CAPÍTULOS 11-15
CAPÍTULO 11
Ameaza ós primoxénitos
1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Vou mandar aínda unha praga sobre o faraón e o seu pobo. Despois vaivos deixar saír de aquí. Mellor dito, botaravos el mesmo de Exipto. 2Aconséllalle ó pobo que cada home pida ó seu veciño e cada muller á súa veciña obxectos de prata e ouro". 3O Señor fixo que o pobo lles caese ben ós exipcios; e o mesmo Moisés era estimado pola corte do faraón e polo pobo de Exipto.
4Moisés deu este anuncio: ‑"Isto di o Señor: á medianoite pasarei por todo o Exipto, 5e morrerán os primoxénitos todos do país, desde o primoxénito do faraón que senta no trono, ata o da serva que move a pedra do muíño, e mesmo os primoxénitos do gando. 6Haberá no Exipto enteiro un lamento tan grande, como non o houbo antes nin o volverá haber. 7Pero onde están os israelitas non ouveará can ningún nin por homes nin por gando, para que saibades que o Señor distingue entre Exipto e Israel. 8Entón estes teus ministros acudirán onda min e, prostrándose, pediranme: Sae de onda nós ti e todo este pobo que te segue. E entón eu sairei". E Moisés foise anoxado de onda o faraón.
9O Señor dixéralle a Moisés: ‑"O faraón non vos dará creto, e eu farei moitos milagres en Exipto".
10Moisés e Aharón fixeron estes milagres diante do faraón. Pero o Señor endureceu ó faraón, que non deixou saír os israelitas da súa terra.
CAPÍTULO 12
A Pascua
1O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón: 2‑"Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. 3Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. 4Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ó que cada un poida comer. 5O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año coma un cabrito. 6Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. 7Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. 8Comeredes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas. 9Non comeredes nada del cru, nin cocido en auga, senón asado no lume, con cabeza, patas e entrañas. 10Non deixaredes nada del para a mañá; se vos sobra algo, queimádeo. 11Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.
12Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. 13O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora. 14Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por todas as xeracións.
Os Azimos
15Sete días seguidos comeredes pans ácimos. Desde o primeiro día botaredes o lévedo das casas, pois o que coma pan fermentado entre o primeiro día e o sétimo será excluído de Israel. 16O día primeiro é día de asemblea, e tamén o día sétimo. Neses días non deberedes traballar, fóra de preparar cada un o que ha comer. 17Gardaredes a festa dos Ácimos, pois nese mesmo día saquei eu as vosas multitudes de Exipto. Gardarédela coma festa de precepto por todas as xeracións. 18No mes primeiro, desde a tarde do día catorce ata a do vinte e un, comeredes pan ácimo. 19Neses sete días non gardaredes pan lévedo na casa. Quen coma algo fermentado será excluído da asemblea de Israel, o mesmo o forasteiro coma o indíxena. 20Non comeredes pan fermentado; onde queira que habitedes, comeredes pan ácimo".
Disposicións sobre a Pascua
21Moisés convocou ós anciáns todos de Israel e díxolles: ‑"Buscade e facédevos cunha res por familia e inmolade a vítima da Pascua. 22Collede un ramallo de hisopo, molládeo no sangue que recollades nun recipiente, e unxide con el o lintel e as xambas da porta. E que ninguén saia da porta da casa para fóra, namentres non amañeza. 23O Señor vai pasar ferindo os exipcios. Pero, en vendo o sangue no lintel e nas xambas, pasará diante da porta sen se deter. Non deixará entrar nas vosas casas ó exterminador para ferir. 24Cumpriredes estas ordes coma lei a perpetuidade para vós e para os vosos fillos. 25Cando un día entredes na terra que o Señor vos dará, conforme a súa promesa, observaredes este rito. 26Entón preguntaranche os teus fillos: ¿Que significa este rito que facedes? 27Vosoutros dirédeslles: É o sacrificio da Pascua, cando o Señor pasou sen deterse diante das casas dos israelitas en Exipto, ferindo os exipcios e deixando a salvo as nosas casas".
Nisto o pobo prostrouse e adorou. 28Os israelitas foron e fixeron como lles mandara o Señor por Moisés e Aharón.
