CAPÍTULOS 6-10

CAPÍTULO 6

 

Os sacrificios. Holocausto cotián

 

1O Señor díxolle a Moisés: 2‑"Manda a Aharón e a seus fillos: Este é o regulamento do holocausto: a vítima arderá no lume do altar toda a noite, ata a mañá, mentres o lume do altar se mantén aceso. 3O sacerdote, tendo todo o seu corpo vestido con túnica e calzóns de liño, recollerá do altar as cinsas da vítima consumida polo lume e botaraas á beira do altar. 4Espirá a roupa que leva, e vestirá outra; despois levará as cinsas fóra do campamento a un lugar puro. 5O lume manterase aceso decote no altar, sen que se apague nunca. Cada mañá o sacerdote poralle leña, colocará enriba o holocausto e queimará a graxa das vítimas do sacrificio de comuñón. 6O lume do altar arderá decote, sen apagarse nunca.

 

A oblación

 

7Este é o regulamento da oblación: Os fillos de Aharón presentarana no altar diante do Señor. 8O sacerdote collerá dela unha presa de flor de fariña ofrecida, parte do seu aceite e todo o incenso que lle bota enriba, e queimarao no altar como recendo e como lembranza para o Señor. 9Aharón e seus fillos comerán o resto da oblación, sen fermento, no lugar santo, no limiar da Tenda do Encontro. 10Non lle porás fermento, pois é a porción que eu lles dou do holocausto das ofrendas que se me fan a min; é cousa moi santa, coma a expiación polo pecado e a reparación polo delito. 11Poderana comer soamente todos os fillos varóns de Aharón. É un estatuto perpetuo para a vosa posteridade, acerca das oblacións que se lle deben queimar ó Señor. Calquera que as toque quedará consagrado".

 

Consagración dos sacerdotes

 

12O Señor díxolle a Moisés: 13‑"A ofrenda que teñen que presentar ó Señor Aharón e seus fillos no día da súa consagración será: unha décima dun efah  de flor de fariña, como oblación cotiá, a metade pola mañá, e a outra metade á tarde. 14Será adobada con aceite e fritida na tixola; será presentada en rebandas, despois de cociñada, como recendo para o Señor. 15O Sumo Sacerdote que lle suceda no cargo de entre seus fillos, fará do mesmo xeito. É un estatuto perpetuo. Deberá ser todo queimado á honra do Señor. 16A oblación do sacerdote será toda queimada, non se comerá ren dela".

 

Sacrificio polo pecado

 

17Faloulle o Señor a Moisés: 18‑"Dilles a Aharón e a seus fillos: Esta é a lei da oblación polo pecado: No mesmo lugar no que se sacrifica a vítima do holocausto, terá que ser sacrificada a vítima polo pecado diante do Señor: é unha cousa sacrosanta. 19O sacerdote oferente será o que a coma no lugar sagrado, no limiar da Tenda do Encontro. 20Calquera que toque a carne da vítima quedará consagrado, e toda a roupa de calquera que sexa manchada co seu sangue, terá que ser lavada no lugar sagrado. 21A ola de barro na que foi cociñada terá que ser escachada, e se fose de bronce, terá que ser ben fregada e enxugada. 22Poderán comela soamente os varóns, sacerdotes, pois é unha cousa sacrosanta. 23A vítima do sacrificio expiatorio, da que se leva o sangue á Tenda do Encontro para facer a expiación no santuario, non se comerá, terá que ser queimada toda no lume.

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

Sacrificio de reparación

 

1Este é o regulamento do sacrificio de reparación polo delito. É unha cousa sacrosanta. 2No mesmo lugar no que se sacrifica a vítima do holocausto, terá que ser sacrificada a vítima polo delito, e o seu sangue será vertido arredor enriba do altar. 3Despois ofrecerase toda a súa graxa, o rabo, o unto que envolve as entrañas, 4os dous riles e a graxa que os rodea, ademais da que hai nas illargas, o unto e a graxa que envurulla o fígado e os riles. 5O sacerdote queimará todo iso no altar. É un holocausto para o Señor, un sacrificio de reparación polo delito. 6Poderana comer soamente os varóns, sacerdotes, no lugar sagrado. É unha cousa sacrosanta.

