CAPÍTULOS 11-15

PARTE TERCEIRA

 

 

CAPÍTULO 11

 

Regras da pureza legal (cc. 11-16)

 

Animais puros e impuros

 

1Faloulles o Señor a Moisés e a Aharón: 2‑"Faládelles ós fillos de Israel e dicídelles: Estes son os animais que poderedes comer de entre todos os cuadrúpedes da terra: 3todo o que ten o pé rachado e mais a uña fendida e que remoe, podédelo comer. 4Pero de entre os que remoen ou teñen as uñas fendidas, non poderedes comelo camelo, que, aínda que remoe, non ten a uña fendida: será impuro para vós. 5O coello, que remoe, pero non ten o pé fendido, é impuro para vós. 6A lebre, que remoe, pero non ten o pé fendido, é impura para vós. 7O porco, que ten o pé rachado e a uña fendida, pero non remoe, é impuro para vós. 8Non comeredes da súa carne nin tocaredes o seu cadáver: son impuros para vós. 9De entre os que viven na auga podedes comer aqueles que teñen aletas e escamas, tanto que sexan de mar coma de río. 10Pero os que non teñen escamas, tanto de mar coma de río, todo réptil acuático e todo ser que vive na auga, serán abominación para vós. 11Serán abominables para vós, non probaredes a súa carne e teredes noxo dos seus cadáveres. 12Todo o que non ten aletas nin escamas, será abominación para vós.

13Teredes noxo, e non comeredes de ningunha das seguintes castes de aves: a aguia, o voitre barbado, aguia de mar, 14o voitre, o falcón de calquera caste, 15todas as castes de corvos, 16a avestruz, a curuxa, a gaivota e todas as castes de gabián, 17o moucho, o somorgullo e o ibis; 18o cisne, o pelicano e a grúa, 19a cegoña, e toda caste de garza, a bubela e o morcego.

20Todo insecto con ás, que anda en catro patas, será abominable para vós. 21Con todo, de entre os que voan, poderedes comer soamente aqueles que amais dos catro pés teñen patas para choutar polo chan. 22Os que poderedes comer son: toda caste de lagostas, de saltóns, cabaliños e grilos. 23Calquera outro insecto con ás e de catro patas será abominable para vós.

24Os seguintes animais contaminan: calquera que toque o cadáver dalgún destes bechos quedará impuro ata a tarde. 25Aquel que leve ó lombo o cadáver dalgún deles, terá que lavar o seu vestido, e quedará impuro ata a tarde. 26Todo vivente de pata con uña non fendida na punta do seu pé, e que non remoe, será impuro para vós. Quen o toque, quedará impuro. 27De entre os cuadrúpedes serán impuros para vós todos os plantígrados. Quen toque o cadáver dalgún deles, quedará impuro ata a tarde. 28O que leve ó lombo o cadáver deles, terá que lavar o seu vestido e quedará impuro ata a tarde.

29De entre os réptiles serán impuros para vós os que se arrastran polo chan: a donicela, o rato e toda caste de lagartas. 30O ourizo, o camaleón, o lagarto, a tartaruga e a toupa. 31Estes serán impuros para vós. Quen toque o cadáver dalgún deles, quedará impuro ata a tarde. 32E todo aquilo no que caia o cadáver dalgún deles, será impuro. O mesmo que sexa un obxecto de pau coma de tecido, de coiro ou de esparto. En resume, calquera obxecto que sirva para algo, terá que ser metido na auga e quedará impuro ata a tarde. Despois será puro. 33Se cae dentro dun cacharro de barro, todo canto teña nel faise impuro, e o cacharro terá que ser escachado. 34Calquera alimento cociñado con auga no cacharro será impuro, e todo líquido potable que haxa dentro do cacharro será impuro. 35Todo aquilo no que caia o cadáver dalgún destes, farase impuro. Tanto o forno, coma o trespés terán que ser destruídos. Son impuros e como tales os habedes de ter. 36Con todo, as fontes e as cisternas, é dicir, os depósitos de auga, serán puras, a non ser que as toque algún cadáver destes, que as fará impuras. 37Se algún destes cadáveres cae enriba dunha semente para sementar, a semente quedará pura. 38Pero se o gran está mollado e cae enriba del un cadáver destes, quedará impuro para vós. 39Se morre un animal do que se pode comer a carne, e alguén toca o seu cadáver, quedará impuro ata a tarde. 40O que coma dese cadáver, terá que lavar o seu vestido e quedará impuro ata a tarde; o que leve ó lombo o cadáver, terá que lavar o seu vestido, e quedará impuro ata a tarde.

