Capítulos 1-5
Capítulo 1
1O mellor dos Cantares, de Salomón.
Limiar: bicos e agarimos
2‑¡Que me bique cun bico da súa boca!
Abofé, mellores son có viño os teus amores,
3mellores có recendo dos teus perfumes;
coma esencia que esvara é o teu nome,
ben é que te amen tanto as raparigas.
4Arrástrame contigo: ¡Corramos!
Introdúzame o Rei na súa alcoba.
Folguémonos en ti, ledas abondo,
Loemos os teus amores máis có viño.
¡Que ben fan en te amaren!
Moreniña e fermosa
5Morena eu son pero xeitosa
‑meniñas de Xerusalén‑
coma as tendas de Quedar,
coma as cortinas de Xalmah.
6Non reparedes en que son moreniña:
foi que o sol me queimou.
Fillos de miña nai anoxáronse comigo,
puxéronme de garda nas súas viñas,
e a miña, a miña viña, non a gardei.
Bucólica
7Dime ti, meu ben amado,
¿onde apacentas?
¿Onde fas repousar o gando ó mediodía?
¿Para que hei andar sen rumbo
onda os rabaños dos teus amigos?
8‑¿Non o sabes ti, belida entre as mulleres?
¡Vai tralas pegadas das ovellas!
¡Pasta os teus cabuxos
onda as cabanas dos pastores!
Égoa de reis
9A unha egua de carros faraónicos
compárote eu, miña amada.
10¡Que ben feitas as meixelas entre os pendentes,
e a gorxa entre os colares!
11¡Farémosche colgantes de ouro puro,
coas doas prateadas!
Aromas
12‑Mentres o Rei se deita no diván,
ponse o meu nardo a recender.
13Folequiño de mirra é para min o meu amigo,
repousa entre os meus peitos;
14coma acio de fiafeira é para min o meu amigo,
das viñas de En-Guedí.
Declaración na aurora
15‑¡Si que es belida, miña amada,
si que es belida!
¡Os teus ollos son pombiñas!
16‑¡Si que es ti belido, meu amigo,
e ben garrido!
Frondoso é o noso leito,
17de cedro ten as trabes a nosa casa,
de ciprés son os teitos.
Lirio e maceira
Capítulo 2
1‑Eu son o narciso do Xarón,
unha azucena das valgadas.
2‑Coma lirio de entre os toxos
tal é a miña amada entre as rapazas.
3‑Coma a maceira entre as árbores da fraga
tal é o meu amigo entre os mozos.
A súa sombra devezo por me sentar
pois é doce o seu froito ó meu padal.
Doenza de amor
4Meteume el na cámara do viño
e a súa bandeira para min chámase amor.
5¡Sostédeme con tortiñas de uvas pasas,
confortádeme con mazás,
que doente vou de amor!
6Puxo a súa esquerda baixo a miña cabeza,
coa súa dereita unha aperta me está a dar.
7¡Conxúrovos, meniñas de Xerusalén,
polas gacelas ou as cervas montesías,
non espertedes nin desveledes o amor,
ata que el queira!
O amado ás portas
8¡Escoitade! ¡É o meu amigo! ¡Aí o vén!
¡Choutando polos montes, brincando por outeiros!
9Semella o meu amigo unha gacela
ou un cerviño novo.
¡Velaí que parou tralo noso muro,
albisca polas fiestras,
axexa polas reixas!
Aí vén o maio
10Faloume o meu amigo; así dicía:
‑"¡Érguete, amada miña, fermosa miña,
ven xa!
11Xa fuxiu o inverno,
foron pasando as chuvias,
12floriñas asomaron na campía,
vén o tempo das ruadas,
os arrolos da rula resoan nos nosos campos;
13o figueiral ten gromos,
as vides botan flores recendentes.
¡Érguete e ven, amada,
fermosa miña, ven xa!
Pomba escondida
14¡Miña pomba, nas fendas dos penedos,
nos recantos das rochas,
faime ver a túa figura,
faime oír o teu falar,
que é doce esa voz túa,
e o teu xeito, lanzal!"
Raposiñas
15¡Aferrádenos as raposas,
as raposas pequeniñas
que nos estragan as viñas,
nosas viñas a agromar!
16Para min é o meu amigo e eu son para el
que pasta nos lirios.
17Ata que sopre o día
e fuxan as sombras
volve, meu amigo,
seméllate á gacela
ou ó cervo noviño
nos montes de Beter.
Fantasías
Capítulo 3
1‑Sobre o leito, de noite,
busquei a quen ben quería.
Busqueino e non o atopei.
2¡Heime erguer e roldar a vila,
polas rúas, polas prazas,
buscar hei a quen ben quería!
¡Busqueino e non o atopei!
3Encontráronme a min os gardas,
os que roldan a vila:
‑"¿Vistes a quen ben quería?"
4Apenas eu os deixara
e encontrei a quen ben quería;
aferrei nel, non o ceibo,
ata o meter na casa de miña nai,
na cámara da que me xerou.
5¡Conxúrovos, meniñas de Xerusalén,
polas gacelas ou cervas montesías,
non espertedes nin desveledes o amor
ata que el queira!
Cortexo de príncipes
6¿Que é aquilo que sobe da estepa
coma columnas de fume,
recendendo a mirra e mais a incenso
e a canta especia teña o mercador?
7¡É a liteira de Salomón!
Sesenta homes garridos a rodean
de entre os cabaleiros de Israel;
8todos eles levan a man na espada,
veteranos de loitas;
portan cadansúa espada xunto á coxa
contra as alarmas da noite.
