CAPÍTULOS 21-27
CAPÍTULO 21
Santidade dos sacerdotes
1Díxolle o Señor a Moisés: ‑"Fálalles ós sacerdotes, fillos de Aharón e dilles: Que ninguén se contamine co cadáver dun conveciño, 2agás o dun parente moi achegado a el, coma o da nai, o do pai, o dun fillo, o dunha filla, o dun irmán 3e o dunha irmá, que se mantiña virxe sen se ter xuntado con ningún home; do contrario, mesmo por ela se podería facer impuro. 4Un marido non se poderá facer impuro por mor dos seus parentes, profanándose. 5Non raparán a cabeza, nin afeitarán a barba polos lados, nin farán incisións no seu corpo. 6Serán santos para o seu Deus, non profanando o seu nome, porque son eles os que presentan sacrificios de holocausto ó Señor, alimento do seu Deus: deberán ser santos. 7Non casarán con muller prostituída ou deshonrada ou repudiada polo seu home, porque están consagrados ó seu Deus. 8E ti recoñeceralo como santo, pois ofrece o alimento do teu Deus: será para ti santo, porque santo son eu, que vos santifico. 9Se a filla dun sacerdote se fai prostituta, é unha deshonra para seu pai, será queimada no lume.
10O sumo sacerdote, escolleito de entre os seus irmáns, a quen se lle verteu sobre a cabeza o óleo da unción e se lle deu o poder para vestir os ornamentos sagrados, non desenguedellará os cabelos da cabeza nin rachará os seus vestidos. 11Non se achegará a ningún morto, nin sequera a seu pai ou súa nai, para non se facer impuro. 12Non sairá do santuario do seu Deus, porque leva na súa testa a coroa do óleo da unción do seu Deus. Eu son o Señor. 13Collerá por muller unha virxe. 14Non poderá coller por muller nin viúva, nin repudiada, nin deshonrada, nin prostituta, senón que casará cunha moza virxe do seu pobo. 15Non fará impura a súa descendencia no medio do seu pobo, porque eu son o Señor que o santifico".
16O Señor faloulle a Moisés: 17‑"Fálalle a Aharón e dille: Ninguén da túa xente nas vindeiras xeracións, que teña algunha eiva, se poderá aproximar para ofrecer o alimento do seu Deus: 18non se aproximará ningún home que teña algunha eiva, poño por caso, sendo cego ou coxo ou manco ou malfeito. 19Calquera que teña un pé ou unha man crebados, 20ou teña eiva ou sexa vesgo ou anano ou sarnoso ou tiñoso ou eunuco. 21Ninguén da parentela do sacerdote Aharón, que teña algunha eiva, se poderá aproximar para ofrecer un holocausto ó Señor: habendo unha eiva nel non se pode aproximar para ofrecer o alimento do seu Deus. 22Poderá comer do alimento do seu Deus, das ofrendas santísimas e das santas; 23pero non entrará alén do veo nin se achegará ó altar, porque ten unha eiva, e non debe profanar o meu santuario, pois eu son o Señor, que os santifico". 24Moisés díxolles isto a Aharón e ós seus fillos e a todos os israelitas.
CAPÍTULO 22
Santidade dos que serven ó altar
1Faloulle o Señor a Moisés: 2‑"Dilles a Aharón e a seus fillos que fagan que os israelitas reverencien as miñas cousas santas, e non profanen o meu nome, que eles teñen que santificar. Eu son o Señor. 3Dilles: para todas as vosas xeracións, calquera da vosa raza, que, tendo algunha eiva, se achegue ás cousas santas consagradas polos israelitas ó Señor, será exterminado da miña presenza. Eu son o Señor. 4Ninguén da liñaxe de Aharón, afectado de lepra ou de gonorrea, poderá comer no santuario, namentres non se purifique; nin tampouco quen tocou o cadáver dun animal calquera ou tiver polución, 5así como quen toque algún réptil impuro ou algún home no que haxa impureza de calquera caste. 6Quenquera que o toque, quedará impuro ata a tarde, e non poderá comer cousas sagradas en tanto non lave o seu corpo con auga. 7A posta do sol será puro de novo e poderá comer das cousas sagradas, pois elas son o seu alimento. 8Non poderá comer carne dun animal morto ou esnaquizado por unha fera: contaminaríase con el. Eu son o Señor. 9Gardarán os meus mandamentos, e así non cargarán co seu pecado nin morrerán por causa deste alimento, por se profanaren con el. Eu son o Señor, que os santifiquei. 10Ningún estraño comerá cousa sagrada, sexa hóspede do sacerdote, sexa o seu xornaleiro. 11Se o sacerdote, con todo, adquire polo seu diñeiro unha persoa, ela poderá comer con el, e todos os que nazan na súa casa, poderán comer do seu alimento. 12A filla do sacerdote que casa cun estraño, non poderá comer do que se recolle no santuario. 13Con todo, a filla do sacerdote que enviúva ou foi repudiada sen ter fillos e torna á casa do pai e vive con el coma cando era solteira, poderá comer do alimento do pai; pero ningún estraño poderá comer do mesmo. 14Calquera que, sen se decatar, comese das cousas sagradas, restituiralle ó sacerdote a cousa mesma ademais dunha quinta parte da cousa sagrada. 15Non profanarán as cousas sagradas que os israelitas lle ofrezan ó Señor. 16Os que as coman, cargarán coa súa culpa, co delito de comeren das cousas sagradas, que santifiquei eu. Eu son o Señor".
