Capítulos 1-5

PRÓLOGO

 

Presentación de Xob

 

Capítulo 1

 

1Houbo unha vez un home na terra de Us, que se chamaba Xob. Era o tal un home íntegro e xusto, que temía a Deus e se arredaba do mal.

2Nacéranlle sete fillos e tres fillas.

3Compúñase a súa habenza de sete mil ovellas, tres mil camelos, cincocentas xugadas de bois, cincocentas burras, e servos numerosos. Aquel home era o máis rico dos orientais.

4Tiñan os fillos costume de facer cadanseu banquete nas súas casas, en cadanseu día; e mandaban convite ás tres irmás para comeren e beberen xuntos. 5O remate deses días de festa facíaos vir Xob para purificalos; erguíase de mañá e ofrendaba holocaustos por todos eles, pois dicía para si: ‑"¿E quen sabe se non terán pecado estes meus fillos, renegando de Deus nas súas conciencias?" E deste xeito obraba sempre.

 

Primeira disputa no ceo

 

6Aconteceu, pois, un día que, ó viren os anxos render acatamento diante de Iavé, achegouse tamén con eles Satán.

7E preguntoulle Iavé a Satán: ‑"¿De onde chegas?" Respondeulle Satán a Iavé: ‑"De dar unha volta pola terra".

8Díxolle Iavé a Satán: ‑"¿Xa reparaches no meu servo Xob? Home coma el non o hai no mundo, íntegro e xusto, temeroso de Deus e arredado do mal".

9Respondeu Satán a Iavé: ‑"¡Seica Xob teme a Deus de balde!

10¿Non será que o tes ti ben cinguido cun valado, el, o seu lar, e canto posúe, e que bendiciches canto fai, e que o seu gando se espalla por toda a campía? 11¡Pero ponlle a man enriba e tócalle no que posúe, e has ver se non te maldí na cara!"  12Díxolle Iavé a Satán: ‑"Ben: fai o que queiras coas súas cousas; soamente non poñas a man nel". Entón saíu Satán de diante de Iavé.

 

Primeira proba

 

13E aconteceu no día en que estaban a xantar e beber viño os seus fillos e fillas no pazo de seu irmán o vinculeiro, 14cando chegou a Xob un criado dicindo: ‑"Estaban os bois arando e as burras a carón pacendo 15e caeu sobre eles unha banda de xabeos que roubaron, despois de pasaren polo ferro ós mozos. Salveime só eu para cho contar".

16Aínda non rematara este de falar cando chegou outro a dicir: ‑"Caeu un lóstrego do ceo, e consumiu ovellas e pastores. Salveime só eu para cho contar".

17Aínda non rematara este de falar cando chegou outro a dicir: ‑"Os caldeos, formados en tres bandas, botáronse contra os camelos e leváronos, despois de pasaren polo ferro ós mozos. Salveime só eu para cho contar".

18Aínda non rematara este de falar cando chegou outro a dicir: ‑"Estaban os teus fillos e fillas a xantar e beber viño no pazo de seu irmán o vinculeiro, 19cando velaquí que xurdiu un furacán de máis alá da estepa, e deu polos catro cantos na casa, que caeu sobre os rapaces, e matounos. Salveime só eu para cho contar".

20Daquela ergueuse Xob, rachou o manto, rapou a cabeza, e botándose por terra, prosternouse dicindo:

21‑"¡Espido saín do seo da miña nai

e espido a el hei de tornar.

Iavé deu, Iavé quitou:

bendito sexa o nome de Iavé!"

22Con todo, non pecou Xob botando protestas contra Deus.

 

Segunda disputa no ceo

 

Capítulo 2

 

1Foron outro día os anxos presentarse diante de Iavé; chegou con eles tamén Satán e rendeulle acatamento.

2Preguntoulle Iavé a Satán: ‑"¿De onde chegas?"

Respondeulle el: ‑"De dar unha volta pola terra".

3Díxolle Iavé a Satán: ‑"¿E reparaches no meu servo Xob? Home coma el non o hai no mundo, íntegro e xusto, temeroso de Deus e arredado do mal; e aínda se mantén na súa honradez, por máis que ti me teñas aburrido contra el para que o acabe sen motivo".

