CAPÍTULOS 21-25
CAPÍTULO 21
Nacemento de Isaac
1O Señor fixouse en Sara, como o tiña dito, e cumpriu con ela a súa promesa. 2Ela concibiu e deulle un fillo a Abraham na súa vellez, no tempo que Deus fixara. 3Abraham púxolle a ese fillo que lle naceu de Sara o nome de Isaac. 4Cando cumpriu oito días, Abraham circuncidou a Isaac, conforme Deus lle mandara. 5Abraham tiña cen anos cando lle naceu Isaac.
6Sara dixo daquela: ‑"Deus fíxome rir de contenta, e todos os que o oian, rirán coma min". 7E engadiu: ‑"¡Quen lle ía dicir a Abraham que Sara criaría un fillo! E agora deullo na vellez". 8Medrou o neno, e destetárono. O día que destetaron a Isaac, Abraham deu un xantar.
Hagar e Ismael
9Viu Sara o fillo que a exipcia Hagar lle dera a Abraham xogando con Isaac, 10e díxolle a Abraham: ‑"Bota fóra esa escrava con seu fillo, pois o fillo desa escrava non herdará con meu fillo Isaac".
11A cousa doeulle a Abraham, pois tratábase de seu fillo. 12Pero Deus díxolle: ‑"Non teñas dó do neno nin da escrava. Fai o que Sara che di, pois por Isaac pasará o teu nome á tua descendencia. 13Tamén do fillo da escrava farei unha gran nación, por ser semente túa".
14Abraham ergueuse cedo, colleu pan e un fol de auga, púxollos ás costas a Hagar, xunto co fillo, e despediuna. Ela marchou e andou errante polo deserto de Beerxeba. 15Cando se lle acabou a auga do fol, botou o neno ó pé dun mato, 16e foise sentar soa máis alá, como á distancia dun tiro de arco, pensando para si: ‑"Non quero ver morrer o neno". E alí laiouse e chorou.
17Oíu Deus os berros do neno, e o anxo chamou desde o ceo a Hagar para dicirlle: ‑"¿Que che pasa, Hagar? Non teñas medo, pois Deus escoitou os berros do neno alí onde está. 18Érguete, colle o neno, agárrao forte da man. Del farei unha gran nación". 19Deus abriulle os ollos, e ela viu un pozo de auga. Foi alá, encheu o fol e deulle ó neno de beber.
20Deus estaba co rapaz, e este medraba. Asentou no deserto e chegou a ser un bo arqueiro. 21Vivía no deserto de Parán, e súa nai buscou unha muller exipcia para el.
Pacto entre Abraham e Abimélec
22Daquela Abimélec e Picol, xefe da súa xente, dixéronlle a Abraham: ‑"Deus está contigo en todo o que fas. 23Xúrame, pois, por Deus aquí mesmo que non nos enganarás, nin a min, nin ós meus fillos, nin ós meus descendentes, senón que coa consideración con que eu te tratei a ti, hasme tratar ti a min e a esta terra á que viñeches".
24Abraham respondeu: ‑"Así o xuro". 25Pero, coa mesma, reprendeu a Abimélec por causa do pozo que os servos deste lle usurparon.
26Abimélec retrucou: ‑"Non sei quen o puido facer. Nin ti me dixeches nada, nin eu oín falar diso ata hoxe".
27Abraham colleu ovellas e vacas, e deullas a Abimélec. E concordaron un pacto entre os dous. 28Abraham separou sete cordeiras do fato, 29e Abimélec preguntoulle: ‑"¿Que queren dicir esas sete cordeiras que apartas?"
30El respondeulle: ‑"Ti recibes da miña man sete cordeiras: que me sirvan de proba de que eu cavei este pozo". 31Por iso púxolle a aquel lugar o nome de Beerxeba, porque alí xuraron os dous.
32Cando concluíron o pacto en Beerxeba, Abimélec e Picol, xefe da súa xente, volveron para o país dos Filisteos. 33Abraham plantou un tamarindo en Beerxeba e invocou o nome do Señor, o Deus eterno. 34Abraham residiu no país dos Filisteos moitos anos.
CAPÍTULO 22
O sacrificio de Isaac
1Despois destes feitos, Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: ‑"¡Abraham!"
El respondeu: ‑"Aquí estou".
2Deus mandoulle: ‑"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
3Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mais o seu fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ó camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara. 4O terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.