Integridade das vítimas
17Faloulle o Señor a Moisés: 18‑"Fálalles a Aharón e a seus fillos e a todos os fillos de Israel: Calquera israelita, ou estranxeiro residente entre os israelitas, que ofrezan como holocausto ó Señor un sacrificio por calquera clase de voto ou de promesa voluntaria, 19para que lle sexa aceptable, terá que ser macho sen tacha, bovino, ovino ou caprino. 20Non ofrecerá nada defectuoso, pois non sería feito con boa intención pola vosa parte. 21Calquera que ofreza ó Señor un sacrificio de comuñón, para cumprir un voto ou por devoción espontánea, terá que ser de gando maior ou menor, pero sen tacha. Non terá ningún defecto. 22Non ofreceredes ó Señor, nin queimaredes no seu altar vítima cega nin coxa nin manca nin a que teña algunha úlcera ou sarna ou algunha ferida. 23Boi ou ovella desproporcionada ou pequeneira poderase ofrecer como sacrificio espontáneo, pero non será acepto para cumprir un voto. 24Non ofreceredes ó Señor vítimas cos testículos sumidos ou esmagados ou arrincados ou cortados. Na vosa terra non ofreceredes vítimas desas. 25Non ofreceredes, como alimento do voso Deus, ningunha vítima recollida da man dun forasteiro, se están cheas de defectos e tachas: non vos serían aceptables para ben voso".
26Faloulle o Señor a Moisés: 27‑"O tenreiro, o año e o cabrito estarán coa nai os sete primeiros días despois de nacer. Do día oitavo para adiante será aceptable como ofrenda de holocausto para o Señor. 28Non matarás no mesmo día un boi ou un carneiro xunto co seu fillo. 29Cando ofrezades un sacrificio de loanza ó Señor, facédeo de maneira que vos sexa ben acolleito. 30Comeredes a vítima no mesmo día en que a sacrificastes, sen deixar nada dela para a mañá seguinte. Eu son o Señor. 31Gardaredes os meus mandatos e cumprirédelos. Eu son o Señor. 32Non profanaredes o meu nome santo. Eu hei de ser santificado no medio dos fillos de Israel, porque son eu, o Señor, quen vos santifica. 33Saqueivos de Exipto para ser o voso Deus. Eu son o Señor".
CAPÍTULO 23
As grandes festas: o sábado
1Faloulle o Señor a Moisés:
2‑"Fálalles ós fillos de Israel: As festas do Señor, as miñas solemnidades, que habedes de celebrar en asemblea sagrada, son estas: 3Durante seis días faredes os vosos traballos. No día sétimo gardaredes repouso total, teredes asemblea sagrada: non faredes ningún traballo, será repouso para loanza do Señor en todo país onde habitedes. 4Estas son as festas do Señor, asembleas sagradas, que convocaredes no seu tempo.
A Pascua e os Ácimos
5No día catorce do primeiro mes, entre lusco e fusco será a Pascua do Señor. 6No día quince do mesmo mes será a festa dos Ácimos a honra do Señor. Durante sete días comeredes alimentos sen fermento. 7O primeiro día teredes asemblea santa, non faredes ningún traballo servil. 8Ofreceredes holocaustos ó Señor, en cada un dos sete días. No sétimo día volveredes ter asemblea santa, e non faredes ningún traballo servil".
