Capítulos 1-5
EPISODIOS DA HISTORIA DE DANIEL (cc. 1-6)
Daniel e mais os seus compañeiros en Babilonia
Capítulo 1
1No ano terceiro de Ioaquim, rei de Xudá, chegou a Xerusalén Nabucodonosor, rei de Babilonia, e asediouna. 2O Señor puxo nas súas mans a Ioaquim, rei de Xudá, e mais boa parte dos vasos da casa de Deus, que fixo levar para o país de Xinar. Os vasos depositounos na casa do tesouro dos seus deuses.
3O rei ordenou a Axpenaz, xefe dos oficiais, que trouxese de entre os israelitas de estirpe real ou de familia nobre, 4algúns rapaces que non tivesen ningunha tara, fosen de bo parecer e instruídos en toda clase de sabedoría, cultos e intelixentes e xeitosos para serviren no pazo real. Tamén ordenou que lles ensinasen a lingua e mais a literatura caldeas. 5O rei fixoulles unha ración diaria da comida e mais do viño da mesa real. A súa crianza debía durar tres anos; despois pasarían a servir o rei.
6Entre eles atopábanse uns xudeus: Daniel, Hananías, Mixael e Azarías. 7O xefe dos oficiais trocoulles os nomes: a Daniel púxolle Baltasar; a Hananías, Xadrac; e Mixael, Mixac; e a Azarías, Abednegó.
8Daniel propúxose non se contaminar compartindo a comida do rei e mais o viño da súa mesa, e suplicoulle ó xefe dos oficiais que non o obrigase a se contaminar. 9Deus fixo que o xefe dos oficiais tivese dó e consideración de Daniel, 10e díxolle:
‑Eu teño medo do meu señor, o rei, polo feito de que el determinou o que habiades de comer e beber, e, se vos vise cun aspecto máis raquítico có dos rapaces da vosa idade, poñeriades en perigo a miña cabeza diante do rei.
11Díxolle entón Daniel ó garda posto polo xefe dos oficiais ó coidado de Daniel, de Hananías, de Mixael e mais de Azarías:
12‑Por favor, ponnos a proba durante dez días: que nos sirvan legumes para comer e auga para beber. 13Despois podes comprobar o noso aspecto en relación co dos mozos que se alimentan cos manxares do rei, e fas connosco conforme vexas.
14El aceptou a proposta, e someteunos á proba durante dez días. 15O cabo dos dez días tiñan mellor aspecto e estaban máis gordos ca todos os mozos que comían dos manxares do rei. 16Desde entón o garda retiráballes a ración da comida e mais do viño que debían tomar, e dáballes legumes.
17Deus concedeulles a estes catro mozos ciencia e intelixencia en toda clase de letras e sabedoría. Daniel tamén sabía interpretar visións e soños.
18Cando se cumpriu o tempo sinalado polo rei para seren presentados os mozos, o xefe dos oficiais levounos ante Nabucodonosor. 19O rei conversou con eles, e non encontrou entre todos ningún coma Daniel, Hananías, Mixael e Azarías. Quedaron, pois, ó servizo do monarca. 20En todas as cuestións de sabedoría e intelixencia que o rei lles propuxo, atopounos dez veces superiores a todos os meigos e adiviños que existían en todo o seu reino.
21Daniel permaneceu alí ata o ano primeiro do reinado de Ciro.
O soño misterioso do rei
Capítulo 2
1No ano segundo do seu reinado, Nabucodonosor tivo un soño, e o seu espírito quedou tan turbado que non puido continuar a durmir.
2O rei mandou chamar os meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños, para que lle explicasen o soño. Eles viñeron e presentáronse ó monarca. 3Díxolles o rei:
‑Tiven un soño, e o meu espírito sente desacougo tratando de comprender.
4Respondéronlle os adiviños ó rei, en arameo:
‑¡Que viva o rei para sempre! Conta o soño ós teus servidores, que nós che exporemos a súa interpretación.
5Respondeu o rei advertíndolles ós adiviños:
‑¡Xa teño a miña decisión tomada! Se non me dicides o soño e mais a súa interpretación, vós seredes cortados en anacos e as vosas casas quedarán reducidas a esterqueiras; 6en troques, se me expoñedes o soño e mais o seu significado, recibiredes de min regalos, agasallos e grandes honores. Polo tanto contádeme o soño e mais a súa interpretación.
7Respondendo eles por segunda vez, dixéronlle:
‑Que o rei diga o soño ós seus servidores, e nós daremos a interpretación do mesmo.
