Capítulos 6-12
V. O desexo que non se sacia
Capítulo 6
1Outro mal vin baixo o ceo que preme moito nos homes:
2Dálle Deus a un riquezas, bo vivir, boa sona; nada lle faltou ó seu apetito de canto puidese arelar; pero Deus non lle permite gozalo, senón que un alleo llo goza. Iso si que é absurdo e unha desventura grande.
3Por máis que críe cen fillos e viva unha morea de anos; por moitos que sexan os seus días, se non pode fartar a súa fame de felicidade, nin acada sepultura, coido eu que máis sorte ten un aborto, 4xa que:
"Chega en van, vaise coas tebras, e na sombra ocúltase o seu nome".
5Aínda que non ollase o sol e non coñeza nada, con todo máis repousa este có outro.
6E mesmo se un vivise dous milleiros de anos sen experimentar goce ningún, ¿non van dar todos no mesmo lugar?
7"Todo canto o home trasfega é para a súa boca mais a súa gorxa non se dá enchida".
8¿Que vantaxe lle leva o sabio ó necio, ou o pobre ó que sabe arranxarse pola vida?
9"Mellor é ter algo á vista, que deixar vagar o desexo".
Pero tamén isto é un sopro e papar ventos.
10O que sucede xa estaba determinado hai tempo. O que un home é xa se sabía. Non é el quen para debatelo con quen pode máis ca el.
11O moito falar disto non fai máis que aumentar o sen sentido. ¿De que lle serve ó home?
12Pois ¿quen sabe o que lle cómpre ó home na súa vida cos días contados do vivir efémero que esmorece coma a sombra? ¿E quen pode informalo do que vai acontecer despois del baixo o sol?
VI. ¿Que é o mellor?
Capítulo 7
1"Máis vale unha boa sona do que un perfume caro" e "o día da morte có dia de nacer".
2"Mellor é ir a un velorio que ir a unha casa en festa". Alí se atopa un coa fin de todo home, e a quen aínda vive dálle en que matinar.
3Mellor é sufrir que rir, pois a faciana seria faille ben á conciencia.
4"A reflexión dos sabios acouga na casa en loito; mais a arela dos parvos, onde haxa troulada".
5É preferible ter que escoitar a reprensión dun sabio que soportar os cantos dos alpabardas, 6xa que:
"Como o chispear dos toxos baixo o pote é a gargallada do necio"; e tamén iso é vaidade.
7E outra cousa sen tino: a chantaxe pode facer tolear o Sabio e o suborno corromperlle o bo xuízo.
8Mellor é o remate dun asunto có comezo; mellor é a paciencia cá fachenda.
9Non te alporices axiña, que a xenreira acouga no colo dos necios.
10Non penses: ¿Como é que os tempos pasados eran mellores ca estes? Semellante pregunta non é de sabio.
11Tan boa é a sabedoría coma unha herdanza: unha vantaxe para os que ven o sol.
12Abofé: "Sombra da Sabedoría, sombra do diñeiro", mais cunha vantaxe: que o coñecer a Sabedoría fai vivir a quen a posúe.
13Contempla a obra de Deus: ¿quen poderá emendar o que El torceu?
14Cando veñan ben dadas, ¡goza! Cando veñan malas, ¡cavila! Tanto unhas coma as outras fíxoas Deus, de sorte que o home non descubra nada do seu futuro.
VII. Nada de máis
15De todo vin na miña vida efémera: xente de ben que perece por mor da súa inocencia, e xente impía que medra pola súa maldade.
16¡Non sexas bo de máis nin sabio de máis! ¿Para que arruinarte?
17¡Non te pases de malo nin de parvo! ¿Para que morrer antes de tempo?
18O axeitado é que collas disto sen deixar de man aquilo, porque o que teme a Deus foxe dos dous extremos.
19"A Sabedoría dálle ó Sabio máis poder ca ós dez que gobernan na cidade".
20Abofé, non hai na terra home tan perfecto que faga sempre o ben e nunca erre.
21Non prestes atención ás paroladas que se falan nin deas oídos ó teu escravo cando renega de ti.
22De sobra sabes cantas veces falaches ti mesmo mal dos outros.