O primeiro monllo
9Faloulle o Señor a Moisés: 10‑"Fálalles ós fillos de Israel: cando entredes na terra que vos hei dar eu, e fagades a seitura das primeiras anadas, levarédeslle ó sacerdote un monllo da vosa primeira colleita. 11El erguerao, facendo o xesto de ofrendalo diante do Señor ó amencer do día do repouso e ofrecerao. 12No mesmo día en que fagades a ofrenda do voso monllo, queimaredes en holocausto ó Señor un año dun ano, sen tacha, 13xunto coa ofrenda de dúas décimas de flor de fariña mesturada con aceite, que será queimada a honra do Señor, como perfume de recendo para o Señor, ademais da correspondente libación dun cuarteirón de hin de viño. 14Non comeredes pan, nin grans torrados nin espigas tenras antes dese día, no que presentaredes a ofrenda ó voso Deus. É unha lei perpetua para todas as vosas xeracións en todos os países nos que habitedes.
Pentecoste
15Desde a mañá do día seguinte ó sábado no que trouxestes o voso primeiro monllo para ser presentado, contaredes sete semanas enteiras, 16e ata o día seguinte do sétimo sábado contaredes cincuenta días; entón ofreceredes unha oblación nova ó Señor. 17Das vosas moradas traeredes, para ofrecelos, dous pans feitos con dúas décimas de flor de fariña e co fermento correspondente, como primicias para o Señor. 18Ademais do pan, ofreceredes sete años dun ano sen tacha, un xovenco e dous carneiros, que serán presentados en holocausto ó Señor, xunto coas oblacións e libacións correspondentes, e arderán como perfume recendente para o Señor. 19Presentaredes un chibo como vítima de expiación, e dous años dun ano como sacrificio de comuñón. 20O sacerdote abalaraos ritualmente xunto co pan das primicias, como oblación diante do Señor, ademais dos dous años; serán consagrados á honra do Señor e serán para o sacerdote. 21Nese mesmo día convocaredes a asemblea sagrada, que será santa para vós, e non poderedes facer ningún traballo servil. É lei perpetua en todas as terras en que habitedes por todas as xeracións. 22Cando fagades a seitura do pan na vosa terra, non segaredes ata os recunchos dos vosos eidos, nin espigaredes no segado: deixaredes as espigas caídas para o pobre e o forasteiro. Eu son o Señor, o voso Deus".
O Ano Novo
23Faloulle o Señor a Moisés: 24‑"Dilles ós israelitas: no sétimo mes, o día primeiro do mes será para vós de grande repouso, lembranza solemne a son de trompeta, e asemblea sagrada. 25Non faredes ningún traballo servil e ofreceredes holocaustos ó Señor".
Día da Expiación
26Faloulle o Señor a Moisés: 27‑"No décimo día do sétimo mes, será o día da expiación. Celebraredes asemblea sagrada, mortificarédesvos e ofreceredes vítimas de lume ó Señor. 28Nese día non faredes ningún traballo servil, por ser o día da expiación para vos purificardes diante do Señor, o voso Deus. 29Toda persoa que nese día non se mortifique, será exterminada do medio do seu pobo. 30Calquera que nese día faga algún traballo servil, eu farei que sexa exterminado do medio do seu pobo. 31Non faredes ningún traballo: lei perpetua para todas as vosas xeracións en todas as vosas moradas. 32Día de grande repouso será para vós, e habédesvos de mortificar desde a tarde do día noveno dese mes ata a tarde do día seguinte, e gardaredes o voso repouso sabático".
Festa das Cabanas ou das Tendas
33Faloulle o Señor a Moisés: 34‑"Dilles ós israelitas: No día quince deste sétimo mes, será a festa das cabanas á honra do Señor. Durará sete días. 35No día primeiro celebraredes asemblea sagrada, non faredes ningún traballo servil. 36Durante os sete días ofreceredes ó Señor vítimas de lume. No día oitavo teredes de novo asemblea sagrada, e queimaredes vítimas ó Señor. É día de repouso, non faredes ningún traballo servil. 37Estas son as solemnidades do Señor, que celebraredes convocando asembleas sagradas, queimando vítimas ó Señor: holocausto, oblación, sacrificio e libación, conforme estea mandado para cada día. 38Iso á parte dos sábados do Señor, das vosas doazóns, de todas as vosas promesas votivas e das vosas ofrendas voluntarias, que adoitades ofrecer ó Señor. 39No día quince do sétimo mes, cando teñades feita a colleita dos froitos da terra, festexaredes a gran solemnidade do Señor, durante sete días; con repouso total tanto o primeiro día coma o oitavo. 40No día primeiro colleredes froito das mellores árbores, ramos de palmeira, ramallos de árbores frondosas e de salgueiros dos regatos; folgaredes diante do Señor, o voso Deus, durante os sete días. 41Cada ano festexaredes esta solemnidade á honra do Señor, durante sete días. É lei perpetua para todas as vosas xeracións. Festexarédela no sétimo mes. 42Moraredes en cabanas os sete días. Todos os nativos de Israel morarán en cabanas, 43para que os vosos descendentes saiban que en cabanas fixen eu que morasen os israelitas, cando os saquei de Exipto. Eu son o Señor, o voso Deus". 44E Moisés promulgoulles as solemnidades do Señor ós fillos de Israel.