5Abraham díxolles ós criados: ‑"Esperade aquí co burro. Eu e mais o rapaz chegarémonos ata alá. Adoraremos e de seguida volveremos onda vós". 6Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.
7Isaac díxolle a seu pai: ‑"¡Meu pai!"
El respondeu: ‑"¿Que queres, fillo?"
O rapaz dixo: ‑"Levamos lume e leña. Pero ¿onde está o año para o sacrificio?"
8Abraham respondeulle: ‑"Meu fillo, o año Deus o proverá". E camiñaban os dous xuntos.
9Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou o seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. 10Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
11Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: ‑"¡Abraham! ¡Abraham!"
El respondeu: ‑"Aquí estou".
12O anxo dixo: ‑"Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".
13Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo. 14Abraham púxolle ó lugar o nome de Moriah. Por iso aínda hoxe se di: ‑"Na montaña o Señor proverá".
Renovación da promesa
15O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 16‑"Xúroche por min mesmo ‑palabra do Señor‑ que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, 17bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. 18Todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".
19Abraham volveu onda os criados, e todos xuntos colleron o camiño de Beerxeba. Abraham asentou alí.
A familia de Nahor
20Pasado algún tempo, dixéronlle a Abraham: ‑"Tamén Milcah lle deu fillos a Nahor, teu irmán. 21Deulle a Us, o primoxénito, despois a Buz, seu irmán, e a Quemuel, pai de Aram; 22os outros logo foron Quésed, Hazó, Pildax, Idlaf e Betuel". 23Betuel foi pai de Rebeca. Estes son os oito fillos que Milcah lle deu a Nahor, irmán de Abraham. 24Unha concubina chamada Reumah deulle, ademais, a Tebah, a Gaham, a Tahax e a Maacah.
CAPÍTULO 23
O sepulcro dos patriarcas
1Sara viviu cento vinte e sete anos. Eses foron por xunto os anos da súa vida. 2Morreu en Quiriat-Arbah, hoxe Hebrón, no país de Canaán. Abraham fixo o velorio e chorou pola súa muller.
3Logo ergueuse de onda a defunta e foi falar cos fillos de Het: 4‑"Eu son un forasteiro, que reside entre vós. Dádeme aquí un sepulcro en propiedade, para enterrar nel á miña finada".
5Os fillos de Het respondéronlle:
6‑"Escóitanos, señor: ti es para nós un príncipe de Deus. Enterra a túa finada no mellor dos nosos sepulcros. Ninguén de entre nós che negaría o seu sepulcro para que a enterres nel".
7Pero Abraham foi e prostrouse diante dos fillos de Het, os paisanos daquela terra, 8e faloulles así: "Se estades de acordo en que eu enterre a miña defunta, escoitádeme e valede por min diante de Efrón, fillo de Soar, 9para que me venda a cova de Macpelah, que está na beira do seu eido. Que polo seu debido prezo ma dea, diante de vós, para sepulcro en propiedade".
10Efrón o hitita atopábase entre os fillos de Het, e respondeulle a Abraham, de xeito que o oísen os fillos de Het e todos os que entraban polas portas da cidade: 11‑"Non, meu señor. Escoita: douche para ti o eido, coa cova que hai nel. Douchos á vista do meu pobo. Enterra nel a túa morta".
12Abraham prostrouse outra vez diante da xente do país, 13e díxolle a Efrón, de xeito que todos o oísen: ‑"Se che parece, escóitame agora ti a min. Eu págoche o prezo do eido. Acéptamo, e enterrarei nel a miña morta".
14Efrón respondeulle a Abraham: 15‑"Escóitame, señor meu: o valor do terreo é de catrocentos siclos de prata. ¿Que é iso entre nós? Enterra a túa morta".
16Abraham colleu a Efrón pola palabra e, á vista dos fillos de Het, pesou os catrocentos siclos de prata de que falara Efrón, en moeda corrente, e pagoullos. 17Desa maneira o eido de Efrón, en Macpelah enfronte de Mambré, o agro coa cova e coas árbores de dentro dos lindeiros que o rodean, 18pasaron a ser propiedade Abraham, á vista dos fillos de Het e de todos os que entraban polas portas da cidade.
19Abraham enterrou a Sara, súa muller, na cova de Macpelah, enfronte de Mambré, hoxe Hebrón, no país de Canaán. 20Os fillos de Het traspasáranlle o eido de Macpelah coa súa cova a Abraham para sepulcro en propiedade.