41Todo réptil que anda a rastro polo chan, será abominable: non se pode comer, 42quen ande a rastro polo chan, quen ande en catro ou máis patas, de cantos se arrastran polo chan en ningún caso comeredes, por ser unha abominación. 43Non vos contaminedes con ningún réptil, que se arrastra, non vos fagades impuros con el. 44Pois eu son o Señor, o voso Deus: santificádevos para serdes santos, porque eu son santo. Non vos contaminedes con ningún réptil que se arrastra polo chan. 45Eu son o Señor que vos fixen subir do país de Exipto, para ser o voso Deus: tendes que ser santos, pois eu son santo. 46Esta é a lei referente ós cuadrúpedes, ás aves, a toda caste de bechos que viven na auga ou andan a rastro polo chan. 47Saberedes diferenciar entre o puro e o impuro, e entre os animais que se poden comer e os que non se poden".

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

Purificación da que deu a luz

 

1Faloulle o Señor a Moisés:

2‑"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: A muller que xerou e deu a luz un fillo varón, quedará impura por sete días. Neste tempo manterase separada, coma nos días da menstruación: será impura. 3No oitavo día será circuncidado o meniño, 4e durante trinta e tres días ela seguirase purificando do sangue. Non tocará cousa sagrada, nin entrará no lugar santo, ata que pasen todos os días da súa purificación. 5Se deu a luz unha filla, quedará impura durante dúas semanas, coma na súa menstruación, e seguirase purificando do sangue durante outros sesenta e seis días. 6Pasados os días da súa purificación polo fillo ou pola filla, presentará á porta da Tenda do Encontro, como holocausto, un año dun ano e un pombiño ou unha rula, como oblación polo pecado. Darallos ó sacerdote, 7que os ofrecerá diante do Señor e expiará por ela e quedará purificada. Esta é a lei para a muller, que deu a luz un fillo ou unha filla. 8Se a muller, porén, non tivese ovellas abondo, ofrecerá dúas rulas ou dous pombiños: un como holocausto e outro como vítima expiatoria. O sacerdote expiará por ela, e quedará purificada".

 

 

 

CAPÍTULO 13

 

Diferentes castes de lepra humana

1) Inflamación, furuncho e mancha

 

1O Señor faloulles a Moisés e a Aharón: 2‑"Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha branquexada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes. 3O sacerdote examinará a chaga que aparece na pel do corpo. Se ve que afonda na carne e que o pelo do sitio da chaga branquexou, de seguro que é lepra. Os sacerdotes testemuñarán e declararano impuro. 4Mais se a mancha da pel fose branquexada pero non aparece máis fonda có resto da pel, e o pelo non branquexou, o sacerdote fará illar o enfermo durante sete días. 5E examinarao o sacerdote no día sétimo; e se, ó seu parecer, remite a infección sen se estender pola pel adiante, hao recluír por outros sete días. 6Volverao mirar de novo o sacerdote no día sétimo, e se comproba que a chaga parou e non se estendeu na pel, o sacerdote declararao puro do mal da lepra. Faralle lavar os seus vestidos, e quedará puro. 7Pero se, despois de o mirar o sacerdote e de o declarar puro, a chaga medrou na pel, terá que ser examinado outra vez polo sacerdote. 8Se ó miralo ben o sacerdote, ve que a chaga se estendeu na pel, declararao impuro: é un caso de lepra nalgunha das súas castes.