CAPÍTULO 24
O Candelabro e os pans da proposición
1O Señor faloulle a Moisés:
2‑"Manda ós fillos de Israel que che traian aceite de oliveira, puro e virxe, para acender o candelabro, e que se manteña sempre aceso. 3Aharón colocarao pola banda de fóra do veo da Tenda do testemuño, e arderá decote desde a tarde ata a mañá diante do Señor. É lei perpetua para todas as vosas xeracións. 4Disporás as candeas no candelabro de ouro puro, e alumarán decote diante do Señor. 5Collerás flor de fariña, e farás doce bolos de dúas décimas cada un, 6e disporalos en dúas filas, seis en cada unha enriba de mesa de ouro puro diante do Señor. 7Enriba de cada fila porás incenso puro, que será sobre o pan como recendo de lembranza para ser queimado na honra do Señor. 8Sempre cada sábado renovaralo diante do Señor. Será estatuto perpetuo para os fillos de Israel. 9Pertencerán a Aharón e ós seus fillos. Só eles o poderán comer no santuario, porque son cousa sagrada, recollida das ofrendas presentadas ó Señor e perténcelles a eles por dereito perpetuo".
Castigo do que blasfema
10Xurdiu entre os israelitas un que era fillo de nai israelita e de pai exipcio, e pelexou cun israelita no campamento. 11O fillo da muller israelita blasfemou contra o nome de Deus, e por iso foi levado onda Moisés (o nome da nai era Xelomit, filla de Dibrí, da tribo de Dan). 12Puxérono baixo garda ata que dixese o Señor o que tiñan que lle facer. 13Faloulle o Señor a Moisés: 14‑"Levade o blasfemo fóra do campamento, que todos os que o oíron lle impoñan as súas mans sobre a cabeza, e que a comunidade toda o mate a pedradas. 15Despois diraslles ós israelitas: Calquera que aldraxe o nome do seu Deus, cargará co seu pecado. 16Quenquera que aldraxe o nome do Señor morrerá sen remedio. A comunidade toda terá que o matar a pedradas, sexa estranxeiro sexa nativo. Calquera que aldraxe o nome do Señor será matado.
Lei do talión
17Se algún lle bate a outro ata o matar, será castigado coa morte. 18Quen mate un animal a golpes, terá que devolver outro: animal por animal. 19Calquera que lle faga dano ó seu próximo, faráselle a el o mesmo, 20fenda por fenda, ollo por ollo, dente por dente. O que lle fixo ó outro, faráselle a el do mesmo xeito. 21O que mata un animal alleo, terá que o pagar; o que mata a un home, tamén será el matado. 22Haberá entre vós un só xuízo para todos, o mesmo para o forasteiro e para o nativo. Eu son o Señor, Deus de todos vós".
23Despois de lles falar Moisés ós israelitas, sacaron o blasfemo fóra do campamento e acantazárono todos os fillos de Israel, tal como lle ordenara o Señor a Moisés.
CAPÍTULO 25
O Ano sabático
1Faloulle o Señor a Moisés no monte Sinaí: 2‑"Dilles ós israelitas: Cando entredes na terra, que eu vos hei dar, darédeslle a esta terra un repouso sabático en honor do Señor. 3Durante seis anos sementarás os teus eidos, podarás a túa viña e recollerás os seus froitos. 4O sétimo ano será de repouso total en honra do Señor para esa terra; nin sementarás lo teu eido nin podarás a túa viña. 5Non segarás o que naza sen que fose sementado, nin vendimarás as uvas que naceron na viña sen ser traballada. Será un repouso total para a terra. 6O que produza a terra no ano sabático, chegará para alimentarvos a ti, ó teu criado, a túa criada, ó teu xornaleiro, ó teu parceiro e a todos os forasteiros que moran contigo. 7Tamén para a túa facenda e para todo o gando que vive no país, servirá de alimento tan só o que a terra produza de seu.
