Capítulos 31-35

Prego de descargo

 

Capítulo 31

 

1Cos meus ollos fixen trato

de non andar fitando as mozas.

2¿Que sorte garda Deus desde o alto?

¿Cal é a herdanza do Omnipotente desde as alturas?

3¿Non é se cadra a desgraza para os inicuos

e a perdición para quen fai ruindade?

4¿Non está El a albiscar os meus camiños,

levando a conta das miñas pegadas?

5Se levo eu unha conduta va

e se me van os pés tralo engano,

6¡péseme Deus nunha balanza xusta,

e saberá da miña integridade!

7Se os meus pasos se afastan do camiño

e a miña arela se me vai tras dos ollos,

ou se me apega algún lixo ás mans,

8se sementei, ¡que outro detrás o coma!

¡que arrinquen de raíz os meus xermolos!

9Se o meu corazón se enreda cunha muller

ata axexar na porta dun amigo,

10¡que moia a miña muller para outro

e se deiten os alleos con ela!

11Pois facer tal sería unha infamia

e un delito para levar ó xulgado,

12un lume que roe ata a perdición

e que había consumir todo o meu haber.

13Se neguei o dereito do meu servo

ou da miña criada ó rifaren comigo,

14¿que vou facer cando se erga Deus?

¿que lle hei responder cando me pregunte?

15Quen me fixo no ventre, ¿non o fixo tamén a el?

¿Non formou no seo a entrambos do mesmo xeito?

16Se lle neguei ó pobre o seu degoiro

e deixei que se consumisen os ollos das viúvas;

17se comín o meu pan gardándome dos outros

e o orfo non puido morder nel,

18‑por certo que desde a mocidade o criei coma un pai

e o conducín desde a miña infancia‑;

19se ollei alguén esmorecido sen roupa,

a algún pobriño sen cobertor,

20e non me bendiciron os seus lombos

cando os quecín coa lá dos meus cordeiros;

21se alcei a miña man contra un xusto

por ver amigos meus no tribunal,

22¡que das costas se esgace o meu ombreiro!,

¡que caia o brazo do meu cóbado!

23Pois había vir o terror de Deus sobre min,

e non resistiría a súa maxestade.

24Endexamais non puxen no ouro a esperanza

nin chamei ós lingotes: O meu creto.

25Non me alegrei por ter moita facenda

nin de que fose de peso o meu prestixio.

26Nunca fitei para o sol no seu cénit,

nin para a lúa cando camiña esplendorosa;

27non cedín á tentación de os adorar

botándolles bicos coa man.

28(Ese é tamén un crime procesable,

pois é renegar do Deus de arriba).

29Non gocei da desfeita dun inimigo,

nin relouquei cando o mal o alcanzou,

30e non deixei pecar a miña boca

pedindo contra el a maldición.

31Ben poden dicir os do meu campamento:

¿Onde hai un que non se fartase da súa carne?

32O forasteiro xamais pasou a noite fóra,

e ó camiñante abrinlle a miña porta.

33Non encubrín dos homes o meu erro

acochando no peto a miña culpa,

34por non lle ter medo ó xentío;

nin por temer a aldraxe do meu clan,

calei e non saín á porta.

35¡Quen me dera que me escoitase alguén!

¡Velaquí a miña sinatura! ¡Responda o Omnipotente!

¡Que o meu opoñente subscriba o documento!

36Abofé que habería de levalo no ombreiro

e cinguilo coma unha diadema,

37pois podo darlle conta de todos os meus pasos.

Entón achegaríame ata El coma un príncipe!

38Se a miña agra berra contra min

e se choran con ela os seus sucos,

39se consumín, sen pagar, o seu produto

tolléndolles o alento ós parceiros,

40¡que no sitio de trigo nazan toxos,

e no lugar da cebada crezan xestas!"

40cAquí rematan as razóns de Xob.

 

OS DISCURSOS DE ELIHU (32-37)

 

 

Prólogo narrativo

 

Capítulo 32

 

1Deixaron xa os tres homes de responder a Xob, coidando que era inocente. 2Pero encheuse entón de carraxe o Elihú, fillo de Baraquel o de Buz, do clan de Ram, alporizándose contra Xob, pola súa teima de levar a razón contra Deus. 3Deulle tamén a xenreira contra os tres amigos, pois

non atoparan resposta, deixando a Deus por culpado. 4Aturara Elihú a Xob mentres aqueles falaban, pois eran os seus maiores, 5mais ó se decatar que ningún deles tres daba contestación, acendeuse de ira 6e empezou o seu discurso Elihú, fillo de Baraquel o buzita, dicindo:

 

Introdución

 

‑"Eu son aínda novo e vós sodes anciáns,

por iso tiven reparo e medo de exporvos o meu saber.