Morte dos primoxénitos
29A medianoite o Señor feriu de morte a todos os primoxénitos de Exipto, desde o primoxénito do faraón que senta no trono, ata o do prisioneiro que está no calabozo, e mesmo os primoxénitos do gando. 30O faraón ergueuse de noite e, coma el, os seus ministros e todo o Exipto, e sentiuse un gran pranto en todo o país, pois non había casa onde non houbese algún morto.
31Na mesma noite mandou o faraón chamar a Moisés e a Aharón, para dicirlles: ‑"Erguédevos e saíde do medio do meu pobo con todos os israelitas. Ide e dade culto a Iavé, como dixestes. 32Levade convosco, como queriades, os rabaños e o gando. Ídevos e bendicídeme a min tamén". 33Os exipcios facían forza sobre o pobo, para que saíse axiña do país, pois dicían: ‑"Imos morrer todos".
34A xente sacaba das artesas a masa sen levedar, envolvíaa en mantas e cargábaa ás costas. 35Os israelitas fixeron como lles dixera Moisés. 36Pedíanlles ós exipcios obxectos de prata e ouro e mais roupas. O Señor fixo que o pobo lles caese ben ós exipcios, que lles deixaban canto lles pedían. Así despoxaron ós exipcios.
Saída dos hebreos de Exipto
37Os israelitas saíron de Ramsés cara a Succot. Sen levar conta dos nenos, eran coma seiscentos mil homes. 38Con eles ía tamén unha multitude de xente mesturada, e rabaños de ovellas e de vacas e gando en grande cantidade.
39Coceron a masa que sacaran de Exipto e fixeron bolas de pan asmo, pois non lle deran tempo a levedar. Como saíran de Exipto empuxados, non puideron deterse a preparar merenda para a viaxe.
40A estadía dos israelitas en Exipto foi de catrocentos trinta anos. 41No mesmo día en que se cumprían os catrocentos trinta anos, saíron de Exipto as multitudes do Señor. 42Esa noite velou o Señor para sacalos. Esa noite velan os israelitas por todas as xeracións.
A lei da Pascua
43O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: ‑"Esta será a lei da Pascua: ningún estranxeiro comerá dela. 44Pero poderán comer dela os escravos mercados por diñeiro, se están circuncidados. 45Non comerán dela nin os forasteiros nin os mercenarios. 46Comeredes dentro da casa; non sacaredes fóra carne ningunha; non romperedes ningún óso. 47A comunidade enteira de Israel celebrará esta festa. 48Se vive convosco un estranxeiro e quere celebrar a Pascua do Señor, deberá facer circuncidar a todos os varóns da súa casa, e entón poderá celebrala; será coma un do país. Pero non comerá dela ningún incircunciso. 49A mesma lei rexerá para os que son do país coma para os estranxeiros que habiten convosco".
50Os israelitas todos cumpriron o que o Señor lles mandara a Moisés e a Aharón. 51Naquel mesmo día sacou o Señor as multitudes israelitas de Exipto.
CAPÍTULO 13
A lei dos Ácimos e a lei dos Primoxénitos
1O Señor díxolle a Moisés:
2‑"Conságrame todo primoxénito. Todo primeiro nacido que bote o ventre, tanto se é dos homes coma dos animais, perténceme a min".
3Moisés díxolle ó pobo: ‑"Lembrade este día en que saístes de Exipto, da casa da servidume, cando con man rexa vos sacou de alí o Señor. Non comades pan lévedo nese día. 4Saídes hoxe, no mes de abib. 5Cando o Señor vos introduza na terra dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos hivitas e dos iebuseos, conforme o xuramento que fixo a vosos pais, unha terra que deita leite e mel, no mes de abib celebraredes esta festa. 6Sete días seguidos comeredes pans ácimos; o día sétimo será a festa do Señor. 7Comeredes pans ácimos durante os sete días, e que na túa casa non se vexa pan fermentado nin no teu territorio pan lévedo ningún. 8Nese día explicaraslle ó teu fillo: Isto é polo que o Señor fixo por min, cando saín de Exipto. 9Será coma un sinal que pos no teu brazo e coma unha lembranza diante dos teus ollos; levarás nos teus labios a lei do Señor, que te sacou de Exipto con man forte. 10Observa este rito de ano en ano, no seu día.