O Xubileu
8Contarás sete semanas de anos, isto é, sete veces sete anos, que serán para ti unha semana de semanas de anos, é dicir, corenta e nove anos. 9Farás soar o corno do xubileu no décimo día do sétimo mes: no día grande da expiación faredes resoar o corno en todo o voso país. 10Santificaredes o ano cincuenta e promulgaredes unha gran liberación para todo o país e para todos os seus habitantes. Será para vós o gran xubileu, cada un volverá ser dono de todos os seus eidos, e cada persoa tornará á súa familia. 11Cada ano cincuenta será para vós Ano Xubilar. Non sementaredes nin segaredes o que naza de seu, nin vendimaredes as uvas nacidas. 12O Xubileu será para vós tempo santo. Comeredes só o que produza a terra. 13Neste ano do xubileu cada un tornará a ser dono da súa herdanza. 14Cando vendades unha herdade a un veciño ou cando lle compredes un eido, que ninguén estafe a seu irmán. 15Pagaraslle ó teu próximo segundo o número de anos transcorridos desde o xubileu, e el venderache no prezo que corresponda co número de colleitas que restan: 16se son moitos anos, pagarás máis a compra; se son poucos anos pagarás menos, pois o que vende só che vende o número de colleitas. 17Non vos defraudedes uns ós outros, temeredes o voso Deus. Eu son o Señor, o voso Deus.
18Cumpriredes os meus estatutos e gardaredes os meus mandamentos, e faredes o que eu vos ordeno, para que habitedes en paz no voso país. 19A terra daravos o seu froito, para que comades a fartar e para que habitedes nela en paz. 20Se preguntardes: ¿Que comeremos no ano sétimo, se nin podemos sementar, nin recoller os nosos campos?, 21eu heivos mandar as miñas bendicións no ano sexto, e a terra havos dar unha colleita de abondo para tres anos. 22Cando sementedes no ano oitavo, comeredes da colleita vella ata que veña a nova. 23Non venderedes as herdades para sempre, pois a terra é miña, e vós sodes peregrinos e forasteiros onda min. 24A toda a terra da vosa propiedade respectarédeslle o dereito de rescate. 25Se teu irmán se endebeda e se ve precisado de vender un dos seus eidos, o parente máis achegado del poderá rescatar a venda de seu irmán. 26Se un calquera de vós non tivese ningún parente, pero co seu traballo chegase a recadar cartos de abondo para pagar o rescate, 27descontará os anos transcorridos desde a venda, devolveralle o resto ó comprador e recuperará así a propiedade do seu eido. 28Se, non obstante, non adquire diñeiro abondo para o rescate, a cousa vendida quedará no poder do que a mercou ata o ano xubilar; pero ó chegar o Xubileu tornará a ser do primeiro dono.
Propiedade das casas
29Cando alguén venda unha casa habitable en cidade amurallada, terá dereito a volver o trato atrás durante todo o primeiro ano desde a venda. Nese tempo poderá ser rescatada. 30Se non se rescata durante todo ese ano, esa casa situada dentro da cidade amurallada pertencerá para sempre ó comprador e ós seus herdeiros, e non terá dereito a ser rescatada no Xubileu. 31Con todo, as casas de aldeas, que non teñen muros arredor, serán consideradas coma terras: estarán baixo o dereito de rescate, e terán que ser devoltas no Xubileu.
32As cidades levíticas, nas que teñan os levitas casas en propiedade, conservarán o dereito de rescate a perpetuidade. 33Se alguén lle compra a un levita a casa que teña dentro de cidade pertencente ós levitas, a compra só será valedoira ata o Xubileu. O chegar o Xubileu, a casa vendida quedará libre, porque as casas das cidades dos levitas son propiedade deles no medio dos fillos de Israel. 34Tampouco poderá ser vendido o terreo de arredor destas casas nestas cidades, porque é propiedade perpetua deles. 35Se un irmán teu se endebeda e non ten con que che pagar, manteralo coma se fose o teu hóspede ou forasteiro, e vivirá contigo. 36Non lle esixirás rendas nin usuras, senón que temerás o teu Deus e deixarás vivir contigo ó teu irmán. 37Non lle emprestarás cartos a réditos, nin lle darás a comida por diñeiro. 38Eu son o Señor, o voso Deus, que vos saquei da terra de Exipto e deivos o país de Canaán para ser o voso único Deus.
