Capítulos 11-14

A guerra entre Persia e Grecia

 

Capítulo 11

 

1Eu, pola miña parte, estiven onda el no ano primeiro de Darío, o medo, para apoialo e defendelo. 2Agora vouche comunicar a verdade:

‑Mira, en Persia vai haber aínda tres reis. O cuarto amoreará máis riqueza ca todos os outros; pero cando se considere poderoso pola riqueza, encirrará a todos contra o reino de Grecia. 3Xurdirá un rei valente, que reinará con moito poder e actuará conforme a súa vontade. 4Pero tan pronto se consolide, o seu reino será fraccionado e dividido entre os catro ventos do ceo; non o herdará a súa posteridade nin terá tanto poder, porque o seu reino será desmembrado e pasará a outros distintos destes.

 

Rivalidade entre Siria e Exipto

 

5O rei de Mediodía farase poderoso, pero un dos seus xefes chegará a ser máis forte ca el, e prevalecerá; terá un imperio moi grande.

6O cabo dalgúns anos concertarán unha alianza, e a filla do rei do Mediodía virá onda o rei do Norte, para establecer os acordos; con todo, ela perderá a forza do seu brazo; tampouco subsistirá a súa descendencia, pois ela mesma, o seu séquito, o seu fillo e mais o protector serán entregados por certo tempo.

7Pero xurdirá no seu lugar un renovo saído das súas raíces; el avanzará cun exército e penetrará na fortaleza do rei do Norte, loitará contra eles e triunfará. 8Levará consigo para Exipto tamén os seus deuses coas súas imaxes de metal fundido e tamén os obxectos preciosos de prata e ouro. Por uns poucos anos deixará en paz ó rei do Norte. 9Este fará unha incursión no territorio do rei de Mediodía, pero logo retornará para o seu país.

10Os seus fillos volverán ás hostilidades, reunirán exércitos moi grandes, cos que avanzarán coma unha inundación; darán volta para atrás, pero repetirán os ataques contra a súa fortaleza. 11O rei do Mediodía, exasperado, sairá a loitar contra el, contra o rei do Norte, quen mobilizará un exército numeroso; pero tal exército caerá nas mans daquel. 12Tras aniquilar este exército, o corazón do rei encherase de soberbia, e fará perecer a milleiros de homes; pero non triunfará. 13En efecto, o rei do Norte volverá mobilizar un exército aínda maior có anterior; pasados uns anos volverá cun exército ben fornecido.

14Por aquel tempo alzaranse moitos contra o rei do Mediodía. Rebelaranse tamén homes violentos do teu pobo, intentando dar cumprimento á visión; pero fracasarán. 15Virá o rei do Norte, construirá unha trincheira e conquistará unha das cidades fortificadas. As tropas de Mediodía non darán resistido, nin sequera os máis valentes terán valor abondo para resistiren.

16Aquel que vai avanzar contra el procederá ó seu antollo, non haberá quen lle faga fronte. Hase establecer no País do Esplendor, levando a destrución na súa man. 17Posto no plan de se apoderar de todo o seu reino, concertará alianzas con el e daralle unha filla por esposa para arruinalo; con todo, o proxecto non lle dará resultado. 18Entón dirixirase ás illas, e conquistará moitas delas; pero un xefe porá fin ás súas aldraxes, aínda que non lle poida dar a paga delas. 19Despois porá a súa mira nas fortalezas da súa propia terra, pero sufrirá un tropezo e caerá sen deixar rastro de si.

20Alzarase outro sobre o seu posto, un que mandará un saqueador a requisar o tesouro do reino; pero ós poucos días acabará esnaquizado, en circunstancias non de rancor nin de guerra.

