Capítulos 6-10

Xob (6-7)

 

Capítulo 6

 

1Resposta de Xob:

2‑"¡Oxalá que se pesase a miña dor

e se amoreasen as miñas mágoas na balanza!

3Pesarían máis cás areas dos mares:

por iso desvaría a miña lingua.

4Pois levo en min as frechas do Poderoso

e o meu ánimo bebe o seu veleno.

Érguense contra min os terrores de Deus.

5¿Ponse o burro a ornear cando ten herba?

¿Ou brúa o boi diante do seu penso?

6¿Quen xantará sen sal o manxar insulso?

E ¿que gusto ten o zume dunha herba?

7Repúgnalle á miña gorxa nin sequera tocala

pois é para min coma un xantar impuro.

8¡Oh se chegase a porto a miña demanda

e o Señor concedese aquilo no que espero!

9¡Decídase por fin Deus a esnaquizarme,

retire a man e tronce xa o meu fío!

10Iso sería para min un consolo;

reloucaría ledo a pesar desta dor sen piedade,

pois non tería eu renegado das palabras do Santo.

11¿Que forzas teño xa para me soster?

¿Cal será o meu remate, para eu ter folgos?

12¿Teño por caso a dureza dos penedos?

¿Son de bronce as miñas carnes?

13Nada hai en min que me poida axudar

cando é a mesma sorte a que me foxe.

14¡Un home non lle nega a boa lei ó seu amigo

nin refuga o temor do Omnipotente!

15Mais os meus irmáns traizoáronme coma a enxurrada,

coma os regueiros cando rebordan a canle,

16baixando revoltos coa xeada

cando neles se fundiu a neve;

17pero que desaparecen no tempo da seca,

e en canto chega a calor, enxoito queda o seu leito.

18Torcen as caravanas a súa rota,

pérdense no deserto e perecen;

19as caravanas de Temán procúranos,

contan con eles os beduínos de Sabá;

20confundidos pola longa espera

chegan alí, e atópanse enganados.

21Deste xeito fostes vós para min,

ollastes o  espanto e deuvos medo.

22¿Pedinvos eu que me deades nada

ou que paguedes suborno do voso peculio,

23ou que me libredes do meu inimigo,

ou me rescatedes da forza dos tiranos?

24¡Ensinádeme vós, e eu calarei!

¡Aclarádeme no que ande errado!

25¿Como non aceptar un discurso sincero?

Pero ¿que valor pode ter unha corrección da vosa boca?

26¿Estades aparellando verbas para aldraxar?

¿Non contan  as razóns dun home sen esperanza?

27¡Vós sodes capaces de botar sortes por un orfo

e mesmo de relear por un veciño!

28Agora estade quedos e escoitádeme:

¡Xuro que non vos estou mentindo na cara!

29¡Deixade a teima, non suceda outra desgraza!

¡Abonda xa, que aínda está en xogo o meu dereito!

30¿Hai mala lei na miña lingua?

¿Non distingue as razóns o meu padal?

 

Capítulo 7

 

1O home ten na terra unha duro labor;

os seus días son coma os do xornaleiro.

2Coma o escravo que arela a sombra,

coma o xornaleiro que agarda o que gañou:

3así herdei eu meses baldeiros

e tocáronme en sorte noites de angustia.

4Penso para min ó deitarme: ¿cando me hei erguer?

e desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.

5Vestiuse a miña carne de vermes, dunha cotra de terra;

a miña pel regaña e supura.

6Os meus días correron máis axiña cá lanzadeira de tecer

e foxen sen esperanza.

7¡Recorda ben que a miña vida é vento,

e que o meu ollo non verá máis a ledicia!

8Pois non me dará visto un ollo humano,

e cando ti me espreites, xa non estarei.

9Coma unha nube que se desfai e pasa,

así non sobe o que baixa para o Xeol.

10Non volverá de novo ós seus eidos

e o seu lar non saberá máis del.

11Non hei, por iso, de pórlle freo á boca,

e falarei con ánimo angustiado;

voume laiar desde o amargor da alma:

12¿Son eu o mar ou o dragón mariño

para que poñas vixía contra min?