Liberación dos escravos
39Se tes de veciño algún irmán teu, que por caer na pobreza, ten que se che vender a ti, non lle imporás traballos de escravo: 40vivirá na túa casa coma se fose un xornaleiro ou forasteiro, e servirate ata o ano do Xubileu. 41Entón sairá libre de onda ti, el e mais os seus fillos, tornará á súa familia e recuperará a herdanza de seus pais. 42Pois son servos meus, saqueinos eu de Exipto, e non poderán ser vendidos coma escravos. 43Non o maltratarás, senón que temerás o teu Deus. 44Poderedes adquirir escravos e escravas, que vos sirvan, de entre os pobos de arredor. De entre eles podedes mercar criados e criadas. 45Tamén os podedes comprar de entre os fillos dos estranxeiros que moran convosco, e de entre as familias deles, nacidos e medrados na vosa terra, e poderán ser propiedade vosa. 46Poderédelos deixar en herdanza ós vosos fillos; pero se son vosos irmáns, non os trataredes con dureza, xa que sodes todos fillos de Israel.
Dereitos dos forasteiros
47Se algún forasteiro ou hóspede que tes contigo, chegase a facerse rico onda ti e un irmán teu se endebeda ó seu lado e se ten que vender ó forasteiro ou ó hóspede ou ós descendentes da súa familia, 48despois da venda terá dereito a ser rescatado: algún dos seus irmáns poderao rescatar. 49Tamén o poderá rescatar un tío seu ou un fillo de seu tío ou algún outro dos parentes da súa familia, ou, se se fai rico, el mesmo se poderá rescatar. 50Contará de acordo co seu comprador desde o ano da venda ata o ano do Xubileu: a cantidade de diñeiro que terá que lle dar, será a que lle corresponda segundo o número de anos, coma se se tratase dos días dun xornaleiro. 51Se aínda lle faltan moitos anos, devolveralle un rescate conforme o prezo no que foi comprado. 52Pero se lle faltan poucos anos ata o ano do Xubileu, botarán contas e devolveralle o rescate que lle toque. 53Tratarao coma a un xornaleiro, ano por ano, sen o maltratar en nada. 54Se non se puidese rescatar antes, ó chegar o Xubileu, quedarán libres tanto el coma os fillos que teña consigo, 55porque os fillos de Israel son servos meus, pois fun eu quen os sacou de Exipto. Eu son o Señor, o voso Deus.
CAPÍTULO 26
Recompensa dos bos costumes
1Non vos fabricaredes deuses, nin esculturas, nin imaxes, nin levantaredes estatuas de pedra. Na vosa terra non as levantaredes para as adorar, pois eu son o Señor, o voso Deus. 2Gardaredes os sábados e terédeslle moito respecto ó meu santuario. Eu son o Señor. 3Se camiñades conforme os meus mandatos e gardades as miñas ordes e as cumprides, 4heivos mandar as chuvias no seu tempo, a terra havos de dar as súas colleitas e as árbores do campo os seus froitos. 5As mallas durarán ata a vendima, e a vendima xuntarase coa sementeira: comeredes a fartar e viviredes en seguranza na vosa terra. 6Eu porei paz no voso país, durmiredes sen medo e arredarei de onda vós toda caste de terror. Afastarei da vosa terra toda fera nociva e non pasará a espada polo voso país. 7Perseguiredes os vosos inimigos, que caerán a fío da espada diante de vós. 8Cinco de vós perseguirán a cen, e cen de vós farán fuxir a milleiros, e os vosos inimigos caerán a fío da espada diante de vós. 9Volverei os meus ollos cara a vós, fareivos prosperar e inzar, e confirmarei a miña alianza convosco. 10Habedes comer da vella colleita ben madura, e aínda teredes que desbotar a vella para gardar a nova. 11Porei a miña morada no medio das vosas e non me alporizarei máis convosco. 12Andarei entre vós, serei o voso Deus e vós seredes o meu pobo. 13Eu son o Señor, o voso Deus, que vos saquei do país de Exipto, para vos liberar da escravitude, rompendo as cordas do voso xugo, e fíxenvos camiñar coa fronte ergueita.