 

Antíoco IV Epífanes

 

21Ocupará o seu lugar un home desprezable, a quen non se lle concederá a dignidade real; el empezará con acenos de paz, pero apoderarase do reino a base de intrigas. 22As forzas armadas serán derrotadas e esbandalladas por el, así coma o xefe da alianza. 23Obrará con engano despois do pacto feito por el, e, a pesares de dispor de pouca xente, medrará e farase forte. 24Con moito disimulo irase introducindo nas bisbarras máis fértiles da provincia, e fará o que nunca ousaron facer seus pais nin seus avós: distribuirá ós seus o botín, os despoxos e mais as riquezas, planeará estrataxemas contra as fortalezas; pero tan só por certo tempo. 25Empregará a súa forza e mais a súa fogaxe contra o rei do Mediodía cun gran exército; o rei de Mediodía disporase para a guerra cun exército tamén moi grande e poderoso; pero non lle poderá facer fronte, pois será vitima de conspiracións. 26Os mesmos que comen á súa mesa serán a súa desgraza; o exército quedará afundido e moitos caerán feridos de morte.

27Os dous reis, co corazón ateigado de maldade, sentarán á mesma mesa para se intercambiaren mentiras, pero non lles vai valer de nada, pois a fin chegará no tempo fixado. 28O rei do Norte tornará á súa terra con moitas riquezas; pero, tendo proxectos hostís contra a alianza santa, realizaraos e despois volverá ó seu país. 29No tempo determinado invadirá novamente o Mediodía, pero esta vez non lle dará resultado coma a vez anterior. 30Virán contra el os barcos de Chipre, e el desistirá. Entón descargará de novo a súa furia contra a alianza santa; tras actuar, regresará e terá consideración dos desertores da alianza santa. 31Tropas mandadas por el farán acto de presenza para profanaren o santuario e mais a fortaleza, abolirán o sacrificio cotián e porán alí a abominación da desolación. 32Os violadores da santa alianza corromperaos a base de gabanzas; con todo, o pobo, coñecedor do seu Deus, manterase firme e obrará con consecuencia. 33Os sabios de entre o pobo adoutrinarán a moitos, aínda que por algún tempo teñan que sufrir a espada, o lume, o desterro e mais a confiscación dos bens. 34Cando caian, recibirán unha pequena axuda, e moitos uniranse a eles con finximento. 35Algúns dos sabios sucumbirán, para someteren a proba, acrisolar e branquear ós outros para o tempo final, pois o prazo está fixado.

36O rei actuará á súa maneira, ensoberbecerase e apreciarase por enriba de todos os deuses, e dirá insolencias contra o Deus dos deuses. Prosperará en tanto non chega o momento do furor, pois hase cumprir o que foi decretado. 37El non venerará os deuses dos seus devanceiros, nin o predilecto das mulleres; non respectará a ningún deus, pois coidará ser superior a todos eles. 38En troques, honrará ó deus das fortalezas; ofrecerá ouro e prata, pedras preciosas e xoias a un deus a quen seus pais non coñeceron. 39Adicará as cidades fortificadas a un deus estranxeiro; a cantos o recoñezan ateigaraos de gloria, outorgaralles autoridade sobre moitos e distribuiralles a terra como recompensa.

40Nos tempos derradeiros loitará contra el o rei do Mediodía, pero o rei do Norte lanzarase contra el con carros de guerra, xinetes e moitas barcas; invadirá as súas terras e atravesaraas coma unha inundación. 41Penetrará no País do Esplendor. Moitos caerán, pero hanse librar das súas mans os seguintes: os de Edom, os de Moab e os máis selectos dos habitantes de Amón. 42Tamén estenderá a súa man sobre outros territorios, nin sequera se librará Exipto. 43Apoderarase dos tesouros de ouro e prata e de todos os obxectos preciosos de Exipto. Os libios e ós etíopes halles pasar o mesmo. 44Pero quedará turbado polas noticias chegadas de oriente e mais do norte, e marchará cheo de furia, disposto a acabar con moitos. 45Plantará as tendas reais entre o mar e o monte santo do Esplendor. Entón chegará o seu final e ninguén lle prestará axuda.

 

Os tempos mesiánicos e a retribución

 

Capítulo 12

 

1Naquel tempo alzarase Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo. Mesmamente naquel tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro. 2Moitos dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a ignominia, para a reprobación eterna. 3Os sabios brillarán coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza ós demais serán coma as estrelas por toda a eternidade. 4Pero ti, Daniel, mantén secretas estas palabras e ten o libro selado ata o momento final. Moitos correrán de aquí para acolá e aumentarán o seu saber.