8Replicou o rei:
‑Ben vexo que estades a gañar tempo, porque xa sabedes que a miña palabra está dada. 9Pero se non me dades a coñecer o soño, haberá para todos vós unha mesma sentencia. Xuntástesvos para me contar mentiras e falsidades en tanto non mudan os tempos. Así que contádeme o soño e quedarei convencido de que o sabedes interpretar.
10Os adiviños respondéronlle ó rei nestes termos:
‑Non hai home na terra que poida manifestar o que pide o rei; polo mesmo, endexamais ningún monarca ‑por máis grande e poderoso que el sexa‑ esixe cousa semellante a ningún meigo, astrólogo ou adiviño. 11A cousa que o rei pide é difícil e non existe máis ninguén que llo poida dicir ó rei, a non seren os deuses; pero a súa morada non está entre os mortais.
12Con tal motivo, o rei púxose moi alporizado e ordenou matar a todos os sabios de Babilonia. 13Promulgouse o decreto e os sabios ían ser executados. Tamén andaban á procura de Daniel e mais dos seus compañeiros para os mataren. 14Entón Daniel tivo unha entrevista sabia e asisada con Arioc, xefe da garda real, quen saíra co plan de matar ós sabios de Babilonia. 15Tomou a palabra e díxolle a Arioc, oficial do rei:
‑¿Por que un decreto tan severo de parte do rei?
Entón Arioc explicoulle o asunto a Daniel. 16Daniel acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñecer a interpretación.
17Voltou Daniel á súa casa e informou acerca do caso á Hananías, Azarías e Mixael, os seus compañeiros, 18rogándolles que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo e non tivesen que perecer Daniel e mais os seus compañeiros co resto dos sabios de Babilonia.
19O segredo foille revelado a Daniel nunha visión nocturna, polo que Daniel bendiciu o Deus do ceo, 20dicindo:
"Bendito sexa o nome de Deus
polos séculos dos séculos,
pois El ten a sabedoría e mais o poder.
21El é quen fai mudar os tempos e mais as estacións,
depón os reis e entronízaos.
El dá sabedoría ós sabios
e ciencia ós que entenden.
22El é quen revela as cousas profundas e mais as ocultas,
coñece o que está nas tebras,
pois a luz está onda El.
23Lóuvote e douche as grazas, Deus de meus pais,
porque me deches sabedoría e mais forza,
e agora mostráchesme o que che pediramos,
reveláchesme o asunto do rei".
24Despois Daniel foi onda Arioc, a quen o rei encargara o exterminio dos sabios de Babilonia, e díxolle:
‑¡Non fagas perecer os sabios de Babilonia! Ti lévame a xunto do rei, que eu lle indicarei a interpretación.
25Arioc introduciu a toda présa a Daniel na presenza do rei, e díxolle:
‑Achei un home de entre os deportados de Xudá que lle vai indicar a interpretación ó rei.
26O rei tomou a palabra e preguntoulle a Daniel, a quen se lle chamaba Baltasar.
‑¿Ti serás capaz de contarme o soño que tiven e mais a súa interpretación?
Explicación do soño
27Daniel respondeu ante o rei:
‑O segredo que quere saber o rei non son capaces de llo indicar nin os sabios, nin os astrólogos, nin os bruxos, nin os adiviños; 28pero no ceo hai un Deus que revela os segredos e El tivo a ben dar a coñecer ó rei Nabucodonosor canto vai suceder no decorrer dos tempos. O teu soño e mais as visións da túa cabeza que tiveches estando na cama, eran estes: 29Mira, maxestade; as matinacións que acudiron á túa mente no leito versaban sobre canto vai acontecer no futuro, e aquel que revela os segredos deuche a saber o que vai suceder.
30En canto a min, non é que eu teña unha sabedoría maior que todos os viventes, senón que me foi revelado este segredo unicamente coa fin de lle manifestar ó rei a interpretación e, de tal xeito, comprendas as cavilacións da túa mente.
31Ti, rei, estabas vendo, e velaquí, unha estatua grande. A estatua era enorme, e o seu brillo extraordinario; erguíase diante de ti, e o seu aspecto era terrible. 32A cabeza da estatua era de ouro puro; o peito e mais os brazos, de prata; o ventre e mais os cadrís, de bronce; 33as pernas, de ferro; e os pés, parte de ferro e parte de barro. 34Seguías fitándoa, cando se desprendeu unha pedra sen a tocar ninguén, foi bater contra os pés da estatua, que eran de barro e mais de ferro, e esnaquizounos. 35Nun instante volvéronse po o ferro e mais o barro, o bronce, a prata e mais o ouro; tornáronse coma a palla miúda das eiras no verán; o vento arramplou con eles sen deixar rastro. Pola súa banda, a pedra que desfixo a estatua creceu e transformouse nunha montaña tan grande que enchía toda a terra.