 

2) Lepra enraizada

 

9Cando a alguén se lle vexa unha chaga coma de lepra, será levado ó sacerdote. 10O sacerdote examinaraa: se observa un tumor branquexada na pel, e se a cor do pelo se torna esbrancuxada aparece a chaga en carne viva, 11de seguro que é lepra xa vella na pel e na carne. O sacerdote declararao impuro e non o fará encerrar, pois é impuro. 12Pero se a lepra se estendeu por toda a pel e cubriu todo o corpo do enfermo, da cabeza ós pes, naquelas partes que están á vista do sacerdote, 13este examinarao: se ve que a lepra cobre todo o corpo, declararao puro da chaga, tornouse todo branco, é puro. 14Pero cando apareza nel unha chaga en carne viva, quedará impuro. 15Tan axiña como o sacerdote vexa a ferida en carne viva, declararao impuro, pois a carne viva é impura, de seguro que é lepra. 16Pero se a chaga en carne viva desaparece e se torna branca, o infectado irá ó sacerdote. 17O sacerdote examinarao e ó ver que a chaga se tornou branca, declararao puro da chaga, o home é puro.

 

3) Furuncho

 

18Cando alguén tivo na pel un furuncho e sandou, 19se no sitio do furuncho aparece un tumor esbrancuxado ou unha mancha branquexada avermellada, presentarase ó sacerdote. 20O sacerdote mirarao. Se a mancha aparece máis fonda na pel e o seu pelo se tornou branco, o sacerdote declararao impuro: é chaga de lepra, que se fixo no furuncho. 21Pero se ó examinala, o sacerdote ve que non hai nela pelo branco nin é máis fonda cá pel, e pola contra, a chaga aparece máis escura, o sacerdote farao encerrar durante sete días. 22Se, ó cabo deles, a chaga segue medrando na pel sen deterse, o sacerdote declararao impuro, pois é lepra. 23Pero se a chaga segue no seu sitio e deixa de medrar, e a brancura non se estende, é un furuncho curado, o sacerdote declararao puro.

 

4) Queimadura

 

24Se no corpo de alguén houbo unha queimadura de lume, e aparece a carne viva no pelado, tornándose branco avermellado, ou soamente branco, 25examinarao o sacerdote. Se o pelo torna branco e a chaga aparece máis fonda cá pel, seguro que é lepra, que se formou na queimadura. O sacerdote declararao impuro: é chaga de lepra. 26Pero se ó examinala, o sacerdote ve que non naceu pelo branco na mancha nin é máis fonda cá pel e soamente perdeu un pouco a cor, o sacerdote farao encerrar durante sete días. 27No día sétimo examinarao o sacerdote. Se ve que se espallou pola pel, declararao impuro: de seguro que é lepra. 28En troques se a mancha deixou de medrar, non se estendendo pola pel, e a súa cor se tornou pálida, é a bostela da queimadura. O sacerdote declararao puro: é soamente a cicatriz da queimadura.

 

5) Chagas no coiro cabeludo

 

29Cando un home ou unha muller teña unha chaga na cabeza ou na barba, 30examinará ben a ferida o sacerdote. Se aparece máis fonda cá pel e ten o pelo amarelo e máis raro, será declarado impuro polo sacerdote. Ten a tiña, é lepra da cabeza ou da barba. 31Pero se o sacerdote ó examinar a chaga da tiña, esta non aparece máis fonda cá pel, nin hai nela pelo negrexo, o sacerdote fará encerrar durante sete días ó que ten a chaga. 32No sétimo día o sacerdote volverá examinar a chaga. Se non se estendeu nin aparece pelo amarelo, e a chaga non aparece máis fonda cá pel, 33o enfermo farase rapar todo, agás o sitio da tiña, e o sacerdote farao encerrar durante outros sete días. 34No día sétimo o sacerdote examinará de novo a chaga. Se non se estendeu nin aparece máis fonda cá pel, o sacerdote declararao puro, e despois de lavar o seu vestido, quedará puro. 35Se a chaga se estende na pel, despois de ser declarado puro, 36o sacerdote examinarao de novo. Se aparece na pel a chaga, non precisa o sacerdote examinar se o pelo é amarelo: é impuro. 37Pero se, ó seu xuízo, a chaga non se estendeu e no sitio nace pelo negro, entón a chaga curou: é puro. O sacerdote declararao puro.

