Capítulos 31-35
SALMO 31 (30)
Nas túas mans está o meu porvir
1Do mestre do coro. Salmo de David.
2A ti, Señor, eu acóllome:
que endexamais non me vexa defraudado.
3Pon o oído cara a min,
dáte présa en socorrerme.
Se a rocha do meu refuxio,
o castelo forte onde me salve.
4Xa que ti es a miña rocha e o meu castelo,
por mor do teu nome, diríxeme e guíame.
5Tírame da rede que me tenden,
pois ti es o meu refuxio.
6Nas túas mans encomendo a miña vida,
e ti librarasme, Señor, Deus fiel.
7Aborrezo a quen adora ídolos vans;
en canto a min, eu confío no Señor.
8Teño gozo e ledicia na túa misericordia,
pois ti ollas a miña aflición,
e coñeces as miñas angustias.
9Non me entregas nas man do inimigo,
ti pos en campo aberto os meus pés.
10Ten compaixón, Señor, pois estou aflixido,
gástanse de tristura os meus ollos,
a alma e mais as entrañas.
11A miña vida consómese na dor,
os meus ósos en xemidos;
a miña forza treme coa aflición,
e consómense os meus ósos.
12Son o riso dos inimigos,
a burla dos meus veciños.
Para os meus coñecidos son espanto:
foxen ó verme na rúa.
13Esquécense de min, coma dun morto;
eu son coma un cacharro que non serve.
14Oio o murmurar da xente
‑terror por todos os lados‑,
cando se xuramentan contra min
e traman quitarme a vida.
15Mais eu teño confianza en ti, Señor,
e digo: ‑"Ti es o meu Deus.
16Nas túas mans está o meu porvir:
líbrame do poder dos inimigos e dos meus perseguidores.
17Fai brillar o teu rostro para o teu servo,
sálvame, pola túa misericordia.
18Señor, que non me avergonce de invocarte;
que se avergoncen os malvados
e baixen, mudos, ó abismo.
19Enmudezan os labios mentireiros,
que falan en contra dos xustos
con insolencia, soberbia e desprezo.
20¡Que grande é o ben
que reservas para aqueles que te temen,
o que lles fas ós que a ti se acollen,
á vista de todas as xentes!
21Na túa presenza faslles un refuxio,
un agarimo contra a conxura humana.
Escóndelos na túa tenda
das linguas maliciosas.
22Bendito sexa o Señor,
que me mostra un amor admirable
nunha vila amurallada".
23Moi apurado eu dicía:
‑"Botáchesme de diante dos teus ollos".
Pero a verdade é que me escoitas,
cando clamo cara a ti.
24Amade o Señor, todos os xustos:
o Señor garda os leais
e dálles o seu pago ós soberbios.
25Sede fortes e valentes
os que esperades no Señor.
SALMO 32 (31)
Perdoaches a miña culpa
1Poema de David.
Feliz o que ten perdoada a súa culpa,
encuberto o seu pecado.
2Feliz aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o seu pecado
e non leva fraude no espírito.
3Mentres calaba, consumíanseme os ósos;
era un laiarme todo o día.
4Día e noite a túa man pesaba sobre min
e o meu vigor murchou coma no ardor do verán.
5Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
dixen para min: ‑"Confesarei os erros ó Señor",
e ti perdoaches a miña culpa.
6Por isto implorarante todos os xustos,
na hora da súa angustia
e a enxurrada das augas
non os tocará.
7Ti es o meu agarimo: gárdasme dos perigos
e cínguesme co gozo do rescate.
8Eu instruireite e ensinareiche
o camiño que has de seguir;
aconsellareite, pousarei os meus ollos sobre ti.
9Non sexades coma o cabalo e o mulo,
que non teñen entendemento:
hai que domarlles o ímpeto coa rédea e mais co freo,
doutro xeito non se acercan.
10Moitas son as dores dos malvados,
pero quen confía no Señor
experimentará a súa graza.
11Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.
SALMO 33 (32)
Canto á palabra creadora
1Alegrádevos, xustos, no Señor:
ós rectos acáelles a loanza.
2Festexade ó Señor con cítolas,
tocade con arpa de dez cordas.
3Cantádelle unha nova cántiga,
tanxédelle ben, con aturuxos.
4A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
5El quere o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.
6Pola palabra do Señor foron feitos os ceos,
polo alento da súa boca todos os astros.
7Xuntou, coma nun fol, a auga do mar,
meteu en depósitos o océano.
8Adore ó Señor a terra enteira,
estremézase diante del a poboación do orbe,
9pois falou El, e existiron,
mandouno El, e xurdiron.
10O Señor estraga o consello das nacións,
desbarata os designios dos pobos.
11O consello do Señor dura por sempre,
os seus plans de xeración en xeración.
12Feliz a nación que ten a Deus por Señor,
o pobo que El elixiu como herdade.
