Capítulos 6-10

SALMO 6

Doente de corpo e alma

 

1Do mestre do coro, con instrumentos de corda, co octacordio. Salmo de David.

 

2Señor, non me reprendas con ira

nin me corrixas con asaño.

3Apiádate, Señor, que estou esmorecido,

sándame, Señor, que tremen os meus ósos.

4A miña alma treme,

e ti, Señor, ¿a que esperas?

 

5Volve, Señor, sálvame a vida,

líbrame, pola túa misericordia.

6Non hai entre os mortos quen te lembre,

e no abismo ¿quen te loa?

 

7Estou esgotado de tanto xemer:

de noite rego cos choros o meu leito

e mollo de bágoas a miña cama.

8Os meus ollos están anubrados coa dor,

avellados, por culpa dos opresores.

 

9Arredádevos de min os malfeitores,

pois o Señor escoita o meu salouco;

10o Señor escoita a miña súplica,

acolle a miña oración.

11Avergonzaranse e tremerán os meus inimigos,

nun instante volverán avergonzados.

 

 

SALMO 7

Haberá xustiza para o oprimido

 

1Lamentación, de David. Cando lle cantou ó Señor, polo de Cux o benxaminita.

 

2Señor, meu Deus, en ti acóllome;

líbrame dos meus perseguidores, sálvame,

3non me atrapen coma leóns:

esnaquizan e non hai quen se salve.

 

4Señor, meu Deus, se fixen isto,

se nas miñas mans hai maldade,

5se lle correspondín mal ó amigo,

deixando escapar o inxusto opresor,

6que o inimigo me persiga e me aprese,

que me esmague vivo contra o chan

e bote por terra o meu honor.

 

7Érguete, Señor, na túa ira,

imponte á rabia do opresor,

sae por min, ti que chamas a xuízo.

8Que te rodee a asemblea das nacións,

e ti pon o asento enriba dela.

9O Señor xulga os pobos:

xúlgame, Señor, conforme á miña xustiza,

ten en conta a miña inocencia.

10Que se acabe a maldade dos impíos,

e confirma ós inocentes,

ti, que sondas o corazón e as entrañas,

ti, que es o Deus xusto.

 

11Deus é o meu escudo,

el salva ós que son rectos.

12Deus é un xuíz xusto,

un Deus que ameaza cada día.

13Se non se converten, afía a espada,

tensa o arco e apunta;

14prepara armas de morte,

tira frechas acesas.

 

15Quen concibe a maldade

está preñado de malicia e dá a luz o engano.

16Cava unha cova e afóndaa,

e cae el mesmo na cova que fixo.

17A súa maldade recae na súa cabeza,

sobre a propia testa volva a súa violencia.

 

18Loarei ó Señor pola súa xustiza,

cantarei o nome do Altísimo.

 

SALMO 8

Canto ó creador do home

 

1Do mestre do coro, coa cítara de Gat. Salmo de David.

 

2Señor, noso Señor,

¡que grande é o teu nome en toda a terra!

A túa maxestade érguese por enriba do ceo.

3Na boca de nenos de peito fundas a túa fortaleza

contra os teus adversarios,

para faceres calar a inimigos e rebeldes.

 

4Cando vexo o ceo, feitura da túa man,

a lúa e as estrelas que fixaches alí,

5¿que é o home, para que o lembres,

o fillo do home, para que del te ocupes?

 

6Por pouco non o fixeches coma os anxos,

coroáchelo de honor e dignidade;

7décheslle mando sobre as obras das túas mans,

puxéchelo todo ós seus pés:

8rabaños de ovellas e touros,

e mesmo as bestas do monte,

9os paxaros do ceo e os peixes do mar,

que fan carreiros polas augas.

 

10Señor, noso Señor,

¡que grande é o teu nome en toda a terra!

 

SALMO 9

Grazas a Deus que xulga os pobos

 

1Do mestre do coro, segundo "A morte do fillo". Salmo de David.