36Este foi o soño; agora imos expoñer ante o rei o seu significado: 37ti, maxestade, rei de reis, a quen o Deus do ceo concedeu o imperio, a forza, o poder e mais a maxestade, 38a quen deu poder sobre os homes, onde queira que eles habiten, sobre os animais do campo e as aves do ceo, para que reines sobre todos eles: ti es a cabeza de ouro. 39Despois de ti alzarase outro imperio, inferior ó teu; e, máis adiante, un terceiro imperio que será de bronce e dominará sobre a terra toda. 40Máis tarde haberá un cuarto imperio, forte coma o ferro; do mesmo xeito que o ferro esnaquiza e tritura todo, tamén el ha esnaquizar e triturar a todos os outros.
41Os pés e mais os dedos que viches, de ferro mesturado con barro de oleiro, representan un reino dividido, aínda terá algo da consistencia do ferro, tal como viches o ferro mesturado co barro. 42Conforme eran as dedas dos pés, en parte de ferro e en parte de barro, así, unha parte do imperio será forte e outra parte será fráxil.
43O feito de ver o ferro mesturado co barro quere dicir que se mesturarán as liñaxes, pero sen se fusionaren unha coa outra, como tampouco o ferro se amalgama co barro. 44No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre, 45tal e como viches que se desprendeu a pedra do monte, sen intervención de ningunha man, e esnaquizou o ferro, o bronce, o barro, a prata e mais o ouro.
O Deus grande deu a coñecer ó rei canto vai acontecer no futuro. O soño é verdadeiro e a súa interpretación, digna de creto.
46Entón o rei Nabucodonosor prostrouse rostro en terra e rendeulle homenaxe a Daniel, e mandou que lle ofrecesen sacrificios e mais perfumes. 47O rei dirixiuse a Daniel e díxolle:
‑Sen dúbida que o voso Deus é o Deus dos deuses e mais o Señor dos reis; El revela os segredos, pois ti fuches capaz de me explicar este segredo.
48Despois o rei ascendeu a Daniel e outorgoulle numerosos e importantes regalos, nomeouno gobernador da provincia de Babilonia e tamén presidente de todos os sabios de Babilonia. 49A petición de Daniel, o rei encargou da administración da provincia de Babilonia a Xadrac, Mixac e Abednegó. Daniel permaneceu na corte real.
A estatua de ouro
Capítulo 3
1O rei Nabucodonosor fixo unha estatua de ouro: a súa altura era de sesenta cóbados, e a súa anchura, seis cóbados. Ergueuna na chaira de Dura, na provincia de Babilonia. 2Despois o rei Nabucodonosor mandou convocar os sátrapas, gobernadores, prefectos, conselleiros, tesoureiros, letrados, maxistrados e xuíces, e todas as autoridades provinciais para que acudisen á inauguración da estatua que erixira o rei Nabucodonosor. 3Reuníronse, pois, os sátrapas, prefectos, gobernadores, conselleiros, tesoureiros, letrados, maxistrados e mais as restantes autoridades provinciais para a inauguración da estatua que erixira o rei Nabucodonosor, e, estando colocados na fronte dela, 4o pregoeiro berrou con voz forte:
‑A todos os pobos, nacións e linguas, fáisevos saber: 5no momento en que oiades o son do corno, da frauta, da cítola, da lira, do salterio, da zanfona e dos restantes instrumentos musicais de toda clase, prostrarédesvos e adoraredes a estatua de ouro que erixiu o rei Nabucodonosor. 6O que non se prostre en adoración, será botado inmediatamente no medio dun forno co lume aceso.
7Con tal motivo, exactamente no momento de oíren tocar o corno, a frauta, a cítola, a lira, o salterio, a zanfona e toda clase de instrumentos musicais, todos os pobos, nacións e linguas prostráronse e adoraron a estatua de ouro que erixira o rei Nabucodonosor.
