Capítulos 141-145

SALMO 141 (140)

Pon garda na miña boca

 

1Salmo de David.

 

Señor, estoute a chamar: ven axiña;

escoita, cando te chamo.

2Suba a miña oración coma o incenso ante ti,

as miñas mans alzadas, coma a ofrenda da tarde.

 

3Pon garda, Señor, na miña boca,

vixilancia na porta dos meus labios.

4Non deixes declinar o meu corazón cara á maldade,

e que cometa delitos;

nin cara ós malfeitores,

e que coma dos seus banquetes.

 

5Que os xustos me castiguen e que os bos me reprendan,

pero que o óleo dos malvados non unxa a miña testa:

eu seguirei pregando contra a súa maldade.

 

6Precipitan nos penedos ós seus xuíces

e escoitan por burla as miñas palabras.

7Coma a terra sucada e regañada,

así están espallados os nosos ósos

pola boca do abismo.

 

8Pero os meus ollos, Señor, vólvense cara a ti;

a ti me acollo, non me deixes.

9Gárdame do lazo que me tenden,

da trampa dos malfeitores.

10Caian nas súas mesmas redes os malvados,

mentres eu logro salvarme.

 

SALMO 142 (141)

Ti coñeces os meus vieiros

 

1Poema, de David. Cando estaba na caverna. Pregaria.

 

2Clamo a voces polo Señor,

cara ó Señor eu suplico;

3verto diante del a miña queixa,

conto diante del o meu apuro.

4Cando o espírito se me encolle,

ti coñeces os meus vieiros.

 

No camiño por onde vou

téñenme postas trampas.

5Miro á dereita para ver,

e non hai un coñecido.

Non teño onde refuxiarme,

non hai quen coide de min.

 

6Cara a ti clamo, Señor, e digo:

‑"Ti es o meu refuxio,

a miña sorte na terra da vida".

 

7Atende ó meu clamor,

pois estou esgotado.

Líbrame dos meus perseguidores,

pois son máis fortes ca min.

 

8Tírame da prisión,

e loarei o teu nome.

En min veranse os xustos coroados,

porque ti cumpres comigo.

 

SALMO 143 (142)

Por unha terra cha

 

1Salmo de David.

 

Escoita, Señor a miña oración,

pola túa fidelidade, atende a miña súplica,

respóndeme, pola túa xustiza.

2Non veñas a xuízo co teu servo,

pois ningún home vivo é xusto ante ti.

 

3O meu inimigo perségueme de morte,

tripa a miña vida polo chan;

relégame ás tebras,

coma ós xa mortos noutro tempo.

4O meu espírito encóllese en min,

quédame xeado o corazón.

 

5Eu recordo os tempos pasados,

considero os teus feitos

e medito as accións das túas mans.

6Estendo as mans cara a ti:

coma a terra reseca, a miña alma ten sede de ti.

 

7Respóndeme axiña, Señor,

que me falta o alento.

Non me escondas a túa cara,

non me asemelle ós que baixan á cova.

 

8Faime sentir de mañá o teu favor,

pois eu confío en ti.

Ensíname que camiño collerei,

pois cara a ti alzo a miña alma.

 

9Líbrame, Señor, dos meus inimigos,

pois eu acóllome a ti.

10Apréndeme a facer a túa vontade,

pois ti es o meu Deus.

Que o teu alento bo me guíe

por unha terra cha.

11Polo teu nome, Señor, consérvame a vida,

pola túa bondade tírame do apuro:

12pola túa misericordia destrúe os meus inimigos,

extermina os que de morte me perseguen,

pois eu son o teu servidor.

 

SALMO 144 (143)

Vitoria e prosperidade

 

1De David.

 

Bendito o Señor, a miña rocha,

o que adestra as miñas mans para a loita,

os meus dedos para a contenda.

2El é para min defensa e fortaleza,

refuxio, escudo e agarimo,

o que somete para min os pobos.

 

3¿Que é, Señor, o home, para que ti te ocupes del,

o fillo do home, para que ti lle fagas caso?

4O home é coma un sopro;

coma sombra que pasa, son os seus días.

 

5Abaixa, Señor, o ceo e descende,

toca os montes e que ardan;

6fai relustrar e dispérsaos,

lanza as túas setas e confúndeos.

 

7Tende a túa man desde a altura,

deféndeme, líbrame das augas,

do poder dos estranxeiros,

8que falan en van coa boca

e enganan cos seus feitos.

 

9Eu cantareiche, Deus, un cantar novo,

tocarei para ti a arpa de dez cordas.

10Ti que dá-la vitoria ós reis,

que libraches o teu servo David da crúa espada,

11deféndeme, líbrame da man dos estranxeiros,

que falan en van coa boca

e enganan cos seus feitos.

 

12Que os nosos fillos sexan

coma plantas vizosas na súa mocidade,

e as nosas fillas coma columnas angulares,

talladas para ornato dos pazos.

13Que os nosos hórreos se enchan

e ateiguen de froitos.

Que os nosos rabaños crezan

por millares nos campos

14e que os nosos bois cheguen cargados.

Que non haxa invasión nin desterro,

nin alarma nas nosas prazas.

15Benia o pobo a quen así lle vai,

benia o pobo que ten a Deus por Señor.

 

SALMO 145 (144)

A fartura de todos os viventes

 

1Himno de loanza, de David.

 

Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte

e bendicir por sempre o teu nome.

2Bendicireite o día enteiro,

loarei por sempre o teu nome.

 

3Grande é o Señor e digno de loanza,

a súa grandeza é insondable.

4Unha xeración gáballe a outra os teus feitos

e cóntalle as túas fazañas.

 

5Falan da gloria da túa maxestade,

e eu refiro as túas marabillas.

6Pregoan os teus poderosos escarmentos,

e eu anuncio a túa grandeza.

7Transmiten a memoria da túa gran bondade

e cantan a túa xustiza.

 

8O Señor é clemente e compasivo,

tardo á ira e rico en amor.

9O Señor é bo para todos,

agarimoso con todas as súas obras.

 

10Lóuvente, Señor, as túas obras,

bendígante os teus amigos.

11Pregoen a gloria do teu reino,

proclamen as túas fazañas.

 

12Ensinen ós homes a túa forza

e a maxestade gloriosa do teu reino.

13O teu reino é reino eterno,

o teu goberno dura por xeracións.

 

14O Señor sostén a todos os que caen

e endereita os que se dobran.

15Todos os ollos cara a ti agardan

que ti lles deas o sustento ó seu tempo.

16Abres ti a túa man

e dáslle fartura a todo ser vivo.

 

17O Señor é xusto nos seus camiños todos,

bo en todos os seus feitos.

18O Señor está cerca dos que o chaman,

dos que sinceramente o invocan.

 

19El cumpre a vontade dos que o temen,

escoita o seu pranto e socórreos.

20O Señor garda ós que o aman,

pero desbota os malvados.

21A miña boca pregoará as loanzas do Señor

e todos os seres vivos bendicirán o seu nome santo

polos séculos dos séculos.