11Cando o Señor te dea introducido na terra dos cananeos, conforme vos xurou a ti e a teus pais, e cha dea en posesión, 12consagrarás ó Señor todos os primoxénitos. As primeiras crías dos teus gandos, se son machos, perténcenlle ó Señor. 13A primeira cría dun asno poderala rescatar cunha ovella; se non a rescatas, tela que desnocar. Os teus fillos primoxénitos telos que rescatar. 14Cando mañá o teu fillo che pregunte: ¿Que significa isto?, ti diraslle: O Señor sacounos con man forte de Exipto, da casa da servidume. 15O faraón teimaba en non deixarnos saír, e entón o Señor matou a todos os primoxénitos de Exipto, os dos homes e os do gando. Por iso nós sacrificamos para o Señor as primeiras crías do gando que son machos, e rescatamos os fillos primoxénitos. 16Será coma un sinal que pos no teu brazo e coma unha lembranza diante dos teus ollos: o Señor sacoute de Exipto con man forte".
A primeira xeira do camiño
17Unha vez que o faraón deixou saír o pobo, Deus non o conduciu polo camiño que leva a Filistea, que é máis curto, pois preveu: "‑Non sexa que, ó vérense en guerra, se arrepintan e dean volta para Exipto". 18Deus fíxolles dar polo deserto un rodeo, na dirección do Mar Rubio. Os israelitas saíran de Exipto ben armados.
19Moisés levaba consigo os ósos de Xosé, pois este fixéralles xurar ós israelitas: ‑"Deus visitaravos certamente, e entón levaredes de aquí os meus ósos convosco".
20Saíron de Succot e acamparon en Etam, á beira do deserto. 21O Señor camiñaba diante deles, polo día nunha columna de nube para os guiar, pola noite nunha columna de lume para os alumear. Dese xeito camiñaban de día e de noite. 22Nin a columna de nube se afastaba do pobo polo día nin a de lume pola noite.
CAPÍTULO 14
O paso do Mar Rubio
1O Señor díxolle a Moisés: 2‑"Dilles ós israelitas que fagan un rodeo e que acampen diante de Pi-hahirot, entre Migdal e o mar, enfronte de Baalsefón, e que poñan as tendas cara ó mar. 3O faraón pensará: Os israelitas andan perdidos no país; o deserto péchalles o paso. 4Eu endurecerei o corazón do faraón, de xeito que se botará a perseguirvos, e eu mostrarei a miña gloria á conta súa e dos seus exércitos. Entón saberán os exipcios que eu son Iavé". Os israelitas fixeron o mandado.
5Dixéronlle ó rei de Exipto que o pobo fuxira. O corazón do faraón e o dos seus ministros volvéronse contra el, e dicían: ‑"¿Que fixemos, deixando saír do noso servizo a Israel?" 6O faraón mandou que enganchasen o seu carro, e mobilizou o seu exército. 7Tomou seiscentos carros escolleitos e logo os outros carros de Exipto con todos os xefes do exército. 8O Señor endureceu o corazón do faraón, rei de Exipto, para que perseguise ós israelitas, que saían co brazo ergueito. 9Os exipcios perseguíronos e atrapáronos, acampados onda o mar. A cabalería, os carros, os cabaleiros e o exército enteiro do faraón chegaron a Pi-hahirot, diante de Baalsefón.
10Cando o faraón se aproximaba, ergueron os israelitas a súa vista e viron ós exipcios que corrían tras deles. E, cheos de medo, clamaron cara ó Señor. 11Dixéronlle a Moisés: ‑"¿Seica non había sepulturas en Exipto, para que nos fixeses vir morrer no deserto? ¿Que ben nos fixeches con sacáresnos de Exipto? 12¿Non che diciamos xa alí: Déixanos, que nós serviremos ós exipcios? Mellor nos era servilos que vir morrer no deserto".
13Moisés respondeulles: ‑"Non teñades medo. Mantédevos enteiros e veredes a salvación que vos concederá hoxe o Señor. Os exipcios que hoxe vedes, non os veredes nunca máis. 14O Señor loitará por vós. Vós agardade calados".
15O Señor díxolle a Moisés: ‑"¿Que queixas son esas cara a min? Manda ós israelitas que se poñan en marcha. 16Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. 17Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. 18O mostrar a miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son Iavé".
