Capítulos 11-15
Capítulo 11
1Balanzas enganosas aborréceas o Señor,
o seu gusto son as pesas axustadas.
2Detrás da fachenda chega a vergonza,
pero a Sabedoría vai cos modestos.
3A integridade guía ós rectos,
a falsidade destrúe ós traidores.
4De nada vale a fortuna no día da ira,
mais a xustiza salva da morte.
5A xustiza dos íntegros enderéitalles o camiño,
pola súa maldade vén o malo a caer .
6A xustiza dos rectos sálvaos,
pola súa cobiza son atrapados os traidores.
7Morto o malvado, acabóuselle a esperanza
e o seu afiuzar nas riquezas perece.
8O xusto líbrase da angustia,
o malvado ocupa o seu lugar.
9O hipócrita coa boca afunde ó veciño,
mais polo seu saber sálvanse os xustos.
10Polo éxito dos xustos alégrase a vila,
e pola perda dos malvados fai festa.
11Coa bendición dos honrados medra a cidade,
coa leria dos malvados arruínase.
12Quen aldraxa ó veciño non ten siso,
o home prudente cala.
13Quen anda con contos descobre segredos,
home de fiar garda a palabra.
14Sen boa dirección pérdese un pobo,
o progreso está nos moitos expertos.
15Mal lle irá a quen sae fiador por un estraño,
quen refuga eses tratos terá seguridade.
16A muller xeitosa bótanselle flores,
e os arriscados conquistan riqueza.
17O home piadoso para si mesmo é bo,
o cruel a si mesmo se dana.
18O malvado leva unha paga ilusoria,
quen sementa xustiza leva un salario de lei.
19O que sementa a xustiza ten por destino a vida,
quen persegue o mal vai cara á morte.
20Aborrece o Señor os corazóns torcidos,
e comprácese nos de conduta honrada.
21Abofé que o malvado non quedará impune,
a descendencia dos xustos será posta en liberdade.
22Anel de ouro no fociño dun porco
é a muller fermosa pero sen xeito.
23A arela dos xustos é só o ben
a esperanza dos malvados xera ira.
24Hai quen é xeneroso e se fai máis rico;
hai quen aforra de máis e vive na miseria.
25Quen crea prosperidade el mesmo medra,
e quen abebera será abeberado.
26Toda a bisbarra maldí ó que retén o trigo,
e enche de bendicións a quen o vende.
27Quen madruga para facer o ben atrae o favor,
mais o mal sae ó encontro de quen o busca.
28Quen afiúza na súa riqueza murcharase,
pero os xustos agromarán coma follas.
29Quen arruína o casal vai herdar vento,
e o parvo chegará a escravo do sabio.
30O froito dun home recto é a árbore da vida,
e o sabio atrae as persoas.
31Se o xusto recibe na terra o seu debido,
moito máis o perverso e o pecador.
Capítulo 12
1O que ama a instrución ama o saber,
mais o que odia a corrección é estúpido.
2O bo acada o favor do Señor,
pero El condena ó retorto.
3O home non se ten en pé sobre a maldade,
mais a raiceira dos xustos non se conmove.
4A muller mañosa é a coroa do seu home,
a desvergonzada é carie nos ósos.
5Teima dos xustos é a equidade;
matinación dos malvados, o engano.
6As verbas dos perversos son emboscadas criminais,
o falar dos rectos fainos ceibes.
7Os malvados son abatidos e desaparecen,
pero o casal dos xustos mantense.
8Loan a un polo seu siso,
mais o arteiro será aldraxado.
9Mellor lle vai a un home modesto que teña de que vivir,
do que ó fachendoso que non ten pan.
10O de bo natural atende á fame do gando,
mais os sentimentos do malvado son crueis.
11Quen traballa a súa terra fartarase de pan,
o que anda ás nugallas é parvo.
12O alicerce dos malvados é derrubado,
mais o raigaño dos xustos mantense.
13Enguedéllase o malo no exceso dos seus labios,
pero o xusto foxe da estreitura.
14Pode un home encherse co froito do que fala,
e ser recompensado polo que faga coas mans.
15O parvo parécelle recta a súa conduta,
mais soamente é sabio quen escoita un consello.
16A carraxe do parvo axiña se mostra,
mais o astuto disimula unha inxuria.
17O home veraz conta a verdade;
a testemuña falsa, a mentira.
18Persoas hai que falan a estocadas,
a fala dos sabios é medicina.
19Falar sincero dura para sempre;
fala embusteira, tan só un intre.
20O engano é a intención dos que argallan o mal,
mais a ledicia é a paga dos que aconsellan a paz.
