Capítulos 146-150
SALMO 146 (145)
Abre os ollos dos cegos
1Aleluia.
Loa, miña alma, o Señor.
2Loarei o Señor, mentres viva,
cantareille ó meu Deus, mentres exista.
3Non confiedes nos potentes,
humanos que non poden salvar.
4Vaise deles o alento, e retornan á terra,
e con eles esvaecen os seus proxectos.
5Feliz quen ten no Deus de Xacob a súa axuda,
no Señor, o seu Deus, a súa esperanza.
6El fixo o ceo e mais a terra,
o mar e todo o que contén.
7El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza ós oprimidos
e dálles pan ós famentos.
O Señor libra os cativos,
8o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
9O Señor protexe os forasteiros,
sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
10Reine o Señor por sempre,
o teu Deus, Sión, polas xeracións.
Aleluia.
SALMO 147 (146 - 147)
Marabillosos feitos
1Loade o Señor,
pois é bo cantarlle ó noso Deus;
a loanza élle debida.
2O Señor reconstrúe Xerusalén
e reúne os dispersos de Israel.
3Sana os corazóns quebrados
e venda as súas feridas.
4Conta as estrelas sen número
e chama a cada unha polo nome.
5O noso Señor é grande e poderoso,
para a súa sabedoría non hai medida.
6O Señor ergue os humildes
e abaixa no chan os malvados.
7Cantádelle ó Señor acción de grazas,
tocádelle a arpa ó noso Deus.
8El cobre o ceo de nubes
e dispón a chuvia para a terra;
fai saír herba nos montes,
9dálle ó gando o sustento,
ós pitiños dos corvos o que piden.
10Non pon a súa compracencia na forza do cabalo
nin nos riles dos homes o seu contento.
11O Señor pon o seu contento nos que o temen,
nos que confían na súa misericordia.
12Glorifica ó Señor, Xerusalén,
loa o teu Deus, Sión.
13El reforza os ferrollos das túas portas
e bendice os teus fillos no teu seo.
14Establece a paz nos teus confíns
e fártate de flor de trigo.
15El manda á terra a súa mensaxe
e a súa palabra corre lixeira.
16Produce neve coma la
e espalla xeada coma cinsa;
17esparexe coma faragullas o carambelo
e de frío xéanse as augas.
18Manda a súa palabra e derrétense,
sopra co seu alento e corre a auga.
19El anuncia a Xacob os seus proxectos,
os seus estatutos e mandatos a Israel.
20Non fai así con outros pobos
que descoñecen as súas decisións.
Aleluia.
SALMO 148
Canto de todas as criaturas
1Aleluia.
Loade o Señor desde o ceo,
loádeo alá nas alturas.
2Loádeo os seus anxos,
loádeo os seus exércitos.
3Loádeo, sol e mais lúa,
loádeo, lucentes estrelas.
4Loádeo os ceos dos ceos
e as augas dos espazos celestes.
5Loen o nome do Señor,
pois mandouno El e foron feitos;
6estableceunos para sempre
e deulles leis que non fallan.
7Loade o Señor desde a terra,
monstros e abismos do mar,
8raios e sarabia, neve e néboa,
furacán que cumpre as súas ordes,
9montes e todos os outeiros,
árbores froiteiras e mais cedros,
10feras e gando todo,
réptiles e mais paxaros;
11os reis e todas as nacións,
os príncipes e os xuíces da terra,
12os mozos e mais as doncelas,
os vellos e mais os neniños.
13Loen o nome do Señor,
pois só o seu nome é excelso,
a súa maxestade cobre a terra e mais o ceo.
14El ergue a cabeza do seu pobo,
loanza de todos os xustos,
dos fillos de Israel, os seus achegados.
Aleluia.
SALMO 149
Cantos do pobo de Sión
1Aleluia.
Cantádelle ó Señor un cántico novo,
loádeo na asemblea dos xustos.
2Alégrese Israel co seu facedor
e os fillos de Sión relouquen co seu rei.
3Festexen coa danza o seu nome,
cántenlle con pandeiros e arpas,
4porque o Señor ama o seu pobo
e coroa os humildes coa vitoria.
5Exulten os xustos no triunfo
e canten xubilosos nos seus postos,
6coa loanza de Deus nas gargantas
e a espada de dobre fío na súa man.
7Farán vinganza entre as xentes
e escarmentos nas nacións;
8atarán con cordas ós seus reis
e con cadeas ós seus nobres.
9cumprir neles a sentencia ditada,
será un honor para os seus amigos.
Aleluia.
SALMO 150
Aleluia
1Aleluia.
Loade o Señor no santuario,
loádeo no seu augusto firmamento.
2Loádeo polas obras poderosas,
loádeo pola súa inmensa grandeza.
3Loádeo con sons de trompeta,
loádeo con arpa e con cítara,
4loádeo con pandeiro e con danza,
loádeo con trompas e frauta,
5loádeo con címbalos resoantes,
loádeo con címbalos xubilosos.
6Todo ser que respira loe o Señor.
Aleluia.