CAPÍTULOS 36-40
CAPÍTULO 36
1Besalel, Oholiab e todos os homes destros, ós que o Señor dera sabedoría e intelixencia para saberen facer a obras destinadas ó culto sagrado, puxéronse ó traballo conforme o mandara o Señor. 2Moisés chamou a Besalel, a Oholiab e a todos os homes destros, ós que o Señor dera habilidade e a cantos estaban dispostos a pó-la súa parte na realización das obras, 3e entregoulles os materiais que os israelitas lle trouxeran coma ofrenda para a obra do santuario que se había facer.
Os israelitas seguían traendo máis ofrendas, unha mañá tras doutra. 4Deixando o seu traballo respectivo na construción do santuario, viñeron os sabios artesáns 5e dixéronlle a Moisés: ‑"O pobo está traendo xa máis do que cómpre para facer as obras que mandou o Señor". 6Entón deu Moisés a orde de pregoar no campamento: ‑"Que ningún home nin muller se esforce en traer máis ofrendas para as obras do santuario". E o pobo deixou de traer. 7O que trouxeran xa chegaba e sobraba para facer todas as obras.
O tabernáculo
8Os máis destros dos artífices puxéronse a facer o tabernáculo, de dez lenzos de liño fino torcido, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, con querubíns bordados. 9Cada lenzo medía vinte e oito cóbados de longo por catro de ancho; eran todos da mesma medida. 10Os lenzos empalmaban uns cos outros, en dúas series de cinco.
11Fixeron logo presillas de púrpura violácea e puxéronos na orla do lenzo extremo dunha serie, e despois no da outra. 12Cincuenta presillas ían na orla dun lenzo e cincuenta na do outro, de xeito que se correspondían entre elas. 13Fixeron tamén cincuenta broches de ouro e uniron con eles os lenzos entre si. Dese xeito o santuario formaba un conxunto.
14Teceron despois once lenzos de pelo de cabra, que servían de Tenda ó tabernáculo. 15Cada lenzo medía trinta cóbados de longo e catro de ancho, todos da mesma medida. 16Empalmaron nunha serie cinco lenzos e seis noutra, 17e puxeron cincuenta presillas na orla de cada unha das dúas series de lenzos empalmados.
18Fundiron cincuenta broches de bronce para xuntar os lenzos da Tenda e que constituísen unha unidade. 19Fixeron para o tabernáculo unha cuberta de peles curtidas de carneiro, con outra cuberta por enriba de peles de teixugo.
20Despois fixeron as táboas do tabernáculo de madeira de acacia, e puxéronas en pé. 21Cada unha medía dez cóbados de longo e un e medio de ancho. 22Cada táboa remataba en dous cantís, para ensamblar unhas nas outras; as táboas eran iguais. 23Logo distribuíron deste xeito as táboas do tabernáculo: vinte táboas polo lado sur, ó mediodía, 24ás que puxeron debaixo corenta baseamentos de prata, dúas por cada táboa ou unha por cada cantil. 25No outro lado do tabernáculo, o que mira cara ó norte, puxeron outras vinte táboas, 26cos seus corenta baseamentos de prata, dúas debaixo de cada táboa. 27Polo flanco do tabernáculo que mira cara ó mar puxeron seis táboas, 28con dúas máis para que formasen os dous cantos. 29Estas eran parellas por abaixo e encaixaban para arriba, ata a primeira argola. Dese xeito fixeron os dous cantos. 30Eran, por xunto, oito táboas, con dezaseis baseamentos de prata, dúas para cada táboa.
31Fixeron tamén os traveseiros, de madeira de acacia, cinco para as táboas dun flanco do tabernáculo, 32cinco para as do outro e cinco para as do ocaso. 33Fixeron tamén o traveseiro que pasa polo medio das táboas, desde unha punta á outra. 34As táboas revestíronas de ouro, e o mesmo os traveseiros. Tamén eran de ouro as argolas polas que pasaban os traveseiros.