5Eu, Daniel, ollei e vin outros dous homes que estaban de pé, un na beira de acá do río e outro na beira de alá. 6E pregunteille ó home vestido de liño que estaba sobre as augas do río:

‑¿Cando acabarán estas cousas prodixiosas?

7O home vestido de liño, que se achaba sobre as augas do río, levantou a man dereita cara ó ceo, o mesmo cá esquerda, e sentinlle xurar por aquel que vive eternamente:

‑Por un ano, dous anos e mais a metade dun ano. Cando quede totalmente extinguida a forza do pobo santo, entón cumpriranse todas estas cousas.

8Eu oín, pero non cheguei a comprender. Entón preguntei:

‑Meu señor, ¿cal será o resultado destas cousas?

9El respondeume:

‑Vaite, Daniel, que estas cousas son secretas, e quedan seladas deica o momento final. 10Moitos tornarán puros, branqueados e acrisolados; pola contra, os malvados seguirán a facer mal; ningún impío comprenderá nada, pero os sabios daranse conta. 11Desde o tempo en que sexa abolido o sacrificio cotián e instalen a abominación da desolación, pasarán mil douscentos noventa días. 12 Benaventurado quen poida agardar ata que pasen mil trescentos trinta e cinco días. 13Pero ti vaite e descansa. Xa te levantarás para recibires o teu destino no remate dos días.

 

 

OUTROS EPISODIOS DA VIDA DE DANIEL

 

Historia de Susana

 

Capítulo 13

 

1En Babilonia vivía un home que se chamaba Ioaquim. 2Casou cunha muller chamada Susana, filla de Quelcías; era moi fermosa e devota do Señor. 3Seus pais eran honrados e instruíran a súa filla segundo a Lei de Moisés. 4Ioaquim era moi rico e tiña un parque a carón da súa casa. Como era o home de máis prestixio entre todos eles, os xudeus acostumaban acudir cabo del. 5Naquel ano foran designados xuíces dous anciáns do pobo, deses dos que ten dito o Señor: "En Babilonia a iniquidade saíu dos anciáns, que eran xuíces e finxían ser guías do pobo". 6Estes ían a cotío pola casa de Ioaquim, e todos cantos tiñan preitos viñan onda eles.

7O mediodía, cando o pobo se retiraba, Susana saía a pasear polo parque do seu marido. 8Os anciáns víana a diario cando saía a pasear, e chegaron a sentir paixón por ela. 9Perverteron a súa mente e desviaron os ollos para non ollaren de cara a Deus nin teren en conta os seus xustos xuízos. 10Ambolos dous entolecían de paixón por ela, pero non se manifestaban un ó outro a súa inquedanza, 11pois dáballes vergonza descubrir o seu desexo, pois arelaban ter relacións sexuais con ela. 12Un día tras outro buscaban devecidos ocasión de a veren. 13Un día díxolle un ó outro:

‑Ímonos para a casa, que xa é hora de xantar.

O saíren, separáronse; 14pero, dando un rodeo, volveron a se encontrar no mesmo lugar, e, tras preguntarse mutuamente por que motivo, confesaron a súa paixón. Entón, de común acordo, trataban de buscar un momento axeitado para a sorprenderen estando soa.

15Aconteceu que, estando eles á espera dun día axeitado, unha vez saíu ela ‑coma en días anteriores‑ acompañada só por dúas criadas, e sentiu ganas de se bañar, pois ía calor. 16Alí non había ninguén, de non seren os dous vellos que a estaban axexando escondidos. 17Susana díxolles ás criadas:

‑Traédeme o aceite e mais os perfumes e pechade as portas do parque, para que me poida bañar.

