ‑Eu acabo con este dito que non se volverá a usar máis en Israel. Máis ben, dilles ti estoutro: "Están cerca os días do cumprimento de toda visión profética".

24Certo, non volverá a haber visións vas nin adiviñanzas mentireiras na Casa de Israel. 25Pois eu, Iavé, falarei o que teña que falar, unhas palabras que se cumprirán e non se volverán a demorar; si, nos vosos días, Casa Rebelde, falarei unha palabra e cumprireina ‑é o Señor Iavé quen fala‑.

26Veume a palabra do Señor nestes termos:

27‑Fillo de Adam, velaí a Casa de Israel que anda a dicir: "As visións deste van para longo, este profetiza para tempos remotos".

28Pois ben, dilles: así fala o Señor, Iavé: ‑Ningunha das miñas palabras se demorará, pois eu digo unha palabra e cúmprese ‑é o Señor Iavé quen fala‑.

 

Oráculos reelaborados contra os falsos profetas de Xerusalén

 

Capítulo 13

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, profetiza contra os profetas de Israel, profetiza e dilles ós que profetizan desde o seu propio corazón: escoitade a palabra do Señor:

3Así fala o Señor Iavé:

‑¡Ai dos profetas que profetizan

e seguen o seu propio espírito,

pero sen veren!

4Coma as raposas entre as ruínas

son os teus profetas, Israel.

5Non subistes ás brechas,

non erguestes un muro

ante a Casa de Israel,

para que resistise firme na guerra,

o día do Señor.

6Viron cousas ilusorias,

e adiviñaron mentiras

os que dicían "oráculo do Señor",

cando El non os mandou,

aínda que agardaban que lles confirmase a palabra.

7¿Acaso non vistes vós visións ilusorias,

e acaso non dixestes adiviñanzas mentireiras,

cando diciades "oráculo do Señor",

pero eu non falara?

8Por iso, así fala o Señor Iavé:

‑Por falardes en van

e terdes visións mentireiras,

por isto estou eu contra vós,

‑é o Señor, Iavé quen fala‑:

9A miña man estará contra os profetas

que profetizan visións ilusorias

e adiviñanzas mentireiras;

eles non formarán parte da asemblea do meu pobo,

nin serán inscritos no censo da Casa de Israel,

nin entrarán na terra de Israel.

Así recoñeceredes que eu son o Señor, Iavé.

10Polo feito de que eles extravían o meu pobo,

dicíndolle: "Haberá paz", cando non a haberá,

e cando o meu pobo constrúe un muro,

eles danlle o recebo;

11por isto dilles ós que fan o recebo:

Caerá de certo,

haberá unha tormenta arrasadora,

farei que caian bolas de pedrazo

e que irrompa un vento de furacán.

12E velaí: caerá o muro. ¿Non se vos preguntará entón:

"Onde está o recebo que vós destes?".

13Por isto, así fala o Señor Iavé:

‑Desencadearei un vento de furacán coa miña ira,

coa miña ira haberá unha tormenta arrasadora,

e co meu noxo haberá pedrazo para a destrución.

14Eu tirarei o muro ó que vós lle destes recebo,

e fareino vir á terra;

os seus alicerces quedarán ó descuberto;

caerá, e vós pereceredes debaixo del.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

15Eu levarei ó extremo a miña ira contra o muro,

e contra os que lle deron o recebo,

e logo direivos: "Xa non hai nin muro

nin os que lle deron o recebo.

16Os profetas de Israel profetizan sobre Xerusalén,

e ven acerca dela visións de paz,

pero non hai paz",

‑é o Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Oráculos de xuízo contra as falsas profetisas

 

17‑Oe, fillo de Adam, encárate coas fillas do teu pobo, que profetizan o que lles sae do seu corazón, e profetiza contra elas.

18Dilles: así fala o Señor Iavé:

‑¡Ai das que cosedes lazos en todos os pulsos

e facedes carapuchos para as cabezas de calquera medida

para cazar a vida!

Declarades cazada a vida do meu pobo,

mentres mantedes viva a vosa propia vida.

19Profanádesme a min diante do meu pobo

por un puñado de cebada, por un bocado de pan,

sentenciando á morte a vida que non debía morrer,

e mantendo viva a vida que non tiña dereito a vivir,

embelecando o meu pobo que escoita os vosos embustes.

20Por iso, así fala o meu Señor Iavé:

‑Velaí que eu estou contra os vosos carapuchos,

cos que vós cazades as vidas coma paxaros;

arrincareinos dos vosos brazos,

e deste xeito deixarei libres as vidas que vós cazades,

a vida dos paxaros.

21Racharei os vosos carapuchos

e librarei das vosas mans o meu pobo,

que non volverá a ser presa das vosas mans.

Deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.