O veo e a cortina
35Fixeron despois o veo, de púrpura violácea, escarlata e carmesí e de liño fino torcido, con querubíns bordados. 36Para penduralo fixeron catro columnas de madeira de acacia, revestidas de ouro, con ganchos tamén de ouro; para as columnas fundiron catro baseamentos de prata.
37Para a entrada da Tenda fixeron unha cortina, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido, e bordada. 38Levaba cinco columnas que a sostiñan, provistas de ganchos. Os seus capiteis e as súas molduras revestíronos de ouro e os seus baseamentos de bronce.
CAPÍTULO 37
A arca
1Besalel construíu a arca de madeira de acacia, de dous cóbados e medio de longo, un e medio de ancho e un e medio de alto. 2Revestiuna de ouro puro por dentro e por fóra, e ó arredor púxolle unha cinta de ouro. 3Fundiu catro argolas de ouro para os seus catro ángulos, dúas para un flanco e dúas para o outro. 4Fixo varais de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 5Meteu os varais nas argolas, polos dous flancos da arca, para podela transportar.
6Fixo despois o propiciatorio, de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho. 7Cicelou dous querubíns de ouro e púxoos nos dous extremos do propiciatorio, 8un en cada extremo, formando co propiciatorio un mesmo corpo. 9Os querubíns despregaban as ás cara arriba, cubrindo o propiciatorio; miraban cara ó centro deste, un enfronte do outro.
A mesa dos pans sagrados
10Fixo tamén unha mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longo, un de ancho e un e medio de alto. 11Revestiuna de ouro puro e púxolle ó redor unha cinta de ouro. 12O redor fíxolle un reborde dun palmo e púxolle tamén unha cinta de ouro. 13Fundiu catro argolas de ouro e púxollas nos catro ángulos, unha por cada pé. 14As argolas quedaban agarradas no reborde. Por elas meteu os varais para transportar a mesa. 15Os varais fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 16Fixo tamén de ouro puro os instrumentos da mesa: pratos, cuncas, xerras e vasos para as libacións.
O candelabro
17Fixo despois un candelabro de ouro puro. Traballouno a martelo, coa súa base e co seu fuste. Facían unha peza con el as súas copas, cálices e corolas. 18Dos seus lados saían seis brazos, tres dun lado e tres doutro. 19Cada brazo tiña tres copas, coma flores de améndoa, co seu cáliz e a súa corola; eran iguais os seis brazos que saían do candelabro. 20No fuste do candelabro había catro copas, coma flores de améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola. 21Debaixo de cada parella de brazos que saían do candelabro levaba un cáliz; era a mesma cousa cos seus brazos. 22Os cálices e mais as corolas facían unha mesma peza e estaban cicelados en ouro puro.
23Fixo tamén sete lámpadas, coas súas pinzas e cos seus cinseiros, todo de ouro puro. 24Cun talento de ouro puro fixo o candelabro e todos os seus utensilios.
O altar do incenso
25Fixo despois o altar do incenso de madeira de acacia. Era cadrado, dun cóbado de longo, un de ancho e dous de alto; dos seus ángulos saían cornos. 26Revestiuno de ouro puro por enriba, polos lados e nos cornos; púxolle ó redor unha cinta de ouro. 27Nos dous lados, por baixo da cinta, púxolle dúas argolas de ouro, para meter nelas os varais e podelo transportar. 28Os varais fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 29Despois preparou o óleo da unción santa e o incenso puro de aromas, coma o que fan os perfumistas.
CAPÍTULO 38
O altar dos holocaustos
1Fixo tamén o altar dos holocaustos de madeira de acacia, cadrado, de cinco cóbados de longo, cinco de ancho e tres de alto. 2Nos catro ángulos fíxolle saíntes coma cornos e revestiunos de bronce. 3Fixo logo os trebellos do altar, todos de bronce: caldeiros, paletas, aspersorios, tenaces e braseiros.
4O altar fíxolle, de bronce, un enreixado da forma dunha rede, e púxollo por debaixo do reborde, desde a media altura ata o chan. 5Para os catro ángulos do enreixado de bronce fundiu catro argolas, para meter por elas os varais. 6Logo fixo os varais de madeira de acacia e recubriunos de bronce. 7Meteunos polas argolas dos dous lados do altar, para transportalo con elas. O altar fíxoo oco e de táboas.