Os tres mozos hebreos no forno
8Naquel momento presentáronse algúns caldeos para denunciaren ós xudeus. 9Tomaron a palabra e dixéronlle ó rei Nabucodonosor:
‑¡Que viva o rei eternamente! 10Ti, rei, ordenaches que todo home, en canto oia o son do corno, da frauta, da cítola, da lira, do salterio, da zanfona e das restantes clases de instrumentos musicais, se axeonlle e adore a estatua de ouro; 11e o que non se prostre para adorala será botado nun forno co lume aceso. 12Pois hai uns xudeus, Xadrac, Mixac e Abednegó ‑a quen encargaches da administración da provincia de Babilonia‑, que nin fan caso de ti, maxestade, nin serven os teus deuses; tampouco adoran a estatua de ouro que ti erixiches.
13Entón Nabucodonosor púxose furioso e mandou traer a Xadrac, Mixac e Abednegó, que foron levados á presenza do monarca. 14Nabucodonosor tomou a palabra e díxolles:
‑Xadrac, Mixac e Abednegó, ¿é certo que vós non servides os meus deuses nin adorades a estatua de ouro que eu erguín? 15Agora, pois, se estades dispostos ó oírdes o son do corno, da frauta, da cítola, da lira, do salterio, da zanfona e mais dos restantes instrumentos musicais, porédesvos de xeonllos e adoraredes a estatua que eu erixín. Como non a adoredes, seredes botados ó forno co lume aceso; e ¿que deus haberá que vos poida librar das miñas mans?
16En resposta, Xadrac, Mixac e Abednegó, dixéronlle ó rei Nabucodonosor:
‑Sobre este asunto nós non temos por que che contestar. 17Se o noso Deus, a quen servimos, quere librarnos do forno do lume abrasador e mais das túas mans, hanos salvar, rei. 18E aínda que non o fixese, oh rei, que che conste que nós non serviremos os teus deuses, nin adoraremos a estatua de ouro que erixiches.
19Entón Nabucodonosor, cheo de furia contra Xadrac, Mixac e Abednegó e co aspecto do seu rostro alterado, tomou a palabra e ordenou que se acendese o forno sete veces máis forte do que se acostumaba acender. 20Seguidamente ordenou a algúns dos homes máis fortes do seu exército que atasen a Xadrac, Mixac e Abednegó para os botar ó forno co lume acendido. 21De modo que estes homes foron atados, vestidos cos seus calzóns, túnicas, puchas e demais roupa e botáronos no medio do forno co lume ardente.
22Como a orde do rei era tan severa e o forno estaba tan extraordinariamente aceso, a lapa do lume causoulles a morte ós que meteron a Xadrac, Mixac e Abednegó. 23Entre tanto os tres homes, Xadrac, Mixac e Abednegó caían atados no medio do forno en chamas.
Oración de Azarías
24Paseaban polo medio das chamas, loando a Deus e bendicindo o Señor. 25Entón Azarías, ergueito no medio do lume, abriu a boca e dixo:
26"Bendito sexas, Señor, Deus de nosos pais,
loado e glorificado sexa o teu nome por sempre.
27Pois estás xustificado en todo canto fixeches connosco,
todas as túas obras son verdadeiras,
rectos os teus camiños,
todos os teus xuízos son verdade.
28Tomaches decisións conforme á verdade
traendo todo isto sobre nós
e sobre a cidade santa de nosos pais, Xerusalén;
si, con verdade e xustiza provocaches todo isto,
por causa dos nosos pecados.
29Pois pecamos, procedemos mal afastándonos de ti.
Temos cometido toda clase de pecados,
non obedecemos os teus mandamentos,
30nin os tivemos en conta, nin puxemos en práctica
o que se nos mandaba para o noso ben.
31Todo canto fixeches que nos sobreviñese,
todo o que fixeches connosco
foi un castigo merecido.
32Entregáchesnos nas mans dos nosos inimigos,
xente sen lei, pésimos renegados,
e dun rei inxusto, o máis perverso de toda a terra.
33Agora nós non ousamos abrir a boca;
vergonza e oprobio premen os que te serven e adoran.
34¡Por mor do teu nome!,
non nos abandones para sempre,
non rompas a túa Alianza,
35non afastes de nós a túa misericordia,
por Abraham, o teu benquerido;
por Isaac, o teu servo;
por Israel, o teu santo;
36a quen prometeras multiplicarlles a súa descendencia
coma as estrelas do ceo
e coma as areas na praia do mar.
37Por causa dos nosos pecados, Señor,
somos hoxe a máis pequena das nacións,
humillada por toda a terra.