38Cando a un home ou a unha muller lles aparezan na pel manchas albeiras, 39que llelas examine o sacerdote. Se na pel del ou dela aparecen manchas entre escuras e albeares, trátase dunha afección lixeira, que xurdiu na pel: é puro. 40Cando a un home lle cae o pelo da súa cabeza, queda calvo, pero é puro. 41Se lle cae o pelo da parte dianteira da súa cabeza, é calvo na fronte, pero é puro. 42Pero se na parte calva, ben de toda a cabeza, ben da parte de diante, aparece unha mancha albeira e avermellada, é unha lepra que lle naceu nos sitios pelados. 43O sacerdote examinarao, e se o sitio da chaga aparece de cor albeira avermellada, sexa na parte calva da cabeza, sexa na parte de diante, semellante á cor da chaga da lepra da pel do corpo, 44trátase dun home contaxiado de lepra: é impuro, e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.

 

Comportamento do leproso

 

45O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques tapará cun veo a súa barba, e irá gritando: impuro, impuro. 46Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada.

 

Lepra nos vestidos

 

47O vestido no que apareza unha mancha de lepra, tanto se o vestido é de lá coma de liño, 48sexa no urdido, ou no tecido do liño ou da lá, ou nunha pelica, ou en calquera peza de coiro para vestirse, 49e se a mancha no vestido ou na pelica ou no urdido ou no tecido ou en calquera peza de coiro é verdella ou avermellada, trátase de mancha de lepra. Terá que ser examinado polo sacerdote. 50O sacerdote examinará a mancha e fará pechar o obxecto contaxiado durante sete días. 51No día sétimo volverao mirar o sacerdote. Se ve que a mancha se estendeu no vestido ou no urdido ou no tecido ou na pelica ou en calquera peza de coiro para se vestir, a mancha é lepra maligna: o obxecto é impuro. 52Queimarase o vestido ou o urdido ou o tecido de lá ou de liño ou calquera peza de coiro no que estea a mancha, pois é lepra corrosiva: será queimado no lume. 53Pero se, ó examinala o sacerdote, non se estendeu a mancha no vestido, ou no urdido, ou no tecido ou na peza de coiro, 54o sacerdote ordenará que se lave o obxecto contaminado, e volverao encerrar durante outros sete días. 55Tornará a examinar a mancha o sacerdote, despois desta lavadura. Se, ó seu xuízo, a mancha non cambiou de cor nin se espallou, será impuro, o obxecto terá que ser queimado no lume, porque está corroído polo dereito e polo revés. 56Pero se, ó mirala o sacerdote, a mancha, despois da lavadura, aparece descorada, esgazaraa do vestido ou da pelica ou do urdido ou do tecido. 57Se aínda despois da lavadura se ve que no vestido ou na urdido ou no tecido ou na peza de coiro a mancha se estendeu, terá que ser queimado no  lume o obxecto manchado. 58O vestido, ou o urdido ou o tecido ou a peza de coiro que, ó lavalo, lle desaparece a mancha, lavarase outra vez, e será puro. 59Esta é a lei acerca da mancha de lepra no vestido de lá ou de liño ou na urdido ou no tecido ou en calquera peza de coiro, cando teña que ser declarada pura ou impura".