A pía de bronce
8Fixo a pía de bronce, coa base tamén de bronce, cos espellos das mulleres que servían á entrada da Tenda do Encontro.
O adro
9Despois fixo o adro. Púxolle polo lado sur cortinas de liño fino torcido, dun longo de cen cóbados. 10As súas vinte columnas cos seus vinte baseamentos eran de bronce; os ganchos das columnas e as argolas eran de prata. 11Polo lado norte púxolle cen cóbados de cortinas; as súas vinte columnas cos seus vinte baseamentos eran de bronce; os ganchos das columnas e as argolas eran de prata. 12Polo lado do ocaso o adro levaba cincuenta cóbados de cortinas, con dez columnas e dez baseamentos e con ganchos e argolas de prata. 13Na parte dianteira, de cara ó nacente, levantou cincuenta cóbados de cortina. 14Nun lado da porta ían quince cóbados de cortina, con tres columnas e tres baseamentos. 15Do lado oposto, a mesma cousa.
16As cortinas arredor do adro eran todas de liño fino torcido. 17Os baseamentos das columnas eran de bronce, os ganchos e as argolas de prata, e revestidos tamén de prata os capiteis. As columnas do adro levaban todas aneis de prata. 18A cortina da entrada do adro era bordada, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido; tiña vinte cóbados de longo por cinco de alto, correspondía coa altura das cortinas do adro. 19As catro columnas das que colgaba a cortina, coas súas basas, eran de bronce, os ganchos de prata, os capiteis e as molduras recubertas tamén de prata. 20As estacas arredor do tabernáculo e do adro eran todas de bronce.
Os gastos das obras
21Estas son as contas da construción do tabernáculo da alianza, segundo as fixeron os levitas, por orde de Moisés, baixo a dirección de Itamar, fillo do sacerdote Aharón. 22Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá, fixo todo o que o Señor lle mandara a Moisés. 23Axudoulle Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan, artesán, escultor e bordador de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino.
24A suma do ouro empregado na construción do santuario, todo levado en ofrenda, foi de vinte e nove talentos, con setecentos trinta siclos, segundo o siclo do templo. 25A prata dos rexistrados no censo da comunidade sumaba cen talentos, con mil setecentos setenta e cinco siclos, segundo o siclo do templo. 26Correspondía a cada un dos censados, de vinte anos para arriba, a cantidade de medio siclo, segundo o siclo do templo. O total de homes era de seiscentos tres mil cincocentos cincuenta.
27Os cen talentos de prata empregáronse en fundir os cen baseamentos do santuario e do veo, a talento por baseamento. 28Cos mil setecentos setenta e cinco siclos fixéronse os ganchos para as columnas, dotáronse as molduras e revestíronse os capiteis.
29O bronce ofrecido foi de setenta talentos, con dous mil catrocentos siclos. 30Con el fixéronse os baseamentos da entrada da Tenda do Encontro, o altar de bronce coa súa reixa e os obxectos todos do altar, 31os baseamentos arredor do adro e as da súa porta, e todas as estacas do tabernáculo e do adro.
CAPÍTULO 39
As vestiduras dos sacerdotes
1Con púrpura violácea, escarlata e carmesí, e con liño fino fixeron as vestiduras sagradas para o servizo do santuario, e os ornamentos sacros de Aharón, como ordenara o Señor a Moisés.
O efod
2O efod fixérono de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 3Puxeron o ouro en láminas, delas tiraron fíos e con estes bordaron a púrpura violácea, escarlata e carmesí, e o liño fino torcido. 4Fixéronlle dúas ombreiras, unidas polos cabos. 5O cíngulo saía do efod, e era da feitura deste: de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido, como mandara o Señor a Moisés.
6Prepararon pedras de ónix, engastadas en ouro, e gravaron nelas, o mesmo ca nun selo, os nomes das tribos de Israel. 7Colocáronas nas ombreiras do efod, pois eran as pedras da lembranza das tribos de Israel, como lle mandara o Señor a Moisés.
