Capítulos 1-5

 

 

Capítulo 1

 

1Proverbios de Salomón, fillo de David, rei de Israel,

2Para aprender sabedoría e boas maneiras,

para comprender ditos intelixentes,

3para adquirir doutrina asisada,

o dereito, xustiza e boa lei,

4para lle dar ó inexperto habilidade

e ó rapaz novo, ciencia e discernimento;

5‑o sabio escoita e acrecenta o seu saber,

o intelixente adquire a arte de se gobernar‑

6para dar co senso dun refrán ou dun dito agudo,

das sentencias dos sabios e das adiviñas.

7O temor do Señor é o comezo do saber;

só os necios se burlan da Sabedoría e da Instrución.

 

PRIMEIRA COLECCIÓN (1, 8-9, 18)

 

Fuxe dos cobizosos

 

8Filliño, escoita a instrución de teu pai

e non refugues o ensino de túa nai;

9serán unha graciosa diadema na túa cabeza

e un colar no teu pescozo.

10Meu fillo, se os pecadores intentan enganarte

non llelo consintas.

11Se din: ‑"ven connosco,

fagamos unha emboscada ás agachadas,

axexemos o inocente porque nos peta,

12devorémolos en vivo como fai o Xeol,

nunha peza, coma ós que descenden para a cova,

13atoparemos toda clase de cousas prezadas,

imos encher as nosas casas de espolios.

14¡Bota a túa sorte connosco,

imos facer bolsa común!".

15Meu fillo, ¡non os acompañes nesa viaxe!

¡Afasta as túas pegadas dos seus vieiros!

16Porque as súas pernas corren ó mal,

danse présa a esparexer o sangue;

17(pois en van se lanza a rede

á vista mesma dos seres alados)

18e eles están a insidiar contra o propio sangue,

axexan, pero contra as propias vidas.

19Tales son sempre os camiños de quen cobiza ganancias

que perden as vidas dos seus donos.

 

A Sabedoría predicadora

 

20A Sabedoría bota o pregón pola rúa,

alza a súa voz polas rúas,

21fai a prédica desde o alto dos muros,

ás entradas das portas da vila di o seu discurso:

22‑"¿Ata cando, inxenuos, amaredes a inxenuidade,

e os burlóns se gozarán coa burla

e os parvos refugarán o saber?

23Se vos convertedes cando vos amoeste,

fareivos burbullar o meu ánimo,

comunicareivos os meus pensamentos.

24Mais xa que vos chamei e recusastes,

tendinvos a man e ninguén atendeu,

25rexeitastes calquera consello meu

e non acollestes a miña reprensión,

26tamén eu vou rir da vosa desgraza

e botar gargalladas cando vos chegue o terror:

27cando o medo vos sorprenda coma unha ventada

e vos veña a calamidade coma unha treboada,

cando se vos acheguen agonía e angustia.

28Berrarán por min daquela, mais non responderei,

ergueranse cedo a procurarme, e non me atoparán.

29Xa que aborreceron o saber

e non preferiron o temor do Señor;

30non quixeron aceptar o meu consello

e desprezaron todas as miñas amoestacións.

31Xantarán do froito do seu proceder,

fartaranse das súas matinacións,

32porque ós parvos mátaos a súa indisciplina

e os tolos pérdense pola súa indolencia;

33mais quen me escoita morará ben seguro,

tranquilo, sen temor do mal".

 

Consellos programáticos

 

Capítulo 2

 

1Meu fillo, se te apropias os meus ditos

e atesouras os meus mandatos

2dando oído á Sabedoría,

inclinando o teu ánimo ó discernimento;

3certo, se chamas pola intelixencia

e reclamas con berros a razón,

4se a procuras como farías coa prata

e cavas por ela coma por un tesouro,

5entenderás entón o temor do Señor

e atoparaste co coñecemento de Deus;

6pois é o Señor quen dá a Sabedoría,

da súa boca chegan a ciencia e a intelixencia;

7reserva El a competencia para os honrados,

é un escudo para os de conduta sen tacha,

8gardando os vieiros da xustiza

e coidando o camiño dos seus fieis.