38Agora xa non temos nin príncipe, nin profeta,
nin xefe, nin holocausto, nin sacrificio,
nin oblación, nin incenso, nin lugar
onde che presentar as primicias e acadar misericordia.
39Pero que, polo menos, con corazón contrito e espírito humillado
encontremos acollida,
como se fosen holocaustos de carneiros e bois,
de milleiros de años cebados.
40Ese vai ser hoxe o noso sacrificio ante ti,
para te aplacar plenamente,
porque os que confían en ti non quedan defraudados.
41Por iso agora seguímoste de todo corazón,
temémoste e buscamos o teu rostro: non nos defraudes,
42trátanos conforme a túa bondade,
e segundo a túa gran misericordia.
43Líbranos co teu poder prodixioso
e dá gloria ó teu nome, Señor.
44Sexan abafados os que maltratan os teus servos,
fiquen avergonzados, véxanse privados de todo poder
e sexa quebrantada a súa forza;
45saiban eles que Ti es o Señor, o Deus único
e glorioso sobre toda a terra".
46Os criados do rei que os botaran no forno non paraban de avivar o lume a base de betume, pez, estopa e mais leña miúda. 47A chama sobresaía por enriba do forno corenta e nove cóbados. 48O estenderse abrasou os caldeos que se achaban arredor do forno. 49Pero o anxo do Señor baixou ó forno onda Azarías e os seus compañeiros, afastou as chamas para fóra do forno, 50e introduciu dentro del un vento húmido; de tal xeito que non lles tocou o lume o máis mínimo, nin os mancou, nin tan sequera lles fixo estorbo.
O canto dos tres mozos
51Entón os tres, ó unísono, loaban, glorificaban e bendicían a Deus no forno, dicindo:
52"Bendito es Ti, Señor, Deus de nosos pais,
digno de gloria e da meirande loanza polos séculos.
Bendito o teu nome, santo e glorioso,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
53Bendito es Ti no templo da túa santa gloria,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
54Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
55Bendito es Ti que sondas os abismos sentado sobre querubíns,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
56Bendito es Ti no firmamento do ceo,
loado e cheo de gloria para sempre.
57Todas as obras do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
58Anxos do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
59Ceos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
60Todas as augas que estades por enriba do ceo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
61Todos os exércitos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
62Sol e lúa, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
63Estrelas do ceo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
64Toda chuvia e orballo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
65Todos os ventos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
66Lume e calor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
67Friaxe e quentura, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
68Orballos e nevadas, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
69Carazo e frío, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
70Xeadas e neves, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
71Noites e días, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
72Luz e tebras, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
73Lóstregos e nubes, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
74Bendiga a terra o Señor,
lóeo, exálteo polos séculos.
75Montes e outeiros, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
76Todas as plantas da terra, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
77Fontes, bendicide o Señor,
loádeo, exálteo polos séculos.
78Mares e ríos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
79Cetáceos e toda a fauna acuática, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
80Todas as aves do ceo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
81Todos os animais salvaxes e domésticos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
82Todos os homes, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
83Israel, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
84Sacerdotes do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
85Servos do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
86Espíritos e almas dos xustos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
87Santos e humildes de corazón, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
88Hananías, Azarías e Mixael, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos:
Porque El nos sacou do abismo,
salvounos do poder da morte,
librounos do forno de chama abrasadora,
arrincounos do medio do lume.
89Dádelle grazas ó Señor, porque é bo,
porque é eterna a súa misericordia.
90Todos os que o adorades, bendicide o Deus dos deuses,
loádeo e exaltádeo,
porque é eterna a súa misericordia".
Nabucodonosor recoñece o milagre de Deus
24O rei Nabucodonosor ficou pasmado e, levantándose a toda présa, preguntoulles ós seus ministros:
‑¿Non eran tres os homes que botamos atados ó medio do forno?
Respondéronlle:
‑Sen dúbida, maxestade.
25Replicou el:
‑Pois eu vexo catro homes desatados que pasean polo medio do lume sen sufriren ningún dano, e o aspecto do cuarto semella o dun ser divino.
26Entón Nabucodonosor aproximouse á boca do forno aceso, tomou a palabra e dixo:
‑Xadrac, Mixac e Abednegó, servos do Deus Altísimo, saíde fóra e vinde aquí.
Xadrac, Mixac e Abednegó saíron entón do medio do lume. 27Estando xuntos os sátrapas, os ministros, os prefectos e mais os conselleiros do rei, observaron a estes homes: o lume non lles producira ningún dano nos seus corpos, nin sequera tiñan chamuscados os pelos da súa cabeza, os pantalóns estaban intactos e nin daban cheiro a queimado.