7Pensei para min: Xa falarán os de idade;

os de moitos anos han mostrar a súa sabenza.

8Pero é un espírito no home,

un alento do Omnipotente, o que dá a intelixencia.

9Non fai sabio o ser vello

nin os anciáns cobran máis xuízo.

10Coido, logo, que tedes que escoitarme;

tamén eu hei expor o meu saber.

11Vede, eu agardei mentres falabades,

e ben atento estiven ás vosas razóns

mentres procurabades as verbas,

12e por máis que vos considerei,

ninguén de vós corrixiu a Xob refutando os seus ditos.

13E non me veñades dicindo: Nós temos a verdade;

a el xa o refugará Deus, e non un home.

14Aínda non discutiu comigo as súas razóns

nin vou eu responderlle coas vosas verbas.

15Achantaron eles sen engadiren ren;

Fuxíronlles as palabras.

16Pero ¿seica vou eu agardar cando eles xa non falan,

cando eles fican quedos sen replicar de novo?

17Voulle contestar da miña parte

e exporlle tamén eu o meu saber:

18que estou cheo de razóns

e a inspiración púxame por dentro.

19Velaquí o meu corazón: é coma viño pechado

que fai estoupar os foles novos:

20hei falar para me dar un respiro,

abrirei os meus labios coa resposta.

21Non me porei da parte de ningún

e a ninguén vou agasallar,

22pois non sei adular;

se tal fixese, léveme o creador.

 

Discurso primeiro

 

Capítulo 33

 

1Pois ben, escoita, Xob, as miñas razóns

atende os meus discursos.

2Fíxate, estou a abrir a miña boca,

o que vai dicir a lingua xa está no meu padal:

3sonche palabras sabias dun corazón sincero,

o que os meus labios falen será enxebre e verdade.

4Fíxome o alento de Deus

e deume vida o sopro do Omnipotente.

5Se é que podes, respóndeme;

prepárate, ponte de pé diante de min:

6Velaí, para Deus son eu tanto coma ti,

tamén eu fun formado da lama.

7Non te vou arrepiar co meu tremor,

non premerá sobre ti o meu peso,

8pero ti dixeches ante os meus oídos,

e eu percibín, este son das túas verbas:

9Estou limpo e sen delito,

son inocente e non teño pecado,

10mais El procura motivos contra min

e cóntame entre os seus inimigos,

11méteme os pés no cepo,

espía todos os meus vieiros.

12Niso non levas razóns: respóndoche eu,

que Deus é meirande có home.

13¿Como é que lle fas tal acusación:

non respondeu nin a unha das miñas razóns?

14Deus fala de xeitos moi diversos,

só que un non se decata.

15Nos soños, na visión nocturna,

cando cae o sopor sobre os homes

ó durmiren no seu leito,

16abre entón El os oídos humanos

e amedréntaos coa súa represión

17para afastalos dos seus feitos malos,

e preservalos da soberbia humana,

18aforrándolles que vaian dar na cova

e que as súas ánimas atravesen a Canle da morte.

19E tamén os corrixe coas dores no leito,

cunha agonía dos ósos, que non cesa;

20nos seus antollos o xantar dálles noxo,

a súa boca refuga as lambetadas;

21mírranselles as carnes ata desaparecer,

vénselles os ósos que antes non se vían;

22a alma achégaselles á cova,

a súa vida ós mensaxeiros da morte;

23mais se encontra algún anxo ó seu carón,

un mediador, un de entre os Mil,

dos que lle din ó home a súa obriga,

24terá piedade del e dirá:

déixao ceibe, e que non baixe á cova,

pois teño eu disposto o seu rescate.

25Daquela medrará en xuventude o seu corpo

e tornarase coma nos seus días mozos,

26cando lle rogue a Deus, halle ser propicio,

verá o seu rostro entre aturuxos,

mentres lle anuncia ó home a súa saúde.

27Cantará diante da xente e dirá:

É certo que pequei e torcín o dereito,

pero Deus non me deu o merecido;

28salvoume cando ía dar na cova,

e a miña vida viu a luz.

29Este é o xeito de como actúa Deus

unha e outra vez para co home,

30facéndolle saír a alma da tumba

e iluminándoo coa luz da vida.

31Atende, Xob, e escóitame,

fica calado mentres eu che falo;

32se tes algo que responder, dío,

pois gustaríame darche a razón.

33Pero se non tes, escóitame;

cala, e heiche ensinar sabedoría".

 

Discurso segundo

 

Capítulo 34

 

1Seguía falando Elihú e dixo:

2‑"¡Sabios, escoitade as miñas verbas,

dádeme oídos os que moito sabedes!