9Distinguirás entón o dereito, a xustiza

e boa lei: todas as xeiras da felicidade;

10porque a Sabedoría entrará no teu ánimo

e o coñecer dará gusto ó teu padal;

11a discreción velará sobre ti,

gardarate o discernimento,

12rescatándote do mal camiño

dos que falan con retranca,

13dos que abandonan os vieiros sinxelos

para camiñar por rúas entebrecidas,

14dos que gozan facendo o mal

e se deleitan na perversidade,

15dos que seguen vieiros tortos

e van por camiños extraviados.

 

16Preservarate da muller allea,

da descoñecida que fala con agarimo

17que se alongou do compañeiro da súa mocidade

e esqueceu a alianza do seu Deus,

18pois a súa casa inclínase cara á morte,

as súas xeiras cara ás sombras dos mortos;

19quen a ela vai non torna

nin acada os vieiros da vida.

 

20Así poderás marchar polo camiño dos bos

e gardar os vieiros dos xustos.

21Pois os homes honrados habitarán na terra,

os íntegros serán deixados nela,

22mais os malvados serán desbotados da terra

e os traizoeiros extirpados dela.

 

A práctica relixiosa

 

Capítulo 3

 

1Filliño, non esquezas o meu ensino

e garda no ánimo os meus mandatos

2pois hante acrecentar longura de días,

anos de vida e prosperidade;

3que non te abandone a lealdade constante,

cínguea arredor de túa gorxa,

escríbea na táboa do teu corazón.

4Acadarás aceptación e boa sona

á vista de Deus e mais dos homes.

 

5Confía no Señor con todo o teu ser

e non te apoies na propia intuición;

6teno en conta en todos os teus camiños

e El achanzará os teus vieiros.

7Non te teñas por sabio,

teme ó Señor e arreda do mal;

8Ese será un tónico para a túa saúde

e un remedio para os teus ósos.

 

9Honra ó Señor cos teus bens,

coa primicia de todo canto gañes;

10encheranse os teus cabazos de gran

e as túas pipas estouparán de mosto.

11Filliño, non rexeites a instrución do Señor,

non leves a mal a súa corrección,

12pois o Señor reprende a quen ama

e aflixe ó fillo benquerido.

 

Loanza da Sabedoría

 

13Ditoso o home que dá coa Sabedoría

e o que vén dotado de discernimento,

14pois adquirila é de máis proveito cá prata

e de máis ganancia có ouro;

15é de máis prezo có coral,

non se lle compara canto poidas desexar.

16Na súa dereita leva unha vida longa,

na esquerda, a riqueza e a honra.

17Os seus camiños son deliciosos,

os seus vieiros, cheos de paz;

18é a árbore da vida para os que a aferran,

os que a reteñen son felices.

19O Señor fundou a terra por medio da Sabedoría,

afirmou o ceo co discernimento;

20polo seu saber burbullan as fontes abismais

e as nubes destilan o orballo.

 

Deberes da convivencia humana

 

21Meu fillo, non as perdas de vista:

pon garda á competencia e á habilidade.

22Serán vida para a túa gorxa,

beleza no teu pescozo.

23Irás entón seguro no teu camiño

sen tropezar co pé.

24O te ires deitar, non pasarás medo;

unha vez deitado, será doce o teu sono.

25Non che fará tremer un espanto súbito

nin a destrución que cae sobre os malvados,

26pois o Señor estará ó teu carón

e gardará da trampa o teu pé.

 

27Non lle negues un favor a quen ten dereito a el,

cando está no teu poder o concedelo.

28Non lle digas ó teu veciño: ‑"Vai e volta outra vez,

mañá eu che darei", se tes con que.

29Non amañes un mal contra o teu próximo

cando el vive confiado á túa beira.

30Non lle poñas preito a ninguén sen motivo,

cando non che fixo prexuízo ningún.

31Non envexes o violento

nin adoptes os seus procedementos,

32pois o Señor aborrece ó perverso,

e reserva a súa intimidade para os honrados.

33A maldición do Señor cae sobre o casal do impío,

pero bendí a morada dos xustos.

34Cos burlóns, búrlase deles,

mais demostra o seu favor ós humildes;

35Os sabios herdan a honra,

os parvos gañan a vergonza.

 

A Sabedoría desposada

 

Capítulo 4

 

1Escoitade, fillos, a instrución dun pai,

dade atención para aprender intelixencia;

2É unha boa tradición o que vos dou,

non esquezades o meu ensino,

3pois tamén eu fun fillo de meu pai

fillo único e querido de miña nai.