7A mesma lei para o sacrificio de expiación será para o da reparación. A vítima pertencerá ó sacerdote que fai a expiación. 8O coiro da vítima será soamente para o sacerdote que ofrece o holocausto. 9Calquera oblación asada no forno, fritida na tixola ou cocida na tarteira será só para o sacerdote oferente. 10Toda ofrenda mesturada con aceite ou seca será para todos os fillos de Aharón: para cada un ou para toda a súa comunidade.

 

Sacrificio de comuñón

 

11Este é o regulamento do sacrificio de comuñón, que se lle ofrece ó Señor. 12Quen queira presentar unha oblación para dar grazas, ademais da vítima da ofrenda, ofrecerá bolos sen fermento adobados con aceite e bolas sen fermento sazonadas con aceite e tortas de flor de fariña mesturada con aceite. 13A máis da súa oblación presentará bolos de pan con fermento e a maiores a vítima para o sacrificio de acción de grazas. 14Unha porción de cada un de todos os sacrificios ofrecidos ó Señor será para o sacerdote, quen asperxeu con sangue da vítima de comuñón. 15A carne da vítima do sacrificio de comuñón terá que ser comida no mesmo día, non se deixará nada dela para o día seguinte.

 

Sacrificios votivos

 

16Se a vítima se ofrece para cumprir un voto ou unha promesa voluntaria, comerase no mesmo día en que se sacrifica, pero o sobrante poderase comer no día seguinte. 17O resto da carne da vítima queimarase no lume ó terceiro día. 18Se alguén quixese comer carne da vítima do sacrificio de comuñón no terceiro día, non lle será aceptable a súa oblación, non se terá por válida: será rexeitada e quen coma dela cargará coa súa culpa. 19Se algunha parte desta carne tocou algo impuro, non se poderá comer, terá que ser queimada no lume; pero a outra carne poderá comela o que estea puro. 20Calquera que coma carne do sacrificio de comuñón sendo culpable dalgunha impureza, será exterminado do medio do seu pobo. 21Quen toque algo impuro, ben de home, ben de animal, ben dalgún outro obxecto impuro, e coma da carne do sacrificio de comuñón ofrecido ó Señor, será exterminado do medio do seu pobo".

22O Señor díxolle a Moisés: 23‑"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Ninguén comerá nada da graxa do boi, nin da ovella nin da cabra. 24A graxa dun animal morto ou esnaquizado por fera poderase empregar para calquera uso, pero en ningún caso se comerá. 25Calquera que coma da graxa das vítimas que se poden ofrecer en holocausto ó Señor, será exterminado do medio do seu pobo. 26Onde queira que residades, endexamais comeredes sangue nin de cuadrúpedes, nin de aves. 27Calquera que coma dalgunha caste de sangue, será exterminado do medio do seu pobo".

28Díxolle o Señor a Moisés: 29‑"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: O que ofreza un sacrificio de comuñón ó Señor, presentará unha parte da vítima, 30levando nas propias mans o que ten que ser queimado á honra do Señor: a graxa e o peito. O peito para abalalo diante do Señor. 31O sacerdote queimará no altar a graxa. O peito será para Aharón e seus fillos. 32Como tributo, darédeslle ó sacerdote a perna dereita dos vosos sacrificios de comuñón. 33O pernil dereito de diante perténcelle ó sacerdote que ofrece o sangue e a graxa do sacrificio de comuñón. 34Porque o peito abalado ritualmente e o pernil dereito, que eu reservo dos sacrificios de comuñón dos fillos de Israel, dóullelos ó sacerdote Aharón e a seus fillos como dereito perpetuo, obrigatorio para os fillos de Israel. 35Esa é a parte dos sacrificios queimados para o Señor, que lles corresponde a Aharón e a seus fillos, desde o día en que foron consagrados sacerdotes para o Señor. 36Isto é o que mandou o Señor que lles dean os fillos de Israel ós sacerdotes no día da súa consagración, dereito perpetuo para todas as xeracións. 37Este é o regulamento do holocausto, da oblación, do sacrificio de expiación, da consagración e do sacrificio de comuñón, 38que lle mandou o Señor a Moisés no monte Sinaí, no día en que lles ordenou ós fillos de Israel que presentasen as súas ofrendas ó Señor no deserto do Sinaí".

