Capítulos 16-20

CAPÍTULO 16

 

As festas:

a) A Pascua e os Azimos

 

1Garda o mes das Espigas e celebra a Pascua en honor do Señor, o teu Deus, pois no mes das Espigas fíxote saír de noite o Señor, o teu Deus, de Exipto. 2De sacrificio de Pascua ofreceraslle ao Señor, o teu Deus, un cordeiro ou un becerro no santuario que escolla o Señor, para que alí habite o seu Nome. 3Non comerás co sacrificio nada con fermento, durante sete días; comerás co sacrificio pan ácimo, pan de aflición, pois de présa saíches do país de Exipto: para que te lembres do día no que saíches do país de Exipto, todos os días da túa vida.

4Non se verá fermento en todos os teus confíns durante sete días, e nada da carne que sacrifiques pola tarde do día primeiro pasará a noite ata a mañá seguinte.

5Non poderás facer o sacrificio da Pascua en ningunha das túas cidades, nas que o Señor, o teu Deus, che entregue; 6soamente no santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para que alí habite o seu Nome. Has de ir facer alí o sacrificio da Pascua pola tardiña, cando se poña o sol, no preciso momento en que ti saíches de Exipto. 7Cociñarás a vítima e comerala no santuario que o Señor, o teu Deus, escolla. Pola mañá darás a volta e camiñarás para as túas tendas. 8Durante seis días comerás pan asmo, e no día sétimo terá lugar a reunión de festa en honor do Señor, o teu Deus. Non farás ningún traballo.

 

b) A festa das Semanas

 

9Contarás para ti sete semanas: desde que comeza a fouce a segar no pan, comezarás a contar sete semanas. 10Entón celebrarás a festa das semanas en honor do Señor, o teu Deus. A proporción da ofrenda voluntaria da túa man que ti darás libremente, será segundo te bendiga o Señor o teu Deus.

11No santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para que more alí o seu Nome, fai festa na presenza do Señor, o teu Deus, ti e mais o teu fillo e mais a túa filla, o teu servo, e mais a túa serva, e o levita que vive dentro das portas da túa cidade, o emigrante, o orfo e mais a viúva que están no medio de ti. 12Lembra que fuches escravo en Exipto; garda e cumpre todos estes preceptos e ponos en práctica.

 

c) A festa das Tendas

 

13Ao recoller os froitos da eira e mais do lagar, has de celebrar a festa das Tendas durante sete días. 14Has de te alegrar na túa festa, ti e o teu fillo e mais a túa filla, o teu servo e mais a túa serva, o levita e mais o emigrante, o orfo e mais a viúva que haxa na túa cidade. 15Sete días has de facer romaría en honor do Señor, o teu Deus, no santuario que o Señor escolla, pois o Señor, o teu Deus, bendiciute nas túas colleitas e nas obras da túa man; por isto, certamente estarás alegre.

 

d) Resumo

 

16Tres veces durante o ano todos os teus homes han de se presentar diante do Señor, o teu Deus, no lugar que El escolla: na festa do pan asmo, na festa das Semanas e na festa das Tendas, e non se han de presentar sen nada. 17Cada un presentará a ofrenda da súa man, segundo a bendición que o Señor, o teu Deus, che concedeu.

 

Leis para os xuíces

 

18Poñerás pola túa conta para as túas tribos xuíces e maxistrados en todas as cidades, que o Señor, o teu Deus, che vai dar, e han de xulgar o pobo con xuízo xusto. 19Non violentes o xuízo, nin te fixes nas caras dos litigantes, nin collas regalos:

pois o regalo cega os ollos dos sabios,

e perverte a causa dos xustos.

20Buscarás a pura xustiza, para que poidas vivir feliz e tomar posesión do país que o Señor, o teu Deus, che vai dar.

 

Pecados contra o culto e de idolatría

 

21Non plantarás no teu proveito símbolos de Axerah nin ningunha árbore ao lado do altar do Señor, o teu Deus, que ti fagas.

22Non levantarás estelas, que o Señor, o teu Deus, as aborrece.

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

1Non lle ofrecerás en sacrificio ao Señor, o teu Deus, touro ou año que teña algún defecto ou cousa mala, pois isto sería unha abominación para o Señor, o teu Deus.