CAPÍTULO 24
Casamento de Isaac
1Abraham era xa vello, entrado en anos. O Señor tíñao bendito sempre en todo. 2Díxolle ó criado maior, o que administraba os bens da casa: ‑"Pon a man baixo a miña coxa 3e xúrame polo Señor, Deus de ceo e terra, que non tomarás muller para meu fillo de entre as fillas dos Cananeos cos que habito, 4senón que irás á miña terra, onda os meus parentes, e procurarás alí muller para meu fillo Isaac".
5O criado preguntoulle: ‑"E se a muller non quixese vir comigo a este país, ¿levarei a teu fillo á terra de onde ti saíches?"
6Abraham respondeulle: ‑"Gárdate de levar alá a meu fillo. 7O Señor, Deus do ceo, que me tirou da casa de meus pais e do meu clan, e que me prometeu con xuramento: Os teus descendentes dareilles este país, mandará diante de ti o seu anxo, e encontrarás alí a muller para o meu fillo. 8Se a muller non quixese vir contigo, quedas libre do xuramento. Pero de ningún xeito levarás alá a meu fillo". 9Coa man baixo da coxa do seu amo, o criado xurou conforme o que falaran.
10O criado colleu logo dez camelos do seu amo e moitas outras cousas de valor, e púxose en camiño de Aram-Naharaim, cara á cidade de Nahor. 11Os aforas da cidade, á beira dunha fonte, fixo axeonllar os seus camelos. Era á tardiña, cando saen as rapazas para colleren auga.
12El pregou entón deste xeito: ‑"Señor, Deus do meu amo Abraham, ven hoxe ó meu encontro e trátao a el con amor. 13Eu voume pór ó pé da fonte, cando as rapazas da cidade veñan sacar auga. 14A rapaza á que eu lle diga: Baixa o cántaro, por favor, e dáme de beber, e que ela me responda: Bebe ti e abeberarei tamén os teus camelos, sexa a que ti determinas para o teu servo Isaac. Niso saberei eu que tratas ó meu amo con amor".
15Non acabara aínda de falar, cando saíu Rebeca, filla de Betuel, fillo de Milcah, a muller de Nahor, irmán de Abraham, co seu cántaro ó ombreiro. 16A rapaza era moi bela e aínda unha doncela, non tocada por home. Baixou á fonte, encheu o cántaro e subiu.
17O criado de Abraham correu onda ela e díxolle: ‑"Déixame beber unha pouca auga do teu cántaro".
18Ela dixo: ‑"Bebe, señor". E baixou de seguida o cántaro ó brazo para lle dar de beber. 19Cando el acabou de beber, díxolle ela: ‑"Collerei tamén auga para os teus camelos. Que beban canto queiran". 20Baleirou o cántaro na pía e foi de contado ó pozo sacar máis, ata abeberar os camelos todos.
21O home mirábaa calado, querendo saber se o Señor facía ou non de proveito a súa viaxe. 22Cando os camelos acabaron de beber, colleu o home un anel de ouro, de medio siclo de peso, e púxollo á rapaza no nariz, e para os brazos dous torques de ouro de dez siclos. 23E coa mesma preguntoulle: ‑"¿Ti de quen es filla? ¿Hai na casa de teu pai lugar para pousada?"
24Ela respondeulle: ‑"Eu son filla de Betuel, o fillo de Milcah e de Nahor". 25E engadiu: ‑"Na casa temos de abondo palla e feo, e tamén lugar para pousada".
26O home prostrouse por terra e adorou ó Señor: 27‑"Bendito sexa o Señor, Deus do meu amo Abraham, que non lle negou ó meu amo o seu amor e a súa fidelidade. El foi quen me guiou no meu camiño, ata a casa dos seus parentes".
28A rapaza correu á casa a contarlle a súa nai o acontecido. 29Rebeca tiña un irmán que se chamaba Labán. 30Cando este viu o anel e os torques da irmá e oíu o que contaba Rebeca que aquel home lle dixera, marchou buscalo e atopouno onda a fonte, cos camelos.
31Labán díxolle: ‑"Ven, bendito do Señor. ¿Por que ficas aquí fóra? Téñoche preparado apousento e tamén lugar para os camelos". 32E Labán levouno para a casa, desaparellou os camelos, deulles palla e feo e puxo auga para que o home e os seus acompañantes puidesen lavar os pés.
33Cando lle servían de comer, o home dixo: ‑"Non probarei bocado, mentres non explique a razón que me trouxo".
Dixéronlle eles: ‑"Fala".
