Capítulos 11-15

CAPÍTULO 11

 

1Amarás o Señor, o teu Deus, e gardarás o que El mande: os seus preceptos os seus decretos e os seus mandamentos todos os días.

 

b) Recoñecemento das obras do Señor na historia

 

2Recoñecédeo hoxe. Certo que non se trata dos vosos fillos, que nin coñeceron nin viron o castigo do Señor, voso Deus, nin a súa grandeza, nin a súa man poderosa, nin o seu brazo estendido, 3nin os seus prodixios, nin as súas obras, as que El fixo no medio de Exipto contra o Faraón, rei de Exipto, e contra todo o seu país: 4as que fixo contra o exército de Exipto, contra os seus cabalos e contra os seus carros; de xeito que fixo fluír as augas do mar dos Xuncos sobre a súa furia, cando vos perseguían, e destruíunos o Señor ata o día de hoxe; 5as que fixo contra vós no deserto ata que chegastes a este lugar; 6e as que fixo contra Datán e Abiram, os fillos de Eliab, fillo de Rubén, cando o abismo abriu a súa boca e os tragou no medio de todo Israel: a eles, as súas familias, as súas tendas e a todos os seres vivos que estaban á súa disposición. 7Certo que se trata dos vosos ollos que viron a obra que o Grande Señor fixo.

8Gardaredes todos os mandamentos que eu che mando hoxe, a fin de terdes forza para entrar e tomar posesión do país, ao que ides pasar e tomar en posesión, 9e a fin de que se che alonguen os días sobre a terra, que o Señor prometeu con xuramento dar a vosos pais e mais á súa descendencia. Terra que rega leite e mel.

 

c) O bo país que Deus vos dá

 

10Certo que no país ao que ti vas entrar para o tomares en posesión, non é coma o país de Exipto, de onde saístes, e onde botabas a túa sementeira e regabas ao pé, coma nun horto de verduras. 11Si, o país a onde vas cruzar para o tomares en posesión, é un país de montañas e de vales; bebe a auga da chuvia do ceo; 12é un país do que o Señor, o teu Deus, se coidará, e os ollos do Señor, o teu Deus, estarán continuamente postos nel desde o comezo ata a fin do ano.

13Se lles facedes de verdade caso ós meus mandamentos, os que eu vos mando hoxe, amando o Señor, voso Deus, e servíndoo con toda a vosa intención e con todo o voso ser, 14eu mandarei ao seu tempo a chuvia da vosa terra, a chuvia do outono e a chuvia da primavera: recollerás o teu trigo, o teu mosto e o teu aceite; 15porei herba nos teus campos para o teu gando, e ti comerás ata fartar.

16Tende moito coidado de que o voso corazón non se deixe seducir e vós vos extraviedes e deades culto a deuses alleos e vos prostredes diante deles. 17Porque se acendería a ira do Señor contra vós: pecharía o ceo e non habería chuvia, e o campo non daría o seu froito, e desapareceriades axiña de sobre esta boa terra que vos vai dar o Señor.

 

d) Exhortación á fidelidade ós mandamentos

 

18Constituíde estas palabras miñas coma obxecto das vosas intencións e do voso esforzo, atádeas ao voso pulso coma sinal, e póndeas entre os vosos ollos coma filacteria; 19ensinádellelas a vosos fillos, falándolles delas, cando esteas sentado na túa casa e cando vaias de camiño, cando esteas deitado e cando esteas de pé; 20e escríbeas nos marcos da túa casa e nas túas portas, 21para que os vosos días e os días dos vosos fillos sobre a terra, que o Señor prometeu con xuramento dar ós vosos pais, duren tanto coma os días do ceo sobre a terra.

22Ollade que se gardades fielmente todos estes mandamentos que eu vos mando cumprir, amando o Señor, camiñando por todos os seus vieiros e apegándovos a El, 23entón o Señor irá diante de vós expulsando a todos estes pobos, e vós tomaredes posesión de pobos máis grandes e máis poderosos ca vós. 24Todos os lugares onde pise a planta do voso pé serán vosos. A vosa fronteira será desde o deserto e o Líbano, e desde o río Éufrates ata o mar do Occidente. 25Ninguén se resistirá diante de vós. O Señor, voso Deus, difundirá pánico e medo por todo o país no que vós pisedes, tal e como volo dixo.

 

e) A bendición e a maldición na Alianza de Xequem

 

26¡Olla! Eu poño diante de vós hoxe bendición e maldición: 27a bendición, se facedes caso dos mandamentos do Señor, voso Deus, que eu vos mando hoxe; 28e a maldición, se non facedes caso dos mandamentos do Señor, voso Deus, e vos apartades do camiño que eu vos mando hoxe, marchando tras de deuses estranxeiros que non coñeciades.