O trono de Salomón
9Fíxose o rei Salomón un palanquín
de madeiras do Líbano.
10De prata fixo as columnas,
e o seu respaldo é de ouro;
de púrpura o asento,
incrustado en almafí
Coral
11¡Meniñas de Xerusalén, saíde!
¡Vinde ver, nenas de Sión,
o rei Salomón coa coroa
con que súa nai o coroou
no día das súas vodas,
día de folgar de corazón!
Corpo xeitoso
Capítulo 4
1‑¡Si que es belida, miña amada,
si que es belida!
Os teus ollos son pombiñas
por entre o teu veo.
Os teus cabelos, un fato de cabuxas
que baixan serpeando do monte Galaad;
2os teus dentes, grea de ovellas tosquiadas
subindo de se lavar,
todas elas preñadas de xemelgos
e ningunha hai maniña.
3Cal fita carmesí son os teus labios,
é doce a túa fala;
metades de granada as túas meixelas
por entre o teu veo.
4Atalaia davídica é o teu pescozo,
ben fornecida de ameas;
mil escudos van dela pendurados,
todas as adargas dos guerreiros.
5Os teus dous peitos son coma dúas crías
xemelgas de gacela,
a pastar nos lirios.
6Ata que sopre o día
e fuxan as sombras
hei subir ó monte da mirra,
ata o cume do incenso.
7¡Toda ti es belida, miña amada,
non hai en ti lixo ningún.
¡Ven xa!
8¡Ven do Líbano, noiva!
¡Ven do Líbano, baixa!
¡Deixa o cumio do Amanah,
o cimo do Senir e mais o Hermón,
as covas dos leóns,
o monte das panteras!
Meigallo
9¡Botáchesme o meigallo, cariño, miña noiva!
¡Botáchesme o meigallo,
cunha das túas olladas,
cunha das xoias que levas na gorxa!
Mel e favo
10¡Que belos os teus amores, cariño, miña noiva!
¡Canto mellores có viño son os teus amores,
e a túa fragrancia ca todos os aromas!
11¡Un favo a destilar son os teus labios, noiva!
¡Mel e mais leite hai baixo a túa lingua!
¡O recendo da túa túnica é recendo do Líbano!
Epigrama admirativo
12Es ti un horto pechado, cariño, miña noiva.
Es ti un horto pechado, unha fonte selada.
Recendo do paraíso
13A túa ramaxe é un paraíso de granados,
cheo de froitos exquisitos.
14Azafrán, canela e cinamomo,
toda madeira de gorentoso fume.
O nardo, a mirra, o áloe,
coas mellores matas de bálsamo.
15¡Fonte do meu xardín,
manancial de augas vivas que flúen desde o Líbano!
16‑¡Ergue, vento de nordesía!
¡Ven ti, vento galopante!
¡Venteade o meu xardín:
que espalle os seus aromas!
Meu xardín, teu xardín
¡Que veña o meu amigo ó seu xardín,
que coma daquel froito que cobiza!
Capítulo 5
1‑Xa veño para o meu horto, cariño, miña noiva;
collín xa a miña mirra e o meu bálsamo,
comín xa do meu panal o do meu mel,
bebín xa do meu viño e do meu leite.
¡Comede, pois, amigos, e bebede
ata embebedarvos de agarimos!
Atopar e perder
2‑Estaba eu a durmir, pero o meu corazón en vela,
cando chama petando o meu amigo.
‑"¡Ábreme, meu cariño, miña amada,
miña pomba, todo o meu ben!
Porque teño a cabeza toda enchoupada de orballo,
de pingotiñas da noite os meus rizos".
3‑"Espinme xa da túnica, ¿heime vestir de novo?
Lavei xa os meus pés, ¿habíaos de lixar?"
4Pasou o meu amigo a man polo poxigo
e en min tremeron as entrañas.
5Erguinme para lle abrir ó meu amigo,
pois fuxíame a alma ó seu falar;
as miñas mans destilaban coma mirra,
os meus dedos eran mirra refinada
sobre o pasador da pechadura.
6Abrinlle ó meu amigo,
pero o meu amigo partira, xa pasara.
Busqueino e non o atopei;
chameino e non respondeu.
7Atopáronme os gardas
que roldan a vila;
batéronme e feríronme;
arrincáronme o dengue
os gardas das murallas.
8Conxúrovos, meniñas de Xerusalén
se é que atopades o meu amigo,
¿que lle habedes dicir, se non
que doente vou de amor?
Mozo garrido
9‑"¿Que caste de amigo é o teu,
belida entre as mulleres?
¿Que caste de amigo é o teu
para así nos conxurares?".
10‑"É o meu amigo esplendoroso e louro,
escolleito entre milleiros.
11A súa cabeza é de pan de ouro fino,
son acios de palmeira os seus cabelos
e mouros coma o corvo.
12Ten ollos coma pombas
das fontes dos regatos,
que bañadas no leite
repousan á beira dun estanque.
13As súas meixelas son matas de bálsamo
onde medran as especias;
os seus labios son lirios
a destilar mirra fina.
14As súas mans, torques de ouro
engastados con xoias de Tárxix;
o seu ventre, unha placa de marfil
salpicada con zafiros.
15Son as súas pernas dous esteos de mármore
afincados sobre baseamentos de ouro.
Ten o aspecto do Líbano
e é lanzal coma os cedros,
16e o seu bicar, tan doce.
¡Todo el é de arelar!
Tal é o meu amigo,
tal o meu compañeiro,
meniñas de Xerusalén.