 

 

 

PARTE SEGUNDA

 

CAPÍTULO 8

 

Consagración dos sacerdotes

 

1Díxolle o Señor a Moisés: 2‑"Chama a Aharón e a seus fillos con el e colle as roupas, o aceite da unción, o xato do sacrificio, os dous carneiros e o cesto dos pans sen fermento, 3e xunta a toda a comunidade diante da Tenda do Encontro". 4Fixo Moisés como lle mandara o Señor e convocou a comunidade diante da Tenda do Encontro, na entrada. 5E Moisés díxolle á comunidade: ‑"Isto é o que  o Señor manda facer". 6E Moisés fixo que se lle aproximasen Aharón e seus fillos, e lavounos con auga. 7Vestiulle a túnica a Aharón, cinguíndolla co cíngulo, cubriuno co manto, púxolle enriba o efod apertándollo coa faixa e deixándollo ben cinguido. 8Colocoulle o peitoral e enriba del os urim e os tummim; 9púxolle na cabeza a tiara e na cima da tiara por diante púxolle a flor de ouro, a coroa sagrada, conforme lle mandara o Señor a Moisés. 10Colleu logo Moisés o aceite da unción e unxiu con el a Tenda e todo o que había nela, e consagrounos. 11Asperxeu con el sete veces o altar e unxiuno xunto con todos os demais utensilios, e tamén a pía e mais o seu pé para consagralos. 12Despois verteu aceite da unción sobre a cabeza de Aharón e unxiuno para consagralo. 13Mandou logo que se lle aproximasen os fillos de Aharón e vestiulles as túnicas, apertándollelas cos cíngulos e cubriunos coas mitras, como lle mandara o Señor.

14Fixo traer o xovenco para o sacrificio de expiación, e Aharón e mais os seus fillos impuxéronlle as súas mans sobre a cabeza. 15Moisés degolouno e, mollando os seus dedos no sangue, asperxeu con el as esquinas do altar arredor para purificalo; verteu o resto do sangue ó pé do altar para consagralo, facendo o rito de expiación por el. 16Recolleu toda a graxa que envolve as entrañas e o fígado, os dous riles coa súa graxa e fixo queimar todo no altar. 17Queimou o xovenco enteiro: coiro, carne, e excrementos, fóra do campamento, como  o Señor llo mandara facer a Moisés. 18Mandou traer o carneiro do holocausto, e Aharón e mais os seus fillos impuxéronlle as súas mans sobre a cabeza. 19Moisés degolouno, e verteu o sangue por riba do altar arredor. 20Descuartizou o carneiro en anacos e fíxoos queimar xunto coa cabeza e a graxa. 21Lavou con auga as entrañas e as patas, e fixo queimar todo o carneiro no altar do holocausto. Foi un holocausto de recendo para o Señor, como lle mandara o Señor a Moisés.

22Mandou traer o segundo carneiro, o do sacrificio da consagración, e Aharón e mais os seus fillos impuxéronlle as súas mans sobre a cabeza. 23Moisés degolouno e, collendo sangue, untou o lóbulo da orella dereita de Aharón, o dedo polgar da man dereita e a deda do pé dereito de Aharón. 24Fixo que se lle achegasen despois os fillos de Aharón e untoulles tamén os lóbulos da súa orella dereita, os dedos polgares da man dereita e as dedas do pé dereito. O resto do sangue verteuno Moisés por riba do altar arredor.