13Cando penso: vaime aliviar o leito,

a miña cama amainará o meu choro,

14vés ti e arrepíasme cos soños,

espántasme con visións de pesadelo;

15tal que case escollera eu morrer aforcado

e prefiren a morte os meus ósos.

16¡Xa estou canso! Non vou vivir para sempre:

¡Déixame xa, que son un sopro os meus días!

17¿Que é o home para que tanto o consideres,

para que del así te ocupes,

18para que o poñas á proba cada mañá,

para estares controlándoo a cada intre?

19¿Cando vas tirar a vista de riba de min

e me deixarás sequera tragar o cuspe?

20Se por caso pequei, ¿que é o que che fixen a ti, Garda-homes?

¿Para que me apuntas coma un branco?

¿Por que son para ti unha carga?

21¿Por que non perdoas a miña culpa

e deixas pasar o meu pecado?

Entón podería deitarme no po

e por máis que me procurases, xa non existiría".

 

Bildad

 

Capítulo 8

 

1Pola súa parte díxolle Bildad o xuhíta.

2‑"¿Ata cando falarás deste xeito

e van ser as túas razóns un vento arroutado?

3¿Ia Deus torcer o dereito?

¿Pode o Omnipotente virar a xustiza?

4Se os teus fillos pecaron contra El,

xa os deixou na man do seu crime.

5Mais se ti voltas cedo a Deus

e se lle rogas mercé ó Omnipotente,

6se estás limpo e es xusto,

velará El sobre ti,

restaurará o casal ó que tes dereito.

7Daquela os teus comezos semellarán pequenos

e o teu futuro medrará abondo.

8E se non, inquíreo dos devanceiros

e procura no que dexergaron seus pais;

9pois nós somos de onte e non sabemos

e os nosos días son coma a sombra no chan.

10Pero eles ensinaranche e contaranche,

farán xurdir da súa sabenza as palabras.

11¿Xermola o papiro fóra do lameiro?

¿Medra o vimbio sen auga?

12Aínda en gromo e sen cortar,

antes doutras herbas esmorece.

13Tal é o vieiro dos que esquecen a Deus

tal se perde a esperanza dun malvado.

14A súa confianza está posta no po

e a súa esperanza nun fío de araña.

15Afíncase na súa casa, e non se ten en pé;

aférrase nela, e non se mantén.

16Móstrase cheo de zume cara ó sol,

bota bacelos polo seu horto;

17enreda as raigañas polas pedras,

apóiase nas rochas.

18Pero se o arrincan do seu posto,

este renega del dicindo: Non o vin xamais.

19Tal é o remate do seu ledo camiño,

e outra planta vén xermolar na terra.

20De xeito que Deus non refuga o íntegro,

como non aferra tampouco a man dos impíos.

21Pode El aínda encher os teus beizos de sorriso

e os teus labios de aturuxos.

22Daquela irán os teus inimigos cubertos de vergonza;

ollas cara a tenda dos impíos, e esta esvaeceu".

 

Xob (9-10)

 

Capítulo 9

 

1Respondeu Xob:

2‑"Abofé, ben sei que é así;

pois ¿que dereito podería ter un home ante Deus?

3Se se puxese a preitear con El,

non lle sabería responder unha cousa entre mil.

4Deus é de sabio entender e moi potente,

¿quen, tras facerlle fronte, lle vai ficar parello?

5El é quen abala os montes sen que se dean conta,

pois conmóveos na súa carraxe;

6quen remexe a terra no seu alicerce,

e as súas columnas abanean.

7Dálle unha orde ó sol, e xa non sae;

encerra as estrelas baixo selo.

8El só tende os ceos

e camiña polo lombo do mar.

9Fixo a Osa e o Orión

as Pléiades e as Cámaras do Sur.

10El fai cousas egrexias insondables,

e milagres a non contar.

11Se viñese onda min, non o vería;

se pasase ó meu carón, non me decataría.

12Cando El repaña, ¿quen llo fai tornar?

¿Quen lle vai dicir: Para que fas isto?.

13Deus non ten ninguén por quen reter a súa ira.

Debaixo del humíllanse os axudantes de Rahab.

14Pero ¿quen son eu para lle dar resposta

e para escoller contra El as miñas razóns?