21Ningún mal caerá sobre o xusto,
mais os malvados fican cheos de coitas.
22Aborrece o Señor os labios mentireiros,
comprácese, en troques, nos que practican a verdade.
23O home astuto esconde o seu saber,
os parvos pregoan as súas tolemias.
24Man dilixente, ó goberno;
man nugallá, a servir.
25A ansiedade no corazón do home angústiao,
a verba agarimosa alégrao.
26O home de ben móstralle a vía ó amigo,
o camiño dos perversos extravía.
27O preguiceiro non asa o que cazou,
mentres o dilixente amorea riquezas.
28No vieiro da xustiza atópase a vida,
o camiño da necidade leva á morte.
Capítulo 13
1O fillo asisado acolle a disciplina paterna,
o petulante non dá escoita á reprensión.
2Un home pode xantar abondo do froito do seu falar,
mais o degoiro dos traidores é a violencia.
3Quen garda a boca garda a vida,
o laretas busca a súa ruína.
4Moito arrela o nugallán, mais en van;
en troques, a arela dos dilixentes vese cumprida.
5Odia o xusto as verbas mentireiras,
o malvado deshónrase e deshonra.
6A xustiza garda ó home sen chata,
a desgraza bota abaixo ó pecador.
7Hai quen se fai o rico e non ten nada,
e quen pasa por pobre e reborda de bens.
8Algúns coa riqueza rescatan a vida,
o pobre non teme as ameazas.
9A luz dos xustos refulxe,
a candea dos malvados esmorece.
10O testalán fai xurdir liortas coa súa fachenda,
a sabedoría está cos que se aconsellan.
11Riqueza gañada axiña pouco dura,
o que a xunta pouco a pouco acrecentaraa.
12Esperanza aprazada fai adoecer o corazón,
arela cumprida é unha árbore de vida.
13Quen despreza o mandato arruínase,
a quen respecta a norma iralle ben.
14O ensino do sabio é fonte de vida
que afasta das trapelas da morte.
15O bo senso gaña favores,
as maneiras dos falsos son a súa perda.
16O astuto todo o fai con siso,
o parvo espalla necidade.
17O mensaxeiro malvado fai caer en desgraza,
o mensaxeiro fiel leva curación.
18Pobreza e vergonza para o que desbota a instrución,
mais quen escoita a crítica acadará honra.
19Desexo satisfeito, dozura para o espírito;
para os necios é un horror apartarse do mal.
20Vai onda os sabios: volverás sabio;
quen fai compaña ós necios, terá que sufrir.
21A desfeita persegue ós pecadores,
os bos son premiados con felicidade.
22A herdanza do home bo chega ata os netos,
o pecador xunta a fortuna para o xusto.
23Agra de ricos dá moita mantenza,
mais pérdese por falta de xustiza.
24O que aforra vara, odia ó seu fillo;
quen lle ten boa lei dáse présa en corrixilo.
25O xusto xanta a boca chea,
o bandullo dos perversos fica baleira.
Capítulo 14
1A muller sabia constrúe o seu lar,
a tolemia destrúeo coas propias mans.
2Quen ten bo proceder teme o Señor,
o de camiños tortos desprézao.
3O falar do parvo é unha vara nas súas costas,
as palabras dos sabios defenden.
4Falta de gando, mingua de gran;
forza no boi, colleita farturenta.
5Testemuña de lei non mente,
testemuña falsa burbulla mentiras.
6O parvo procura sabedoría e non a atopa,
mais para o intelixente o saber é cousa doada.
7Fuxe do rastro do tolo,
non encontrarás nel labios asisados.
8O saber do astuto acláralle o camiño,
a tolemia dos parvos lévaos ó engano.
9Os necios búrlanse da culpa,
os honrados distinguen o facer axeitado.
10Só o espírito sabe da propia amargura,
ningún alleo ten parte na súa ledicia.
11O casal dos perversos vénse abaixo,
a tenda dos honrados prospera.
12As veces coida un que é recto o seu camiño,
e, ó remate, vai dar na morte.
13Mesmo no rir sofre o corazón,
e a ledicia acaba na dor.
14O renegado fartarase do seu proceder,
e o home bo, do das súas obras.
15O inxenuo dá creto ó que sexa,
o asisado calcula os seus pasos.
16O sabio é cauto e afástase do mal,
o parvo chímpase tan seguro.
17O impulsivo fai toleiras,
mais o que bota contas agarda.
18Os inxenuos teñen por herdanza a necidade,
o asisado abrangue o saber.