25Recolleu logo as partes gordas, isto é, o rabo, o unto, que envolve as entrañas, a graxa que envurulla o intestino e o fígado, os dous riles coa súa graxa e o pernil dereito de diante. 26Do cesto dos pans sen fermento, que están diante do Señor, colleu un pan sen fermento, un bolo de pan adobado con aceite e unha bola e pousounos encima da graxa e do pernil dereito. 27Puxo todo nas mans de Aharón e nas dos seus fillos, facendo o xesto de ofrecemento diante do Señor. 28De seguida colleu Moisés todo das mans deles e queimouno no altar sobre a vítima. Foi un sacrificio de consagración, holocausto de recendo para o Señor. 29Despois Moisés colleu o peito do carneiro e fixo o xesto de ofrecemento ó Señor, por ser esta a porción do carneiro que lle pertencía a Moisés, como lle mandara o Señor no sacrificio da consagración. 30Moisés colleu do aceite da unción e do sangue pousado enriba do altar e asperxeu con el a Aharón e as súas roupas, ós seus fillos e as súas roupas, e consagrou a Aharón e os seus vestidos, xunto cos seus fillos e as súas roupas. 31Moisés díxolles a Aharón e ós seus fillos: ‑"Cocede a carne na entrada da Tenda do Encontro e comédea alí mesmo co pan do cesto da consagración, de acordo coa orde que se me deu, dicindo: Soamente a poderán comer Aharón e os seus fillos. 32O sobrante da carne e do pan queimarédelo no lume. 33Non vos afastaredes da porta da Tenda do Encontro durante sete días, ata que chegue o día derradeiro da vosa consagración, que durará sete días completos. 34Tal como se fixo no día de hoxe, mandou o Señor que se faga sempre para a vosa expiación. 35Manterédesvos á porta da Tenda do Encontro día e noite durante sete días, cumprindo as ordes do Señor para que non morrades, pois así me foi mandado". 36Aharón e os seus fillos fixeron todo como lles ordenara o Señor por medio de Moisés.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

Primeira actuación dos sacerdotes

 

1No día oitavo Moisés chamou a Aharón e a seus fillos e a todos os patrucios de Israel. 2Díxolle a Aharón: ‑"Colle un xato para o sacrificio de expiación e un carneiro para o holocausto, ambos sen chata, e ofréceos diante do Señor. 3Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Escollede un chibo para o sacrificio de expiación e un xovenco e un año dun ano, ambos sen chata para o holocausto. 4Un boi e un carneiro para o sacrificio de comuñón, que sacrificaredes diante do Señor, a máis dunha oblación adobada con aceite. Hoxe de seguro hásevos aparecer o Señor". 5Levaron todo o que lles dixera Moisés diante da Tenda do Encontro, e toda a comunidade, aproximándose, mantívose alí de pé diante do Señor. 6Entón Moisés dixo: ‑"Velaquí o que o Señor vos mandou facer para que se vos apareza a súa gloria". 7Despois díxolle Moisés a Aharón: ‑"Achégate ó altar e ofrece o teu sacrificio de expiación e o teu holocausto, e fai a expiación por ti e pola túa familia; presenta tamén a ofrenda do pobo, para expiar por el, como o mandou o Señor". 8Achegouse ó altar Aharón, e sacrificou o xovenco, como expiación polo seu propio pecado. 9Os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, e el, mollando os dedos nel, asperxeu os lados do altar e verteu o resto do sangue ó pé do altar. 10Queimou no altar a graxa, os riles, o unto que envurulla o fígado, sacados da vítima, como o Señor lle tiña mandado a Moisés. 11A carne e o coiro queimounos no lume fóra do campamento. 12Sacrificou tamén a vítima para o holocausto e os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, e el verteuno arredor por riba do altar. 13Trouxéronlle despois a vítima do holocausto, cortada en anacos xunto coa cabeza, e queimouna no altar. 14Lavou as entrañas e as patas, e queimounas por riba do holocausto no altar. 15Ofreceu tamén o sacrificio do pobo, collendo un cabrito para expiar polo pobo, e sacrificouno facendo o rito da expiación, coma o primeiro. 16Logo ofreceu o holocausto, facendo todo conforme o rito. 17Presentou a oblación, colleu dela unha presa e queimouna no altar, amais do holocausto da mañá. 18Sacrificou tamén o boi e mais o carneiro para o sacrificio de comuñón do pobo, e os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, que el verteu arredor encima do altar. 19A graxa do boi e do carneiro, o rabo, o unto que envurulla as entrañas, os riles e a graxa do fígado 20puxéronos xunto coa graxa dos peitos e Aharón fixo queimar todo no altar. 21Aharón, facendo o xesto de ofrecemento, abalou os peitos e o pernil dereito de diante, como lle mandara facer Moisés. 22Ergueu Aharón a súa man de cara ó pobo e bendiciuno, e despois de ofrecer o sacrificio de expiación e o sacrificio de comuñón, baixou. 23De seguida entraron Moisés e Aharón na Tenda do Encontro. O saíren, bendiciron o pobo, e a gloria do Señor aparecéuselle a todo o pobo. 24Xurdiu lume da presenza do Señor e devorou sobre o altar as graxas e o holocausto, á vista de todo o pobo; entón reloucaron e prosternáronse rostro en terra.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