18Elas, tal como lles indicara, pecharon as portas do parque e saíron pola porta lateral para traeren o que ela pedira; non se decataron de que os vellos estaban escondidos. 19Tan pronto como saíron as criadas, erguéronse os dous vellos, correron para onda ela, 20e dixéronlle:

‑Mira, as portas do parque están pechadas, non nos ve ninguén; ademais nós estamos desexosos de ti, así que, dános o teu consentimento e entrégate a nós. 21Se non, daremos testemuño contra ti de que estaba contigo un mozo e que por iso mandaches marchar ás criadas.

22Susana xemeu e dixo:

‑Véxome acurralada por todas as partes; pois, se fago isto, agárdame a morte; e, se non o fago, non darei fuxido das vosas mans. 23Pero éme preferible non o facer, aínda que caia nas vosas mans, antes que pecar contra o Señor.

24Entón Susana púxose a gritar a toda voz, pero os vellos berraron tamén contra ela. 25Un deles botou a correr e abriu as portas do parque. 26A xente da casa, tan axiña como oíu os gritos no parque, veu correndo pola porta lateral para ver que pasara. 27E cando os vellos contaron a súa historia, os criados quedaron moi avergonzados, porque Susana nunca dera que falar cousa semellante.

 

Sentencia inxusta contra Susana

 

28O día seguinte, cando o pobo se xuntou na casa do seu marido, de Ioaquim, acudiron tamén os dous vellos, obcecados co propósito criminal de condenar á morte a Susana. 29Dixeron diante do pobo:

‑Mandade buscar a Susana, filla de Quelcías, a muller de Ioaquim.

Fórona buscar. 30Veu ela con seus pais, os fillos e todos os seus parentes. 31Susana era moi fina e fermosa. 32Aqueles malvados mandáronlle quitar o veo ‑pois ela ía cuberta‑ para se fartaren da súa beleza. 33Pero todos os seus e cantos a contemplaban, choraban. 34Entón os dous vellos levantáronse do medio da xente e puxéronlle as mans sobre a cabeza. 35Ela, chorando, levantou a vista cara ó ceo, pois o seu corazón confiaba no Señor. 36Os vellos declararon:

‑Cando nós estabamos paseando sós polo parque, entrou esta con dúas criadas, pechou as portas do parque e mandou marchar ás criadas. 37Entón veu cabo dela un mozo que estaba escondido, e deitouse con ela. 38Nós, que estabamos nunha esquina do parque, en vendo o delito, corremos cara a eles. 39Vímolos abrazados, pero ó mozo non o puidemos apreixar, porque era máis forte ca nós, e, tras abrir as portas, fuxiu. 40Pero a esta apreixámola e preguntámoslle quen era o mozo, 41pero non nolo quixo dicir. Disto somos nós testemuñas.

Como eran anciáns do pobo e xuíces, a asemblea creu neles e condenaron a morte a Susana. 42Susana berrou con voz forte, dicindo:

‑Deus eterno, que coñeces os segredos,

que o sabes todo antes de que pase,

43ti ben sabes que declararon en falso contra min,

e, velaí, vou morrer, sendo que non fixen nada

de canto estes argallaron perversamente contra min.

44O Señor escoitou a súa voz.

 

Daniel salva a Susana

 

45Cando a levaban camiño da morte, Deus suscitou unha santa inspiración nun rapaz chamado Daniel, 46quen exclamou con voz forte:

‑¡Eu non son responsable do sangue desta!

47A xente toda volveuse cara a el, e díxolle:

‑¿Que significan esas palabras que dixeches?

48El, poñéndose de pé no medio deles, respondeu:

‑¿Tan parvos sodes, fillos de Israel? Condenastes a unha filla de Israel sen investigar e sen ter comprobado o caso. 49Volvede ó lugar do xuízo, porque estes testemuñaron en falso contra ela.

50A xente toda volveu de seguida, e os anciáns dixéronlle a el:

‑Ven, séntate no medio de nós e decláranos o teu parecer, porque Deus concedeuche o privilexio da ancianidade.

51Daniel díxolles:

‑Separádeos lonxe un do outro, que os vou interrogar eu.