29Cando o Señor, o teu Deus, te faga entrar no país a onde vas para o tomares en posesión, ti porás a bendición sobre o monte Garizim e a maldición sobre o monte Ebal. 30Estes montes dominan a ribeira do Xordán detrás do camiño da posta do sol, o territorio do rei cananeo que manda na Arabah, fronte a Guilgal, no lado da aciñeira de Moreh.

 

f) Introdución e vínculo do código

 

31Ollade que ides cruzar o Xordán para entrardes a tomar posesión do país que o Señor, o voso Deus, vos dá; tomade posesión del e dominádeo, 32e estade atentos a cumprir todos os mandamentos e decretos que eu vos poño diante hoxe.

 

 

 

II. CÓDIGO DEUTERONÓMICO

 

CAPÍTULO 12

 

 

1Estes son os mandamentos e os decretos que estaredes atentos a cumprir na terra que o Señor, Deus de vosos pais, vos deu en posesión, durante todos os días que vós vivades na terra.

 

O culto ao Señor: Santuario único

 

2Destruiredes totalmente todos os santuarios onde os pobos que  ides posuír lles daban culto ós seus deuses, no cume das altas montañas e sobre os outeiros e debaixo de toda árbore verde. 3Romperedes os seus altares, esnaquizaredes as súas estelas, queimaredes con lume as representacións de Axerah, quitaredes as imaxes dos seus deuses e faredes desaparecer os seus nomes dese lugar santo.

4No culto ao Señor, o voso Deus, non habedes de facer deste xeito. 5O santuario, que o Señor, voso Deus, escolleu de entre todas as tribos para pór alí o seu nome, ese buscarédelo como a súa morada. Entraredes nel 6para presentardes alí os vosos holocaustos e os vosos sacrificios, os vosos décimos e as ofrendas voluntarias das vosas mans, os vosos sacrificios ofrecidos en promesa e as vosas ofrendas espontáneas, e os primoxénitos do voso gando e dos vosos rabaños. 7Alí habedes de comer na presenza do Señor, o voso Deus, e debedes festexar, vós e a xente das vosas casas, en todas as vosas empresas, unha vez que o Señor, o voso Deus, te bendiga.

8Non habedes de facer tal e coma nosoutros estamos hoxe facendo aquí: cada un fai o que lle parece correcto, 9pois ata agora aínda non entrastes no lugar do descanso nin na herdanza que o Señor, o teu Deus, che vai dar. 10Cruzaredes o Xordán e viviredes no país que o Señor, o voso Deus, vos vai dar en herdanza e onde vos vai facer descansar de todos os vosos inimigos que vos rodean, e así viviredes tranquilos. 11Entón a aquel santuario que escolla o Señor, o voso Deus, para pór nel o seu Nome, levaredes todo o que eu vos mande: os vosos holocaustos e os vosos sacrificios, os vosos décimos e as ofrendas voluntarias da vosa man, e todo o mellor das vosas promesas, que lle fagades ao Señor. 12E faredes festa na presenza do Señor, o voso Deus, vós e mais os vosos fillos e fillas, e os vosos servos e servas, e tamén o levita que viva dentro das portas das vosas cidades, pois non ten parte nin herdanza convosco.

13Gárdate ben de ofrecer o teu holocausto en calquera santuario que vexas, 14senón que no santuario que escolla o Señor nunha das túas tribos, alí ofrecerás o teu holocausto e alí farás todo o que eu che mande.

 

As comidas de animais e o Santuario único

 

15Soamente matarás animais por mor do apetito da túa gorxa e comerás carne segundo a bendición que che concedeu o Señor, o teu Deus, dentro das portas de calquera cidade túa. Comerán tanto o que está impuro coma o que está puro, o mesmo que se fose dunha gacela ou dun cervo. 16Soamente non comerás o sangue, senón que o verterás na terra como se fose auga.

17Non che está permitido comer dentro das portas das túas cidades o décimo do teu trigo, nin do teu mosto, nin do teu aceite, nin os primoxénitos do teu gando e do teu rabaño, nin ningunha das túas promesas que ti fagas, nin as túas ofrendas espontáneas, nin as ofrendas voluntarias da túa man. 18Si, has comelas soamente na presenza do Señor, o teu Deus, no lugar que escolla o Señor  teu Deus, tanto ti coma o teu fillo e a túa filla, o teu servo e a túa serva e mais o levita que está dentro das portas da túa cidade. Comeredes e faredes festa na presenza do Señor, o teu Deus, por todas as túas empresas. 19Gárdate ben de esquecer o levita durante todos os teus días que vivas na túa terra.

