Capítulos 6-10

A Sabedoría, don de Deus

 

Capítulo 6

 

1¡Escoitade, reis, logo, e sede perspicaces!

¡Aprendede, gobernantes das terras máis remotas!

2¡Dade oídos, os que dominades a xente

e vos gabades de ter multitudes de pobos!

3Do Señor venvos o poder

e a soberanía da parte do Altísimo;

El examinará as vosas obras e esculcará as vosas intencións,

4porque sendo ministros do seu reinado non gobernastes conforme a dereito

nin gardastes a lei

nin procedestes segundo a vontade de Deus.

5Arrepiante e repentino caerá sobre vós,

pois faise un xuízo severo de quen está no alto.

6Xa que ó pequeno se lle disimula por piedade

mais os grandes son xulgados con grande rigor,

7porque non se deixa amedrentar o dono do universo

nin o impresionan as grandezas,

dado que foi El quen fixo a pequenos e grandes

e por igual se considera de todos,

8mais ós que se cren fortes espéraos unha enquisa rigorosa.

 

9A vós, polo tanto, soberanos, dirixo as miñas verbas

para que aprendades Sabedoría e non teñades tropezos,

10pois só os que santamente observan as cousas santas serán estimados santos

e os que se instrúan nelas atoparán defensa.

11Arelade, por tanto, as miñas verbas;

anheládeas e seredes instruídos.

 

Buscar a Sabedoría

 

12Raiolante e perenne é a Sabedoría

e enxérgana sen dificultade os que a aman;

déixase atopar dos que a procuran.

13Adiántase a se dar a coñecer polos que a arelan.

14Quen madrugue por ela non ha de cansar:

atoparaa chantada a carón da súa porta.

15O matinar nela é xa o cumio da prudencia,

quen por ela deixa o sono axiña se verá libre de preocupacións,

16pois ela de seu vai de acá para alá á procura dos que dela sexan dignos,

aparéceselles benigna nos vieiros,

sáelles ó encontro en calquera proxecto.

17O seu comezo máis auténtico é a arela de instrución:

18xa o degoiro de instrución é amor,

e amor é a garda das súas leis;

a observancia desas leis é garantía da incorruptibilidade;

19a incorruptibilidade, pola súa conta, achega a Deus;

20logo a arela da Sabedoría guía cara ó Reino.

21De xeito que, se gustades dos tronos e dos cetros, soberanos das nacións,

facede aprecio da Sabedoría para que reinedes para sempre.

 

II. SABEDE O QUE É A SABEDORÍA

 

Introdución: A Sabedoría é para todos

 

22Vouvos contar o que é Sabedoría e como naceu

sen vos esconder segredo ningún;

pola contra, pescudareina desde a súa orixe

deixando ben en claro o seu coñecemento

sen me afastar da verdade.

23Non camiñarei canda a envexa corrosiva

pois non ten ela tratos coa Sabedoría.

24Multitude de Sabios é salvación do mundo;

e rei ben asisado, prosperidade do pobo.

25¡Deixádevos, pois, ensinar das miñas verbas

e tiraredes proveito!

 

A Sabedoría non é privilexio dos Reis

 

Capítulo 7

 

1Tamén eu son un home mortal, igual ca todos,

descendente daquel primeiro moldeado de arxila.

No seo da miña nai fun en carne plasmado,

2callado por dez meses no seu sangue

polo seme do home e o pracer que fai compaña ó sono.

3Tamén eu, ó nacer, respirei o aire común

e ó caer do mesmo xeito nesta terra coitada

dei a miña voz primeira, semellante ás de todos: un berro.

4Fun criado entre panos e agarimos;

5non tivo outro principio ningún rei:

6para todos é igual o entrar na vida, e idéntica a saída.

 

A Sabedoría, don divino superior ó poder

 

7Roguei entón e foime dada a prudencia,

supliquei e veu a min o espírito da Sabedoría.

8Preferina a cetros e tronos,

en comparanza a ela, coidei ser nada a riqueza;

9non se lle asemella a alfaia de máis prezo,

pois todo o ouro, ó seu lado, é unha manchea de area,

e xunto a ela a prata é coma a lama.

10Ameina por riba da saúde e da beleza,

escollín posuíla en troques da luz,

pois o seu resplandor non ten solpor.

11Con ela viñéronme xuntos todos os bens,

polas súas mans, riquezas incontables.

12De todos gocei eu; pois é a Sabedoría a que goberna neles,

se ben aínda non me decatara de que era ela a nai de todos.

 

A Sabedoría, ciencia da creación

 

13O que aprendín sen retranca, sen envexa, comunícoo,

non gardo para min a súa riqueza,

14pois é para os homes un tesouro inesgotable,

os que o posúen, únense con Deus en amizade,

recomendados polo don da instrución.

15¡Déame Deus falar axeitadamente

e formular de acordo co que se me dotou!

Porque é El o guieiro da Sabedoría

e quen dirixe ós sabios,

16xa que nas súas mans estamos nós e as nosas razóns,

todo o noso siso e a nosa habelencia no obrar.