22Por aflixirdes o corazón do xusto con mentiras,

sen que eu o aflixa;

e por apreixardes forte as mans do impío,

para que non se retire do seu mal comportamento

e deste xeito poida vivir;

23por isto, non volveredes ter máis visións ilusorias,

non volveredes adiviñar máis adiviñanzas mentireiras;

librarei o meu pobo das vosas mans.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

 

Esixencia de pureza da fe para consultar o profeta

 

Capítulo 14

 

1Viñeron onda min uns homes de entre os anciáns de Israel,

que sentaron en fronte de min. 2Entón veume a palabra do Señor nestes termos:

3‑Fillo de Adam, estes homes traen os ídolos no corazón, poñen diante deles o que os fai caer nas súas iniquidades, ¿voume deixar consultar?, ¿voume deixar consultar por eles? 4Por isto fálalles e dilles: así fala o Señor, Iavé:

‑Calquera home da casa de Israel que traia os seus ídolos no corazón, e que traia diante del o que o fai caer nas súas iniquidades, se vén onda o profeta, eu, Iavé, virareime contra o profeta por culpa del, por culpa da multitude dos seus ídolos. 5Deste xeito, sorprenderei á casa de Israel nos seus pensamentos, pois apartáronse de min por culpa de todos os seus ídolos. 6Por isto, dille á casa de Israel: así fala o Señor, Iavé. Arrepentídevos e convertédevos das vosas idolatrías, e retirade a cara de todas as vosas abominacións, 7pois, se un calquera da casa de Israel ou dos forasteiros que residen en Israel se aparta de min e trae os seus ídolos no corazón e pon diante de si o que o fai caer nas súas abominacións, e logo vén a xunto do profeta consultarme por medio del, eu, Iavé, virareime contra o profeta por culpa súa. 8Encarareime con el, convertereino nun escarmento proverbial e arrincareino do medio do meu pobo. Deste xeito vós recoñeceredes que eu son o Señor. 9En canto a ese profeta, se se deixa seducir e pronuncia un oráculo, eu, o Señor, seducirei a ese profeta, estenderei a miña man contra el e extirpareino do medio do meu pobo, Israel. 10Os dous cargarán coa súa culpa, pois a culpa do profeta é a mesma cá culpa do que fai a consulta. 11Deste xeito a casa de Israel non volverá apartarse de min, nin volverá profanarse con todas as súas infidelidades, senón que serán o meu pobo e eu serei o seu Deus ‑é o Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Irremediable castigo contra Xerusalén

 

12Veume a palabra do Señor nestes termos:

13‑Fillo de Adam, poñamos o caso dunha cidade: se peca contra min e comete un sacrilexio, entón eu estendo a miña man contra ela, córtolle as provisións de pan, mando contra ela a fame e retiro dela homes e animais. 14Se estivesen no medio da cidade estes tres homes, Noé, Daniel e Xob, eles salvarían a vida por mor da súa xustiza.

15Ou se non, se eu soltase feras salvaxes nesa cidade deixándoa sen fillos, volveríase unha desolación por falta de quen pasase por ela a causa das feras; 16aínda que estes tres homes estivesen no medio dela, xúroo pola miña vida ‑é o Señor, Iavé, quen fala‑ que nin salvarían os seus fillos nin as súas fillas, senón que soamente eles se salvarían e a cidade quedaría feita unha desolación.

17Ou se non, se mandase a espada contra esa cidade e dese ordes de que a espada atravesase a cidade, e deste xeito eu eliminase dela homes e animais, 18aínda que estivesen dentro da cidade estes tres homes, ¡xúroo pola miña vida! ‑quen fala é o Señor, Iavé‑ que non salvarían os seus fillos nin as súas fillas, senón que se salvarían eles sós.

19Ou se non, se eu mandase peste a ese país e contra el vertese o meu noxo en sangue, eliminando dese país homes e animais, 20aínda que Noé, Daniel e Xob estivesen no país, ¡xúroo pola miña vida! ‑quen fala é o Señor, Iavé‑ que non salvarían nin fillo nin filla, aínda que por mor da súa xustiza eles salvarían a vida.

21Velaí o Señor Iavé, que fala así: ‑Aínda que eu mande contra Xerusalén os meus catro terribles castigos: a espada, a fame, as feras salvaxes e mais a peste para eliminar dela homes e animais, 22dela quedarán só os fuxidos, os fillos e mais as fillas que puideron escapar. Ollade que virán onda vós, e vós comprobaredes o seu comportamento e os seus feitos; deste xeito consolarédesvos da desgraza que eu trouxen contra Xerusalén, de todo o que trouxen contra ela. 23Os mesmos fuxidos vos consolarán, pois comprobaredes o seu comportamento e mais os seus feitos. Vós recoñeceredes que non sen razón fixen eu todo o que fixen nela ‑quen fala é o Señor Iavé‑.

 

A parábola das vides: oráculo contra Xerusalén

 

Capítulo 15

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam,

¿que é a madeira da vide

comparada coa de todas as árbores?

As vides ¿que lugar teñen

entre as árbores do bosque?

3¿Cóllese, por acaso, dela a madeira

para facer algo útil?

¿Cóllese dela un gancho

para colgar calquera cousa?

4Velaí, bótase no lume para que a consuma,

e o lume consómelle as dúas puntas,

e o seu centro arde en labarada;

¿servirá, aínda, para algunha cousa?

5Se cando estaba enteira

non se empregaba para cousa ningunha,

¡moito menos, cando a consome o lume e arde en labarada,

se poderá volver a empregar en obra útil!

6Por iso, así fala o meu Señor, Iavé:

‑O mesmo que entre a madeira do bosque

eu destinei a madeira da vide para pasto do lume,

así destinarei ó lume os habitantes de Xerusalén

7e dirixirei contra eles o meu noxo:

escaparon do lume,

pero o lume consumiraos.

E vós recoñeceredes que eu son o Señor,

cando dirixa contra eles a miña cara irada,

8e converta a súa terra nunha desolación,

xa que se comportaron perfidamente

‑é o Señor quen fala‑.