3Igual que a orella pode distinguir palabras

e o padal saborea o que come,

4podemos nós probar o que é dereito

recoñecer por nós o que sexa bo.

5Foi Xob mesmo quen dixo: Son inocente,

é Deus quen cambia o meu dereito;

6aínda que teño a razón, paso por trouleiro;

vou ferido de frecha sen culpa da miña parte.

7¿Que home hai coma Xob

que beba o escarnio coma auga,

8sempre de camiño para a xuntanza dos malfeitores,

sempre na rúa a carón dos malvados?

9Di para si: Non trae vantaxe ningunha

o darlle gusto a Deus.

10Por iso, vós, asisados, oíde:

lonxe de Deus o ser culpable,

lonxe do Omnipotente o obrar inxusto,

11xa que conforme fai o home así paga,

e segundo a súa conduta retribúeo.

12Abofé que Deus non pode obrar o mal

e que o Omnipotente non torcerá o dereito.

13¿Quen lle encomendou a El a terra

e quen lle decretou o cargo do universo?

14Con só que El decidise

retirar o seu espírito e o seu alento,

15afogarían todos os viventes

e o ser humano volvería ó po.

16Se tes entendemento, escoita isto,

presta atención ó son das miñas verbas:

17¿Podería gobernar quen refuga o dereito?

¿Condenarías ti a quen é xusto e poderoso?

18¿Chamarías ti badoco ó rei

e diríaslles ós nobres criminais?

19A El, que cos principais non ten favoritismo,

que non se pon da parte do podente contra o pobre,

pois todos eles son obra das súas mans.

20Morren de súpeto á media noite,

expiran os podentes e pasan;

o forte cede o posto sen que o toque ningunha man.

21Pois os seus ollos dexergan os vieiros humanos

albiscando todos os seus pasos;

22non hai sombra nin tebras

onde os malfeitores poidan acochar,

23xa que Deus non lle dá ó home un prazo

para vir onda El a xuízo.

24Desfai os violentos sen máis enquisas

e no seu posto dálles o cargo a outros,

25porque pescuda todos os seus feitos

trastornándoos de noite ata os esnaquizar;

26malla neles como se estivesen presos,

onde todos os vexan,

27por deixaren de seguilo

e por non matinaren nos seus camiños,

28facendo chegar a El os salaios dos pobres,

facéndolle escoitar os choros dos oprimidos.

29E se El fica inmóbil, ¿quen o moverá?

e cando esconde a face, ¿quen o contemplará,

a El que vela sobre as nacións e os homes

30para que non reine o inicuo

nin lle poña trampas ó pobo?

31¿Terá Deus que dicirche:

Errei, mais non tornarei facer o mal;

32non vin o que facía, ensíname ti;

e se obrei o mal, non o repetirei?

33¿Ha de retribuír El coma ti pensas cando condenas,

xa que es ti quen decide e non eu?

¡Fala, se tanto sabes!

34Mais homes asisados hanme responder

xunto cos sabios que me escoiten:

35Xob está a falar do que non sabe

e as súas razóns van sen xeito.

36Deberá ser probado Xob ata o remate

por contestar como fan os impíos,

37pois engade outra culpa ó seu pecado

e aínda fai festas diante de nós

multiplicando verbas contra Deus".

 

Discurso terceiro (33, 31-35 e 35, 2-16)

 

Capítulo 35

 

1Falou de novo Elihú:

2‑"¿Coidas que es xusto ó dicires:

Levo eu razón e non Deus?

3E engades: ¿Que proveito tiro eu?

¿En que me axuda o non ter pecado?

4Vouche responder eu coas miñas verbas,

e ós teus amigos tamén.

5¡Olla para o ceo e mira;

fita as nubes tan altas por riba de ti!

6Por máis que peques, ¿que mal lle vas causar a El?

Por moito que te rebeles, ¿que lle vas facer?

7Se es bo, ¿que é o que lle dás

ou que vai recibir da túa man?

8Se a alguén danas, é a un home coma ti;

e se fas xustiza, é a outro ser humano.

9Hai quen se laia das moitas opresións

e clama socorro ante a forza dos potentes;

10pero ninguén di: ¿Onde está o Deus que me creou,

o que repón as forzas pola noite,

11que nos dá leccións coas bestas da campía

e nos fai máis aleutos cós paxaros do ceo?

12Outros dan gritos, e ninguén responde

diante da soberbia dos malvados.

13Pero Deus non escoita a vaidade,

o Omnipotente non se dá por sabedor.

14Cando ti dis: Non me atende,

xa ten presente o caso: ¡Espera nel!

15Mais agora, como a súa ira non castiga

e non está El a coidar das transgresións,

16Xob enche a boca con tolemias

e amorea as súas verbas sen siso".