17Foi El en persoa concederme a ciencia exacta dos seres,

o saber da estrutura do universo e da actividade dos elementos,

18o comezo, o remate e mais o medio dos tempos,

o trocarse dos solsticios

e o sucederse das estacións.

19Os ciclos do ano e as posicións dos astros,

20a natureza dos animais e os instintos das feras,

a potencia dos espíritos e os raciocinios dos homes,

as variedades das plantas e as virtudes das raiceiras.

21Coñecín canto hai de oculto e manifesto

22pois instruíume a artesá do universo: a Sabedoría.

 

Excelencia e misterio da Sabedoría

 

De feito dáse nela un espírito intelixente, santo,

único, multiforme, sutil,

áxil, penetrante, non contaminado,

diáfano, invulnerable, amante do ben, afiado,

23libre, benfeitor, amigo do home,

estable, seguro, sen angustias,

que todo o pode e todo o observa

e que traspasa todos os espíritos

intelectivos, puros, e os máis sutís.

24Abofé, máis móbil ca todo movemento é a Sabedoría;

traspasa e atravesa por onde quere en razón da súa enxebreza,

25porque é o alento do poder de Deus,

a emanación máis pura da gloria do Omnipotente;

por iso nada inmundo entrará nela.

26É o esplendor da luz eterna,

espello sen chata da actividade de Deus,

imaxe da súa bondade.

27Sendo unha soa, todo o pode,

permanecendo de seu, todo o renova,

e descendendo en cada xeración nas almas boas

prepara amigos de Deus e profetas,

28pois Deus non ama senón a quen convive coa Sabedoría.

29É, en verdade, máis belida có sol,

excedendo a todas as constelacións;

comparada coa luz é aínda máis clara;

30pode a noite suceder á luz do día,

mais contra a Sabedoría non ten poder o mal.

 

Capítulo 8

 

1Téndese poderosa de extremo a extremo,

e goberna o universo como convén.

 

A Sabedoría, fonte de todos os bens

 

2Ela foi a quen quixen e procurei desde a miña mocidade

e propúxenme tomala por esposa,

namorado da súa beleza.

3Ela amosa a súa nobreza no convivir con Deus:

o dono do universo en persoa amouna,

4pois é unha iniciada na ciencia de Deus

a que fai a escolma das súas obras;

5e se as riquezas nesta vida son cousa de arelar,

¿que hai máis ricaz cá Sabedoría que o realiza todo?

6Se é a intelixencia a que ten eficacia,

¿quen máis artífice de todos os seres ca ela?

7Se hai quen ame a xustiza,

froitos do seu obrar son as virtudes:

ela ensina a temperanza e a prudencia,

e equidade e a fortaleza;

non hai na vida humana cousa máis útil ca elas.

8E se alguén arela unha experiencia múltiple,

ela coñece o pasado e entrevé o futuro,

domina os xiros da linguaxe e as solucións dos enigmas,

prevé os signos e os prodixios

e os remates das épocas e dos tempos.

 

A Sabedoría, compañeira da vida

 

9Decidín, polo tanto, facela compañeira da miña vida,

consciente de que sería a miña conselleira na ledicia

e consolo nas coitas e tristuras.

10Por mor dela acadarei boa sona entre as xentes,

e, aínda novo, honraranme os anciáns;

11ó preitear teranme por asisado,

sendo admirado diante dos poderosos;

12se calo, poranse á espreita;

se comezo a falar, atenderán;

se me alongo en razóns,

levarán a man á boca.

13Grazas a ela conseguirei a inmortalidade

deixando eterna lembranza nos vindeiros.

14Gobernarei pobos, someteránseme nacións.

15Tiranos terribles tremerán ó oíren falar de min;

co pobo serei piadoso

e na loita, baril.

16Cando volva para a casa, acougarei a seu carón

pois o tratar con ela non é cousa de amargura,

nin dá mágoas a súa convivencia,

senón que trae o gozo e a ledicia.

 

A Sabedoría, graza de Deus

 

17Cavilando para min mesmo deste xeito

e matinando no meu interior

no feito de que a inmortalidade ten parentesco coa Sabedoría

18e que a súa amizade é un pracer honesto,

e o traballo das súas mans, riqueza inesgotable,

e a constante asiduidade do seu trato, prudencia,

e que no participar das súas razóns se atopa a boa sona,

andei eu ás voltas procurando como facela miña.

19Era eu, daquela, rapaz de bo natural

e caérame en sorte unha alma boa;

20ou ben, sendo xa bo, entrei nun corpo sen chata.

21Consciente, non obstante, de non a poder acadar

se Deus non ma concedese,

‑e xa era sinal de prudencia o saber de quen era esta graza‑

volvinme cara a Deus e rogueille

dicíndolle de todo corazón:

 

Pregaria de Salomón pedindo a Sabedoría

 

Capítulo 9

 

1‑"Deus de meus pais, Señor de misericordia

que fixeches o universo coa túa Palabra

2e que na túa Sabedoría formaches o home

para dominar nas túas criaturas

3e para que goberne o mundo piadosa e xustamente

e administre o xuízo rectamente,

4concédeme a Sabedoría que asenta no trono ó teu lado

e non me rexeites de entre os teus fillos;

5pois eu son servo teu e fillo da túa escrava,

un feble ser humano, de curta vida,

pequeno para entender dereito e leis.