19O anxo de Deus, que ía diante das hostes de Israel, cambiouse e púxose detrás. Tamén se moveu de diante para detrás a columna de nube. 20Púxose entre os exércitos de Exipto e os de Israel. A nube por unha banda era de tebra e pola outra alumaba a noite, de xeito que en toda a noite non puideron aproximarse os uns ós outros.
21Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas partidas. 22Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. 23Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
24Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. 25Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron: ‑"Fuxamos dos israelitas, pois Iavé loita por eles contra nós".
26O Señor díxolle a Moisés: ‑"Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros". 27Moisés alongou a man cara ó mar e, contra a mañá, este volveu ó seu sitio. 28Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor alagounos nas súas augas. As augas, ó xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.
29Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda. 30Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos. 31Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu ó Señor e creu nel e no seu servo Moisés.
CAPÍTULO 15
Canto de grazas dos salvados
1Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:
‑"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,
cabalo e cabaleiro alagou no mar.
2 O Señor é a miña forza, a razón do meu canto,
El é a miña salvación.
El é o meu Deus, e loareino,
o Deus de meu pai, e enxalzareino.
3 O Señor é un guerreiro.
O seu nome é Iavé.
4 Alagou no mar ó faraón cos seus exércitos,
a flor dos seus capitáns afogou no Mar Rubio.
5 Os abismos cubríronos,
baixaron ó fondo coma pedras.
6 A túa destra, Señor, distínguese pola forza,
a túa destra, Señor, tronza ós inimigos.
7 Coa túa aterradora maxestade crebas os teus contrarios,
cando soltas o teu noxo, consómeos coma palla.
8 Co soprido do teu furor amoréanse as augas,
érguense en diques as correntes,
callan as augas do mar.
9 Os inimigos dicían: Perseguirei, atraparei,
repartirei botín, ata fartar a cobiza;
sacarei a miña espada, despoxarei coa miña man.
10 Pero botaches ti un sopro, e cubriunos o mar,
afundíronse coma chumbo nas augas embravecidas.
11 ¿Quen hai coma ti, Señor, entre os deuses,
quen coma ti, excelso en santidade,
terrible polas túas obras, facedor de milagres?
12 Soamente tendiches a destra, e enguliunos a terra.
13 Ti guiaches con amor o pobo rescatado,
coa túa forza leváchelo onda a túa sagrada morada.
14 Oírono os pobos e tremeron,
un terror coma de parto agarrou nos filisteos.
15Arrepiaban os grandes de Edom,
tremían os xefes de Moab,
derretíase toda a poboación de Canaán.
16Caeu enriba deles un medo tremente,
o poder do teu brazo deixounos coma de pedra,
namentres pasaba o teu pobo, Señor,
namentres pasaba o pobo que adquiriches.
17Ti leváchelo e plantáchelo na túa propiedade,
no lugar onde fixeches, Señor, a túa morada,
no santuario que ti fundaches coas túas mans.
18 O Señor reinará por sempre.
19A cabalería do faraón, os seus carros e os seus cabaleiros, entraron polo mar, e entón botou o Señor as augas do mar por riba deles. 20Pero os israelitas pasaron polo medio do mar a pé enxoito".
21A profetisa Miriam, irmá de Aharón, botou man do pandeiro, e todas as mulleres saíron con pandeiros detrás dela, bailando. Miriam cantaba diante:
‑"Cantade ó Señor, que se cubriu de gloria,
cabalo e cabaleiro alagou no mar".
NO CAMIÑO DO DESERTO
Onda a fonte de Marah
22Moisés fixo marchar ós israelitas de onda o mar Rubio, e colleron a dirección do deserto do Sur. Camiñaron tres días polo deserto, sen atoparen auga. 23Chegaron a Marah. Pero non puideron beber daquela auga, polo seu amargor. Por iso lle puxeron a aquel lugar o nome de Marah. 24O pobo murmuraba contra Moisés e preguntaba: ‑"¿Que imos beber?" 25Moisés clamou cara ó Señor, e o Señor mostroulle un madeiro que había botar na auga. A auga volveuse doce.
Alí deulles leis e normas, e púxoos á proba. 26Díxolles: ‑"Se obedecedes ó Señor, o voso Deus, se facedes o que é debido, se cumprides os seus mandamentos e gardades as súas leis, non botarei sobre vós as pragas que botei sobre os exipcios, pois eu son o Señor que cura".
27Chegaron a Elim, onde había doce fontes e setenta palmeiras. E acamparon alí, preto da auga.