4Respondeulle Satán a Iavé: ‑"¡A pel pola pel! Por salvar a vida dá o home todo canto ten. 5Mais ponlle a man enriba e máncao nos ósos e na carne, e xa habías ver se non te maldí na cara!"

6Díxolle Iavé a Satán: ‑"¡Aí o tes! Fai o que queiras con el, pero respéctalle a vida!"

 

Segunda proba

 

7Foise o Satán da presenza de Iavé, e feriu a Xob cunha mala praga desde a planta do pé ata a coroa da cabeza.

8Collendo unha tella estábase Xob rañando, sentado no medio dunha esterqueira. 9Díxolle a súa muller: ‑"¿E aínda te mantés na túa honradez? ¡Maldice a Deus, e morre!"

10Pero el contestoulle:

‑"¡Falas coma unha tola!

Se o bo o aceptamos como de Deus,

¿non habemos recibir tamén o mal?"

E a pesares de todo isto, non pecou Xob cos seus labios.

 

A chegada dos amigos

 

11Souberon tres dos amigos de Xob da desgraza que lle viñera enriba, e saíndo cadaquén do seu lugar ‑Elifaz o de Temán, Bildad o de Xuh e Sofar de Namat‑ concertaron de chegar xuntos para lle daren o pésame e consolalo. 12O ergueren os ollos desde lonxe e non recoñecelo, deron en chorar botando grandes laios; racharon os mantos e espallaron po por riba das cabezas e cara ó ceo.

13Despois sentáronse no chan ó seu carón sete días e sete noites, sen falarlle nin palabra, pois vían canto tiña de atroz a súa dor.

 

 

A DISPUTA COS AMIGOS (3-27; 29-31)

 

Maldición do nacemento

 

Capítulo 3

 

1Tras estes feitos abriu Xob a boca, maldicindo o seu día, 2deste xeito:

3‑"¡Pereza o día en que nacín

e a noite que dixo: concibiuse un varón!

4¡Que aquel día se troque en tebra!

¡Non leve conta del Deus desde enriba

nin lle resplandeza a luz da alborada!

5¡Que o reclamen para si sombras de morte,

que pouse enriba del o nubeiro

e que o enchan de medo coas eclipses!

6¡Que a noite aquela a leve a escuridade,

e non a sumen nos días do ano,

nin entre na conta dos meses!

7¡Que unha tal noite fique estéril!

¡Non haxa nela canto de ledicia!

8¡Que a reneguen os que maldín o mar

e os prácticos en esconxurar o Leviatán!

9¡Que se lle enfusquen os luceiros do amencer,

que agarde polo sol e non lle saia,

e que non vexa as pálpebras do abrente!

10Pois non pechou as portas do ventre

nin dos meus ollos afastou a coita.

 

Nacer morto

 

11¿Por que non morrín eu fóra do seo,

ó saír do útero non expirei?

12¿Por que me atoparon uns xeonllos

e por que houbo peitos dos que mamase?

13Pois agora durmindo descansaría

e no meu sono xa tería acougo,

14xunto cos reis e ministros do país

que se constrúen mausoleos

15ou cos príncipes que recadan ouro,

e encheron de prata os seus pazos.

16Ou ben xa coma o aborto non vivise,

coma os meniños que non ollan a luz.

17Alí remata o rebulir dos impíos

e repousan tamén os esgotados.

18Xunto con eles os encadeados cobran folgos,

xa non senten os berros do capataz.

19O pequeno e o grande alí son un,

e o escravo fica ceibe do seu dono.

 

O cerco de Deus

 

20¿Por que lle deron ó coitado a luz

e a vida ó corazón amargado,

21ós que arelan a morte e non lles vén,

que sachan por ela coma por un tesouro;

22ós que se alegran coa cova

e reloucan ó atoparen unha tumba;

23ó home a quen lle choen o vieiro

e arredor del é Deus quen fai o valo?

24Pois en vez do meu pan veñen salaios

e os meus saloucos flúen coma auga.

25O que máis eu temía veume enriba

e o que máis me angustiaba, iso atopoume.

26Non teño xa sosego nin acougo;

non teño paz; ¡asoballoume o asaño!"

 

 

CICLO DA PRIMEIRA DISPUTA (4-14)

 

Elifaz  (4-5)

 

Capítulo 4

 

1Respondeu Elifaz o temanita:

2‑"Se un se atreve a falarche, ¿aturaríalo?