34Entón el dixo: ‑"Son criado de Abraham. 35O Señor ten bendicido tanto ó meu amo, que hoxe está rico. Deulle ovellas e vacas, prata e ouro, servos e servas, camelos e asnas. 36Sara, a muller do meu señor, na súa vellez deulle un fillo; este fillo herda todo.
37O meu amo fíxome xurar: Non tomarás muller para meu fillo de entre as fillas dos Cananeos cos que habito, 38senón que irás á casa de meus pais, á miña parentela, e tomarás de alí muller para meu fillo. 39Eu advertinlle: ¿E se a muller non quere vir comigo?
40E el respondeume: O Señor, con quen andei sempre, mandará contigo o seu anxo. El dará boa fin á túa viaxe, e atoparás muller para o meu fillo na miña parentela, na familia de meus pais; 41entón quedarás libre do xuramento que me fixeches. Mais se chegas á miña parentela e non che queren dar a rapaza, tamén quedas libre deste xuramento.
42O chegar hoxe onda a fonte, recei esta oración: Señor, Deus do meu amo Abraham, se tes de dar boa fin a esta viaxe que teño emprendida, 43verás, eu voume poñer ó pé da fonte. A rapaza que veña sacar auga e eu lle diga: Dáme unha pouca auga do teu cántaro. 44Se ela me responde: Bebe ti, e sacarei tamén para os teus camelos, sexa esa a muller que elixe o Señor para o fillo do meu amo.
45Estaba eu pensando isto, cando saíu Rebeca co cántaro ó ombreiro e baixou á fonte sacar auga. Eu díxenlle: Dáme de beber. 46E ela baixou o cántaro e díxome: Bebe ti e abeberarei tamén os teus camelos. 47Eu pregunteille entón: ¿De quen es filla? E ela díxome: De Betuel, fillo de Nahor e Milcah. Niso púxenlle o anel no nariz e os torques nos brazos. 48Despois axeonlleime, adorei ó Señor e bendicín o Deus do meu amo Abraham, que me guiou polo bo camiño, ata atopar para muller de seu fillo a filla de seu irmán. 49Agora, se pensades comportarvos co meu amo con amor e lealdade, dicídemo; e se non, dicídemo tamén, para que eu saiba o que hei facer".
50Labán e Betuel responderon: ‑"A cousa vén de Deus. Nós nada podemos xa dicirche, nin se está ben nin se está mal. 51Aí tes a Rebeca diante túa. Tómaa e vaite, e sexa a muller do fillo do teu amo, conforme dispuxo o Señor".
52En oíndo isto, o servo de Abraham prostrouse polo chan para adorar o Señor. 53Logo sacou obxectos de prata e ouro e vestidos, e deullos a Rebeca. Fíxolles tamén regalos a seu irmán e a súa nai. 54O home e os seus compañeiros comeron e beberon e pasaron alí a noite. O erguerse pola mañá, dixo o criado de Abraham: ‑"Deixádeme que volva onda o meu amo".
55O irmán e a nai de Rebeca propuxeron: ‑"Que a rapaza quede connosco uns dez días e despois irá contigo".
56Pero el dixo: ‑"Non me deteñades máis, cando o Señor deu tan boa fin á miña viaxe. Deixádeme que volva onda o meu amo".
57Respondéronlle eles: ‑"Imos chamar a rapaza e pedirlle o seu parecer". 58Chamaron, pois, a Rebeca e preguntáronlle: ‑"¿Queres ir con este home?"
E ela dixo: ‑"Quero".
59Entón despediron a Rebeca coa súa ama de leite e ó criado de Abraham cos seus compañeiros. 60A Rebeca botáronlle esta bendición:
‑"Ti, nosa irmá,
que crezas por milleiros,
que os teus descendentes se apoderen
das cidades dos teus inimigos".
61Rebeca e as súas servas montaron nos camelos e seguiron ó home. Este fíxose cargo de Rebeca e púxose ó camiño.
62Isaac acababa de vir de onda o pozo de Lahai-Roí e de se asentar no Négueb. 63A caída da tarde saíu á campía caviloso. Erguendo os ollos, viu vir unha caravana de camelos.
64Tamén Rebeca ergueu a vista e reparou en Isaac. Baixou do camelo 65e preguntoulle ó criado: ‑"¿Quen é aquel que vén pola campía cara a nós?"
O criado respondeulle: ‑"É o meu amo".