Castigo do primeiro pecado dos sacerdotes

 

1Nadab e Abihú, fillos de Aharón, colleron cadanseu incensario, puxéronlle brasas, botáronlles incenso enriba, e presentaron diante do Señor un lume profano, que non lles fora mandado. 2Xurdiu da presenza do Señor unha labarada e devorounos, e morreron alí na presenza do Señor. 3Díxolle Moisés a Aharón: ‑"Isto tíñavolo ben advertido o Señor con estas verbas: Mostrarei a miña santidade nos que me están máis próximos, manifestarei a miña gloria diante dos ollos de todo o pobo". Aharón calou.

4Moisés chamou a Mixael e a Elsafán, fillos de Uziel, tío de Aharón, e díxolles: ‑"Achegádevos, e sacade a vosos irmáns de diante do santuario para fóra do campamento". 5Eles achegáronse, e leváronos coas súas túnicas postas fóra do campamento, como lles ordenara Moisés. 6Díxolles Moisés a Aharón, a Elazar e a Itamar, seus fillos: ‑"Non despeiteedes os vosos cabelos nin rachedes os vosos vestidos, pois non morreredes nin se acenderá a ira do Señor contra a comunidade. Os vosos irmáns e toda a casa de Israel chorarán por causa do incendio que xurdiu diante do Señor. 7Non vos afastedes da entrada da Tenda do Encontro, e non morreredes, porque estades unxidos co óleo santo do Señor". E fixeron como lles mandara Moisés.

 

Normas de comportamento dos sacerdotes

 

8O Señor díxolle a Aharón: 9-"Non beberás viño nin ningunha outra cousa que poida embebedar, nin ti, nin teus fillos, cando teñades que entrar na Tenda do Encontro, e non morreredes. Estatuto perpetuo para as vosas xeracións, 10para que saibades diferenciar entre o sagrado e o profano, entre o impuro e o puro, 11e para lles ensinardes ós fillos de Israel todas as leis, que o Señor lles deu por medio de Moisés". 12Moisés díxolles a Aharón e a Elazar e Itamar, seus fillos superviventes: ‑"Collede o que resta das oblacións do Señor, que non se queimou, e comédeo sen levedar ó pé do altar, porque é unha cousa sacrosanta. 13Tedes que a comer no lugar sagrado, pois é a porción que che toca a ti e a teus fillos, dos holocaustos do Señor, porque esa foi a miña orde. 14Tamén o peito e o pernil dianteiro ofrecidos terédelos que comer no lugar puro ti, os teus fillos e as túas fillas contigo, por ser a parte que che toca a ti e a teus fillos dos sacrificios de comuñón, que doaron os fillos de Israel. 15O pernil dianteiro e o peito ofrendados serán pasados por enriba do lume no que arden as graxas, abalándoos ritualmente na presenza de Iavé, e pertencerán a ti e ós teus fillos. Lei perpetua, como mandou o Señor". 16Moisés preguntou a fondo acerca do chibo expiatorio, e informouse de que fora queimado. Alporizouse moitísimo Moisés contra Elazar e Itamar, fillos superviventes de Aharón, e dixo: 17‑"¿Por que non comestes a oblación expiatoria no lugar sagrado, pois é cousa sacrosanta, que vos dei eu para que arrincásedes a culpa da comunidade, expiando por ela diante do Señor? 18Xa que o sangue non foi levado dentro do santuario, era a vosa obriga comela no lugar sagrado, como volo tiña mandado". 19Aharón explicoulle a Moisés: ‑"Hoxe ofreceron a súa oblación expiatoria e o seu holocausto diante do Señor, e aconteceume todo isto. Se eu comese neste día a oblación expiatoria, ¿sería isto agradable ós ollos do Señor?" 20Escoitou Moisés a explicación e pareceulle ben.