15Aínda que estivese eu no certo, non se dignaría responder:

¡Sería rogarllo ó meu acusador!

16E se o citase a preito e respondese,

non creo que escoitase os meus laios.

17Asaltaríame coa treboada;

amorearía sen motivo as miñas feridas;

18Non me soltaría nin para coller folgos,

enchería a miña alma de amargura.

19Se é cousa de poder: ¡El é o máis forte!

Se é cuestión dun xuízo: ¿quen o chama a dar testemuño?

20Pois aínda que eu fose inocente, habíame condenar a súa boca;

aínda que eu apareza coma honrado, habíame considerar perverso.

21¡Son inocente! ¿Que me importa xa da miña vida?

A mesma existencia dáme noxo.

22¡Que máis me ten! E por iso, eu afirmo:

El destrúe do mesmo xeito ó inocente e ó culpable.

23Cando unha desfeita súbita sementa mortes,

búrlase El das mágoas dos coitados.

24Deixa o país na man dos opresores,

encobre o rostro dos xuíces.

Se non é El, entón ¿quen é?

25Os meus días correron máis ca un mensaxeiro

fuxiron de min sen probar a boa vida.

26Esvararon coma gamelas de papiro,

coma se lanza a aguia sobre a presa.

27Se penso: Vou esquecer a miña teima,

vou pór boa cara e animarme,

28amedóñanme tantas desfeitas;

ben sei eu que non me declaras inocente.

29E se fose culpable

¿para que cansarme en balde?

30Se me lavase con auga de xabón

e limpase con lixivia as miñas mans,

31debozaríasme na lama

e daríame noxo o meu vestido.

32Pois non é el un home coma min para dicirlle:

Imos xuntos a xuízo;

33non existe un árbitro entre nós,

que pouse a súa man sobre entrambos.

34¡Que aparte de min a súa aguillada

e que o seu terror non me atenace!

35Daquela falareille sen medo,

pois non é recto o que fai comigo.

 

Capítulo 10

 

1Dáme noxo a vida,

vou dar ó vento o meu laio,

hei falar con corazón amargo.

2Heille rogar a Deus: ¡Non me condenes!

¡Faime saber cal é a túa causa contra min!

3¿Coidas ti que está ben oprimíresme,

e rexeitar a obra das túas mans,

mentres favoreces as matinacións dos impíos?

4¿Tes ti ollos de carne?

¿Ves ti as cousas como as ven os homes?

5¿Son os teus días coma os dos humanos?

¿Son os teus anos coma os do home?

6¡Ti, que estás a pescudar na miña chata,

que esculcas o meu pecado,

7por máis que me sabes non culpable

e que ninguén se ceiba das túas mans!

8Esas túas mans fixéronme na olería,

todo me moldearon, ¿e vasme agora aniquilar?

9¡Lémbrate que me moldeaches de arxila

e que me has tornar ó po!

10¿Non me vertiches ti coma o leite

e coma o queixo me callaches?

11Vestíchesme de pel e carne

tecíchesme con ósos e tendóns;

12déchesme a vida, tivéchesme boa lei;

o teu coidado gardaba o meu espírito.

13¡E con todo, acochabas isto na túa mente!

¡Agora sei cal era a túa teima!

14Estabas a axexar por se eu pecaba

para non me deixar ir absolto.

15Se teño culpa, ¡pobre de min!,

e aínda inocente, non erguerei a testa,

farto de aldraxes e bébedo de coitas.

16E se a erguese, cazarasme coma león,

renovando fazañas contra min.

17Repós contra min as túas testemuñas,

multiplicas cara a min a túa carraxe,

a cotío renovas as tropas que me atacan.

18E logo, ¿por que me tiraches do ventre?

¡Mellor que morrese e que ninguén me ollase!

19Sería igual que se nunca existise:

conducido desde o ventre para a cova.

20¿Non son xa poucos os meus días de vida?

¡Déixeme El en paz para que relouque un intre

21antes de que parta sen retorno

para o país das tebras e a negrume mortal

22para a terra da escuridade máis noitébrega,

sombra da morte, arredada da orde,

onde o mesmo alumar é tebra!"