52Logo que estiveron separados un do outro, chamou a un deles e díxolle:

‑¡Avellentado polo tempo e a iniquidade! Agora volveron sobre ti os pecados que cometías a miúdo no pasado: 53dabas sentencias inxustas condenando os inocentes e absolvendo os culpables, sendo que o Señor ten dito: "Non matarás o inocente nin o xusto". 54Polo tanto, se a viches, dime: ¿debaixo de que árbore os viches abrazados?

Respondeu el:

‑Debaixo dun lentisco.

55Replicou Daniel:

‑Verdadeiramente mentiches contra a túa propia cabeza, porque o anxo de Deus, que xa recibiu a sentencia divina, vaite partir polo medio.

56Despois de mandar retirar a este, deu orde de traer o outro, e díxolle:

‑¡Raza de Canaán e non de Xudá! A fermosura seduciute e a paixón perverteu o teu corazón. 57Así faciades coas fillas de Israel, e elas, por medo, deitábanse convosco; pero unha filla de Xudá non tolerou a vosa maldade. 58Pois logo, dime: ¿debaixo de que árbore os sorprendiches abrazados?

Respondeu el:

‑Debaixo dun carballo.

59Replicou Daniel:

‑Exacto; tamén ti mentiches contra a túa cabeza, pois o anxo de Deus está agardando coa espada para te fender polo medio, e así acabará convosco.

60Entón a asemblea enteira berrou a toda voz bendicindo a Deus, que salva a cantos esperan nel. 61Despois lanzáronse contra os dous vellos, a quen Daniel puxera en evidencia ‑mesmo por boca deles‑ de seren testemuñas falsas. 62Procedendo en conformidade coa Lei de Moisés, aplicáronlles o castigo que eles tiñan previsto contra o seu próximo, e matáronos. Deste xeito salvouse aquel día unha vida inocente.

63Quelcías e mais a súa muller loaron a Deus pola filla, o mesmo ca Ioaquim, o seu marido, e todos os seus parentes, pois non se atopara nela nada vergonzoso.

64Desde aquel día en diante Daniel gañou moito creto entre o pobo.

 

 

BEL E MAIS O DRAGÓN

 

Daniel e os sacerdotes de Bel

 

Capítulo 14

 

1O rei Astiaxes foise xuntar con seus pais, e Ciro, o persa, recibiu o seu reino. 2Daniel convivía co rei, e era o máis honrado de todos os seus amigos. 3Tiñan os babilonios un ídolo chamado Bel; cada día levábanlle medio quintal de fariña peneirada, corenta ovellas e cento trinta litros de viño. 4Tamén o veneraba o rei e ía adoralo cada día, en cambio Daniel adoraba o seu Deus. 5O rei preguntoulle:

‑¿Por que non adoras a Bel?

El respondeu:

‑Porque eu non venero ídolos feitos pola man dos homes, senón o Deus vivo, que creou o ceo e mais a terra e ten poder sobre todo vivente.

6Replicoulle o rei:

‑Entón, ¿ti non cres que Bel é un deus vivo? ¿Non ves todo o que come e bebe cada día?

7Contestou Daniel sorrindo:

‑Non te enganes, maxestade, porque este por dentro é de barro e por fóra de bronce, endexamais non comeu nin bebeu.

8O rei, alporizado, chamou ós seus sacerdotes e díxolles:

‑Se non me dicides quen é o que come este gasto, morreredes; pola contra, se me demostrades que o come Bel, morrerá Daniel por blasfemar contra Bel.

9Daniel díxolle ó rei:

‑Que se faga conforme dixeches.

10Os sacerdotes de Bel eran setenta, sen contar as mulleres nin os fillos. O rei foi con Daniel ó templo de Bel. 11Os sacerdotes de Bel dixéronlle:

‑Mira, nós imos saír para fóra. Ti, maxestade, deposita os alimentos, pon o viño despois de mesturalo, pecha a porta e sélaa co teu anel. Se cando volvas mañá cedo descobres que Bel non comeu todo, morreremos nós; en caso contrario, morrerá Daniel, que mentiu contra nós.