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Purificación do leproso

 

1Faloulle o Señor a Moisés: 2‑"Esta é a lei que rexerá para purificar o leproso. Será presentado ó sacerdote. 3O sacerdote sairá fóra do campamento a esperalo, e examinarao. Se a mancha da lepra desapareceu do enfermo, 4mandará o sacerdote que o que se quere purificar presente dúas aves vivas puras, pau de cedro, lá escarlata e hisopo. 5O sacerdote fará matar unha das aves, recollendo o sangue nun vaso de barro con auga corrente; 6collerá logo a ave viva, o pau de cedro, a lá escarlata e o hisopo, xunto coa ave e mergullaraos co sangue da ave sangrada sobre a auga corrente. 7Hisopará sete veces ó que se quere purificar da lepra, e despois de o purificar, deixará voar ceibe o paxaro vivo polo aire do campo. 8O que se purificou, lavará a súa roupa, rapará todo o seu pelo e lavarase na auga, quedando puro de novo. Poderá entrar logo no campamento, pero terá que morar fóra da súa tenda durante sete días. 9O cabo do día sétimo rapará outra vez todo o seu pelo, da cabeza, da barba, das sobrecellas; en resume rapará todos os pelos, lavará os seus vestidos, bañará todo o seu corpo en auga, e quedará puro. 10No día oitavo collerá dous años sen chata e unha ovelliña dun ano sen chata, e tres décimos de flor de fariña, mesturada con aceite, coma oblación, e un cuarteirón de aceite. 11O sacerdote, que fai a purificación, presentará todo isto, xunto co que se vai purificar, diante do Señor na entrada da Tenda do Encontro. 12De seguida o sacerdote collerá un dos años, e ofrecerao como expiación xunto co cuarteirón de aceite, e, abalándoos ritualmente, presentaraos diante do Señor. 13Sacrificará o año no lugar en que se adoita facer a expiación e mais o holocausto, isto é, no lugar sagrado, porque tanto o sacrificio de purificación coma o de expiación, son cousas santísimas, e pertencen ó sacerdote. 14Despois o sacerdote collerá do sangue da vítima de reparación, e untará o lóbulo da orella dereita do que se vai purificar, o dedo polgar da man dereita e a deda do pé dereito. 15Collerá logo o sacerdote do cuartillo de aceite e verterao na palma da súa propia man esquerda. 16Mollará os dedos da súa man dereita no aceite que vertera na palma da súa man esquerda, e asperxerá sete veces diante do Señor co aceite dos dedos. 17Do resto do aceite que sobrou na palma da súa man, porá unha parte no lóbulo da orella dereita do que se vai purificar, no dedo polgar da man dereita do mesmo e na deda do pé dereito, enriba do sangue da vítima. 18O resto do aceite que lle quede na palma da man, verterao o sacerdote sobre a cabeza do que se vai purificar. Deste xeito fará a expiación por el diante do Señor. 19De seguida o sacerdote fará o sacrificio de expiación, para lle quitar a impureza ó que se vai purificar, e no cabo ofrecerá o holocausto. 20Ofrecido polo sacerdote o holocausto e feita a oblación no altar, o sacerdote fará a expiación por el, e quedará purificado.

21Se o leproso fose pobre e non tivese posibles para ofrecer todo isto, presentará un só año para o sacrificio de reparación, para abalar ritualmente, a fin de facer reparación por si, amais dunha décima de flor de fariña, mesturada con aceite, coma oblación, e un cuartillo de aceite máis; 22dúas rulas ou dous pombiños, conforme o que dispoña: un como sacrificio expiatorio e o outro como holocausto. 23No día oitavo levarallos ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro, para se purificar diante do Señor. 24O sacerdote collerá o año para o sacrificio de expiación e o cuartillo de aceite, e fará con eles o xesto de ofrecemento diante do Señor. 25Despois de sacrificar o año do sacrificio de expiación, o sacerdote collerá do sangue da vítima, e untará o lóbulo da orella dereita do que se vai purificar e os dedos polgares da man e do pé dereitos. 26Logo verterá parte do aceite na palma da súa man esquerda, 27e cos dedos da man dereita mollados no aceite vertido na palma da man esquerda, asperxerá sete veces diante do Señor. 28Despois o sacerdote untará co aceite que lle queda na palma da súa man o lóbulo da orella dereita do que se vai purificar, o dedo polgar da man dereita e a deda do pé dereito, no mesmo sitio que untara co sangue da vítima de reparación. 29O resto do aceite que aínda lle quede na palma da súa man, verterao o sacerdote sobre a cabeza do que se vai purificar, para expiar por el diante do Señor. 30Con cada unha das rulas ou dos pombiños, conforme o que dispoña, 31ofrecerá un como expiación polo pecado, e o outro como holocausto, amais da oblación. Deste xeito o sacerdote expiará diante do Señor polo que se vai purificar. 32Esta é a lei para quen teña lepra e non tivese posibles precisos para a súa purificación normal".