20Cando o Señor, o teu Deus, anchee as túas fronteiras, tal como cho prometeu, e ti digas: Quero comer carne, pois a túa gorxa sente apetito de comer carne, entón poderás comer carne con todo o apetito da túa gorxa. 21Se está lonxe de ti o santuario que o Señor escolla para pór alí o seu Nome, entón mata algo do teu gando e do teu rabaño que o Señor che deu, tal como cho mandei e come dentro das portas da túa cidade con todo o apetito da túa gorxa. 22Si, o mesmo que se come a gacela e mais o cervo, así comerás a carne; o que estea impuro e mais o puro comerana xuntos.

23Mantente moi firme, soamente, en non comer o sangue, pois o sangue é a vida, e non podes comer a vida xunto coa carne. 24Non o comerás senón que o verterás na terra coma se fose auga. 25Non o comerás, para que che vaia ben a ti e a teus fillos despois de ti, pois has de facer o que é correcto ós ollos do Señor.

26Soamente collerás as reses que teñas consagradas e as túas promesas e levaralas ao santuario que escolla o Señor. 27Has de facer os teus holocaustos ‑carne e sangue‑ sobre o altar do Señor teu Deus; o sangue do teu sacrificio hase de verter sobre o altar do Señor, o teu Deus, mentres que a carne has comela.

28Garda e fai moito caso de todas estas cousas que eu che mando, para que che vaia ben a ti e a teus fillos despois de ti, para sempre, pois has de facer o que é bo e recto ós ollos do Señor, o teu Deus.

 

Perigo de asemellar o culto ao Señor co culto ós ídolos

 

29Cando o Señor, o teu Deus, faga desaparecer da túa presenza os pobos onde ti entras para os desposuír, e cando ti tomes posesión deles e vivas no seu país, 30despois de que eles sexan exterminados da túa presenza, gárdate ben de caer na trampa indo detrás deles, e de consultar os seus deuses, dicindo: Tal e como deron culto estes pobos ós seus deuses, así tamén eu o farei. 31Non fagas así no culto ao Señor, o teu Deus, pois todo iso é abominación para o Señor, porque el odia o que eles fan no culto ós seus deuses, pois mesmo chegan a queimar no lume a seus fillos e a súas fillas en honor ós deuses.

 

 

 

CAPÍTULO 13

 

1Todas as cousas que eu vos mando, estade atentos e cumprídeas. Non lles engadades nin lles quitedes nada.

 

Pena de morte para os incitadores á idolatría

 

2Se xorde no medio de ti un profeta ou un soñador de soños e che presenta un sinal ou un prodixio, 3e se se cumpre o sinal ou o prodixio que che dixo, e logo el di: Camiñemos tralos deuses alleos que non coñecemos e deámoslles culto, 4non lles fagades caso ás palabras de tal profeta ou ao tal soñador de soños; pois o Señor, o voso Deus, estavos pondo á proba, para saber se de verdade amades o Señor, o voso Deus, con todo o voso corazón e con toda a vosa intención. 5Camiñaredes tralo Señor, o voso Deus, respectarédelo a El, gardaredes os seus mandamentos, escoitaredes a súa voz, darédeslle culto a El e apegarédevos a El. 6E o tal profeta ou o tal soñador de soños ha de ser executado, pois predicou a rebelión contra o Señor, o voso Deus, que vos sacou do país de Exipto e que vos rescatou da escravitude; si, quíxote apartar do camiño polo que o Señor, o teu Deus, che mandara camiñar. Dese xeito farás desaparecer do medio de ti a maldade.

7Se teu irmán, fillo de teu pai ou da túa nai, ou o teu fillo ou a túa filla ou a muller que repousa no teu seo ou o teu amigo que é coma a túa vida, te incitan ás agachadas, dicíndoche: Vaiamos dar culto a deuses alleos, que non coñeciches nin ti nin teus pais 8‑trátese dos deuses dos pobos que vos rodean cerca de ti ou dos que están lonxe de ti desde un cabo de terra ao outro cabo da terra‑, 9non lle obedezas nin lle fagas caso, nin o teu ollo teña piedade del, nin sintas compaixón, nin o encubras. 10Debes absolutamente matalo: a túa man será a primeira en darlle morte, e a man de todo o pobo seguirá despois: 11acantázao con pedras e que morra, xa que tratou de te apartar do Señor, o teu Deus, que te sacou do país de Exipto, da escravitude. 12Así, todo Israel, ao escoitar isto, terá medo e non continuará cometendo no medio de ti maldade semellante a esta.