6Pois mesmo se un fose o máis perfecto dos homes,

faltándolle a Sabedoría non vale nada.

7Escollíchesme ti para rei do teu pobo

e para gobernante dos teus fillos e fillas;

8mandáchesme edificar un templo no teu monte santo

e un altar na cidade da túa morada,

copia do santuario que preparaches desde o comezo.

9E contigo está a Sabedoría, que ben coñece as túas obras

e estaba ó teu lado cando fixeches o mundo

e moi ben sabe ela o que aleda os teus ollos

e canto vai conforme ós teus mandados.

10Envíaa desde os sagrados ceos,

mándaa desde o teu trono glorioso

para que me asista nos traballos

e me ensine o que sexa máis do teu agrado;

11pois ela, que todo o sabe e comprende,

hame guiar axeitadamente nas miñas empresas

protexéndome co seu prestixio.

12Serán entón aceptables as miñas obras,

gobernarei xustamente ó teu pobo

e serei digno do trono de meu pai.

13¿Que home de feito poderá coñecer o plan de Deus

ou quen se decatará do que quere o Señor?

14Abofé, os pensamentos dos mortais son covardes

e inseguros os nosos proxectos.

 

A Sabedoría salva ó xusto

 

15Porque o corpo corruptible pesa na alma

e a tenda terrestre oprime a mente cavilosa.

16Se con dificultade imaxinamos o que hai sobre a terra

e con traballo atopamos o que está a man,

¿quen pescudará o que hai no ceo?

17¿Quen coñecerá o teu consello se ti non lle dás sabedoría

mandando o teu espírito santo desde o alto?

18Soamente deste xeito se endereitaron os vieiros dos terrestres,

aprenden os homes o que é do teu gusto

e son salvados pola Sabedoría.

 

Capítulo 10

 

1Ela protexeu ó pai do mundo, o primeiro en ser plasmado,

que fora creado só,

e tamén o ergueu da súa caída

2dándolle a forza para sometelo todo.

3Cando un criminoso se afastou dela na súa xenreira,

pereceu xunto cos seus degoiros fratricidas.

4Cando pola súa culpa a terra ficou alagada,

de novo a salvou a Sabedoría

patroneando ó xusto nun madeiro inservible.

 

5Foi ela por igual a que, cando as nacións se confundiron confabuladas no mal,

recoñeceu ó xusto e conservouno sen chata diante de Deus,

manténdoo firme ata por riba do amor polo seu fillo.

6No tempo do exterminio dos impíos

ela salvou ó xusto,

fuxitivo do lume que caeu sobre as cinco cidades.

7E como testemuña de tal ruindade

aínda resta un ermo fumegante

e árbores que dan o froito antes do tempo cumprido,

e, monumento a unha alma incrédula, mantense en pé a estatua de sal.

8Pois deixando de lado a Sabedoría

non só se prexudicaron non coñecendo o ben,

senón que deixaron nos viventes unha lembranza da súa necidade

de tal xeito que non puideron agachar os seus erros.

9A Sabedoría, en troques, librou de traballos ós seus fieis.

10Por vieiros rectos conduciu Ela ó xusto fuxitivo da carraxe fraterna.

Mostroulle o Reino de Deus

e deulle o coñecemento das cousas santas;

axudouno nos seus traballos

e fixo frutificar os seus esforzos,

11estivo ó seu carón fronte á cobiza dos opresores,

e enriqueceuno;

12protexeuno dos inimigos e asegurouno contra os que o axexaban;

deulle o premio do triunfo nunha dura liorta

para que se decatase de que a piedade é a máis poderosa.

13Non abandonou ela ó xusto vendido

senón que o librou de caer en pecado;

14xunto con el baixou ó cárcere

e non o deixou na cadea,

ata conseguir para el o cetro real

e o poder sobre os seus tiranos.

Os que o calumniaban, convenceunos de falsidade,

e a el concedeulle gloria imperecedoira.

15Foi ela a que liberou dunha nación asoballante

ó pobo santo, caste irreprochable.

16Penetrou a alma dun servidor do Señor

e opúxose a reis terribles con prodixios e signos;

17recompensou ós santos coa paga dos seus traballos,

levounos por un camiño marabilloso,

trocóuselles en sombra polo día,

esplendor de luminarias pola noite.

18Fíxoos atravesar polo mar Rubio

conducíndoos por entre inmensas augas;

19alagou os seus inimigos

e a resaca rexeitounos desde o fondo abismal.

20Por iso os xustos despoxaron ós impíos

e cantaron un himno, Señor, ó teu santo nome,

loando concordes a túa man vitoriosa;

21porque a Sabedoría abriu a boca dos mudos

e deu axilidade ás linguas dos meniños,