 

A lepra das casas

 

33Faloulles o Señor a Moisés e a Aharón: 34‑"Cando teñades entrado na terra de Canaán, que vos vou dar eu para posesión vosa, e cando castigue eu cunha infección de lepra algunha casa desa terra da vosa posesión, 35o dono da casa irallo notificar ó sacerdote, dicindo: Coido que na miña casa apareceu unha infección coma de lepra. 36O sacerdote, antes de entrar para examinar a infección, fará baldeirar a casa, para que nada do que hai dentro se faga impuro, e entrará logo para facer o exame da casa. 37Se albisca a infección vendo negrexar as paredes da casa, ou aparecen manchas verdellas ou avermelladas e pequenos buraquiños nelas, 38sairá o sacerdote ata a entrada da casa, e mandaraa pechar durante sete días. 39No día sétimo o sacerdote volverá a examinala. Se olla que a infección se estendeu polas paredes da casa, 40mandará arrincar as pedras contaminadas, e faraas tirar fóra da cidade nun lugar impuro. 41Fará raspar a casa toda arredor, e botar o po raspado fóra da cidade nun lugar impuro. 42Collerán outras pedras e meteranas no sitio das arrincadas, e botaranlles outro barro ás paredes. 43Se a infección se estendeu de novo pola casa, malia arrincar as pedras e alisar as paredes con outro barro, 44o sacerdote entrará para examinala. Se a infección se propagou pola casa, trátase de infección de lepra corrosiva na casa. Será impura. 45Mandará derrubar a casa e fará arredar para un lugar impuro, fóra da cidade, as pedras, as madeiras, e o barro todo das paredes. 46Cantos entraran na casa, durante os días que estivo pechada, fixéronse impuros ata á noite. 47Os que durmiron na casa, terán que lavar a súa roupa, e os que comeron nela, tamén terán que lavar a súa roupa.

48Con todo, se o sacerdote ó entrar olla que a infección non se estendeu na casa, despois que foron alisadas as paredes, declárea pura, porque desapareceu a súa infección. 49Para purificar a casa da infección, colla dúas aves, un pau de cedro, lá escarlata e hisopo. 50Matará unha das aves desangrándoa nun vaso de barro con auga corrente; 51collerá o pau de cedro, o hisopo, a lá escarlata e a ave viva, e mergullaraos no sangue da ave sangrada na auga corrente, e asperxerá a casa sete veces. 52Purificará a casa da súa infección co sangue da ave coa auga corrente, a ave viva, o pau de cedro, o hisopo e a lá escarlata. 53Deixará en liberdade ó paxaro vivo, voando polo campo, fóra da cidade. Así fará a expiación da casa, e quedará pura.

54Esta é a lei de toda infección de lepra ou de tiña, 55da lepra dos vestidos, ou da casa, 56de furunchos, de inflamacións e de manchas, 57para saber cando unha persoa ou unha cousa é pura ou impura. Esta é a lei acerca da lepra".