13Cando nunha das túas cidades, que o Señor, o teu Deus, che concedeu para vivires nela, oias dicir 14que uns homes, fillos de quen non serve para nada, saíron do medio de ti e seduciron os habitantes da súa cidade, dicíndolles: Vaiamos dar culto ós deuses alleos que non coñeciades, 15entón investiga, examina e pregunta con todo coidado. Se resulta que se establece a verdade, de tal feito que esa abominación se cometeu no medio de ti, 16entón bateraslles co fío da espada ós habitantes da tal cidade: entregarala con todo o que hai nela ao exterminio sagrado co fío da espada. 17Xuntarás no medio da praza da cidade todo o seu botín; a cidade e o botín queimaralos totalmente na labarada en ofrenda ao Señor, o teu Deus; e ela ha ser coma un outeiro para sempre, pois non será reedificada. 18Nada do consagrado ao exterminio se che pegará á túa man, para que o Señor cambie o ardor da súa ira e che conceda misericordia e teña compaixón de ti e te multiplique, tal como llelo xurou a teus pais. 19Si, escoita a voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos, que eu che mando hoxe, e facendo o que é recto ós ollos do Señor, o teu Deus.

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Prohibición dun costume idolátrico

 

1Fillos sodes vós do Señor, o voso Deus. Non vos fagades incisión, non fagades rapado entre os vosos ollos por quen morre, 2xa que ti es un pobo consagrado ao Señor, o teu Deus, e o Señor escolleute para que lle foses o pobo da súa especial posesión entre todos os pobos que hai sobre a terra.

3Non comerás nada abominable:

4Estes son os animais que poderedes comer: o boi, o año, o cabrito, 5o cervo, a gacela, a cabra corza, a cabra montesa, o antílope, o bisonte e castrón montés. 6Todo animal que ten o casco partido e fendido en dúas metades, e que remoe, podedes comelo. 7De entre eles soamente non podedes comer estes: o camelo, a lebre e o coello, pois aínda que remoen non teñen o casco partido. Para vós serán impuros. 8E o porco, aínda que ten o casco partido, pero non remoe, será impuro para vós. Non lle poderedes comer a carne, nin poderedes tocar o seu cadáver.

9De todo o que hai na auga poderedes comer isto: todo o que ten aletas e escamas podedes comelo; 10pero todo o que non teña aletas nin escamas non o podedes comer, será impuro para vós.

11Todo paxaro puro poderedes comelo. 12Velaí os que non poderedes comer: a aguia, o voitre barbado, a aguia de mar; 13o voitre emigrante, e o voitre de calquera caste, 14e corvo de calquera caste, 15e a avestruz, o falcón, a gaivota, e toda especie de azor; 16o moucho, o ibis, o cisne, 17o pelicano, a grúa, o corvo do mar, 18a cegoña, a garza real nas súas diferentes especies, a bubela e o morcego. 19Todo insecto voador será impuro para vós, non se comerá. 20Podedes comer todos os paxaros puros. 21Non podedes comer ningún animal que morreu: darasllo ao emigrante que está dentro das portas da túa cidade e comerao, ou se non, véndello ao estranxeiro, xa que ti es un pobo consagrado ao Señor, o teu Deus. Non cocerás o cabrito no leite da súa nai.

 

O décimo anual

 

22Xuntarás o décimo de todos os produtos da túa sementeira, do que dá o campo, ano tras ano, 23e comeralos na presenza do Señor, o teu Deus, no santuario que escolla para facer residir alí o seu Nome: o décimo do teu trigo, do teu mosto e do teu aceite e mais os primoxénitos do teu gando e do teu rabaño, para que aprendas a respectar o Señor, o teu Deus, todos os días. 24Pero se o camiño desde onde vives fose tan grande que non es capaz de levar o décimo (porque está moi lonxe de ti o santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para pór alí o seu Nome, e porque o Señor, o teu Deus, te bendiciu con abundancia) 25pon o décimo en diñeiro, colle o diñeiro na túa man, e vai ao santuario que escolla o Señor, o teu Deus. 26Logo compra con diñeiro todo o que lle apetece á túa gorxa: gando, reses, viño e bebidas fermentadas e todo o que che apeteza. Come alí na presenza do Señor, o teu Deus, e fai festa, ti e mais os da túa casa. 27Non te esquezas do levita que vive dentro das portas da túa cidade, pois non ten parte nin herdanza contigo.