Ameazas e castigos dos transgresores
14Se non me escoitades e non cumprides todos estes meus mandatos, 15se non facedes caso dos meus estatutos e detestades os meus preceptos non os cumprindo e faltando á alianza que me xurastes, 16eu farei o mesmo convosco tamén e mandarei contra vós o espanto, a febre e a peste, que ensumirá os vosos ollos, e doenzas que vos acabarán coa vida. Faredes en balde a vosa sementeira, pois os vosos inimigos comerán os froitos. 17Porei o meu rostro contra vós e caeredes diante dos vosos inimigos; dominaranvos os que vos odian e fuxiredes sen que ninguén vos persiga. 18Se aínda despois de todo isto non me escoitades, engadirei sete veces máis para vos corrixir dos vosos pecados. 19Humillarei o voso orgullo testán e farei que o ceo se vos converta en ferro, e a vosa terra en bronce. 20Serán vans todos os vosos esforzos, a terra non vos dará colleita e as árbores non vos darán o seu froito. 21E se me seguides facendo a contra e non me queredes escoitar, engadirei a todo isto sete veces máis para vos corrixir dos vosos pecados. 22Mandarei contra vós as feras do campo, que vos han deixar orfos, mataranvos o gando deixándoo decimado, e quedarán ermos os vosos camiños. 23E se aínda con estas cousas non escarmentades e me seguides resistindo, 24tamén eu me hei pór contra vós e vos hei castigar sete veces máis por causa dos vosos pecados. 25Farei vir contra vós unha espada vingadora da miña alianza. Teimaredes por vos refuxiar nas vosas cidades, pero heivos mandar unha peste e caeredes nas mans dos vosos inimigos; 26e cando eu esnaquice a medida do pan, dez mulleres cocerán o voso pan nun só forno, e daránvolo taxado e comeredes, pero non vos fartaredes. 27E se aínda con isto non me escoitades e seguides levándome a contra coa vosa conduta, 28heivos tratar con moita máis ira e heivos castigar sete veces máis polos vosos pecados. 29Chegaredes a ter que comer a carne de vosos propios fillos, alimentarvos coa carne de vosas fillas. 30Derrubarei os vosos altares e esnaquizarei as imaxes dos vosos ídolos; porei enriba dos anacos os vosos cadáveres e terei noxo de vós. 31Farei que as vosas cidades queden ermas e destruirei os vosos santuarios e non aspirarei o recendo dos vosos holocaustos. 32Asolarei o voso país e mesmo os vosos inimigos, cando entren a ocupalo, ficarán abraiados ó veren o estado en que quedou. 33Dispersareivos por entre os pobos e farei que vos persiga a espada. A vosa terra quedará erma e as vosas vilas abandonadas. 34Entón a vosa terra desquitarase dos seus sábados, durante o tempo todo da devastación, namentres vós teredes que morar na terra dos vosos inimigos: 35entón a terra repousará e desquitarase por todas as veces que non a deixastes repousar, cando non gardastes os sábados mentres morastes nela. 36Os que sobrevivan de vós, fareinos tan medrosos no país dos seus inimigos onde moraren, que fuxirán co ruído dunha folla, correndo coma quen escapa da espada, e caerán sen que ninguén vaia tras eles. 37Tropezarán uns cos outros, coma se fuxisen da espada, sen que os persiga ninguén, e non haberá quen vos levante de diante dos vosos inimigos. 38Pereceredes entre os xentís e comeravos a terra dos vosos inimigos.
Perspectivas de reconciliación
39Os que sobrevivan de entre vós podrecerán en terra inimiga por causa dos seus pecados e polos pecados dos seus devanceiros. 40Terán que confesar o seu erro e o erro de seus pais, polas ofensas que me fixeron e pola obstinación con que me levaron a contra. 41Por iso tamén eu tiven que me comportar con eles, opóndome e desterrándoos a un país inimigo. Entón humillarase o seu corazón incircunciso e expiarán a súa culpa. 42Recordarei a miña alianza con Xacob, con Isaac e con Abraham, e lembrareime tamén da terra. 43Pero antes a terra estará abandonada deles e desquitarase dos seus sábados, cando a teñan que deixar erma. Así expiarán eles as súas culpas, porque desprezaron os meus mandatos e non fixeron caso dos meus decretos. 44Así e todo, mesmo cando estean eles en país inimigo, non os rexeitarei, nin terei noxo deles para os facer desaparecer, rompendo a miña alianza con eles, porque eu son o Señor, o seu Deus. 45En favor deles hei recordar a miña primeira alianza, cando os saquei do país de Exipto á vista das nacións para ser o seu Deus. Eu son o Señor".
46Estes son os decretos, mandamentos e preceptos, que o Señor estableceu entre el e os fillos de Israel no monte Sinaí por medio de Moisés.