28Entón Nabucodonosor dixo:
‑Bendito sexa o Deus de Xadrac, Mixac e Abednegó, que mandou un anxo a salvar os seus servos, que, confiando nel, desobedeceron o decreto real e entregaron os seus corpos por non serviren nin adoraren outros deuses fóra do seu Deus. 29Polo que a min toca, eu dispoño que o que blasfeme contra o Deus de Xadrac, Mixac e Abednegó ‑sexa do pobo, nación ou lingua que sexa‑, será tallado en anacos e a súa casa quedará arrasada, porque non existe outro deus capaz de salvar de tal modo.
30O rei fixo prosperar a Xadrac, Mixac e Abednegó na provincia de Babilonia.
A visión da árbore
31O rei Nabucodonosor, a todos os pobos, nacións e linguas que habitan por toda a terra:
"Que a vosa paz sexa grande. 32Teño o gusto de vos contar os signos e prodixios que fixo comigo o Deus Altísimo.
33¡Que grandes son os seus signos,
que poderosos os seus prodixios!
O seu reinado é un reinado eterno,
o seu poder dura de xeración en xeración.
Capítulo 4
1Eu, Nabucodonosor, estaba tranquilo na miña casa, e satisfeito no meu pazo. 2De repente tiven un soño que me asustou. As imaxinacións que tiven no leito e mais os pensamentos da miña mente deixáronme arrepiado.
3Mandei que se me presentasen todos os sabios de Babilonia, para que me desen a coñecer a interpretación do soño. 4Viñeron entón os meigos, os adiviños, os astrólogos e os agoireiros; contei o soño diante deles, pero non foron capaces de me explicar o seu significado. 5Ata que, por fin, se presentou Daniel ‑a quen se lle chama Baltasar en relación co nome do meu deus‑, home no que mora o espírito dos santos deuses. E conteille o meu soño:
6‑Baltasar, xefe dos meigos, ben sei que tes o espírito dos santos deuses e que ningún misterio che ofrece dificultade; velaquí o soño que tiven, ti vasme dar a súa explicación. 7Estando deitado, observei as visións da miña cabeza: había unha árbore no medio da terra, a súa altura era enorme. 8A árbore foi medrando e robusteceuse, chegando a súa altura ata o ceo, e víase desde todos os extremos da terra. 9A súa ramallada era fermosa e o seu froito abundante; había nela alimento para todos, debaixo dela acubillábanse os animais do campo; nas súas pólas aniñaban as aves do ceo; mantíñanse dela todos os seres viventes. 10Eu observaba no meu leito as visións da miña cabeza; nisto descendeu do ceo un vixiante, un santo. 11Berrou con voz forte e dixo así:
‑Derrubade a árbore, cortade as súas pólas, arrincádelle as follas, ciscade os seus froitos, fuxan os animais de debaixo dela, e as aves das súas ramas. 12Pero deixade na terra a cepa coas súas raíces, con cadeas de ferro e bronce, entre a herba do campo. Que sexa bañada polo orballo do ceo, que cos animais comparta a herba da terra. 13Que se lle cambie o corazón de home e que lle dean un corazón de animal; e pasen por ela sete anos. 14Por decreto dos Vixiantes pronúnciase esta sentencia; é a cuestión decidida polos Santos, para que todo ser vivente recoñeza que o Altísimo é o dono da realeza humana, que lla dá a quen lle comprace e pode elevar a ela o máis humilde dos homes.
15Este é o soño que tiven eu, o rei Nabucodonosor; ti, Baltasar, explícame o seu significado, pois ningún dos sabios do meu reino foi capaz de mo interpretar; pero ti es competente, porque o espírito dos deuses santos está en ti".
Daniel explica o soño
16Entón, Daniel, chamado Baltasar, quedou desconcertado por un momento, turbárono os seus pensamentos. O rei tomou a palabra e díxolle:
‑Baltasar, que non te asusten o soño e mais a súa interpretación.
Replicou Baltasar:
‑Meu Señor, que o soño sexa para os teus inimigos e a súa interpretación para os teus adversarios.