19Os malvados dobréganse diante dos bos,
e os impíos, ás portas do xusto.
20O pobre é odiado mesmo do seu compañeiro,
o rico ten amigos a milleiros.
21Quen aldraxa ó seu veciño, peca;
bendito quen se apiada dos pobres.
22¿Por caso non erran os que argallan o mal?
A bondade e a fidelidade son para os que fan o ben.
23Todo traballo ten o seu proveito,
mais o parolar leva á miseria.
24A coroa dos sabios é a súa riqueza,
diadema dos insensatos é a necidade.
25Testemuña de fiar salva vidas,
o perxuro é un enredante.
26O temor do Señor é a fortaleza dun home,
para os seus fillos é un refuxio.
27O temor do Señor é fonte de vida
que afasta das trapelas da morte.
28Pobo numeroso é orgullo do rei;
mingua de xente, ruína do príncipe.
29Demostra bo siso o lento na ira,
quen ten arroutadas ben proba que é parvo.
30Animo temperado, saúde no corpo;
a envexa corroe os ósos.
31Quen asoballa ó pobre inxuria ó seu creador,
e faille honra quen acorre a un mendigo.
32Pola súa malicia o malo é refugado,
mais ten confianza o xusto cando morre.
33En mente atinada mora a sabedoría,
no interior dos necios expira.
34A xustiza fai grande a unha nación,
o pecado é a desgraza dos pobos.
35O favor do rei vai ó ministro avisado;
a súa carraxe, ó desvergonzado.
Capítulo 15
1Unha resposta doce alonga a cólera,
unha verba ferinte acende a ira.
2A lingua dos sabios fai destilar saber,
a boca dos tolos burbulla tolemia.
3Os ollos do Señor atópanse en todo,
vixiando tanto os malos como os bos.
4Unha lingua apracible é árbore de vida;
cando é perversa, fere no espírito.
5O tolo despreza a corrección paterna,
mais tórnase asisado quen ten en conta a reprensión.
6No casal do xusto reina a fartura;
nas ganancias do impío, a inquietude.
7Labios de sabios espallan saber,
o matinar do impío non acouga.
8Aborrece o Señor a ofrenda dos impíos,
mais a pregaria dos rectos acada o seu favor.
9Aborrece o Señor a conduta do impío,
mais ó que procura a xustiza tenlle amor.
10Terá un severo castigo quen aparta do seu vieiro,
e quen refuga a reprensión vai dar na morte.
11O Xeol e a perdición están ante os ollos do Señor,
¡canto máis as mentes dos humanos!
12Non lle agrada ó insensato que o critiquen,
nin se reúne cos sabios.
13O corazón feliz alegra a cara,
o sufrir interno creba o espírito.
14O de ánimo sensible procura o saber,
a boca dos necios fártase de parvadas.
15Todos os días do desgraciado son tristes;
para o de ánimo alegre, un banquete continuo.
16Mellor é un pouquiño con temor do Señor,
ca moreas de bens con inquedanza.
17Mais vale cunca de grelos con cariño
ca xato cebado con xenreira.
18Home acalorado fai alampar a liorta,
o cachazudo pon sosego na disputa.
19O camiño do preguiceiro ten por sebe as silveiras,
o vieiro do recto está ben achanzada.
20Un fillo sabio alegra a seu pai,
o necio deshonra a súa nai.
21A tolemia é troulada para o falto de siso,
o home intelixente camiña a dereitas.
22Onde non se fai xuntanza malógranse os planos,
pero cúmprense cos moitos conselleiros.
23¡Que ledicia para un home saber responder por si!
e ¡que boa é unha palabra ó seu tempo!
24Hai un vieiro de vida ‑costa arriba‑ para o sabio,
para se afastar do Xeol ‑costa abaixo‑.
25O Señor destrúe o casal dos fachendosos,
pero afinca o lindeiro da viúva.
26Aborrece o Señor as malignas matinacións,
mais as verbas axeitadas son limpas.
27O famento de lucro arruína a súa casa;
quen odia os regalos interesados, vivirá.
28A mente do xusto medita antes de responder,
a boca dos perversos burbulla maldades.
29Apártase o Señor dos perversos,
pero escoita a pregaria dos xustos.
30Uns ollos brillantes alegran o corazón,
unha boa noticia fortalece os ósos.
31Oído que escoita a corrección saudable,
asentará no medio dos sabios.
32Quen refuga a instrución, rexeita a vida;
quen dá escoita á corrección, faise asisado.
33O temor do Señor é escola da Sabedoría,
pois a humildade precede á gloria.