O peitoral
8Fixeron o peitoral, traballado con arte, da mesma feitura do efod, de ouro, púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 9Era cadrado, dobre, un palmo de longo e un de ancho. 10Engastaron nel catro ringleiras de pedras. Na primeira unha sardónica, un topacio e unha esmeralda; 11na segunda un rubí, un zafiro e un xaspe; 12na terceira un ópalo, unha ágata e unha ametista; 13e na cuarta un crisólito, un ónix e un berilo. As pedras estaban todas engastadas en ouro. 14Correspondíanse cos nomes das tribos de Israel, doce pedras para doce nomes. Cada pedra levaba gravado coma un selo o nome dunha das doce tribos.
15Para o peitoral fixeron cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón. 16Por parte prepararon dous engastes de ouro e dous aneis tamén de ouro. Os aneis fixáronos nos dous cabos do peitoral. 17Pasaron logo por eles as dúas cadeíñas de ouro 18e as dúas puntas das cadeíñas fixáronas nos engastes que ían collidos na dianteira das ombreiras do efod.
19Outros dous aneis que fixeron puxéronos nos cabos da parte baixa do peitoral, polo lado de dentro, de cara para o efod. 20E outros dous aneis máis fixáronos nas dúas ombreiras do efod, na parte inferior dianteira, onda a xuntura e por enriba do cíngulo do efod. 21Cun cordón de púrpura violácea suxeitaron os aneis do peitoral cos do efod, de xeito que o peitoral quedase por enriba do cíngulo do efod e non se soltase del, como mandara o Señor a Moisés.
O manto
22Teceron despois o manto do efod, todo de púrpura violácea. 23No medio, por enriba, levaba unha abertura, cunha orla arredor, coma unha cota, para que non se esgazase. 24No borde baixo, ó redor, puxéronlle granadas de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 25Fixeron logo campaíñas de ouro puro e puxéronllas por entre as granadas, ó redor, 26alternándose unhas coas outras. O manto era para oficiar, como ordenara o Señor a Moisés.
Outras vestiduras
27Para Aharón e para os seus fillos fixeron túnicas, 28tiaras e mitras de liño fino con enfeites, e calzóns de liño fino torcido; 29e, por parte, cíngulos de liño fino torcido, bordados, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, como o Señor lle ordenara a Moisés.
A diadema
30Fixeron tamén de ouro puro a flor da sagrada diadema e gravaron nela, como se fai nun selo: Consagrado ó Señor. 31Cun cordón de púrpura violácea suxeitárona na dianteira da tiara, como o Señor mandara a Moisés.
Moisés aproba as obras
32Quedaron así acabados os traballos do tabernáculo e da Tenda do Encontro. Os israelitas fixeron todo como lles mandara Moisés.
33Entón presentáronlle a Moisés o tabernáculo e a Tenda, con todos os seus utensilios, os broches, as táboas, os varais, as columnas e os baseamentos; 34a cuberta de pel curtida de carneiro, a cuberta de pel de teixugo, o veo de tapar a arca; 35a arca da alianza, os seus traveseiros e mais o propiciatorio; 36a mesa cos seus accesorios e mais os pans presentados; 37o candelabro de ouro puro coas súas lámpadas, cos seus trebellos e co aceite do alumado; 38o altar de ouro, o óleo da unción, o incenso cos aromas, a cortina da entrada da Tenda; 39o altar de bronce coa súa reixa de bronce, cos seus varais e outros trebellos, a pía co seu fuste; 40a cortina do adro coas súas columnas e os seus baseamentos, a cortina da entrada do adro coas súas cordas e as súas estacas, e todas as demais cousas para o servizo do tabernáculo e da Tenda do Encontro; 41as vestiduras para o servizo do santuario e os sagrados ornamentos para oficiar o sacerdote Aharón e seus fillos.
42Os israelitas fixeron o traballo como o Señor lle ordenara a Moisés. 43Moisés examinou todas as obras, e viu que estaban feitas conforme lle mandara o Señor. E deulles a súa bendición.