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

Pureza sexual

 

1Faloulles o Señor a Moisés e Aharón: 2‑"Faládelles ós fillos de Israel e dicídelles: Calquera que padeza gonorrea, será impuro pola súa secreción. 3Esta será a súa impureza por mor da súa secreción, tanto se fose exterior como se quedase retida: será impuro. 4Todo leito no que se deite o enfermo de gonorrea, será impuro; e todo banco no que se sente, será impuro. 5Calquera que toque o seu leito, terá que lavar a súa roupa, e bañarase, quedando impuro ata a tarde. 6Quen se sente no banco no que se sentou o que padece a enfermidade, lavará a súa roupa e bañarase en auga: quedará impuro ata a tarde. 7O que toque o corpo do que padece o fluxo, lavará a súa roupa e bañarase: quedará impuro ata a tarde. 8Cando o que padece fluxo cospe contra unha persoa pura, esta terá que lavar a súa roupa e bañarse en auga, e quedará impura ata a tarde. 9Calquera que monte no cabalo no que montara o contaxiado de gonorrea, será impuro. 10Calquera que toque algunha cousa que estivo debaixo del, será impuro ata a tarde; e, o que as leve ó lombo, lavará a súa roupa e bañarase en auga, quedando impuro ata a tarde. 11Todo aquel a quen toque o enfermo sen lavar ben as súas mans, lavará a súa roupa, bañarase en auga, quedando impuro ata a tarde. 12O vaso de barro que teña tocado o infectado será esnaquizado, e todo obxecto de pau deberá ser lavado con auga. 13Cando o enfermo de gonorrea sexa purificado da súa impureza, contará para si sete días desde a súa purificación: lavará a súa roupa, bañará o seu corpo en auga corrente, e quedará puro. 14No día oitavo collerá dúas rulas ou dous pombiños, irá diante do Señor á entrada da Tenda do Encontro, e entregarallos ó sacerdote. 15O sacerdote fará con un deles o sacrificio expiatorio e co outro un holocausto, expiando por el ante o Señor, por causa da súa gonorrea.

16O home que teña unha polución, lave con auga todo o seu corpo, e quedará impuro ata a tarde. 17Calquera tecido ou pelica na que caia seme, será lavada con auga, e quedará impura ata a tarde.

18Cando un home e unha muller teñen relacións sexuais, lavaranse con auga, e quedarán impuros ata a tarde. 19A muller que teña a menstruación, será illada durante sete días. Calquera que a toque, quedará impuro ata a tarde. 20Calquera que se deite onde estivo ela durante o seu illamento, será impuro, e quen se sente no mesmo sitio, quedará impuro. 21Calquera que toque no leito dela, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde. 22Quen toque nas cousas nas que se sentou ela, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde. 23E quen se sente sobre o leito ou enriba de algo no que ela se sentou, con tal que o toque quedará impuro ata o serán. 24Pero, se un home se deita con ela, mentres está ela no tempo do seu fluxo, quedará impuro durante sete días, e todo o leito no que se deitaron quedará impuro. 25A muller que padeza fluxo de sangue moitos días fóra dos que acostuma, ou que ten fluxo ademais do da menstruación, todos os días do fluxo será impura, coma nos días da menstruación. 26O leito no que se deita todos os días do seu fluxo, será para ela coma o leito da súa menstruación, e toda cousa na que se sente será impura coma na impureza do tempo do seu illamento. 27Calquera que a toque, será impuro, terá que lavar a súa roupa, bañarse en auga e quedará impuro ata a tarde. 28Se se purifica do seu fluxo, contará para si sete días, e despois quedará pura. 29No día oitavo collerá dúas rulas ou dous pombiños, e levarallos ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro. 30O sacerdote fará con un deles o sacrificio expiatorio e co outro o holocausto. Fará a expiación por ela diante do Señor, por causa da impureza do seu fluxo. 31Arredaredes os fillos de Israel da súa impureza, para non morrerdes por culpa dela, nin profanardes o meu tabernáculo, que está no medio voso. 32Esta é a lei acerca do que padece gonorrea ou ten polución que o fagan impuro, 33acerca da que está coa menstruación; é dicir, de todo aquel que padece fluxo, sexa home ou muller, e de todo home que se deite cunha muller impura".