12Eles estaban despreocupados, porque fixeran unha entrada secreta por debaixo da mesa, pola que entraban decote e comían as ofrendas.

13En canto tiveron saído aqueles, o rei depositou os alimentos diante de Bel. 14Daniel mandou ós seus criados que trouxesen cinsa e a esparexesen por todo o templo; só estaba presente o rei. Tras saíren, pecharon a porta, selárona co anel do rei e marcharon. 15Pola noite, segundo o seu costume, viñeron os sacerdotes coas súas mulleres e mais os fillos, e comeron e beberon todo.

16O rei madrugou moito, e Daniel foi con el. 17Preguntou o rei:

‑¿Están intactos os selos, Daniel?

El respondeu:

‑Intactos, maxestade.

18Tan pronto como abriu a porta, o rei botoulle unha ollada á mesa e exclamou con voz forte:

‑¡Que grande es, Bel! ¡En ti non hai engano!

19Daniel riu e, detendo o rei para que non entrase dentro, díxolle:

‑Olla o chan e procura pescudar de quen son estas pegadas.

20Repuxo o rei:

‑Vexo pegadas de homes, de mulleres e de nenos.

21Entón o rei, cheo de furor, mandou prender os sacerdotes, as súas mulleres e os seus fillos. Eles mostráronlle a porta secreta pola que entraban e comían o que había sobre a mesa.

22O rei mandounos matar e a Bel púxoo nas mans de Daniel, quen o desfixo xuntamente co templo.

 

Daniel mata o dragón

 

23Tamén había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. 24O rei díxolle a Daniel:

‑Non podes dicir que este non é un deus vivo. Así que, adórao.

25Replicou Daniel:

‑Eu adoro o Señor, meu Deus, porque El é o Deus vivo. Pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato.

26Contestou o rei:

‑Estache concedido.

27Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou. E dixo Daniel:

‑Mirade o que estades venerando vós.

 

Daniel na cova dos leóns

 

28Sucedeu que cando se informaron os babilonios, puxéronse moi rabiosos, e manifestáronse contra o rei, pois dixeron: "O rei fíxose xudeu; derrubou a Bel, matou o dragón e degolou os sacerdotes". 29Foron onda o rei e dixéronlle:

‑Entréganos a Daniel; se non, matarémoste a ti e mais a túa familia.

30O rei, ó ver que o ameazaban gravemente, cedendo ante a necesidade, entregoulles a Daniel. 31Eles botárono na cova dos leóns, onde pasou seis días. 32Na cova había sete leóns, cada día botábanlles dous corpos humanos e mais dúas ovellas; pero naquela ocasión non se lles deu nada, para que devorasen a Daniel.

33En Xudea vivía o profeta Habacuc; acababa de preparar un cocido e de esmiuzar pan nun prato, e marchaba para o agro a llelo levar ós segadores. 34Pero o anxo do Señor díxolle a Habacuc:

‑Leva esa comida que tes, a Babilonia, a Daniel, que está na cova dos leóns.

35Habacuc respondeu:

‑Señor, nunca vin Babilonia e non coñezo a cova.

36Entón o anxo do Señor colleuno polo curuto e, levándoo agarrado polo pelo da cabeza coa forza do seu espírito, trasladouno a Babilonia, en fronte da cova.

37Habacuc gritou:

‑Daniel, Daniel, toma a comida que Deus che envía.

38Respondeu Daniel:

‑¡Meu Deus, lembrácheste de min! Ti nunca desamparaches ós que te aman.

39Daniel ergueuse e púxose a comer. E o anxo de Deus volveu levar de contado a Habacuc ó seu lugar.

40O sétimo día veu o rei para chorar a Daniel. Aproximouse á cova e ollou cara a dentro, e viu a Daniel sentado. 41Entón, berrando con toda a voz, dixo:

‑¡Que grande es, Señor, Deus de Daniel, fóra de Ti non hai outro!

42Fíxoo sacar, e ós causantes do atentado botounos na cova, e nun instante foron devorados na súa presenza.