¡Mais quen pode xa frear as palabras!

3Velaí, ti que ensinaches a moitos

e reforzaches tantos brazos febles,

4que erguiches coas túas palabras ós caídos,

e sostiñas os xeonllos que amolecían,

5cando che chega a ti, xa non o sofres;

tócache a ti, e túrbaste.

6¿Non é entón a piedade a túa fianza

e a túa esperanza o teu vivir honrado?

7Fai memoria: ¿quen sendo inocente morreu?

¿Onde se viu que perecesen os xustos?

8O que eu vexo é que os que labran malicias

e os que sementan coitas, tamén as collen:

9co sopro de Deus logo esmorecen,

coa treboada da súa ira consómense.

10Urra o león e brada a cría,

os dentes dos cachorros son quebrados.

11Morre o león sen atopar presa

e esparéxense as crías da leoa.

12Chegoume ás agachadas unha verba,

percibiu o meu oído o seu murmurio,

13nun pesadelo, nas visións noitébregas,

cando cae o sopor sobre os homes.

14Achegáronseme o pavor e o temor,

treméronme de medo os ósos todos.

15Un espírito pasou diante de min;

arrepiáronseme na pel os pelos.

16Estaba alí ‑eu non o coñecía‑

unha figura diante dos meus ollos;

fíxose a calma; entón oín a voz:

17¿Terá un home máis razón ca Deus?

¿Será máis puro o humano ca quen o fixo?

18Se aínda dos seus servos El non fía

e atopa erros mesmo nos seus anxos,

19¡canto máis nos que moran en casopas de lama

e que teñen no po os seus fundamentos,

que se poden esmagar coma a traza!

20Entre a mañá e a noite esmáganos,

morren para sempre sen se decataren;

21Arríncanlles tamén as cordas da tenda;

¡perecen sen saberen como!

 

Capítulo 5

 

1¡Chama a ver quen che responde!

¿A que santo te vas ofrecer?

2Pois é a carraxe a que mata ó tolo

e a envexa a que dá morte ó parvo.

3Vin eu un tolo botar raigañas,

pero de súpeto podreceulle o casal;

4os seus fillos non teñen axuda:

asobállanos no tribunal da porta

sen ninguén que os defenda;

5un famento calquera cómelles a colleita

roubándollela por entre os toxos,

e os sedentos zúganlles os seus bens.

6Pois non agroma de entre o po a maldade

nin é que a desgraza xermole da terra;

7máis ben é o home quen nace para a desgraza,

como reloucan as faíscas no aire.

8Eu no teu lugar rogaríalle a Deus,

poría a miña causa nas súas mans.

9El é quen fai o grande, o insondable,

el fai milagres sen conta;

10quen bota a chuvia sobre a face da terra

e envía as augas sobre os terróns;

11pon no alto ós humildes

e os tristes achan nel o seu acougo.

12El desfai as matinacións dos arteiros

para que as súas obras non logren o éxito.

13El enreda os sabidos nas súas artes

precipitando os plans dos falsarios:

14é polo día, e van dar nas tebras;

é mediodía, e apalpan coma á noite.

15El salva ó pobre dos labios coma espadas,

e da man do poderoso.

16O coitado gaña nova esperanza

e tápaselle a boca á iniquidade.

17¡Benia o home a quen Deus corrixe:

non rexeites a proba do Omnipotente!

18Porque se el fere, tamén pon a venda;

se che dá un golpe, a súa man sándao.

19Hate librar de seis calamidades

e na sétima o mal xa non te atinxe;

20nunha gran fame céibate da morte

e na guerra, do fío das espadas;

21do azoute da lingua haste reparar,

non terás medo ó estrago, se é que chega;

22rirás do estrago e mais da fame,

non temerás as feras da campía;

23terás concerto cos espíritos das agras

e paz coas feras da fraga;

24saberás o que é paz na túa tenda;

percorrerás os eidos sen botares cousa en falta;

25ollarás como medra a túa familia,

será a túa proxenie coma o grelar das leiras;

26e baixarás rufo á cova na vellez,

cal van dar no celeiro os monllos ó seu tempo.

27Isto é así, que o temos pescudado;

xa o escoitaches: agora dálle voltas".