CAPÍTULO 27
Votos e tributos
1Faloulle o Señor a Moisés: 2‑"Dilles ós fillos de Israel: Cando alguén queira cambiar un voto que fixo, consagrando unha persoa ó Señor, poderao rescatar conforme o seu valor. 3A valoración será a seguinte: se o voto é por un varón que ten entre vinte e sesenta anos de idade, o prezo será de cincuenta siclos de prata dos do santuario; 4se é por unha muller da mesma idade, o prezo será de trinta siclos. 5Se o varón ten entre cinco e vinte anos, o valor será de vinte siclos; se é muller, será de dez siclos. 6Se é un neno dun mes a cinco anos, o valor será de cinco siclos de prata, se é home; e de tres siclos de prata, se é muller. 7Se a persoa consagrada ten de sesenta anos para arriba, o valor será de quince siclos, se é home; e de dez, se é muller. 8Se o que fixo o voto fose pobre e non pode pagar o valor taxado, preséntese ó sacerdote, que o valorará conforme as súas posibilidades.
9Se o voto que se fixo foi dunha res, todo canto se lle ofreza ó Señor do animal será sagrado: 10non poderá ser cambiado nin trocado por outro, nin mellor nin peor. Se alguén troca un animal por outro, ámbolos dous serán sagrados, tanto o trocado coma o outro. 11Se o animal ofrecido ó Señor fose impuro e non servise para ser inmolado como sacrificio, será presentado ó sacerdote, 12que o taxará coma bo ou malo: o seu prezo será o que lle taxe o sacerdote. 13Se o que o ofreceu en voto o quere rescatar, dará por el un quinto máis do prezo taxado.
14Se alguén fai ofrenda da súa casa ó Señor, o sacerdote fixará o seu valor, moito ou pouco. O valor que lle poña, será considerado xusto. 15Se o que a ofreceu a quere rescatar, pagará por ela un quinto máis do prezo taxado, e será del. 16Se alguén fai ofrenda ó Señor dalgunha herdade do seu patrimonio, será valorada segundo os ferrados de semente: cincuenta siclos de prata por cada ferrado de semente de cebada. 17Se ofreceu a herdade no ano do Xubileu, dará o prezo total; 18se foi despois do Xubileu, o sacerdote contará os anos que faltan ata o Xubileu seguinte e descontará do valor taxado o que corresponda ós anos pasados. 19Se o que a ofreceu a quere rescatar, pagará un quinto máis do prezo taxado en siclos de prata, e será del. 20Se o que ofrece a herdade non a rescata e se se vende a outro, non terá dereito a rescatala máis; 21pero cando chegue o Xubileu, quedará libre e será considerada como sagrada para o Señor, como se fose un eido con interdito, e pasará a ser propiedade do sacerdote.
22Se o eido consagrado ó Señor fose comprado, non herdado, 23o sacerdote taxará o seu valor conforme o número de anos ata o Xubileu, e, pasado ese prezo, nese mesmo día será sagrado para o Señor. 24No ano do Xubileu o eido volverá ó dominio do primeiro que o vendera, porque era parte da súa herdanza. 25Toda valoración se fará conforme o valor do siclo do santuario, cada siclo vale vinte óbolos.
Os primoxénitos
26A primeira cría do gando, que por ser primoxénito pertence ó Señor, non poderá ser ofrecida como voto, será xa do Señor, sexa tenreiro, sexa de gando miúdo. 27Se fose animal impuro, poderase rescatar polo prezo avaliado, engadíndolle un quinto; pero se non se rescata, venderase polo prezo taxado.
O anatema
28Calquera ofrenda en anatema que alguén lle fai ó Señor de todo canto lle pertence, persoa, animal ou terra, non se poderá vender nin rescatar: será totalmente consagrada ó Señor. 29Nin sequera un ser humano, que foi ofrecido en anatema ó Señor, poderá ser rescatado: terá que morrer.
Os décimos
30O décimo enteiro, tanto da terra coma da semente da terra ou do froito das árbores, será do Señor: é cousa sagrada para Iavé. 31Se alguén quere rescatar o seu décimo, pagará un quinto máis do prezo avaliado. 32Todo décimo de gando grande ou pequeno, é dicir, cada décima cabeza que pase por debaixo do caxato, será consagrado ó Señor. 33Non se escollerá entre bo ou malo, nin se poderá trocar. Se alguén o cambiase, tanto o animal trocado coma o outro serán sagrados, non se poderán rescatar". 34Estes son os mandamentos, que o Señor lle ordenou a Moisés para os fillos de Israel no monte Sinaí.