Capítulos 6-10

Capítulo 6

 

1Darío, o medo, tomou o mando do reino á idade de sesenta e dous anos.

 

Daniel na cova dos leóns

 

2Tivo a ben Darío nomear cento vinte sátrapas para que gobernasen todo o seu reino, 3baixo o mando de tres ministros, a quen debían render contas os sátrapas, a fin de que non resultase prexudicado o rei. Un deles era Daniel.

4Daniel sobresaía entre os ministros e os sátrapas, porque tiña un talento extraordinario, de xeito que o rei xa concibira o proxecto de o pór á cabeza de todo o reino. 5Entón os ministros e mais os sátrapas trataron de encontrar algo de que acusar a Daniel no tocante ós asuntos do reino, pero non daban encontrado ningún motivo de acusación nin culpa ningunha, pois el era home leal, e non se achou nel ningún erro nin descoido. 6Dixeron entón aqueles homes: ‑Nisto non imos dar encontrado materia de acusación contra Daniel, trataremos de buscala no tocante á Lei do seu Deus. 7Foron, pois, a toda présa os ministros e mais os sátrapas onda o rei, e dixéronlle:

‑¡Que viva eternamente o rei Darío! 8Todos os ministros do reino, os prefectos, os sátrapas, os conselleiros e mais os gobernadores aconsellan de común acordo que sexa promulgado un edicto real para impor a seguinte veda: quenquera que no prazo de trinta días lle rece a calquera deus ou home ‑a non seres ti, rei‑ será botado á cova dos leóns. 9Polo tanto, maxestade, promulga o decreto e sela o documento para que non se modifique, de acordo coa lei dos medos e persas, que é irrevogable. 10E, así,  o rei Darío asinou o documento coa prohibición.

11Tan axiña como soubo Daniel que fora firmado o edicto, entrou na súa casa, que tiña as ventás do sobrado orientadas cara a Xerusalén. Tres veces a diario poñíase de xeonllos e rezaba dando grazas ó seu Deus, tal como viña facendo antes. 12Viñeron de contado aqueles homes e sorprenderon a Daniel que estaba a rezar e a pregar ó seu Deus. 13Entón foron onda o rei e faláronlle da prohibición real:

‑Maxestade, ¿non asinaches ti unha prohibición segundo a cal todo aquel que nun espazo de trinta días lle rece a calquera que sexa, deus ou home, salvo a ti, rei, será botado na cova dos leóns?

Respondeu o rei:

‑Así está decretado como lei de medos e persas, que é irrevogable. 14Entón replicaron eles en presenza do rei:

‑Pois, Daniel, un dos deportados de Xudea, non che fai caso a ti, maxestade, nin á prohibición que asinaches: el fai oración tres veces por día.

15En oíndo estas palabras, o rei ficou moi contristado e propúxose salvar a Daniel. Estivo ata o solpor tratando de salvalo. 16Pero aqueles homes precipitáronse na casa do rei, e dixéronlle:

‑Maxestade, ben sabes que, segundo a lei dos medos e persas, ningunha prohibición ou edicto confirmado polo rei pode ser modificado.

17Entón o rei mandou que trouxesen a Daniel e que o botasen na cova dos leóns. Tomou a palabra o rei e díxolle a Daniel:

‑Que te salve o teu Deus, a quen serves con tanta constancia.

18Trouxeron unha lousa e colocárona na entrada da cova, e o rei selouna co seu anel e mais co dos seus dignitarios, para que non se puidese cambiar a sorte de Daniel. 19Despois o rei volveu para o seu pazo, e pasou a noite en xaxún. Non permitiu que lle trouxesen concubinas nin puido durmir. 20Pola mañá cediño, ó raiar a aurora, ergueuse o rei e dirixiuse de contado á cova dos leóns. 21Estando xa próximo á cova, púxose a gritarlle a Daniel con voz angustiada:

‑¡Daniel, servo de Deus vivo! O teu Deus, a quen serves con tanta fidelidade, ¿deute salvado dos leóns?