4Cando el me ensinaba, dicía:

‑"¡Que o teu ánimo recolla as miñas palabras,

garda os meus mandatos e medrarás!

5Adquire Sabedoría, adquire intelixencia,

non as esquezas nin te afastes dos meus ditos.

6Non a repudies; ela hate gardar;

quérea ben e hate protexer.

7Esencia de Sabedoría é: ¡Adquire Sabedoría!

e mesmo por canto teñas, procura a intelixencia.

8Faille agarimos, e enxalzarate;

dálle unha aperta, e encherate de honor;

9porá na túa cabeza unha diadema xeitosa,

darache en agasallo unha coroa espléndida".

 

Aparta do mal camiño

 

10Filliño, escoita e acolle as miñas razóns

para que se che multipliquen os anos de vida.

11Eu diríxote polo camiño da Sabedoría

guíote por un vieiro recto;

12O camiñares non serán impedidos os teus pasos;

se botas a correr non tropezarás.

13Aférrate á instrución, non a deixes da man;

gárdaa, pois nela vaiche a vida.

14Non collas para o vieiro dos malvados

nin te encamiñes pola xeira dos perversos:

15tíraa da cabeza, non atraveses por ela,

dá un rodeo e sigue adiante;

16pois os tales non dan durmido se non fixeron algunha,

non lles vén o sono se non afundiron a alguén;

17xantan do pan do crime,

beben do viño da violencia.

18Nembargantes o vieiro dos xustos é coma a luz do abrente

e vai medrando ata o pleno día;

19en troques o camiño dos malvados é coma a tebra,

non saben contra onde van bater.

 

O control da conciencia

 

20Meu fillo, está atento ás miñas palabras,

tende a orella ó que che vou dicir,

21non as perdas de vista,

gárdaas ben no sentido;

22son vida para quen dá con elas,

e un tónico total para o seu corpo.

23Por riba de todo garda o corazón

pois del burbullan os mananciais da vida;

24afasta de ti a fala perversa

alonga de ti os labios falsos;

25que os teus ollos miren dereito

e as túas olladas vaian de fronte;

26ten coidado onde pos as túas pegadas,

e sexan firmes todas as túas vías;

27non vires nin para a dereita nin para a esquerda,

arreda os teus pés do mal.

 

Dúas castes de muller

 

Capítulo 5

 

1Meu fillo, atende á miña Sabedoría

dá oído ó meu discernimento;

2dese xeito poderás gardar confidencias

e os teus labios conservarán saber.

3Os labios de muller allea pingan mel

e o seu padal esvara máis có aceite;

4pero ó remate amarga máis có áloe,

é máis tallante ca unha espada de dous fíos;

5os seus pés van descendendo para a morte,

as súas pegadas van dar no Xeol;

6non ten ela en conta o camiño da vida,

os seus vieiros cambian, nunca ten sosego.

7Polo tanto, filliño, escóitame,

non te afastes das miñas razóns;

8arreda dela o teu camiño,

non te achegues á porta da súa casa;

9non sexa que deixes para outros o teu honor

e os teus anos a un ser cruel;

10non sexa que aproveiten os alleos o teu vigor

e as túas fatigas na casa da estranxeira,

11que entón te laiarías ó virche enriba a fin,

ó se che consumiren o corpo e mais as carnes;

12dirías daquela: "¡Malia de min, que aborrecín a instrución

e o meu corazón desprezou a corrección!

13Non quixen escoitar a voz dos meus mestres

e non prestei oído ós meus ensinantes;

14pouco faltou para me ver totalmente arruinado

diante da asemblea e do consello".

15Bebe a auga da túa cisterna,

e as burbulladas do teu pozo.

16¿Ias derramar pola rúa os teus regatos

polas prazas as túas canles?

17¡Que sexan para ti só

non para as compartires cos estraños!

18¡Que sexa bendita a túa fonte

e goces coa compañeira da túa mocidade,

19cerva amada, gacela xeitosa!

¡Que os seus peitos te teñan sempre bébedo

e decote te envolva o seu amor!

20¿Por que, meu fillo, irte axuntar coa allea?

¿Por que abrazar o seo dunha estranxeira?

 

21Que Deus ten diante dos ollos o proceder dos homes,

enxerga todos os seus vieiros;

22as propias culpas cazan ó malvado,

enrédase nas cordas do seu pecado

23e morre pola súa indisciplina;

será amortallado na súa necidade.