2Se se atopa no medio de ti nalgunha das cidades que o Señor, o teu Deus, che vai dar, home ou muller que faga o que está mal ós ollos do Señor, o teu Deus, transgredindo a súa Alianza, 3e que vai dar culto a deuses alleos e prostrarse diante deles, diante do sol, ou da lúa ou de todo o exército do ceo, cousa que eu non che mando; 4se cho denuncian ou se te decatas, investiga con todo o coidado: se se establece a verdade do tal feito, comprobándose que esa abominación se cometeu en Israel, 5entón sacarás fóra das portas das túas cidades o home ou muller que tal mal feito cometeron; ao tal home ou á tal muller apedraralos ata que morran. 6O que ha morrer será morto pola declaración de dúas ou de tres testemuñas: non será morto pola declaración dunha soa testemuña. 7A pedrada das testemuñas será a primeira en darlle morte, e a man de todo o pobo seguirá despois, e deste xeito retirarás do medio de ti este mal.

 

Tribunal de apelación composto por sacerdotes - levitas

 

8Se che resultan demasiado difíciles algúns asuntos relativos ao xuízo de sangue vertido, de litixios e de feridas ‑asuntos de disputa legal nas portas das túas cidades‑, entón levántate e sube ao santuario que o Señor, o teu Deus, escolla, 9e vai xunto ós sacerdotes levitas e xunto ao xuíz que haxa neses días; consúltaos, e que fagan saber a sentencia do xuízo. 10Logo actúa conforme ao fallo que se che comunique desde o santuario que o Señor escolla, e está atento a executalo todo tal como cho ordenen. 11Has de actuar conforme ao texto da resolución que che ordenen e conforme á sentencia que che diten. Non te apartarás nin á dereita nin á esquerda da decisión xudicial que che fagan coñecer.

12O home que actúe con orgullo sen lle querer facer caso ao sacerdote, que está servindo alí ao Señor, o teu Deus, ou ao xuíz, ese tal home ha de morrer. Deste xeito apartarás a maldade de Israel, 13pois todo o pobo escoitará isto e collerá medo; e así non se volverá a deixar levar polo orgullo.

 

O estatuto do rei

 

14Cando entres no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar, e o collas en posesión e vivas nel, entón has de dicir: Quero pór sobre min un rei coma todos os pobos que me rodean. 15Has de pór sobre ti soamente o rei que escolla o Señor, o teu Deus; de entre os teus irmáns has de pór sobre ti un rei, non poderás pór sobre ti un estranxeiro, que non sexa irmán teu. 16Soamente que non poderá aumentar o número dos seus cabalos e non fará volver o seu exército a Exipto, para aumentar o número de cabalos, pois o Señor tenvos dito: Non volvades de novo por este camiño. 17Nin tampouco el deberá aumentar o número das súas mulleres, para que non se lle extravíe o seu corazón; a prata e o ouro non os deberá aumentar moito.

18Cando se entronice no trono do seu reino, mandará que lle escriban nun libro unha copia desta Lei, conforme ao orixinal que está no poder dos sacerdotes levitas. 19Esa copia teraa con el e leraa todos os días da súa vida, para que aprenda a respectar o Señor, seu Deus, gardando todas as disposicións desta Lei e estes preceptos, póndoos en práctica. 20De xeito que o seu corazón non se ensoberbeza sobre os seus irmáns nin se aparte dos mandamentos nin á dereita nin á esquerda, a fin de alongar no medio de Israel os días do seu reinado: do seu e mais dos seus fillos.

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

Igualdade de dereitos dos levitas - sacerdotes

 

1Os sacerdotes levitas, toda a tribo de Leví, non terán parte nin herdanza con Israel; comerán as ofrendas feitas en honor do Señor, isto é, a parte que é do Señor. 2A tribo de Leví non terá herdanza no medio dos seus irmáns: o Señor será a súa herdanza, tal como llo prometeu.

3Estes serán os dereitos dos sacerdotes sobre aqueles do pobo que inmolan en sacrificio un touro ou un año: daráselle ao sacerdote a pa, as queixadas e o estómago. 4Has de lle da as primicias do teu trigo, do teu mosto e do teu aceite, e mais as primicias da rapa do teu rabaño, 5pois escolleuno o Señor, o teu Deus, entre todas as túas tribos, para estar servindo todos os días o Nome do Señor, el e mais os seus fillos.