17‑A árbore que viches, que se fixo grande e vigorosa, cunha altura que chegaba ata o ceo e resultaba visible desde toda a terra, 18que tiña unha ramallada fermosa e os seus froitos eran abundantes, de maneira que nela había alimento para todos, e debaixo dela acubillábanse os animais do campo, e nas súas pólas aniñaban as aves do ceo, 19es ti mesmo, maxestade, que te fixeches grande e forte, a túa grandeza creceu ata tocar o ceo, e o teu poder dilátase ata as extremidades da terra.
20‑En canto ó que viches, maxestade: un Vixiante, un Santo que baixou do ceo e dixo: "Derrubade a árbore, destruídea, pero deixade na terra a cepa coas súas raíces, atada con cadeas de ferro e bronce no medio da herba do campo, que se molle co orballo do ceo e comparta a sorte dos animais do campo ata que pasen sobre ela sete anos", 21este é o seu significado, maxestade: é o decreto do Altísimo que lle afecta ó meu Señor, o rei. 22Afastarante da xente, e morarás cos animais do campo. Manteraste de herba o mesmo cós bois, e mollarate o orballo do ceo; pasarán así sete anos sobre ti, ata que recoñezas que o Altísimo domina sobre a realeza dos homes e lla dá a quen El quere. 23Mandouse deixar a cepa e mais as raíces da árbore, porque che vai conservar a realeza tan axiña como recoñezas que todo poder vén do ceo. 24Polo tanto, maxestade, acepta o meu consello: redime os teus pecados con esmolas, e as túas iniquidades con misericordia cos pobres; así alongarase a túa prosperidade.
Humillación de Nabucodonosor
25Todo isto aconteceulle ó rei Nabucodonosor. 26O cabo de doce meses achábase paseando polo terrado do pazo real de Babilonia. 27O rei fixo o seguinte comentario:
‑¿Non é esta, logo, a grande Babilonia, que eu edifiquei para residencia real co meu inmenso poder e para honra da miña maxestade?
28Aínda ben non acabara de falar o rei, cando baixou unha voz do ceo:
‑Fáiseche saber, rei Nabucodonosor, que che queda retirada a realeza: 29afastarante da xente, vivirás cos animais salvaxes, daranche de comer herba coma ós bois, e vas pasar así sete anos, ata que recoñezas que o Altísimo é o dono da realeza dos homes e lla outorga a quen El quere.
30Naquel momento cumpriuse a sentencia contra Nabucodonosor: afastárono da xente, pacía herba coma os bois, o orballo do ceo mollaba o seu corpo; mesmo medraron os seus cabelos coma plumas de aguia e as súas unllas coma as das aves.
31O remate do tempo sinalado, eu, Nabucodonosor, erguín os ollos cara ó ceo, e recobrei a miña razón; entón bendicín o Altísimo, loei e glorifiquei o que vive eternamente. O seu reino é un reino eterno, o seu imperio subsiste por todas as xeracións. 32Todos os habitantes da terra diante del non contan nada: fai canto quere co exército do ceo e cos habitantes da terra. Non hai quen lle poida deter a man e dicirlle: "¿Que estás facendo?".
33Naquel momento recobrei a razón, tamén se me devolveu ‑para gloria do seu reino‑ a miña maxestade e mais o meu esplendor. Reclamáronme os conselleiros e mais os dignitarios, fun reposto no meu reino e foime outorgado un poder moito meirande.
34Agora, eu, Nabucodonosor, loo, exalto e glorifico ó rei do ceo, porque son verdade todas as súas obras; e xustiza os seus vieiros; El ten poder para humillar os que proceden con soberbia.
O convite de Baltasar
Capítulo 5
1O rei Baltasar ofreceu un gran banquete ós seus mil dignitarios, e púxose a beber viño en compaña de todos eles. 2Despois de probar o viño, Baltasar mandou traer os vasos de ouro e prata que seu pai, Nabucodonosor, collera do templo de Xerusalén, para que bebesen neles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e as súas concubinas. 3Tan pronto como trouxeron os vasos de ouro e prata, levados do santuario do templo de Deus en Xerusalén, brindaron con eles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e mais as concubinas. 4Beberon viño e loaron os seus deuses de ouro, prata, bronce, ferro, madeira e pedra.
O escrito misterioso
5De repente apareceron os dedos dunha man de home, que, por detrás do candeeiro, se puxeron a escribir no cal da parede do pazo real. O rei así que viu a palma da man que escribía, 6virou de cor e os seus pensamentos conturbárono, afrouxáronselle os músculos dos riles e os seus xeonllos batían un contra o outro. 7O rei pediu a berros que fixesen vir ós astrólogos, meigos e adiviños. Tomando a palabra, díxolles ós sabios de Babilonia:
‑O que lea este escrito e me mostre a súa interpretación, será vestido de púrpura, poñeráselle ó pescozo un colar de ouro e será o terceiro no goberno do meu reino.