CAPÍTULO 40
Orde de instalar e de consagrar o santuario
1O Señor díxolle a Moisés: 2‑"O día un do mes primeiro montarás o tabernáculo da Tenda do Encontro. 3Dentro del porás a arca da alianza, que taparás co veo. 4Meterás tamén a mesa e disporás o que hai que pór enriba dela. Colocarás o candelabro e acenderás as súas lámpadas. 5Porás o altar de ouro do incenso diante da arca da alianza e colgarás a cortina da entrada do tabernáculo. 6Na entrada do tabernáculo da Tenda do Encontro porás o altar dos holocaustos. 7Entre a Tenda do Encontro e o altar colocarás a pía e botarás a auga nela. 8Porás ó redor do adro as cortinas e a cortina da entrada do adro.
9Collerás logo o óleo da unción e unxirás o tabernáculo con todo o que hai nel; consagraralo cos seus accesorios, e quedará consagrado. 10Unxirás tamén o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios; consagraralo e será sacrosanto. 11Unxirás e consagrarás tamén a pía coa súa base.
12Despois farás que se aproximen Aharón e seus fillos á entrada da Tenda do Encontro e que alí se laven. 13Vestiraslle as vestiduras sacras a Aharón, unxiralo e consagraralo para o meu servizo. 14Logo mandarás que veñan seus fillos e vestiraslles as súas túnicas. 15Unxiralos, como fixeras con seu pai, para o meu sacerdocio, e a unción conferiralles un sacerdocio perpetuo polas xeracións".
Cumprimento da orde
16Moisés fixo todo como lle mandara o Señor. 17O día un do mes primeiro do ano segundo levantouse o santuario.
18Moisés fíxoo montar desta maneira: puxo as bases, colocou as táboas, meteu os traveseiros, levantou as columnas, 19despregou a Tenda encol do tabernáculo, púxolle por riba a cuberta, como o Señor mandara a Moisés.
20Despois colleu Moisés as táboas da alianza e meteunas na arca. Púxolle á arca os varais e colocou o propiciatorio encol dela. 21Meteu a arca no tabernáculo e puxo o veo que tapaba a arca da alianza, conforme o Señor ordenara a Moisés.
22Logo meteu a mesa na Tenda do Encontro, ó norte do tabernáculo e por fóra do veo. 23Dispuxo enriba dela os pans presentados ó Señor, como o Señor lle mandara a Moisés. 24Colocou o candelabro na Tenda do Encontro, polo lado sur, enfronte da mesa. 25Acendeu as lámpadas diante do Señor, como o Señor lle mandara a Moisés.
26Puxo tamén na Tenda do Encontro, por diante do veo, o altar de ouro 27e queimou nel incenso recendente, como o Señor mandara a Moisés. 28A entrada do tabernáculo colocou a cortina. 29A entrada da Tenda do Encontro puxo o altar dos holocaustos e enriba del ofreceu holocaustos e ofrendas, como o Señor lle mandara a Moisés.
30Entre a Tenda do Encontro e o altar puxo a pía e botou nela auga para as ablucións. 31Alí lavaban as mans e os pés Moisés, Aharón e seus fillos, 32cando entraban na Tenda do Encontro e cando se aproximaban ó altar, como o Señor mandara a Moisés. 33Montou tamén o adro ó redor do tabernáculo e do altar e pendurou a cortina da entrada do adro. E así rematou Moisés a obra toda.
A gloria do Señor no tabernáculo
34Entón a nube cubriu a Tenda do Encontro e a gloria do Señor encheu o tabernáculo. 35Moisés non podía entrar na Tenda, por pousarse a nube enriba dela e porque a gloria do Señor enchía o tabernáculo.
36Nas xeiras do camiño que deberon facer os israelitas, cando a nube se erguía de enriba do tabernáculo, eles púñanse en marcha. 37Pero se a nube non se erguía, eles non se movían ata vela moverse. 38En todas as súas xeiras os israelitas puideron observar como a nube do Señor pousaba polo día encol do tabernáculo e como pola noite se convertía en lume.