6Se vén un levita dunha das túas cidades, de calquera parte de Israel, onde el habita, e se chega con todo o apetito da súa gorxa ao santuario que o Señor escolla, 7pode entrar en servizo ao Nome do Señor, seu Deus, o mesmo ca calquera dos seus irmáns, os levitas que están alí na presenza do Señor. 8Comerán a partes iguais, a non ser que sexa un dos levitas que xa vendeu a súa parte ós que a precisan.

 

Falsas formas de profecía e o verdadeiro profeta

 

9Cando entres no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar, non aprenderás a comportarte conforme as abominacións deses pobos. 10Non se atopará en ti quen faga pasar o seu fillo e á súa filla polo lume, quen prediga adiviñacións, quen faga encantamentos, quen lea as sortes nos astros, quen se dea á bruxería, 11encantadores de feitizos, quen faga preguntas ao espírito dos mortos e ao que ten o espírito adiviño dos mortos, quen consulte ós mortos. 12Xa que todo aquel que practique estas cousas é unha abominación para o Señor, e por mor destas abominacións o Señor, o teu Deus, vai privar a esas nacións da súa herdanza, soamente coa túa presenza. 13Apégate completamente ao Señor, o teu Deus.

14Aínda que estes pobos, dos que vas tomar posesión, fagan caso dos encantadores e dos adiviños, a ti o Señor, o teu Deus, non che permite obrar deste xeito. 15A un profeta coma min farao xurdir o Señor, o teu Deus, no medio de ti, de entre os teus irmáns. Facédelle caso, 16tal como llo pediches ao Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer. 17E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. 18Fareilles xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, 19e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas. 20Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.

21Certo que podes pensar no teu interior: ¿Como podemos distinguir a palabra que nos dixo o Señor, se o profeta a di no Nome do Señor? 22Cando esta palabra non aconteza nin se cumpra esa palabra, é que non a dixo o Señor: o profeta falou por soberbia; non lle teñas medo.

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

As cidades de asilo para os homicidas involuntarios

 

1Cando o Señor, o teu Deus, destrúa os pobos dos que o Señor, o teu Deus, che vai dar o país, e cando tomes posesión deles e vivas nas súas cidades e nas súas casas, 2porás á parte tres cidades no medio do teu país, que o Señor, o teu Deus, che vai dar para que o posúas. 3Establecerás alí autoridades e dividirás en tres o territorio do país que che dea en herdanza o Señor, o teu Deus. Deste xeito haberá onde poida escapar calquera homicida.

4Esta é a lei do homicida que ha de escapar alí, e seguirá vivo: se un mata o seu próximo sen querer pois non o aborrecía anteriormente; 5por exemplo: un vai co seu próximo ao bosque para abater árbores e o seu brazo enrédaselle coa machada no momento de cortar a árbore e o ferro salta do mango e dá contra o seu próximo e este morre, aquel debe fuxir a unha destas cidades, e poderá seguir vivo; 6non sexa que o vingador do sangue vertido persiga ao homicida porque arde o seu corazón e que o alcance por ser o camiño moi longo, e que o mate, pero o homicida non incorre en pena de morte, xa que non lle tiña odio ao seu próximo anteriormente. 7Por isto é polo que eu che mando que poñas á parte tres cidades.

8Se o Señor, o teu Deus, ensancha as túas fronteiras, tal como llelo xurou a teus pais e che dá toda a terra que lles prometeu dar a teus pais 9‑xa que ti estás atento a pór en práctica todos estes mandamentos que eu che mando hoxe, para amar ao Señor, teu Deus, e camiñar polos seus vieiros todos os días‑, entón engadirás aínda tres cidades ás outras tres. 10Así non se verterá sangue inocente no medio do país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza, e ese sangue non recaerá sobre ti.

11Se un lle ten odio ao seu próximo e se pon a axexalo, levántase contra el, golpéao de morte e este próximo morre, aquel escapará a unha desas cidades. 12Pero os anciáns da súa cidade, mandarán xente que o saquen de alá e o entreguen no poder do vingador do sangue vertido, para que morra. 13Os teus ollos non terán compaixón del, senón que retirarás de Israel o sangue inocente vertido e serás feliz.

 

Respectar os marcos que puxeron os devanceiros

 

14Non retirarás para atrás os marcos do teu próximo que puxeron os devanceiros na túa herdanza, a que ti vas herdar no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en posesión.

