Capítulos 96-100
SALMO 96 (95)
Rexerá con xustiza
1Cantádelle ó Señor un cántico novo,
cántalle ó Señor, terra enteira;
2cantade ó Señor e bendicide o seu nome,
pregoade todos os días a súa salvación;
3cantade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.
4Grande é o Señor e digno de loanza,
máis temible ca todos os deuses.
5Os deuses das nacións son aparencia,
pero o Señor fixo os ceos.
6Na súa presenza, gloria e maxestade;
no seu santuario, forza e fermosura.
7Tributade ó Señor, pobos todos,
tributade ó Señor honor e forza,
8tributade ó Señor a gloria do seu nome.
Collede ofrendas, entrade nos seus adros,
9adorade o Señor con vestido sagrado,
treme na súa presenza a terra enteira.
10Dicide entre as xentes:
‑"O Señor reina,
asenta o mundo, e non se move,
goberna os pobos rectamente".
11Alégrese o ceo, exulte a terra,
brúe o mar e canto o enche;
12rían os campos e o que hai neles,
rebrinquen as árbores do bosque,
13diante do Señor que vén,
que vén para rexer a terra.
El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.
SALMO 97 (96)
Dono do mundo
1O Señor reina, alégrese a terra,
exulten todas as illas.
2Rodéano nubes e néboa,
xustiza e rectitude sosteñen o seu trono.
3Un lume vai diante del
e queima os inimigos ó arredor.
4Os seus lóstregos aluman os espazos,
e, ó velo, estarrécese a terra,
5os montes derrétense coma cera,
diante do Señor, dono do mundo.
6Os ceos pregoan a súa rectitude
e todos os pobos contemplan a súa gloria.
7Avergónzanse os que adoran imaxes
e os que presumen dos seus ídolos:
diante del axeónllanse os deuses.
8O escoitalo, alégrase Sión,
reloucan as vilas de Xudá,
polas túas decisións, Señor.
9Ti, Señor, es o soberano de toda a terra,
no cumio de todos os deuses.
10O Señor ama a quen aborrece a maldade,
garda a vida dos seus amigos,
líbraos das mans dos malvados.
11A luz despunta para os xustos
e para os rectos a ledicia.
12Alegrádevos, xustos, no Señor,
loade o seu nome santo.
SALMO 98 (97)
Aclamade ó Señor rei
1Salmo.
Cantádelle ó Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas,
a súa dereita e o seu brazo
déronlle a vitoria.
2O Señor dá a coñecer a súa salvación,
revela a súa xustiza ante os pobos.
3Lembra o seu amor e a súa fidelidade
coa casa de Israel.
Os pobos todos verán
a salvación do noso Deus.
4Aclama ó Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.
5Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e o salterio;
6con claríns e con trompetas
aclamade ó Señor, noso rei.
7Brúe o mar e canto o enche,
o mundo e cantos o habitan;
8aplaudan os ríos,
xuntos canten os montes,
9diante do Señor que vén
para rexer a terra.
El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.
SALMO 99 (98)
Santo é o Señor
1O Señor reina, conmóvense os pobos,
senta sobre querubíns, estremécese a terra.
2O Señor é grande en Sión,
no cumio de todos os pobos.
3Festexan o teu nome grande e terrible,
rei poderoso, que ama a xustiza.
4Ti asentas o xuízo no dereito
e fas xustiza en Israel.
5Enxalzade ó Señor, noso Deus,
prostrádevos ós seus pés,
pois santo é o Señor.
6Moisés e Aharón cos sacerdotes,
Samuel cos que invocaban o seu nome:
invocaban ó Señor, e o Señor respondía.
7Deus faloulles desde a nube,
e eles gardaron as revelacións,
os preceptos que lles deu.
8Señor, noso Deus, ti escoitáchelos:
fuches para eles o Deus que perdoa
e que vinga os delitos.
9Enxalzade ó Señor, noso Deus,
prostrádevos ante o seu monte santo,
pois santo é o Señor, noso Deus.
SALMO 100 (99)
Con loanzas e cántigas
1Salmo, para dar grazas.
Aclama ó Señor, terra enteira,
2servide o Señor con alegría,
achegádevos con cántigas á súa presenza.
3Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que del somos,
o seu pobo, o seu rabaño.
4Entrade polas súas portas con loanzas:
polos seus adros con cántigas.
Celebrádeo e bendicide o seu nome,
5porque o Señor é bo.
O seu amor dura por sempre;
por xeracións a súa fidelidade.