Capítulos 66-70

SALMO 66 (65)

Aclama a Deus, terra enteira

 

1Do mestre do coro, cántiga, salmo.

 

Aclama a Deus, terra enteira,

2canta a gloria do seu nome;

réndelle o honor da loanza,

3dille: ¡Que sorprendentes son as túas obras!

polo teu moito poder

adúlante os teus inimigos,

4póstrase a terra toda ante ti

e canta salmos ó teu nome.

 

5Vinde e vede as obras do Señor,

os seus sorprendentes feitos entre os homes.

6El mudou o mar en terra seca

e pasaron o río a pé:

felicitémonos por iso.

7Co seu poder domina o mundo,

cos seus ollos observa as xentes:

que non ensoberbezan os rebeldes.

 

8Bendicide, nacións, o noso Deus,

facede resoar a súa loanza:

9El salva as nosas vidas

e non deixa cambalear os nosos pés.

 

10Mais ti, Deus, puxéchesnos á proba,

refináchesnos como a prata no crisol,

11fixéchesnos caer na trampa,

puxéchesnos ó lombo unha carga.

12Deixaches pasar as xentes

por riba das nosas cabezas;

pasamos por lume e auga,

pero logo déchesnos respiro.

 

13Eu irei á túa casa con ofrendas,

cumprireiche os votos

14que pronunciaron os meus labios,

que prometeu a miña boca na aflición.

15Ofrecereiche sacrificios de grosos animais,

fume recendente de carneiros,

inmolareiche bois e cabritos.

 

16Vide os que temedes o Señor,

e contareivos o que El fixo por min.

17Chameino coa miña boca

e loeino coa miña lingua.

18Se eu tivese maldade no corazón,

non me escoitaría o Señor.

19Pero Deus escoitoume,

atendeu a miña súplica.

 

20Bendito sexa Deus,

que non desbotou a miña súplica

nin afastou de min o seu amor.

 

 

SALMO 67 (66)

Lóente os pobos todos

 

1Do mestre do coro, con instrumentos de corda. Salmo, cántiga.

 

2Deus se apiade de nós e nos bendiga,

amósenos a luz da súa presenza.

3Que se coñezan na terra os seus camiños

e en todos os pobos a súa salvación.

 

4Lóente, Deus, os pobos,

lóente os pobos todos.

 

5Alégrense e canten as nacións,

porque ti gobernas os pobos rectamente

e guías na terra as nacións.

 

6Lóente, Deus, os pobos,

lóente os pobos todos.

 

7O agro dá os seus froitos,

bendinos o noso Deus.

8Que Deus nos bendiga e que o teman

os confíns todos do mundo.

 

SALMO 68 (67)

Desde o Sinaí ó santuario

 

1Do mestre do coro. Salmo de David,  cántiga.

 

2Érguese Deus e dispérsanse os seus inimigos,

foxen da súa presenza os adversarios.

3Disípanse coma fume que esvaece,

coma cera que co lume derrete.

Así perecen diante de Deus os malvados,

4pero os xustos alégranse, exultan na súa presenza,

reloucan de contento.

 

5Loade o Señor, cantade o seu nome,

abride camiño ó que cabalga polas gándaras.

Chámase Señor: exultade diante del.

6Os orfos teñen un pai, as viúvas un vingador:

Deus na súa morada santa.

7Deus dálles fogar ós solitarios,

libra os presos e enriquéceos,

mentres os rebeldes quedan en terra reseca.

 

8Cando saías, Deus, á fronte do teu pobo

e avanzabas polo deserto,

9a terra tremeu e os ceos destilaron,

diante do Deus do Sinaí,

diante do Deus de Israel.

10Vertiches, Deus, chuvia xenerosa,

fortaleciches a herdade extenuada.

11O teu rabaño apousentou no lugar

que ti, Deus, dispuxeras na túa bondade para os pobres.

 

12O Señor dá a palabra

e miles de mensaxeiros pregoan a boa nova.

13Foxen os xefes do exército, foxen;

e mentres vós descansades nos pasteiros,

as mulleres da casa reparten o botín:

14pombas de ás de prata,

plumas de ouro brillante.

15Mentres o Todopoderoso dispersa alí ós reis,

cae a neve no Salmón.

 

16Montañas altas, montañas de Baxán,

montañas esgrevias, montañas de Baxán,

17¿por que, montañas esgrevias, ollades con envexa

o monte que Deus elixiu para a súa morada?

¡O Señor habitará por sempre nel!

18Os carros de Deus son miles de milleiros,

o Señor vén neles do Sinaí ó santuario.

19Subiches á altura e levaches cativos,

colliches tributo en homes, tamén homes rebeldes,

para a túa morada, Señor Deus.

 

20Bendito sexa o Señor, cada día:

Deus, o noso salvador, coida de nós,

21Deus é para nós un Deus que salva,

no Señor Deus temos escape da morte.

22Deus esmagalles a cabeza ós inimigos,

o cranio ós que camiñan na maldade.

23O Señor di: ‑"Traereinos de Baxán,

traereinos do profundo do mar,

24para que tingas os pes no sangue do inimigo,

e a lingua dos teus cans teña tamén a súa parte".

 

25Vense, Deus, ás túas procesións,

as procesións do meu Deus, do meu rei, no santuario.

26Diante van os cantores,

detrás os que tocan as arpas,

no medio as doncelas, tocando pandeiros.