8Acudiron todos os sabios do reino, pero non foron capaces de ler o escrito nin de lle explicar ó rei o seu significado. 9Entón o rei Baltasar ficou moi alarmado e virou de cor; tamén os seus dignitarios se sentiron desconcertados. 10A raíña, informada das palabras do rei e dos dignitarios, entrou na sala do banquete, tomou a palabra e dixo:
‑¡Viva o rei eternamente! Non te turben os teus pensamentos nin perdas a cor. 11Hai no teu reino un home en quen mora o espírito dos deuses santos. Xa en tempos de teu pai se achou nel unha mente lúcida e unha sabedoría semellante á dos deuses; tanto que o rei Nabucodonosor, teu pai, nomeouno xefe dos meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños. 12Xa que Daniel, a quen o rei chamaba Baltasar, deu probas de ter un espírito extraordinario de ciencia e intelixencia, capacidade para interpretar os soños, descifrar enigmas e resolver problemas, que se chame a Daniel, pois el indicará a interpretación. 13Trouxeron de seguida a Daniel ante o monarca. Este, tomando a palabra, preguntoulle a Daniel:
‑¿Es ti Daniel, un daqueles desterrados que trouxo o rei, meu pai, de Xudá? 14Teño oído contar que mora en ti o espírito dos deuses, e que en ti se descubriu unha intelixencia despexada e unha sabedoría extraordinaria. 15Pois ben, acaban de ser introducidos ante a miña presenza os sabios e mais os meigos para que lesen este escrito e me desen a saber a súa interpretación, pero non foron capaces de me explicar o seu significado. 16Oín dicir que ti sabes interpretar os soños e descifrar enigmas; pois, se consegues ler este escrito e me dás a saber a súa interpretación, serás vestido de púrpura, levarás ó pescozo un colar de ouro, e serás o terceiro no goberno do meu reino.
17Daniel tomou a palabra e dixo en presenza do rei:
‑Queda cos teus regalos e dálle a outro os teus agasallos; eu lerei igualmente o escrito para o rei, e dareille a coñecer a súa interpretación.
18Maxestade: o Deus Altísimo concedeulle a Nabucodonosor, teu pai, o imperio, a grandeza, a gloria e mais a magnificencia; 19e polo poder que lle deu, todos os pobos, nacións e linguas temíano e respectábano. Mataba a quen quería e deixaba con vida a quen lle parecía, exaltaba a quen el quería e humillaba a quen lle daba a gana. 20Pero en canto se ensoberbeceu o seu corazón e se obstinou o seu espírito na insolencia, foi deposto do seu trono real e despoxado da súa gloria. 21Tivo que vivir arredado da xente, o seu corazón tornouse semellante ó dos animais, e conviviu cos onagros; comeu herba coma os bois, e o seu corpo foi mollado polo orballo do ceo, ata que recoñeceu que o Deus Altísimo domina sobre a realeza dos homes e coloca no trono a quen quere. 22Pero ti, Baltasar, seu fillo, non humillaches lo teu corazón, a pesar de saber todo isto; 23rebelácheste contra o Señor do ceo, fixeches traer os vasos do seu templo, e ti e mais os teus dignitarios, xunto coas túas esposas e mais as túas concubinas, bebestes viño neles. Loastes os deuses de prata e ouro, de bronce e de ferro, de madeira e de pedra, que non ven nin oen, nin entenden; en cambio non glorificaches o Deus que ten nas súas mans o teu alento e de quen dependen todos os teus proxectos. 24Por ese motivo foi enviada por El esa man que trazou este escrito.
Lectura e interpretación do escrito
25Esta é a escritura que foi trazada: "Contado, Pesado, Dividido". 26A interpretación de tales palabras é esta: "Contado": Deus ten contados os días do teu reinado, e púxolles fin. 27"Pesado": fuches pesado na balanza e atopado falto de peso. 28"Dividido": o teu reino foi dividido e entregado ós medos e ós persas.
29Baltasar mandou de contado que se lle puxese a Daniel un vestido de púrpura e se lle colgase un colar de ouro ó pescozo, e que pregoasen que el ocuparía o terceiro posto no reino.
30Naquela mesma noite foi asasinado Baltasar, rei dos caldeos.