 

2Douche grazas, Señor, de todo corazón,

proclamo as túas marabillas.

3Alégrome, relouco contigo

e canto o teu nome, Altísimo.

 

4Os meus inimigos retroceden,

caen e perecen ante ti,

5pois ti defendes a miña causa, o meu dereito,

sentado, xusto xuíz, no tribunal.

 

6Ti reprendes as xentes, destrúes os malvados

e borras para sempre os seus nomes.

7Os inimigos acaban en ruína eterna:

ti arrasas as súas cidades,

pérdese a súa memoria.

 

8O Señor aséntase firme,

prepara a sede para xulgar.

9El xulgará o mundo con xustiza,

rexerá as nacións con equidade.

 

10O Señor é abeiro dos oprimidos,

o seu abeiro no tempo da angustia.

11En ti confían os que coñecen o teu nome,

porque ti non abandonas os que te buscan, Señor.

 

12Cantádelle ó Señor que mora en Sión,

anunciádelles ós pobos as súas obras.

13El vinga o crime, lévao en conta,

non lle esquece o grito dos pobres.

 

14Ten dó de min, Señor,

olla cómo me aflixe o inimigo.

Tírame ti da man da morte,

15para que poida cantar as túas loanzas

ás portas de Sión,

e celebrar xubiloso o teu socorro.

 

16Os xentís afondarán na cova que cavaron,

na rede que tenderon quedará preso o seu pé.

17O Señor maniféstase para facer a xustiza;

os malvados caen na propia trapela.

18Voltan ó abismo os malvados

e as xentes todas que se esquecen de Deus;

19mais o pobre non será esquecido eternamente,

non finará para sempre a esperanza do humilde.

 

20Érguete, Señor, que non triúnfe o home,

sexan xulgadas as xentes ante ti.

21Ponlles medo, Señor:

aprendan as xentes que nada máis son homes.

 

SALMO 10 (9)

A fachenda dos malfeitores

 

1¿Por que, Señor, quedas lonxe,

escóndeste na hora do apuro?

2Mentres os malvados triúnfan,

son asoballados os pobres,

collidos nas insidias que lles traman.

 

3O malvado gloríase da súa mesma cobiza,

o avarento blasfema e despreza ó Señor.

4Di o malvado, na súa insolencia:

‑"Deus non pide contas; non está":

iso é todo o que pensa.

 

5Os seus camiños prosperan,

o teu xuízo queda lonxe da súa mente,

búrlase dos seus adversarios.

6Pensa para si: ‑"Non caerei,

nunca na vida non terei unha desgraza".

 

7Ten a boca chea de maldición,

de inxurias e de fraude;

a súa lingua encobre insidia e maldade.

8Senta ó axexo nos currais

para matar ás agachadas ó inocente.

 

Cos ollos esculca os desvalidos,

9axexa nos recantos, coma león no tobo,

axexa ós pobres, para os roubar,

rouba a quen pilla na súa rede.

10Agáchase, encóllese,

e cae con todo o peso sobre os inocentes.

11Pensa para si: ‑"Deus esquécese,

ten a cara tapada e non ve".

 

12Érguete, Señor; levanta, Deus, a túa man,

non te esquezas dos pobres.

13¿Por que ten que desprezar a Deus o malvado

e matinar para si: ‑"Non pide contas"?

14Ti mesmo podes ver os traballos e as penas,

fixarte e collelos na túa man.

A ti encoméndase o desvalido,

ó orfo es ti quen o axuda.

15Rompe o brazo do impío,

pídelle contas da maldade,

fai que desapareza.

 

16O Señor reinará para sempre,

e acabaranse os xentís na súa terra.

17Ti acolles, Señor, o desexo dos pobres:

confórtaos e aténdeos;

18defende o dereito do orfo e do oprimido,

e que ningún mortal exerza máis a insolencia.