Capítulos 6-10
Non deas fianza
Capítulo 6
1Meu fillo, se saíches fiador polo teu veciño,
ou deches unha aperta de mans por un estraño;
2se te enguedellaches nas túas propias verbas
ou te cazaron con palabras da túa boca,
3obra deste xeito, meu fillo, e ponte a salvo
xa que caíches na man do teu veciño:
vai, humíllate e importúnao,
4non lles deas sono ós teus ollos
nin acougo ás túas pálpebras;
5céibate, coma gacela, do cazador,
coma o paxaro da man do trampuzas.
O nugallán e a formiga
6Ergue e vai cabo da formiga, preguiceiro,
considera o seu xeito, e faite sabio:
7Ela non ten xefe,
nin capataz, nin gobernante;
8almacena o seu gran no estío,
achega o seu xantar durante a colleita.
9E ti, nugallán, ¿canto tempo vas durmir?
¿Cando te vas erguer do sono?
10Un pouquiño a durmir, un pouquiño a adurmiñar,
un pouquiño a deitarse cos brazos cruzados
11e a pobreza chega coma un vagabundo
e a necesidade coma un mendigo.
O malvado
12Persoa argalleira é o malvado:
procede con retranca ó falar,
13chisca o ollo, fai xogos cos pés
e sinala co dedo,
14trama perversidades e matina o mal,
e sempre anda a espallar liortas;
15por iso lle ha vir de súpeto a desgraza
e nun intre será esnaquizado sen remedio.
O antisocial
16Seis cousas hai que o Señor refuga
e mais unha sétima que El aborrece:
17ollos altivos, lingua mentireira,
mans que esparexen sangue inocente,
18mente que cisma en planos perversos,
pernas que corren cara á maldade,
19quen levanta falso testemuño
e quen sementa preitos entre irmáns.
Fuxe da adúltera
20Garda, meu fillo, o mandato de teu pai
e non refugues o ensino de túa nai;
21lévaos decote atados á túa conciencia,
pendúraos do teu pescozo.
22Estando de viaxe guiarante;
deitado, vixiarante;
ergueito, falarán contigo.
23Pois o mandato é unha candea; o ensino, unha luz,
e a instrución correctiva é camiño da vida,
24para te gardares da muller maligna,
da suave lingua da estranxeira.
25Non areles con paixón a súa beleza,
que non te escravice coas súas pálpebras,
26porque o prezo da rameira é un anaco de pan
mais a casada vai á caza dunha vida preciosa.
27¿Pode alguén levar lume no peto
sen que lle ardan os vestidos?
28¿Poderá camiñar sobre ascuas
sen que se lle queimen os pés?
29Pois tal acontece co que se achega á muller do veciño;
quen a toque non quedará indemne.
30Non se aldraxa a un ladrón cando rouba
para encher o seu estómago famento,
31pero se o atrapan terá que restituír o séptuplo,
ha de deixar canto teña de valer na casa.
32Quen comete adulterio cunha muller non ten siso;
o que a viola, destrúese a si mesmo;
33atopará violencia e infamia,
non borrará a súa vergonza,
34porque os celos inflaman ó marido
e non terá piedade cando se vingue,
35non considerará compensación ningunha,
nin aceptará agasallos por moitos que lle mandes.
Retrato da sedutora
Capítulo 7
1Meu fillo, atende as miñas razóns,
garda dentro de ti os meus mandatos;
2observa os meus preceptos para que vivas
e o meu ensino coma a meniña dos teus ollos;
3átaos ós teus dedos,
escríbeos na táboa do teu corazón.
4Dille á sabedoría: ‑"Ti es a miña noiva",
chámalle á intelixencia: ‑"Prometida",
5de xeito que te garde da muller allea
e das verbas suaves da estranxeira.
6Por certo, estaba eu na fiestra da miña casa,
ollando pola cancela,
7e velaquí que descubrín entre os inxenuos,
percibín entre os rapazotes,
un mozo sen siso
8atravesando a rúa na revolta
e dirixirse camiño da súa casa.
9Era entre lusco e fusco, no serán,
no escuro da lúa nova.
10E velaí que lle sae ó encontro unha muller
co vestido e xeitos arteiros dunha mala femia,
11desenvolta e inqueda;
os pés non a puideran reter na casa:
12sexa na rúa, sexa na casa,
está sempre a axexar por todos os recantos.