22Contestoulle Daniel:

‑¡Que viva para sempre o rei! 23O meu Deus mandou o seu anxo a pechar a boca dos leóns, e non me fixeron ningún mal, porque fun atopado inocente ante El. Tampouco cometín falta ningunha contra ti, maxestade.

24O rei alegrouse moito e mandou sacar a Daniel da cova. Sacaron a Daniel da cova, e non lle encontraron ningunha ferida, porque tivera confianza no seu Deus. 25Despois o rei mandou traer a aqueles homes que calumniaran a Daniel e que fosen botados na cova dos leóns, non só eles, senón tamén as súas mulleres e mais os seus fillos. Aínda ben non chegaran ó fondo da cova, cando os leóns xa os tiñan agarrados e trituráronlles todos os ósos.

 

Darío recoñece a gloria do verdadeiro Deus

 

26Entón o rei Darío escribiu a todos os pobos, nacións e linguas que moraban sobre toda a terra: "¡Que a vosa paz sexa grande! 27Eu dou orde de que en todos os dominios do meu reino se tema e se respecte o Deus de Daniel, pois El é o Deus que subsiste por sempre. O seu reino endexamais non será destruído, o seu imperio durará sen fin. 28El salva e libra, obra prodixios e marabillas no ceo e mais na terra; El foi quen librou a Daniel do poder dos leóns".

29Así foi prosperando este Daniel durante o reinado de Darío e tamén durante o reinado de Ciro de Persia.

 

 

AS VISIÓNS DE DANIEL (cc. 7-12)

 

Visión dos catro animais simbólicos

 

Capítulo 7

 

1No ano primeiro de Baltasar, rei de Babilonia, Daniel tivo un soño ‑visións da súa cabeza‑ mentres estaba na cama. Despois escribiu o soño nas súas liñas esenciais. 2Daniel tomou a palabra e dixo:

‑Eu estiven vendo as miñas visións durante a noite. Vin que os catro ventos do ceo axitaban o mar grande, 3e catro animais enormes, distintos uns dos outros, saíron do mar. 4O primeiro era coma un león, e tiña ás de aguia. Estíveno ollando ata que lle arrincaron as ás, erguérono do chan, puxérono dereito sobre os seus pés coma un home, e déronlle un corazón de home. 5Nisto apareceu un segundo animal, semellante a un oso; estaba ergueito dun lado e tiña tres costelas na boca, entre os dentes. Dixéronlle: "Érguete e come carne abondo".

6Despois disto, eu seguín mirando e vin outro animal, coma un leopardo con catro ás de ave no lombo. O animal tiña catro cabezas e foille dado o dominio.

7Máis tarde continuei a ollar as miñas visións nocturnas, e vin un cuarto animal, terrible, abraiante e extraordinariamente forte; tiña uns dentes de ferro enormes, comía e trituraba, o que lle sobraba esmagábao coas patas; era diferente dos animais anteriores e tiña dez cornos. 8Eu púxenme a observar os cornos, e vin xurdir outro corno pequeno no medio deles, e tres dos cornos precedentes foron arrincados en fronte deste. Aquel corno tiña ollos que semellaban os dun home, e unha boca que dicía insolencias.

 

A visión do ancián e mais a do fillo de home

 

9Eu estaba fitando, cando se colocaron uns tronos e un ancián tomou asento. O seu vestido era branco coma a neve, e os cabelos da súa cabeza coma pura lá; o seu trono eran labaradas de lume; as súas rodas, lume ardente. 10Un río de lume corría e derramábase por diante del; miles de milleiros servíano, e dez mil miríades estaban de pé diante del. O tribunal abriu a sesión, e abríronse os libros.

11Seguín mirando, atraído polas insolencias que profería o corno; estiven observando ata que mataron o animal e esnaquizaron o seu corpo e despois botárono ó lume. 12Os outros animais foilles quitado o poder, pero concedéuselles vida por un certo tempo.

13Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del. 14Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído.

 

Explicación da visión

 

15En canto a min, Daniel, o meu espírito quedou profundamente turbado por este motivo; aterrábanme as visións da miña cabeza. 16Aproximeime a un dos que estaban alí de pé e pedinlle que me explicase todo aquilo. El respondeume e deume a coñecer a interpretación destas cousas:

17‑Estes catro animais enormes representan catro reis que xurdirán sobre a terra; 18pero os santos do Altísimo recibirán o reino e conservarano no seu poder por todos os séculos, eternamente.

19Entón quixen saber tamén a verdade acerca do cuarto animal, que era diferente de todos os demais: extraordinariamente terrible, con dentes de ferro e gadoupas de bronce, que devoraba e trituraba e esmagaba coas patas o sobrante; 20e acerca dos dez cornos da súa cabeza, e mais o outro corno que lle saíra e fixera caer outros tres cornos; este corno tiña ollos e unha boca que dicía insolencias, e o seu aspecto figuraba máis grande cós outros. 21Eu tiña observado como este corno loitaba contra os santos e os vencía. 22Ata que veu o ancián para impór xustiza en favor dos santos do Altísimo, e chegou o tempo en que os santos tomaron posesión do reino.

23Despois díxome así:

‑O cuarto animal será un cuarto reino que vai haber na terra, diferente de todos os reinos; devorará toda a terra, mallará nela e trituraraa. 24Os dez cornos son dez reis que xurdirán deste reino. Despois deles alzarase outro, que será diferente dos precedentes e abaterá a tres reis; 25pronunciará palabras contra o Altísimo, tratará de exterminar os seus santos e pretenderá cambiar o calendario e mais a Lei. Eles serán entregados nas súas mans por un tempo, dous tempos e medio tempo. 26Pero cando o tribunal decida, seralles quitado o imperio para ser destruído e exterminado para sempre. 27O imperio, a soberanía e mais a grandeza dos reinos todos que existen debaixo do ceo serán entregados ó pobo dos santos do Altísimo. Será un reino eterno e todas as soberanías lle mostrarán respecto e submisión.

28Aquí remata o informe. No tocante a min, Daniel, eu quedei moi asustado polos meus pensamentos; mesmo cambiou de cor o meu rostro; pero gardei o asunto no meu corazón.

 

A visión do carneiro e do macho cabrún

 

Capítulo 8

 

1No ano terceiro do reinado do rei Baltasar, eu, Daniel, tiven unha visión, despois da que tivera ó principio. 2Observei durante a visión, e parecíame que estaba en Xuxán, a fortaleza situada na provincia de Elam; na visión decateime de que me atopaba á beira do río Ulai.

3Alcei a vista e ollei: había un carneiro ergueito a carón do río. Tiña dous cornos, os dous eran altos, pero un era máis có outro, o máis alto nacera máis tarde. 4Observei que o carneiro acometía contra o poñente, contra o norte e contra o sur; ningún animal lle podía facer cara, ningún se libraba da súa furia; facía canto lle viña en gana e andaba oufanándose. 5Mentres eu estaba cavilando, apareceu un macho cabrún que viña de occidente, percorrendo a terra enteira sen tocar o chan. Este macho cabrún tiña un corno ben visible entre os ollos. 6Aproximouse ó carneiro dos dous cornos, que eu vira ergueito a carón do río, e botou a correr cara a el con toda a súa furia. 7Vino chegar á beira do carneiro e revirarse contra el; turrou contra o carneiro e rompeulle os dous cornos. O carneiro non tivo forzas para resistir ante el; botouno por terra e tripouno coas patas. Non houbo quen puidese librar o carneiro do seu poder. 8O macho cabrún fíxose moi grande, pero cando estaba na plenitude do seu poder, rompeulle o gran corno, e no sitio del saíronlle outros catro cornos ben visibles e orientados cara ós catro ventos do ceo. 9Dun deles saíu ademais un corno pequeno que creceu moito, apuntando cara ó sur, cara ó oriente e cara ó País do Esplendor. 10Fíxose grande incluso respecto do exército do ceo, pois botou por terra parte do mesmo e parte das estrelas, ás que pisou coas patas. 11Levantouse contra o mesmo xefe do exército, suprimiulle o sacrificio cotián e derrubou o lugar do seu santuario. 12O exército foille entregado, así coma o sacrificio expiatorio; a verdade foi tirada por terra; actuou así, e deulle resultado. 13Oín entón a dous santos que estaban a falar entre si. Preguntaba un deles:

‑¿Ata cando vai durar iso da visión: o sacrificio cotián e mais o expiatorio abolidos, a desolación do santuario e o exército esmagado cos pés?

14Contestoulle o outro:

‑Dúas mil trescentas tardes e mañás. Despois o santuario será reivindicado.

 

Explicación da visión

 

15Mentres eu, Daniel, observaba a visión e trataba de comprendela, apareceu de pé, diante de min, unha figura humana. 16Oín tamén unha voz de home na beira do Ulai, que berrou: ‑Gabriel, explícalle a visión a este.

17Veu el cara a onde estaba eu e, en canto se me acercou, eu fiquei abraiado e caín sobre o meu rostro; pero el díxome:

‑Home, debes comprender que a visión fai referencia ó tempo final.

18Mentras el me falaba, eu perdín o coñecemento, e seguín co rostro na terra; pero el agarroume e púxome de pé. 19Despois díxome:

‑Heiche explicar o que vai acontecer no tempo final da ira; porque o prazo derradeiro está fixado. 20O carneiro de dous cornos que viches, representa os reis de Media e Persia; 21o macho cabrún é o rei de Grecia, e o corno grande que tiña entre os seus ollos é o primeiro rei. 22O que rompeu e mais os catro cornos que saíron no seu lugar son catro reinos que xurdirán desta nación, pero non terán a súa forza. 23O remate dos seus reinados, cando teñan chegado ata o colmo as súas atrocidades, xurdirá un rei insolente, experimentado en astucias. 24Chegará a ter moito poder, aínda que non pola súa forza: causará ruínas nunca oídas e prosperará nas súas empresas. Destruirá os poderosos e o pobo dos santos. 25Pola súa habilidade, o fraude triunfará nas súas mans e cubrirase de soberbia o seu corazón; arruinará a moitos con sangue frío. Mesmo se alzará contra o Príncipe dos príncipes, pero será destruído sen intervención humana ningunha. 26A visión referente ás tardes e ás mañás é verdadeira; pero ti mantén secreta a visión, porque se refire a días afastados.

27Eu, Daniel, desfalecín e caín enfermo por algúns días. En canto me erguín, púxenme a atender os asuntos do rei, pero seguía alarmado por causa da visión, sen podela comprender.

 

A profecía das setenta semanas

 

Capítulo 9

 

1No ano primeiro de Darío, fillo de Axuero, da caste dos medos, que fora constituído rei do reino dos caldeos, 2no ano primeiro do seu reinado, eu, Daniel, tratei de comprobar nos libros da palabra de Deus dirixida ó profeta Xeremías, o número de anos que tiñan que pasar sobre as ruínas de Xerusalén: setenta anos. 3Despois volvín o meu rostro cara ó Señor Deus, pregándolle con oracións e súplicas, con xaxún, saco e cinsa. 4Rogueille ó Señor, meu Deus, e fíxenlle a miña confesión, dicindo:

‑Señor, Deus grande e terrible,

que conservas a alianza e a benevolencia

cos que te aman e observan os teus mandamentos.

5Nós pecamos, cometemos crimes, fomos impíos,

rebelámonos, afastándonos dos teus mandamentos e preceptos.

6Non fixemos caso dos teus servos os profetas,

que lles falaron no teu nome ós nosos reis,

ós nosos xefes, ós nosos pais

e a toda a poboación do país.