 

O decimo trienal

 

28O cabo de tres anos, sacarás todo o décimo dos teus produtos dese ano e poralos ás portas da túa cidade. 29Virá o levita, pois non ten parte nin herdanza contigo, e mais o emigrante, o orfo e a viúva que hai dentro das portas da túa cidade, e comerán ata se fartaren para que te bendiga o Señor, o teu Deus, en todas as obras das túas mans que queiras facer.

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

O ano sabático: a remisión das débedas cada sete anos

 

1O cabo de sete anos farás a remisión das túas débedas.

2Esta é a lei da remisión: todo posuidor de máis do seu lote de terra ha de soltar a súa posesión xa que ocupou a do seu próximo. Non apremará o seu próximo nin o seu irmán, xa que foi proclamada a remisión de parte do Señor.

3Podes apremar o estranxeiro; pero a facenda de teu irmán soltarala da túa posesión.

4Asi que dentro de ti non haberá pobres, pois o Señor hate bendicir abundantemente no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar para o posuíres en herdanza, 5coa única condición de que lle fagas caso á voz do Señor, o teu Deus, estando atento a cumprir todo este mandamento que eu che mando hoxe. 6Si, o Señor, o teu Deus, bendicirate tal como cho prometeu, e prestaraslles con intereses a pobos numerosos, pero ti non pedirás prestado; mandarás en pobos numerosos, pero en ti non mandarán.

7Se hai en ti algún pobre entre algún dos teus irmáns nalgunha das portas das cidades do teu país, que o Señor, o teu Deus, che vai dar, non endurezas o teu corazón nin peches a túa man, prescindindo do teu irmán que é pobre. 8Abrelle a túa man cumpridamente e préstalle a crédito todo o que el precise, pois pode ter falta diso. 9Gárdate ben de que haxa no teu corazón palabra do que non aproveita pensando: está cerca o ano sétimo, o ano da remisión das débedas, e de que así o teu ollo sexa avarento con teu irmán, que é pobre, e de non lle dares nada, pois clamará ao Señor contra ti e iso será un pecado para ti. 10Dálle abundantemente, e que a túa intención non sexa avarenta ao dáreslle, pois por mor deste feito hate bendicir o Señor, o teu Deus, en todas as túas obras e en todas as túas empresas.

11Olla que nunca faltará o pobre no medio do país. Por isto, eu mándoche: Ábrelle cumpridamente a túa man a teu irmán, ao teu oprimido e ao teu pobre, no teu país.

 

A manumisión dos escravos hebreos

 

12Se teu irmán, sexa hebreo ou hebrea, se vende a ti, hate servir durante seis anos, pero no ano sétimo mandaralo marchar libre de onda ti, 13e cando o deixes marchar libre de onda ti, non o mandes marchar sen nada, 14cárgao abundantemente con crías do teu rabaño, con froitos da túa eira e do teu lagar. Dálle daquilo co que o Señor, o teu Deus, te bendiciu. 15Lémbrate de que fuches servo no país de Exipto e de que te redimiu o Señor, o teu Deus. Por isto mándoche hoxe este precepto.

16Pero pode suceder que che diga: Non quero saír de onda ti, pois tenche amor a ti e á túa casa, porque está feliz contigo. 17Entón collerás o punzón e furaraslle a orella contra o batente da túa porta, e será para ti servo, para sempre; e tamén farás o mesmo coa serva. 18Non lle resulte duro á túa cobiza o deixalo marchar libre de xunto a ti, pois serviute polo dobre do xornal dun xornaleiro durante seis anos, e o Señor, o teu Deus, hate bendicir en todo o que fagas.

 

A consagración dos primoxénitos dos animais domésticos

 

19Todo primoxénito macho que naza no teu gando e no teu rabaño, consagraralo ao Señor, o teu Deus. Non traballarás co primoxénito da túa vaca nin raparás o primoxénito das túas ovellas. 20Na presenza do Señor, o teu Deus, has comelo ano tras ano, ti e mais a túa casa, no santuario que  o Señor escolla. 21Pero se hai algún defecto nel, coxo ou cego, ou calquera outro defecto malo, non llo ofrecerás en sacrificio ao Señor, o teu Deus. 22Comerano dentro das portas da túa cidade tanto quen está puro coma quen está impuro, comerano xuntos, o mesmo que se fose unha gacela ou un cervo. 23Soamente o seu sangue non o comerás, verteralo na terra como se fose auga.