13Entón aferra nel e bícao
e con descaro dille:
14‑"Estaba a preparar un banquete sacrificial,
pois hoxe teño que cumprir os meus votos;
15por iso saín por te invitar,
procureite por todas as partes e xa te encontrei;
16cubrín o meu leito de tapetes,
con cobertores de cor, de liño de Exipto;
17perfumei a alcoba
con mirra, áloe e nardo.
18Ven, embriaguémonos de agarimos ata o amencer,
gocémonos cos nosos amoríos,
19que o meu home non está na casa,
vai de viaxe para tempo;
20levou consigo a bolsa do diñeiro
e non volverá ata a lúa chea".
21Sedúceo ela deste xeito coas súas moitas razóns
e arrástrao cos seus labios falaces.
22E o parviño vai tras ela
coma vai o boi ó matadoiro,
coma o cervo se enguedella no lazo,
23coma o paxaro voa cara á trampa
ata que a frecha lle atravesa o fígado,
sen se decatar que aí lle vai a vida.
24Polo tanto, filliños, escoitádeme,
atendede as miñas palabras:
25Non dobregues o teu ánimo para os seus camiños,
non te extravíes nas súas vereas,
26que moitos son os feridos que ela guindou,
todas as súas vítimas son innumerables,
27a súa casa é o camiño do Xeol
que descende ata as moradas da morte.
A Sabedoría onda Deus
Capítulo 8
1Velaquí a Sabedoría que chama,
o discernimento ergue a súa voz
2nos cumios, á beira dos camiños,
apóstase nas congostras,
3xunto ás portas da cidade,
a carón das cancelas, pregoa:
4É por vós, homes, por quen chamo,
a miña voz diríxese á humanidade.
5Inxenuos, aprendede a habilidade,
necios, adquiride siso;
6escoitade, que vou dicir cousas elevadas,
o que dirán os meus labios é honrado,
7pois a miña boca moumea a verdade
e os meus labios aborrecen o mal.
8Todos os meus ditos son honestos,
non hai neles cousa torta nin perversa;
9todos eles son sinceros para o home asisado,
e rectos para cantos acadaron saber.
10Aceptade a miña instrución mellor có diñeiro
e o coñecemento máis có ouro refinado,
11pois a sabedoría vale máis do que as perlas
e non ten comparanza co máis prezado.
12Eu, a Sabedoría, convivo coa prudencia,
sei dar cos procedementos axeitados.
13(Temer a Deus é odiar o mal)
Eu aborrezo o orgullo e a fachenda,
a mala conduta e a boca perversa;
14meus son o plano político e a competencia,
a intuición e mais o poder;
15polo meu medio reinan os reis
e os gobernantes decretan leis xustas;
16por min administran os estadistas
e mais os magnates: todo o que ten dereito a gobernar.
17Eu amo a quen me ama
e quen me procura hame encontrar;
18eu traio fartura e honra,
riqueza ben fundada e xustiza;
19o meu froito é mellor có ouro bruto e có refinado,
o meu produto vale máis cá prata de lei;
20eu marcho polo vieiro da xustiza,
polas vereas da equidade,
21repartindo propiedades ós que me aman
e enchendo os seus tesouros.
22O Señor produciume ó encetar a súa tarefa,
antes das súas actividades;
23desde a antigüidade, desde o remoto pasado fun formada,
antes das orixes da terra.
24Cando non había océanos abismais, fun parida,
cando non había fontes, mananciais de auga;
25aínda non foran afincadas as montañas,
antes dos outeiros, fun dada a luz;
26cando aínda non fixera a terra e as campías
nin os terróns primeiros do mundo,
27cando afirmaba o ceo, alí estaba eu;
cando gravaba o cerco arredor do abismo,
28cando aseguraba as nubes no alto
e daba enerxía ás fontes subterráneas,
29cando lle impuxo os lindes ó mar
de xeito que as augas non incumprisen o seu mandato,
cando fixaba os alicerces da terra,
30alí mesmo estaba eu, cabo del, coma un mestre de obras,
dándolle gusto día tras día,
folgando diante del continuamente,
31recreándome no orbe da terra,
e o meu pracer foron os seres humanos.
32Escoitádeme, xa logo, filliños:
felices os que seguen os meus camiños;
33atendede a instrución e sede sabios,
non a refuguedes.
34Feliz o home que me escoita
velando as miñas portas día a día,
gardando os marcos da miña cancela;
35pois quen me atopa atopou a vida
e obtivo o favor do Señor;
36mais quen me ofende, a si mesmo se violenta,
todos os que me odian, aman a morte.