7Ti, Señor, tes a razón,

pero nós temos a cara chea de vergonza,

como lles pasa hoxe ós homes de Xudá,

ós habitantes de Xerusalén

e a todo Israel, vivan preto ou lonxe,

en todos os países por onde os espallaches

a causa das infidelidades que cometeron contra Ti.

8Señor, a vergonza canga sobre nós,

sobre os nosos reis, os nosos xefes e os nosos pais,

porque pecamos contra Ti.

9Pero é propio do Señor, noso Deus,

ter misericordia e perdoar,

aínda que nos teñamos rebelado contra El.

10Non fixemos caso do Señor, noso Deus,

de obedecer as instrucións que El nos deu

por medio dos profetas, os seus servos.

11Todo Israel incumpriu a túa lei

e afastouse dela sen escoitar a túa voz,

por iso caeron enriba de nós a maldición

e mais a imprecación escritas na Lei de Moisés, servo de Deus,

pois pecamos contra El.

12El cumpriu a palabra que pronunciara contra nós

e contra os xefes que nos gobernaban,

traendo sobre nós unha calamidade tan grande

que nunca houbo outra debaixo do ceo

como a que acaeceu en Xerusalén.

13Tal como está escrito na Lei de Moisés,

sobreveunos toda esta desgraza;

con todo, nós non tratamos de aplacar o Señor, noso Deus,

converténdonos dos nosos crimes

e recoñecendo a túa verdade.

14O Señor estivo atento a esta calamidade

e tróuxoa sobre nós, porque o Señor, noso Deus,

é xusto en todas as obras que fai;

pero nós non escoitamos a súa voz.

15E agora, Señor, noso Deus,

que fixeches saír o teu pobo do país de Exipto

con man forte, acadando tal sona que dura ata hoxe:

nós pecamos, procedemos inicuamente.

16Señor, en conformidade coa túa xustiza,

prégoche que se afaste a túa ira e mais o teu furor

da túa cidade, Xerusalén, o teu monte santo.

Pois por causa dos nosos pecados e polos delitos de nosos pais

Xerusalén e mais o teu pobo son obxecto de escarnio

para todos os pobos veciños.

17Agora, pois, noso Deus, escoita

a oración e mais as súplicas do teu servo,

e fai brillar o teu rostro sobre o teu santuario desolado,

¡en atención a ti mesmo, Señor!

18Meu Deus, inclina o teu oído e escóitame,

abre os ollos e mira a nosa desolación

e a cidade sobre a que se invoca o teu nome,

porque non presentamos ante Ti as nosas súplicas

apoiados nas nosas obras de xustiza,

senón na túa gran misericordia.

19Escoita, Señor; perdoa, Señor;

atende e actúa, Señor; non tardes máis,

¡por mor de Ti mesmo, meu Deus!,

pois o teu nome é invocado sobre a túa cidade

e sobre o teu pobo.

 

O anxo explica a profecía

 

20Estaba eu falando aínda, pregando e confesando o meu pecado e mais o do meu pobo Israel, e presentando a miña súplica ó Señor, meu Deus, en favor do seu monte santo. 21Aínda estaba pronunciando a miña oración, cando Gabriel, o personaxe que eu vira na visión ó comezo, chegou voando onda min no momento da oblación vespertina. 22En chegando, falou comigo; díxome:

‑Daniel, acabo de saír para ilustrar a túa intelixencia. 23Ao comezar as túas súplicas, tomouse unha decisión, e eu vin para te informar dela, pois ti es un predilecto. Polo tanto, presta atención á palabra e fai por entender a visión:

24Foron fixadas setenta semanas

para o teu pobo e a túa cidade santa

coa intención de facer cesar o delito,

pórlle fin ó pecado

e expiar a iniquidade,

para dar cabida á xustiza eterna,

para selar a visión e mais a profecía

e unxir o lugar santo dos santos.