27Bendicide a Deus en coros,

ó Señor desde a orixe de Israel.

28Alí dirixe Benxamín, o máis novo,

os xefes de Xudá coas súas tropas,

os xefes de Zebulón e de Naftalí.

 

29Desprega, Deus, o teu poder,

o poder que despregas por nós,

30e ó teu templo de Xerusalén

traeranche presentes os reis.

31Ameaza á fera do canaval,

á tropa de touros e xovencos das nacións.

Que se sometan, pagándoche tributo,

dispersa os pobos guerreiros.

32Que veñan os magnates de Exipto

e que Etiopía estenda cara a Deus as súas mans.

 

33Loade a Deus, reinos da terra,

cantade salmos ó Señor,

34o que cabalga polos ceos, polos ceos antigos,

o que lanza a súa voz, a súa voz potente.

35Recoñecédelle a Deus o poder

a súa maxestade brilla en Israel,

e sobre as nubes o seu poder.

36Desde o seu santuario Deus móstrase terrible:

o Deus de Israel

é quen lle dá forza e vigor ó seu pobo.

¡Bendito sexa Deus!

 

SALMO 69 (68)

Pobre e enfermo

 

1Do mestre do coro, con cítolas de Xuxán. De David.

2Sálvame, Deus,

que me chegan as augas ó pescozo;

3que me estou afogando nunha lama profunda,

sen poder facer pé;

que me estou mergullando no abismo das augas,

envolto polas correntes.

 

4Estou esgotado de berrar,

a miña gorxa está rouca;

os meus ollos anúbranse

agardando ó meu Deus.

 

5Son máis cós meus cabelos

os que me aborrecen sen razón,

máis duros cós meus ósos

os que inxustamente me perseguen;

debo devolver o que nunca roubei.

 

6Ti, Deus, coñeces a miña ignorancia,

os meus delitos non se che esconden.

7Que en min non se defrauden os que esperan en ti,

Señor, Señor dos exércitos;

non se avergoncen por min os que te buscan,

Deus de Israel.

 

8Por ti aturo eu afrontas

e cóbreme a cara a vergonza.

9Volvinme estraño para meus irmáns,

alleo ós fillos da miña nai.

10Consómeme o celo da túa casa

e as aldraxes dos que te aldraxan

caen enriba de min.

 

11Se me aflixo co xaxún,

fan escarnio de min;

12se me visto de saco,

vólvome o conto de todos:

13sentados á porta murmuran contra min

e sácanme coplas, mentres beben.

 

14Mais eu, Señor, suplico cara a ti,

na hora, meu Deus, do teu favor.

Pola túa moita bondade,

respóndeme, pois ti es o socorro verdadeiro.

 

15Sácame da lama e que non afogue,

líbrame dos que me aborrecen

e das augas sen fondo.

16Non me envolvan as correntes,

non me engula o remuíño

e non peche o pozo a boca sobre min.

 

17Respóndeme, Señor, conforme ó teu amor,

pola túa misericordia, vólvete a min.

18Non escondas a túa cara ó teu servo;

estou no apuro; respóndeme axiña;

19achégate a min, rescátame,

líbrame dos meus inimigos.

 

20Ti coñeces a miña afronta,

a miña aldraxe, o meu oprobio;

á túa vista están os que me asoballan.

21A afronta québrame o corazón, e desfalezo,

agardo compaixón, e non a hai;

quen me console, e non o atopo.

22Na comida bótanme fel

e para a sede danme vinagre.

 

23Que se lles converta en lazo a súa mesa

e os seus banquetes nunha trampa;

24que se lles anubren os ollos e non vexan

e que lles treman os lombos.

25Verte a túa ira sobre eles,

e que o teu noxo os atrape.

 

26Que os seus campamentos sexan arrasados

e que non haxa habitantes nas súas tendas.

27Xa que abouxan a quen ti feriches

e contan as chagas da túa vítima,

28engádelles culpas sobre culpas

e non teñan acceso á túa xustificación.

29Sexan borrados do libro dos vivos

e non sexan inscritos entre os xustos.

 

30Mais a min, pobre e doente,

érgueme, Deus, co teu socorro.

31Loarei a Deus con cantos,

gabareino con acción de grazas.

32Praceralle ó Señor máis ca un touro,

ca un xovenco de cornos e de unllas.

 

33Olládeo, humildes, e alegrádevos,

avivecede o corazón os que buscades o Señor,

34pois o Señor escoita ós humildes,

non despreza ós seus na cadea.

 

35Lóente o ceo e mais a terra.

36Abofé, salvará Deus a Sión:

recomporá as vilas de Xudá,

haberá quen as herde e as habite.

37Herdaranas os fillos dos seus servos,

habitaranas os que aman o seu nome.

 

SALMO 70 (69)

Ven axiña

1Do mestre do coro. De David, en lembranza.

2Corre, Deus, para librarme,

dáte présa, Señor, en socorrerme.

 

3Que se vexan confusos, cubertos de vergonza,

os que buscan a miña morte;

recúen avergonzados

os que queren o meu mal;

4volten atrás deshonrados

os que se alegran da miña ruína.

 

5Relouquen e alégrense contigo

todos os que te buscan.

Poidan sempre dicir: ‑"Deus é grande",

os que aman a túa salvación.

 

6Eu son pobre e humilde:

ven axiña, Deus, a min.

Ti es a miña axuda, o meu refuxio:

non me tardes, Señor.