O banquete da Sabedoría
Capítulo 9
1A Sabedoría construíu a súa casa
tallou as súas sete columnas,
2fixo a matanza do gando, mesturou o seu viño,
e preparou a súa mesa;
3despachou as súas criadas a anunciar o convite
polos altos da cidade:
4‑"Quen sexa inxenuo, que se achegue aquí";
ó que carece de siso dille:
5‑"Vide, comede do meu pan
e bebede do viño que mesturei,
6deixade a vosa inxenuidade e viviredes,
camiñade pola vía da intelixencia".
7Quen corrixe ó burlón, carga el coa aldraxe;
quen reprende ó impío, é el a deshonrarse.
8Non corrixas ó insolente, non sexa que te odie;
corrixe a un sabio, e hate amar.
9Dálle instrución ó sabio: tornarase máis sabio;
informa ó xusto, e acrecentará a súa doutrina.
10O comezo da Sabedoría é o Temor do Señor,
e o coñecemento do Santo é intelixencia.
11Polo meu medio multiplicaranse os teus días,
hánsete acrecentar os anos da vida;
12se te fas sabio, será para o teu proveito,
se te fas burlón, serás ti só a sufrilo.
13Dona Tolemia é turbulenta,
inxenua, non sabe ren.
14Séntase á porta da casa
nunha cadeira no alto da vila,
15para chamar polos paseantes,
polos que van dereitos polo seu camiño:
16‑"Quen sexa inxenuo, que se achegue aquí".
E ó que carece de siso, dille:
17‑"Doces son as augas roubadas
e o pan prohibido é máis gustoso".
18E o tal non sabe que alí fican os mortos
e os seus convidados, nos vales do Xeol.
SEGUNDA COLECCIÓN
PROVERBIOS DE SALOMÓN (10-22, 16)
Antoloxía "A" (10-15)
Capítulo 10
1Proverbios de Salomón.
Fillo sabio alegra a seu pai,
fillo necio dá mágoa a súa nai.
2Tesouros mal gañados non dan proveito,
pero a xustiza libra da morte.
3O Señor non deixa pasar fame á gorxa do xusto
mais porá impedimento ó degoiro dos malos.
4Man indolente carrexa pobreza,
brazo dilixente enriquece.
5Quen recolle no verán é asisado,
quen dorme durante a colleita é unha desgraza.
6As bendicións para a cabeza do xusto,
pero a violencia tapa a boca do malvado.
7A lembranza do xusto provoca bendicións,
mais a sona dos perversos podrece.
8Home de mente sabia acolle directrices,
o de labios necios bótase a perder.
9Quen camiña a dereitas vai seguro,
quen vai polas tortas é atrapado.
10Quen fai que non ve carrexa dor,
quen corrixe na cara constrúe a paz.
11Manancial de vida é a boca do xusto,
mais o parolar dos perversos encobre violencia.
12O odio acende liortas,
pero o amor pasa por riba da ofensa.
13Nos labios do intelixente atópase a Sabedoría,
no lombo do parvo, o fungueiro.
14Os sabios amorean saber,
mais a boca do necio é ruína inminente.
15A fortuna do rico é o seu castelo ameado,
o terror dos pobres é a súa miseria.
16A paga do xusto é a vida,
a ganancia do malvado é o erro.
17Camiña para a vida quen acepta a instrución,
o que refuga a corrección pérdese.
18É de labios falaces o que acocha xenreiras
e quen espalla calumnias é un insensato.
19Nunha chea de verbas non faltará o erro,
o que contén os labios sabe o que fai.
20Lingua de xusto, prata de lei;
matinar de perversos, refugallo.
21Os labios do xusto pastan a moitos,
os parvos morren por falta de siso.
22É a bendición do Señor a que fai rico
e o esforzo non engade nada.
23Tramar un plano torcido é o xogo do necio,
e do home intelixente é a Sabedoría.
24O malvado vénlle enriba o que teme,
ós xustos dáselles o que arelan.
25Pasou a galerna, esvaeceu o malvado;
mais o xusto é un alicerce perenne.
26Vinagre para os dentes, fume para os ollos;
tal é o preguiceiro para quen lle dá un mandado.
27O Temor do Señor acrecenta días,
os anos dos malvados abrévianse.
28Leda é a expectación dos xustos,
a esperanza dos malvados perecerá.
29Salvagarda do honrado é o poder do Señor,
mais é terror para os que fan o mal.
30O xusto non será endexamais abaneado,
os malvados non habitarán a terra.
31A boca do xusto produce Sabedoría,
a lingua mentireira será tallada.
32Os labios do xusto flúen boa vontade;
a boca malvada, dobres intencións.