13Desde o ceo mira o Señor,
olla para todos os homes;
14desde a súa morada observa
a todos os habitantes da terra.
15El modelou o corazón de todos eles
e esculca as súas obras.
16Non os moitos soldados lle dan a vitoria ó rei
nin é a moita forza a que salva ó guerreiro;
17engano é a cabalería para a vitoria,
un grande exército non é a salvación.
18Os ollos do Señor miran polos seus fieis,
polos que esperan na súa misericordia,
19para librar a súa vida da morte,
para os manter no tempo da miseria.
20Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
21Nel alégrase ó noso corazón
e confiamos no seu nome.
22Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.
SALMO 34 (33)
Prosperidade para os pobres
1De David. Cando se finxiu louco diante de Abimélec e marchou despedido.
2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.
4Exaltade comigo ó Señor,
loemos xuntos o seu nome.
5Eu busco ó Señor, e El responde,
líbrame de todos os temores.
6Ollade para El e refulxide,
non poñades caras murchas.
7O Señor escoita ó pobre que o chama
e líbrao de todos os apuros.
8O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis
e dálles seguridade.
9Gustade e vede que bo é o Señor:
feliz quen a El se acolle.
10Temede ó Señor os seus devotos,
pois nada lles falta ós que o temen.
11Empobrecen os ricos, pasan fame,
pero ós que buscan ó Señor ningún ben lles faltará.
12Vinde, fillos; escoitade:
ensinareivos o temor do Señor.
13¿Quen ama a vida
e arela días de prosperidade?
14Garda a túa lingua do mal,
os teus labios de falas enganosas.
15Arrédate do mal e fai o ben,
busca a paz, corre tras ela.
16Os ollos do Señor están cara ós xustos,
os seus oídos cara ó seu clamor;
17mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
18Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de todas as angustias.
19O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.
20Moitos son os males dos xustos,
pero de todos os libra o Señor.
21El coida dos seus ósos,
nin un só romperán.
22A maldade mata ó impío;
quen aborrece os xustos será castigado.
23O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.
SALMO 35 (34)
O oprimido espera xustiza
1De David.
Ataca, Señor, ós que me atacan,
combate ós que me combaten.
2Colle escudo e broquel,
érguete para axudarme;
3brande a lanza, failles fronte ós meus perseguidores,
dime: ‑"Eu son a túa salvación".
4Avergóncense e confúndanse
os que buscan a miña vida;
volvan avergonzados
os que buscan o meu dano.
5Sexan como coaño ante o vento,
e que os axote o anxo do Señor.
6Sexa o seu camiño tebroso e esvaradío,
e que os persiga o anxo do Señor.
7Sen razón téndenme redes,
sen razón cávanme foxos.
8Que lles veña a ruína de improviso,
que os collan as redes que tenderon
e que caian nos foxos que cavaron.
9Eu alegrareime no Señor,
gozareime co seu socorro.
10Dirá todo o meu ser:
‑"Señor, ¿quen hai coma ti,
que defendes os humildes dos poderosos,
os pobres e indixentes dos que os desposúen?"
11Preséntanse testemuñas violentas
e interróganme sobre cousas que non sei.
12Páganme mal por ben,
desposúenme de todo.
13Pero eu, cando estaban eles enfermos,
vestíame de saco,
aflixíame co xaxún
e inclinábame na súplica.
14Como por amigos e irmáns andaba de aquí para alí,
como en dó pola nai, estaba triste e murcho.
15Agora, no meu tropezo, alégranse eles e xúntanse:
xúntanse contra min, baten de súpeto,
tronzan nun sen parar;
16profanan e fan burla,
renxen os dentes contra min.
17¿Canto tempo, Señor, o estarás vendo?
Sálvame a vida dos seus ruxidos,
o meu ben único, dos leóns.
18Eu dareiche grazas na asemblea,
loareite ante a multitude.
19Que non se rían de min os que sen razón me queren mal,
non chisquen o ollo os que sen razón me odian.
20Endexamais non saúdan coa paz,
contra a xente tranquila arman as trampas.
21Abren a boca contra min, para dicir:
‑"¡Vaites, vaites! Vímolo cos nosos ollos".
22Ti, Señor, que ves, non cales,
non esteas lonxe de min.
23Esperta, apúrate, por mor do meu dereito,
meu Deus e meu Señor, por mor da miña causa.
24Xúlgame ti, Señor, meu Deus, conforme a túa rectitude,
que non se rían de min;
25que non poidan pensar: ‑¡"Moi ben, iso é o que queriamos",
que non poidan dicir: ‑"Xa o engulipamos".
26Avergóncense e confúndanse
os que se alegran do meu mal;
cúbranse de aldraxe e deshonra
os que se reviran contra min.
27Que canten e se alegren
os que queren o meu triunfo,
e que poidan dicir: ‑"Sexa exaltado o Señor,
que quere a paz do seu servo".
28A miña lingua proclamará a túa xustiza
e a túa loanza o día enteiro.