 

As testemuñas do xuízo e a lei do talión

 

15Unha testemuña non se presentará soa contra un home por calquera crime, por calquera pecado e por calquera falta que cometa; o ditame xudicial establecerase pola declaración de dúas testemuñas ou pola declaración de tres. 16Se se presenta unha testemuña falsa contra un home, acusándoo de apostasía, 17os dous homes que teñen a disputa comparecerán na presenza do Señor, na presenza dos sacerdotes e dos xuíces que haxa nos días aqueles, 18e os xuíces han de investigar seriamente. Se a testemuña resulta ser testemuña falsa, ten deposto falsidade contra o seu irmán; 19entón farédeslle o mesmo que pensaba el facerlle ao seu irmán. Deste xeito apartarás a maldade do medio de ti. 20O resto da xente escoitará isto, e collerá medo e non seguirán a facer outra vez maldade coma esta no medio de ti. 21Si, que o teu ollo non teña compaixón: vida por vida, ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé.

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

A guerra santa

 

1Cando saias para a guerra contra os teus inimigos e vexas cabalos, carros e exército máis numeroso ca ti, non lles teñas medo, pois está contigo o Señor, o teu Deus, o que te fixo rubir do país de Exipto. 2E cando esteades cerca do momento da batalla, aproximarase o sacerdote para lle falar ao exército, 3e diralle: Escoita, Israel: vós hoxe estades próximos á batalla contra os vosos inimigos; que a vosa afoutada decisión non se debilite, non teñades medo nin vos alarmedes nin vos amedrentedes coa súa presenza, 4xa que o Señor, o voso Deus, avanza convosco para facer a guerra ao voso favor contra os vosos inimigos, co fin de darvos a vitoria.

5Os comisarios falaranlle logo ao exército nestes termos: ¿Quen é o home que ten construída unha casa nova e aínda non a consagrou coa inauguración? Que vaia e se volva á súa casa, non sexa que morra no combate e outro home a consagre coa inauguración. 6¿Quen é o home que ten plantada unha viña e non se aproveitou dela? Que vaia e que se volva á súa casa, non sexa que morra no combate e outro home se aproveite dela. 7¿Quen é o home que se prometeu a unha muller e non casou con ela? Que vaia e se volva á súa casa, non sexa que morra na batalla e outro home case con ela. 8E continuarán os comisarios falándolle ao exército e diranlle: ¿Quen é o home que ten medo e que se lle debilita a súa afoutada decisión? Que vaia e se volva á súa casa, e non faga esmorecer a afoutada decisión de seus irmáns o mesmo cá súa decisión. 9E cando acaben os comisarios de lle falar ao exército, establecerán xefes de exército á fronte da tropa.

 

A conquista das cidades na guerra santa

 

10Cando te aproximes a unha cidade para facer a guerra contra ela, bérralle: ¡Paz!, 11e se ela responde: ¡Paz! e abre as portas, entón todo o pobo que se atopa dentro dela servirache para traballos forzados e serán escravos teus. 12Pero se non se fai a paz contigo e presenta combate, entón sitiarala, 13pois o Señor, o teu Deus, entregaracha no teu poder, e ti matarás a todos os seus homes ao fío da espada. 14Soamente has de saquear para ti as mulleres, os meniños, os animais e todo o que haxa na cidade, todo o seu botín, e comerás o botín dos inimigos que che entregue o Señor, o teu Deus. 15O mesmo lles has de facer a todas as cidades que están moi lonxe de ti, porque non son as cidades destes pobos de aquí. 16As cidades daqueles pobos que o Señor, o teu Deus, che dea en herdanza, son as únicas nas que non deixarás con vida a ningún ser vivente: 17consagrarás á destrución sagrada os hititas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos, tal como cho mandou o Señor, o teu Deus, 18para que non vos ensinen a obrar segundo todas as abominacións que practican en honra dos seus deuses, e deste xeito non pequedes contra o Señor, o voso Deus.

19Cando lle poñas sitio a unha cidade durante moitos días, facendo a guerra contra ela, co fin de a conquistares, non destrúas as súas árbores a golpes de machada, pois poderás precisar comer delas; por isto non as cortes, ¿son acaso homes as árbores do campo para que sexan sometidas na túa presenza ao asedio? 20Soamente poderás destruír e cortar a árbore que saibas que non dá froito comestible, e faralo para poder construír obra de asedio contra a cidade que está facendo a guerra contigo, ata que caia esa cidade.