23Probeino todo de modo sistemático coidando que chegaría a Sabio, mais ¡que lonxe ficou de min a Sabedoría!
24Todo o que acaece continúa lonxe, e profundo o que era profundo; ¿quen o acadará?
VIII. A muller
25Volvinme con todo siso a estudar, pescudar e inquirir a que sexan a Sabedoría e a razón das cousas, e a recoñecer que a Maldade é Necidade, e a Necidade unha Tolemia.
26E isto atopei: que máis amarga cá morte é a muller, que é unha rede de cazar; as súas teimas son lazos, e os seus brazos, cadeas; quen é agradable a Deus, líbrase dela e quen é pecador, é cazado por ela.
27Velaquí o que descubrín ‑di Qohélet‑ pescudando unha cousa despois da outra para lle atopar razón; 28o que aínda estou buscando e non atopei: se entre un milleiro aínda se dá cun home, unha muller, entre todas, nin se encontra.
29Soamente, mira ti, descubrín o seguinte: Deus, de seu, fai ó home xusto; mais son eles os que se buscan moitas complicacións.
IX. Inseguridade e inquedanza
Capítulo 8
1¿Quen é coma o Sabio? ¿Quen é capaz de interpretar un feito?
"A Sabedoría dun home bríllalle no rostro, e trócalle a dureza da face".
2Ti cumpre a orde do rei e non te precipites no tocante ó xuramento a Deus.
3Sae da súa presenza, non quedes, se estás nunha mala situación, pois pode facer todo canto quere.
4Porque: "A palabra do rei é poderosa e quen lle vai dicir: ¿Que fas ti alí?".
5"Quen cumpre co mandado, non sufrirá nada malo" e: "Do momento oportuno e do xuízo, sabe o corazón sabio".
6Xa que todo asunto ten o seu tempo e a súa razón, e sobre o home penden moitos males; 7non coñece o que lle pode acaecer, e ¿quen o vai informar do que está por vir?
8Non hai home que poida controlar o espírito, como non hai control do día da morte, nin evasión da loita, nin riqueza que deixe libre ó seu dono.
9Todo isto considerei prestando atención a canto se fai baixo o sol durante o tempo en que un home domina sobre outro para mal.
X. O problema da retribución
10Deste modo vin eu levar para a cova ós impíos. E vaise con eles, e vóltase do camposanto. E esquécese na vila o que fixeron.
¡Tampouco isto non ten xeito!
11E se a sentencia por un mal proceder non se executa de seguido, os homes collen folgos para facer o mal; 12con todo, aínda que é verdade que o pecador que fai o mal cen veces, é tolerado, ben sei eu aquilo de: "Os que temen a Deus terán a felicidade xustamente por temelo"; 13e tamén: "Non lle irá ben ó impío; igual cá sombra non prolongará os seus días, porque non teme a Deus".
14Aínda hai outra cousa absurda na terra: Xustos ós que lles vai coma se obrasen coma impíos; impíos ós que lles vai coma se fixesen igual cós xustos. Eu penso que tamén isto é un absurdo.
15Eu aprobo a ledicia, pois non hai cousa mellor para o home baixo o sol que comer e beber e gozarse. Isto é o que o acompaña no seu esforzo os días de vida que Deus lle dea baixo o sol.
XI. Tampouco os Sabios coñecen o obrar de Deus
16Apliqueime a coñecer a Sabedoría e a considerar o traballo que se realiza na terra: nin de noite nin de día albisca o home o sono cos seus ollos.
17E observei todo o facer de Deus: o home non consegue descubrir a propósito do que se fai baixo o sol; e por máis que o home se esgote en procuralo, non o atopa; e aínda que o Sabio coida que o sabe, non pode dar con el.
Capítulo 9
1Pois ben, a todo isto apliquei a miña mente para chegar ó seguinte resultado: que os xustos e os sabios e as súas obras están na man de Deus. Se amará ou se aborrecerá, tampouco o sabe o home. Todo canto ten diante é 2efémero; xa que a todos alcanza o mesmo destino: ó inocente e ó culpable, ó puro e ó impuro, ó que ofrece sacrificios e a quen non, ó home de ben e ó pecador, ó que xura e a quen ten medo de xurar.
