Capítulos 56-60

SALMO 56 (55)

Do meu peregrinar ti levas conta

 

1Do mestre do coro, segundo Ionat élem rehoquim.  Poema de David.

Cando os filisteos o tiñan preso en Gat.

 

2Apiádate, Deus, de min, que me asoballan,

que me atacan e me oprimen todo o día;

3asobállanme o día enteiro os inimigos,

son moitos os que me atacan.

 

4Cando o terror me colle,

eu confío en ti.

 

5En Deus, de quen celebro a promesa,

en Deus confío e non temo,

¿que poden facerme os homes?

 

6Aflíxenme o día enteiro,

os seus proxectos son todos para mal.

7Póñense ó axexo,

esculcan os meus pasos,

en busca da miña vida.

8¿Escaparán á súa maldade?

Abate, Deus, os pobos con asaño.

 

9Do meu peregrinar ti levas conta:

recolle as miñas bágoas no teu odre,

¿Non están xa no teu libro?

10Os meus inimigos recuarán

o día en que eu te chame:

eu ben sei que Deus está por min.

 

11En Deus, de quen celebro a promesa,

no Señor, de quen celebro a palabra,

12en Deus confío e non temo,

¿que poden facerme os homes?

 

13Quero pagar, Deus, os votos que che fixen,

eu cumprirei a acción de grazas.

14Ti libras da morte a miña vida,

os meus pés dos tropezos,

e podo camiñar na túa presenza

á luz dos que están vivos.

 

SALMO 57 (56)

Namentres pasa a aflición

 

1Do mestre do coro, segundo "Non destrúas". Poema de David.

Na caverna, fuxindo de Xaúl

 

2Apiádate, Deus, apiádate de min,

pois en ti busco agarimo;

busco agarimo á sombra das túas ás,

namentres pasa a aflición.

3Eu invoco ó Deus Altísimo,

o Deus que cumpre comigo.

4Desde o ceo mandarame a salvación,

confundirá ós que me oprimen,

mandará o seu amor e a súa verdade.

 

5Teño que morar entre leóns,

que devoran ós homes.

Os seus dentes son lanzas e frechas,

as súas linguas coitelos afiados.

6Érguete, Deus, sobre o ceo,

enche a terra da túa gloria.

7Tenden redes ó meu paso,

para abater a miña vida;

abren unha cova diante de min,

e nela caerán eles mesmos.

 

8O meu corazón, Deus, está firme,

o meu corazón está firme:

quero cantar e tocar salmos.

9Espertade, miñas entrañas,

espertade, arpa e cítola:

quero espertar coa aurora.

 

10Heite loar, Señor, diante dos pobos,

cantareiche entre as nacións.

11O teu amor alcanza ata o ceo,

a túa fidelidade, ata as nubes.

12Érguete, Deus, por riba do ceo,

enche a terra da túa gloria.

 

SALMO 58 (57)

Requisitoria ós gobernantes

 

1Do mestre do coro, segundo "Non destrúas". Poema de David.

 

2¿De verdade sentenciades con xustiza, gobernantes?

¿Xulgades con rectitude entre os homes?

3Non. Co voso corazón tramades aleivosías

e as vosas mans esparexen violencia pola terra.

 

4Os malvados desvíanse desde o seo materno,

desde o seo materno erran os mentireiros.

5Teñen un veleno que semella o da serpente,

son coma áspide xorda que tapa os oídos

6para non oír a voz do feiticeiro,

do mago experto en esconxuros.

 

7Rómpelles, Deus, na boca os dentes,

québralles, Señor, as moas de leóns.

8Que se eslúan coma a auga que escorre,

que cando tiren setas, estean despuntadas.

9Que pasen coma a lesma, que se some toda,

e coma aborto de muller, que nunca viu o sol.

10Antes de que o espiño quente as vosas olas,

verde ou seco, que o leve o furacán.

 

11Os xustos alegraranse á vista do escarmento

e no sangue dos malvados bañarán os seus pés.

12Dirase entre as xentes:

‑"Hai recompensa para os xustos,

de verdade hai un Deus que goberna na terra".

 

SALMO 59 (58)

Líbrame dos malfeitores

 

1Do mestre do coro. Poema de David.

Cando Xaúl mandou cercar a casa para matalo.

 

2Líbrame, Deus, dos meus inimigos,

deféndeme dos que se erguen contra min;

3líbrame dos malfeitores,

sálvame dos sanguinarios.

 

4Olla como me axexan

e traman contra min os poderosos;

5sen que haxa en min, Señor, pecado nin delito,

sen maldade en min, axítanse, baldoan.

Esperta, ven e ve.

 

6Ti, Señor, Deus dos exércitos,

Deus de Israel,

esperta, castiga as xentes,

non te apiades dos traidores.

 

7Veñen ó escurecer, ladrando coma cans,

roldando pola cidade.

 

8Olla como fachendean,

son coitelos os seus labios:

‑"¿Hai alguén que escoite?".

 

9Mais ti, Señor, búrlaste deles,

mófaste de todos os xentís.

10Cara a ti, miña forza, estou atento,

pois Deus é o meu castelo.

11O Deus que me ama adiántase

e móstrame os meus inimigos en desfeita.

 

12¿Non lles darás ti morte,

para que o meu pobo non me esqueza?

Dispérsaos, abáteos co teu poder,

Señor o noso escudo.

 

13As palabras dos seus labios

son delito na súa boca.

Que se vexan atrapados na súa mesma soberbia,

nas mentiras e nas maldicións que eles botan.

 

14Consúmeos con noxo,

consúmeos, que non existan.

Saberase que Deus domina en Israel,

e ata os confíns da terra.

15Veñen ó escurecer, ladrando coma cans,

roldando pola cidade.

16Xiran buscando que comer,

ouvean ata fartarse.

17Eu festexarei o teu poder,

cantarei de mañá o teu amor.

Ti es o meu refuxio,

o meu agarimo, na hora do apuro.

18Cantareiche a ti, miña forza:

Deus é o meu agarimo,

o Deus do meu amor.

 

 

SALMO 60  (59)

Pobo rexeitado, en desfeita

 

1Do mestre do coro, coa cítara de Xuxán, edut. Poema de David, para ensino.

2Cando loitou contra Aram Naharaim e contra os arameos de Zoba

e bateu os edomitas no Val do Sal: doce mil homes.

 

3Ti tesnos, Deus, rexeitados e fendidos,

estás irado connosco. Restablécenos.

4Fixeches tremer a terra, fendíchela;

repara as súas fendas, porque cambalea.

5Ti fixéchesllas pasar duras ó teu pobo,

déchesnos a beber viño atordante.

 

6Dálles un sinal ós que te temen

e que poidan fuxir da frecha;

7para que poidan librarse os teus amigos,

respóndenos coa salvación da túa dereita.

 

8O Deus santo tiña dito:

‑"Cantarei triunfo, partirei Xequem

e parcelarei o val de Succot;

9meu é Galaad, meu Menaxés

helmo da miña cabeza Efraím

e Xudá o meu cetro;

10Moab é a talla en que me baño,

sobre Edom poño as sandalias

e canto triunfo sobre Filistea".

 

11¿Quen me levará a unha praza forte?

¿Quen me guiará ata Edom?

12¿Quen, se non ti, Deus, que nos rexeitaches,

o Deus que non sae co noso exército?

 

13Axúdanos ti no apuro,

pois a axuda do home é va.

14Con Deus faremos fazañas,

el esmagará os nosos opresores.