Capítulos 51-55

SALMO 51 (50)

Miserere

 

1Do mestre do coro. De David.

2Cando o veu ver Natán o profeta,

despois de se ter xuntado David con Batxeba.

 

3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,

pola túa misericordia, borra o meu pecado;

4lávame ben da miña iniquidade,

límpame da miña culpa.

 

5Eu recoñezo o meu pecado

e teño sempre presente a miña culpa.

6Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei

e fixen o que é malo ós teus ollos:

 

por iso será xusta a túa sentencia

e aparecerá recto o teu xuízo.

7Si, eu nacín no pecado,

no mal concibiume miña nai;

8e ti amas a verdade no corazón

e no íntimo ensínasme sabedoría.

 

9Purifícame co hisopo, e serei limpo,

lávame ti, e quedarei branco coma a neve.

10Faime sentir o gozo e a ledicia,

que relouquen os meus ósos quebrantados.

11Arreda do meu pecado a túa vista

e borra as miñas culpas.

 

12Crea, Deus, en min un corazón puro,

renóvame por dentro cun espírito firme.

13Non me botes da túa presenza

e non tires de min o teu santo espírito.

14Devólveme a alegría da túa salvación,

sostenme co espírito xeneroso.

 

15Ensinarei o teu camiño ós pecadores

e volverán a ti os descarreirados.

16Líbrame dos delitos de sangue,

Señor, meu Deus e salvador,

e a miña lingua contará a túa xustiza.

17Abre, Señor, os meus labios,

e a miña lingua pregoará a túa loanza.

 

18Con sacrificios ti non te compraces,

se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:

19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:

o corazón contrito e humilde

ti, Deus, non o desprezas.

 

20Faille ben a Sión, pola túa bondade,

restaura os muros de Xerusalén.

21Entón aceptarás os sacrificios puros,

inmolaranse xovencos nos teus altares.

 

SALMO 52 (51)

Malos e bos terán a súa recompensa

 

1Do mestre do coro. Poema de David.

2Cando veu Doeg, o edomita, onda Xaúl para lle dicir:

David está na casa de Abimélec.

 

3¿Que gloria atopas na maldade,

home potente e desapiadado?

 

4Pasas o día a tramar crimes,

a túa lingua é coma navalla afiada,

ti, artífice do engano.

5Prefires o mal ó ben,

a mentira á palabra xusta;

6gustas das conversas que corroen,

ti, lingua embusteira.

7Por iso Deus hate destruír enteiramente:

hate coller e botar da túa tenda,

arrincarache a raíz da terra da vida.

 

8O velo, os xustos crerán,

e farán a burla del:

9‑"Este é o valente

que non buscaba en Deus refuxio.

Confiaba nas súas riquezas,

facíase forte nos seus crimes".

 

10Mais eu son oliveira verde

na casa do Señor.

Confío no amor de Deus

polos séculos, por sempre.

11Loarei decote os teus feitos,

esperarei no teu nome,

porque ti es bo cos amigos.

 

SALMO 53 (52)

Non hai quen faga o ben

 

1Do mestre do coro, segundo Mahalat.

Poema de David.

 

2Pensan os parvos para si:

‑"Deus non está".

 

Corrompidos, de conduta abominable:

non hai quen faga o ben.

3Deus observa os homes desde o ceo,

para ver se hai algún asisado,

algún que pregunte por Deus.

 

4Andan todos desviados,

por xunto corrompidos.

Non hai quen faga o ben,

non hai sequera un.

 

5¿É que non aprenderán os malfeitores?

Engolen o meu pobo coma pan,

sen preguntaren por Deus.

 

6Alá van tremendo de medo,

cando non había razón para temer.

 

Deus esparexe os ósos dos traidores;

e eles avergónzanse de ti

porque Deus os rexeita.

 

7¿Quen lle traerá de Sión a salvación a Israel?

Cando vire o Señor a sorte do seu pobo,

exultará Xacob, alegrarase Israel.

 

SALMO 54 (53)

A miña axuda

 

1Do mestre do coro, con instrumentos de corda. Poema de David.

2Cando viñeron os de Zif dicirlle a Xaúl: David escóndese onda nós

 

3Sálvame, Deus, polo teu nome,

co teu poder defende a miña causa.

4Escoita, Deus, a miña súplica,

atende a miña palabra.

 

5Érguense contra min homes soberbios,

homes violentos buscan a miña vida,

sen teren a Deus en conta.

 

6Mais Deus é a miña axuda,

o Señor é quen sostén a miña vida.

7Recaia a desgraza sobre os meus perseguidores,

extermínaos, pola túa fidelidade.

 

8Eu ofrecereiche gustoso sacrificios,

loareite, Señor, porque es bo.

9Ti líbrasme de todos os apuros

e móstrame os inimigos en desfeita.

 

SALMO 55 (54)

Un refuxio da violencia

 

1Do mestre do coro, con instrumentos de corda. Poema de David.

 

2Escoita, Deus, a miña oración,

non te escondas da miña súplica.

3Aténdeme, respóndeme,

que me abalan as coitas.

 

4Contúrbame a ameaza do inimigo,

o barullo dos malvados.

Botan calamidades sobre min,

afróntanme con asaño.

 

5O corazón retórceseme dentro,

asáltanme medos de morte;

6éntranme terrores e tremores

e cóbreme o espanto.

 

7Penso: ‑"¡Quen me dese ás de pomba

para voar e pousar!

8Fuxiría moi lonxe,

faría pousada no deserto.

9Atoparía axiña agarimo

do furacán e da treboada".

 

10Confunde, Señor, baralla as súas linguas,

pois vexo na cidade violencia e discordia:

11día e noite xiran

ó redor das súas murallas.

Dentro dela están o crime e a intriga;

12no seu seo, a calamidade;

das súas prazas non se afastan

a opresión e o engano.

13Se fose meu inimigo o que me aldraxa,

eu sabería aturalo;

se fose meu adversario o que me oprime,

eu agacharíame del.

14Mais es ti, un do meu igual,

meu amigo e compañeiro,

15con quen tiven doce intimidade,

con quen fun de festa á casa de Deus.

 

16Que a morte os sorprenda,

que caian vivos no abismo,

xa que dentro deles mora a maldade.

 

17Eu invoco ó meu Deus,

e o Señor hame salvar.

18A tarde, á mañá e ó mediodía,

quéixome suspirando,

e el hame escoitar.

19Sacarame con ben da loita,

aínda que sexan moitos contra min.

 

20Deus escoitará e humillaraos,

El, que goberna desde sempre,

pois nin hai neles emenda

nin teñen temor de Deus.

21Erguen a man contra os amigos

e violan os pactos.

22Falan coa suavidade da manteiga,

pero pensan na guerra;

as súas palabras soan moles coma aceite,

pero son coitelos afiados.

 

23Encomenda ó Señor a túa sorte,

que El te sosterá:

El non deixa nunca que o xusto abanee.

24Ti, Deus, botaralos

no pozo da perdición.

Os criminais e os traidores

non mediarán os días da súa vida;

pero eu confío en ti, Señor.