3Este é o mal que acompaña a canto acaece baixo o sol: o tocarlles a todos a mesma sorte; e xuntamente, o estar o corazón dos homes cheo de malicia, con arroutadas no maxín mentres viven e co porvir entre os mortos.
4Quen aínda estea asociado cos vivos, ten esperanza, xa que:
"Máis conta can vivo ca león morto".
5Pois: "Os vivos saben que han morrer; os mortos non saben xa máis nada" nin van ter recompensa, pois esquécese a súa memoria.
6Amor, odio, envexa, para eles rematou todo. Nin terán máis parte no que se fai baixo o sol.
Aproveita o don de Deus
7¡Vai xantar no teu pan con ledicia! ¡Bebe contento do teu viño! Pois Deus xa se compraceu nas túas accións.
8¡Viste en todo tempo vestiduras brancas e non falte o perfume sobre a túa cabeza!
9¡Goza da vida coa muller que amas todo o que dure a túa efémera existencia, a que se che concedeu baixo o sol, o total dos teus días efémeros! Tal é o teu quiñón de vida e de traballo polo que te afanas baixo o sol.
10Canto estea na túa man facer, ¡faino! Porque non hai actividade, nin cálculo, nin coñecer, nin Sabedoría no Xeol, para onde camiñas.
Incerteza do tempo
11De novo observei baixo o sol que non é dos veloces a carreira nin a guerra dos heroes, nin dos asisados o ter pan, nin dos entendidos a riqueza, nin o favor dos sabedores, senón que a ocasión e a sorte cáenlles por igual a todos.
12Por enriba diso o home non sabe do seu momento: coma os peixes se enredan na rede fatal, e os paxaros se pillan coa trampa, do mesmo xeito atrápanse os homes nun mal momento cando lles vén enriba de improviso.
XII. Máis vale maña ca forza
13Vin aínda outro caso instrutivo baixo o sol, que me encolleu o ánimo:
14Había unha pequena vila na que habitaban poucos homes. E chegou ata ela un gran rei, que a cercou e construíu contra ela grandes torres.
15Atopábase alí un home, pobre pero mañoso, que coa súa sabenza salvou a vila. E cocn todo ninguén se lembrou máis daquel home pobre.
16Dixen entón para min:
"Máis vale maña ca forza" só que a maña do pobre é desprezada se ninguén presta oídos ás súas razóns.
17"Verbas de Sabios escoitadas con sosego valen máis cós berros dun comandante de Parvos".
18"Mellor é a astucia cás armas guerreiras", pero un erro só bota a perder moitos bens.
XIII. Tolemia e Necidade
Capítulo 10
1"Unha mosca morta fai feder un perfume de marca", e un pouco de Tolemia custa máis caro có saber e a gloria.
2"Se o Sabio dirixe a mente para a dereita o Tolo faino para a esquerda".
3Por onde queira que camiñe o Parvo, fáltalle siso: vai proclamando a todo o mundo que está tolo.
4Se a xenreira do que manda se dirixe contra ti, non deixes o teu posto, xa que: "A mansedume sanda grandes erros".
Ineptos, no poder
5Vin que hai un mal baixo o sol, unha especie de falta que ten orixe no soberano:
6Un inepto posto en altos cargos, mentres que os aptos e capaces sentan por debaixo.
7Vin servos de a cabalo e principais camiñando coma servos pola terra.
Tamén o ben pode traer males
8"O que cava unha foxa, pode caer nela
e quen derruba un muro pode ser mordido pola cobra".
9"Quen pica pedras pódese ferir con elas,
quen parte leña pódese mancar con ela".
10"Cando o ferro se embota (por non lle afiar o gume),
cómpre facer máis forza",
mais é unha vantaxe empregar ben a habilidade.
Distintos falares
11"Cando a serpe pica antes do esconxuro, de nada vale o esconxurador".
12"As verbas da boca do Sabio son axeitadas, os labios do Tolo son os que o perden"; 13o seu exordio xa é unha parvada e a súa peroración, un fatal desvarío, 14e conste que o Tolo fala abondo.
Con todo, o home non sabe o que vai suceder, e ¿quen lle contará o que virá despois del?
15¿Cando por fin ficará canso o Tolo no seu esforzo se nin sequera dá co camiño para a vila?