25Trata de saber e comprender: desde o momento en que saíu a orde de reconstruír Xerusalén ata o Príncipe unxido pasarán sete semanas. Durante sesenta e dúas semanas construiranse de novo as prazas e mais os foxos, con seren tempos difíciles. 26Despois das sesenta e dúas semanas matarán o unxido inocente. O pobo do príncipe que vai vir destruirá a cidade e mais o santuario. O seu remate virá por unha inundación, pero ata o final están decretadas guerra e devastacións. 27Fará unha alianza firme con moitos durante unha semana, e no medio da semana fará cesar o sacrificio e mais a oblación. E no templo porá a abominación da desolación, ata que a ruína decretada veña sobre o devastador.

 

A visión dos tempos derradeiros

 

Capítulo 10

 

1No ano terceiro de Ciro, rei de Persia, a Daniel, chamado Baltasar comunicóuselle unha palabra. A palabra era certa, un exército enorme. El comprendeu a palabra e entendeu a visión.

2Naquel tempo, eu, Daniel, estiven de loito durante tres semanas. 3Non comín manxares selectos, non probei carne nin viño, nin me perfumei mentres non pasaron as tres semanas enteiras. 4O día vinte e catro do mes primeiro estaba eu na beira do río grande, é dicir, o Tigris. 5Alcei a vista e mirei: vin un home vestido de liño e cinguido cun cinto de ouro puro. 6O seu corpo era coma crisólito; o seu rostro tiña o aspecto dun lóstrego; os seus ollos eran coma fachos acesos; os seus brazos e mais as súas pernas, coma o fulgor do bronce brunido; e o son das súas palabras, coma o murmurio dun xentío.

7Tan só eu, Daniel, vin a aparición; os homes que estaban comigo, aínda que non vían a visión, colleron moito medo e fuxiron a se esconderen. 8Quedei eu só contemplando esta gran visión, pero falláronme as forzas, quedei sen cor, desfigureime e perdín todo o meu vigor. 9Entón oín o son das súas palabras, e no momento de oílas, caín de bruzos desmaiado no chan. 10Nisto tocoume unha man, e sacudiume facéndome erguer sobre os xeonllos e as palmas das miñas mans. 11Despois díxome:

‑Daniel, home predilecto: fíxate nas palabras que che vou dicir, e ponte dereito, pois acabo de ser mandado onda ti.

En canto me dicía estas palabras erguinme tremendo. 12Logo díxome:

‑Non teñas medo, Daniel, pois desde o primeiro día en que trataches de comprender e te humillaches ante o teu Deus, as túas palabras foron escoitadas, e vin precisamente con motivo das túas palabras. 13O príncipe do reino de Persia opúxoseme durante vinte e un días, pero Miguel, un dos xefes principais, acudiu a auxiliarme; foi polo que me detiven onda os reis de Persia. 14Vin para che dar a coñecer o que lle vai pasar ó teu pobo nos tempos derradeiros, pois aínda queda unha visión para aqueles días.

15Mentres me dicía estas palabras, eu inclinei o rostro cara ó chan, e gardei silencio. 16Unha figura humana tocoume os labios; entón eu abrín a boca e falei co que estaba diante de min; díxenlle:

‑Señor, debido a esta visión, eu síntome moi angustiado e estou sen forzas. 17E, ¿como vai poder falar este servo con tal Señor, se me encontro sen forzas e mesmo sen alento?

18Entón a figura humana tocoume outra vez e reconfortoume. 19Díxome:

‑¡Non teñas medo, home predilecto! ¡Está tranquilo! Ten valor e anímate.

Mentres me falaba, recobrei forzas, e díxenlle:

‑Agora podes falar, Señor, xa que me reconfortaches.

20Entón dixo el:

‑¿Sabes por que vin onda ti? Teño que volver e loitar contra o príncipe de Persia. Tras partir eu, chegará o príncipe de Grecia. 21Pero vouche comunicar o que está escrito no libro da verdade. Ninguén me presta axuda contra eles, a non ser o voso príncipe, Miguel.