Ela entón colleu o veo e cubriuse. 66O criado deu conta a Isaac de todo o que lle acontecera. 67Isaac introduciu a Rebeca na tenda de Sara, súa nai, tomouna por súa muller e amouna, ata consolarse da morte de súa nai.
CAPÍTULO 25
Morte de Abraham
1Abraham tomou outra muller que se chamaba Queturah. 2Esta deulle por fillos a Zimrán, Iocxán, Medán, Madián, Ixbac e Xúah. 3Iocxán xerou a Xebá e Dedán. Os fillos de Dedán foron os asirios, os latuxios e os leumios. 4Os fillos de Madián foron Efah, Éfer, Hanoc, Abidá e Eldaáh. Todos eles son descendentes de Queturah.
5Abraham fixo a Isaac herdeiro de todo o que tiña. 6Os fillos das concubinas fíxolles mandas e afastounos en vida de seu fillo Isaac cara ós países do oriente. 7Os anos que Abraham viviu foron cento setenta e cinco. 8Ocabo deles expirou e morreu en boa vellez, satisfeito da vida, e foi xuntarse co seu pobo.
9Seus fillos Isaac e Ismael enterrárono na cova de Macpelah, no eido de Efrón, fillo de Soar o hitita, de fronte a Mambré. 10É o campo que lles mercara Abraham ós fillos de Het. Nel foron enterrados Abraham e Sara, súa muller. 11Despois da morte de Abraham, Deus seguiu bendicindo a seu fillo Isaac. Este asentou onde estaba o pozo de Lahai-Roí.
Descendentes de Ismael
12Esta é a historia de Ismael, o fillo que lle deu a Abraham a serva exipcia Hagar. 13Os fillos de Ismael, por orde de nacemento, son os seguintes: Nebaiot o primoxénito, Quedar, Abdeel, Mibsam, 14Mixmá, Dumah, Masá, 15Hadad, Temá, Ietur, Nafix e Quédmah. 16Eses son os fillos de Ismael polos seus nomes, segundo os seus poboados e os seus campamentos. Doce xefes de doce tribus.
17Os anos que Ismael viviu foron cento trinta e sete. O cabo deles expirou, morreu e foi xuntarse co seu pobo. 18Os seus descendentes asentaron desde Havilah ata Xur, que mira cara a Exipto, vindo de Asur. Cadraron irmáns en fronte de irmáns.
ISAAC E XACOB
Os fillos de Isaac: Esaú e Xacob
19Esta é a historia de Isaac, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. 20Cando Isaac tiña corenta anos, tomou por muller a Rebeca, filla de Betuel, arameo de Padán Aram, e irmá de Labán o Arameo.
21Isaac pregou ó Señor pola súa muller que era estéril. O Señor escoitouno e Rebeca, súa muller, quedou embarazada. 22Pero os nenos loitaban no seu ventre e ela queixouse: ‑"Se é así, ¿para que vivo?" E foi consultar ó Señor.
23A resposta foi esta:
‑"Hai dúas nacións no teu ventre,
dous pobos que se dividen xa nas túas entrañas.
Un pobo poderá co outro,
o máis vello servirá ó máis novo".
24Chegada a hora do parto, viuse que tiña dous xemelgos no seu ventre. 25Saíu primeiro un, todo louro, peludo coma unha pelica. Puxéronlle por nome Esaú. 26Despois, agarrado do calcañar de Esaú, saíu seu irmán. E chamáronlle Xacob. Isaac tiña sesenta anos, cando lle naceron os dous fillos.
27Os nenos fixéronse grandes. Esaú era bo cazador e home do campo. Xacob, en troques, era amigo de quedar na tenda. 28Isaac amaba a Esaú, porque gustaba da súa caza. Pero Rebeca prefería a Xacob.
Venda da primoxenitura
29Nunha ocasión tiña Xacob disposto un guiso e nisto chegou Esaú canso do monte. 30Esaú pediulle a Xacob: ‑"Dáme a comer esa cousa vermella, pois estou esgotado". (Por iso lle puxeron o nome de Edom).
31Respondeulle Xacob: ‑"Coa condición de que me vendas agora mesmo os dereitos de primoxénito".
32Esaú pensou: ‑"Estou que morro. ¿De que me serve a primoxenitura?"
33Xacob dixo: ‑"Xúramo agora mesmo". El xuroullo, e vendeulle a Xacob a súa primoxenitura. 34Entón Xacob deulle a Esaú un anaco de pan e mais o guiso de lentellas. El comeu e bebeu, e despois foise. En tan pouco tiña Esaú os dereitos da primoxenitura.