Crítica ós gobernantes
16¡Ai de ti, terra onde o rei é un monifate, e onde os ministros amencen entre enchedelas!
17¡Benia ti, terra na que o rei é un notable, e onde os ministros xantan ás súas horas!, barís, non bébedos.
Temas varios
18"Por neglixencias afúndense as trabes do teito, por mans nugallás pinga toda a casa".
19Para folgar fanse os banquetes, e o viño aleda a vida, e o diñeiro concede todo.
20¡Non renegues do rei nin en pensamento! ¡Non fales mal do rico nin na alcoba! Pois ata os paxaros do ceo lle irán co conto, e mesmo os seres alados rexouban.
Risco e valor na empresa
Capítulo 11
1"Envía o teu trigo polo mar, ¡despois de moitos días halo de recobrar!"
2"Reparte en sete e aínda en oito partes pois non sabes das desgrazas que poden suceder no país".
3"Cando as nubes van cheas vai descargar a chuvia polo chan". "Caia para o sur ou caia para o norte, onde se deite a árbore alí queda".
4"Quen moito olla para o vento, non sementa; quen moito olla para as nubes, non colleita".
5Do mesmo xeito que non coñeces como chega o sopro da vida ós ósos no seo da muller preñada, tampouco sabes ti do obrar de Deus que o fai todo.
6"Sementa de mañá a túa semente e pola tarde non pouses as túas mans", xa que ignoras cal das dúas sementes vai medrar, nin se as dúas son igual de boas.
XIV.Loanza da vida
7Doce é a luz, e amable para os ollos ver o sol.
8Por moitos anos que viva o home, goce deles todos, e lembre os días escuros que tamén serán moitos, pois o futuro é efémero.
9¡Fólgate, rapaz novo, na túa mocidade
aleda o corazón no tempo da xuventude,
sigue os impulsos do teu ánimo
e o que cobicen os teus ollos!
(Sabendo non obstante que de todo te ha chamar Deus a render conta).
10¡Desbota a tristura do teu corazón,
arreda o sufrimento do teu corpo!
Pois infancia e mocidade son un sopro.
Alegoría da vellez
Capítulo 12
1¡Lembra ó teu creador nos anos mozos
antes de que cheguen os días malos
e te atopes cos anos dos que dirás:
¡"Non sinto pracer neles"!
2Antes de que se atolde o sol e a luz,
a lúa e as estrelas,
e retornen as nubes trala chuvia;
3o día en que treman os gardiáns da casa
e se dobren os fortes,
e deixen de moer as muiñeiras, que serán poucas,
e escurezan os que ollan desde as fiestras.
4Cando se pechen os portóns que dan á rúa,
e esmoreza o fungar do muíño
convertido en rechouchío de paxaros,
e se esgoten os cantares;
5Darán espanto mesmo os tropezos do chan
e amedrentaranse as rúas.
Cando floreza a amendoeira
e o saltón se pouse
e non teña a alcaparra o seu amargor,
porque o home camiña para a morada eterna
e xa roldan polo adro as carpideiras.
6Antes de que crebe o fío de prata
e rompa o pichel de ouro
e quebre a cántara na cisterna
e se fenda a roldana no pozo;
7e torne o po á terra que antes era,
e volva o espírito cara a Deus, que o deu.
8Nada máis ca un sopro, di Qohélet, ¡todo é un sopro!
EPÍLOGO I
9Qohélet, amais de ser Sabio, ensinou ó pobo o que sabía. Recolleu, examinou e recompuxo moitos ditos.
10Procuraba Qohélet dar coas verbas asisadas, escribindo con xeito palabras verdadeiras.
11"As sentencias do Sabio son coma aguilladas;
e cravos ben afincados o que se atopa nas escolmas,
cando os presenta o Pastor en persoa".
EPÍLOGO II
12Por enriba de todo, meu fillo, déixate aconsellar: o moito escribir libros non ten fin, e o moito matinar fatiga o corpo.
13Conclusión de todo o escoitado:
Ti teme a Deus, e garda os meus mandatos, pois iso é ser home cabal; xa que Deus vai levar a xuízo todas as accións, aínda as ocultas, sexan boas ou malas.