Capítulos 26-30
SALMO 26 (25)
Invocación do inocente
1De David.
Faime xustiza, Señor,
pois a miña conduta é inocente.
Confío no Señor, e non esvararei.
2Examíname, Señor, e ponme á proba,
esculca o meu interior e o meu corazón.
3Teño ante os ollos a túa misericordia
e ando na túa verdade.
4Non me paro con xente falsa,
nin me xunto cos hipócritas;
5aborrezo a reunión dos malfeitores,
e non sento cos impíos.
6Purifico, Señor, as miñas mans
e dou voltas arredor do teu altar,
7proclamando a túa loanza,
contando as túas marabillas.
8Amo, Señor, a casa onde moras,
o lugar onde habita a túa gloria.
9Non xuntes a miña alma cos pecadores,
a miña vida coa xente sanguinaria,
10que leva o crime nas mans,
chea de suborno a súa dereita.
11A miña conduta é inocente.
Sálvame; ten compaixón de min.
12O meu pé mantense en bo camiño;
nas asembleas bendigo ó Señor.
SALMO 27 (26)
Na terra da vida
1De David.
O Señor é a miña luz e salvación,
¿a quen hei de temer?
O Señor é o meu castelo,
¿ante quen hei de tremer?
2Cando os malfeitores me atacan
para devorar a miña vida,
son eles, os meus inimigos e opresores,
os que esvaran e caen.
3Mesmo se un exército acampase contra min,
o meu corazón nin temería;
aínda que rompese o combate contra min,
tamén entón confiaría.
4Unha cousa pídolle ó Señor,
unha cousa procuro:
habitar na casa do Señor,
todos os días da vida,
para gozar da dozura do Señor,
visitando o seu templo.
5Na hora mala escóndeme na súa tenda,
acólleme na súa morada,
érgueme enriba dunha rocha.
6Por iso levanto a cabeza
dominando os inimigos que me rodean.
Ofrecerei na súa morada sacrificios xubilosos,
cantarei e entoarei salmos ó Señor.
7Escoita, Señor, a voz que chama,
ten piedade e respóndeme.
8Por ti dime o corazón:
‑"Buscade a miña presenza".
A túa presenza eu busco, Señor.
9Non te escondas de min,
non me desbotes con ira.
Ti es a miña axuda; non me deixes,
non me abandones, Deus, meu salvador.
10Se meu pai e miña nai me abandonan,
acollerame o Señor.
11Ensíname, Señor, o teu camiño,
guíame pola senda recta,
por causa dos meus perseguidores.
12Non me entregues ó capricho do opresor,
pois érguense contra min falsas testemuñas,
que respiran violencia.
13Eu espero gozar dos bens do Señor
na terra da vida.
14Espera no Señor;
ten corazón forte e valente
e espera no Señor.
SALMO 28 (27)
Súplica e acción de grazas
1De David.
Por ti chamo, Señor;
non te fagas o xordo, miña rocha,
pois se calas ti no meu caso,
serei coma os que baixan á cova.
2Escoita o meu lamento, cando berro cara a ti
e levanto as miñas mans cara ó teu templo.
3Non me arrebates cos impíos e malfeitores,
que saúdan coa paz ós veciños,
mentres pensan mal nos adentros.
4Págalles conforme os feitos
e conforme a maldade das súas accións;
dálles segundo a obra das súas mans,
devólvelles o seu merecido.
5Non contan coa acción do Señor,
nin coas obras da súa man:
que el os destrúa e non os restaure.
6Bendito sexa o Señor,
que escoita a miña súplica.
7O Señor é a miña forza e o meu escudo;
eu confío nel e axúdame.
Alégraseme o corazón
e doulle as grazas co meu canto.
8O Señor é a forza do seu pobo,
fortaleza de salvación do seu unxido.
9Salva ó teu pobo, bendice a túa herdade,
apacéntaos e lévaos por sempre.
SALMO 29 (28)
Linguaxe da tempestade
1Salmo de David.
Tributádelle ó Señor, fillos de Deus,
tributádelle ó Señor honor e forza;
2tributádelle ó Señor o honor do seu nome,
adorade ó Señor con ornamento sagrado.
3Unha voz:
"O Señor sobre as augas,
o Deus glorioso fai tronar,
o Señor sobre as moitas augas".
4Unha voz: "O Señor no seu poder".
Unha voz: "O Señor na súa maxestade".
5Unha voz:
"O Señor tronza os cedros,
tronza o Señor os cedros do Líbano;
6fai choutar, coma un becerro, o Líbano,
o Sirión coma un antílope".
7Unha voz: "O Señor fai lostregar".
8Unha voz: "O Señor estarrece o deserto,
estarrece o Señor o deserto de Cadex".
9Unha voz: "O Señor retorce os carballos
e arrinca os arboredos.
No seu santuario todo di: ¡Gloria!
10O Señor pon o asento sobre as augas,
pon asento de rei eterno.
11O Señor dálle forza ó seu pobo,
o Señor bendí ó seu pobo coa paz".
SALMO 30 (29)
Grazas pola vida
1Salmo, canto da dedicación do templo do Señor. De David.
2Eu lóote, Señor, que me liberas
e non deixas que o inimigo faga riso de min.
3Señor, meu Deus,
eu suplico, e ti sándasme;
4sácasme do abismo
e mantesme na vida,
lonxe dos que baixan ó sepulcro.
5Cantádelle ó Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
6O seu asaño dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.
7Eu digo ben seguro:
‑"Nunca perecerei".
8O teu favor, Señor, sostén a miña forza;
pero se ocultas o rostro, quedo conturbado.
9Por ti chamo, Señor,
ó meu dono suplico.
10¿Que gañas ti coa miña morte
e con que eu baixe ó sepulcro?
¿Ou é que pode loarte o po
e proclamar a túa fidelidade?
11Escoita, Señor; ten compaixón de min,
se ti, Señor, a miña axuda.
12Ti podes trocar o loito en danza,
espirme do saco e vestirme de festa,
13para que o meu peito che cante, sen calar.
Señor, meu Deus,
por sempre te hei loar.