Capítulos 6-10
A conquista de Xericó
Capítulo 6
1As portas de Xericó estaban ben pechadas e atrancadas por mor dos fillos de Israel: ninguén saía nin entraba.
2E o Señor dixo a Xosué: ‑"Mira que poño nas túas mans a Xericó, o seu rei e mais os seus defensores. 3Vós, todos os guerreiros, circundaredes a vila unha vez, dándolle un rodeo. E faredes así durante seis días. 4Sete sacerdotes levarán sete trompetas de corno de carneiro, diante da Arca. O sétimo día circundaredes a vila sete veces, e os sacerdotes tocarán as trompetas. 5E, cando soe o corno de carneiro, en escoitando vós o son da trompeta, bruará todo o pobo con grande berro. Entón virase abaixo o muro da vila, e subirá a eito todo o pobo". 6Xosué, fillo de Nun, chamou polos sacerdotes e díxolles: ‑"Traede a Arca da Alianza e que sete sacerdotes leven sete trompetas de carneiro diante da Arca do Señor". 7Logo díxolle ó pobo: ‑"Ide alá e circundade a vila e que os guerreiros pasen diante da Arca do Señor".
8Logo que Xosué falou ó pobo, os sete sacerdotes que levaban sete trompetas de carneiro pasaron diante do Señor e sopraron nas trompetas e a Arca da Alianza do Señor ía detrás deles. 9Os homes da vangarda ían diante dos sacerdotes que sopraban nas trompetas, namentres que a retagarda ía detrás da Arca do Señor; e camiñábase ó son das trompetas.
10Xosué deulle ó pobo esta orde: ‑"Non berredes nin deixedes oír a vosa voz, nin saia sequera unha palabra da vosa boca, ata o día que vos diga bruade. Daquela, berraredes". 11Fixo entón que a Arca da Alianza circundase a vila, dándolle o rodeo unha vez; despois, volveron para o campamento, e pasaron a noite alí.
12Xosué ergueuse de mañanciña e os sacerdotes colleron a Arca do Señor. 13Os sete sacerdotes que levaban sete trompetas de carneiro diante da Arca do Señor ían camiñando ó mesmo tempo que sopraban nas trompetas. A vangarda ía diante deles, e a retagarda ía detrás da Arca do Señor; e camiñábase ó son das trompetas. 14E no segundo día tamén rodearon a vila unha vez, e volveron logo ó campamento. Así fixeron durante seis días. 15No día sétimo erguéronse moi de mañanciña e rodearon a vila do mesmo xeito, sete veces. Só nese día circundaron a vila sete veces. 16O sétimo rodeo sopraron os sacerdotes nas trompetas; e dixo Xosué ó pobo: ‑"Bruade, pois o Señor entrégavos a vila. 17Facede exterminio dela e de canto haxa nela, para o Señor: tan só seguirán con vida Rahab ‑a prostituta‑, e todo o que estea con ela na casa, pois acochou os mandadeiros que enviaramos. 18Soamente vos digo: gardádevos ben de quedar con algo do consagrado ao exterminio, non sexa que, por cobiza, collades del porque traeriades a desgraza ao campamento de Israel. 19Todo o que sexa prata, ouro ou vasos de bronce ou de ferro será consagrado ó Señor, e pasará ó tesouro do Señor".
20Bruou o pobo, e sopraron nas trompetas; e, cando oíu a xente o soar da trompeta, deu o pobo un grande berro e derrubáronse os muros; subiu a eito o pobo á vila, e ocupárona. 21E destruíron todo o que había na vila: homes e mulleres, mozos e vellos, bois, ovellas e asnos, co gume da espada.
O respecto do xuramento feito a Rahab
22Pero Xosué xa lles encomendara ós dous que foran pescudar o país: ‑"Entrade na casa da rameira, e sacade de alí á muller e a todo o que teña con ela, segundo lle xurastes". 23Foron os mozos espías, e sacaron a Rahab, a seu pai e súa nai, a seus irmáns, e a todo o que tiña ela: sacaron toda a súa parentela, e puxéronos fóra do campamento de Israel. 24Entón prendéronlle lume á vila, con todo o que había nela, fóra da prata, ouro e vasos de bronce e de ferro, que os puxeron no tesouro da casa do Señor. 25En troques, deixou Xosué con vida a Rahab ‑a prostituta‑ xunto coa casa de seu pai e mais con todo o que tiña con ela; e residiu no medio de Israel ata o día de hoxe, pois acochou os mandadeiros que enviara Xosué para pescudar Xericó.
Maldición para quen reedifique Xericó
26Daquela, botou Xosué este xuramento:
‑"Sexa maldito diante do Señor
quenquera que se poña a edificar
esta vila de Xericó:
comezará a edificala sobre o seu primoxénito,
e sobre o fillo máis novo colocará as súas portas".
27O Señor estivo con Xosué e a súa sona espallouse por todo o país.
Violación do exterminio
Capítulo 7
1Pero os fillos de Israel foron desleais no tocante ao exterminio, por colleren del Acán, fillo de Carmí, fillo de Zabdí, fillo de Zérah, da tribo de Xudá. Entón prendeu a ira do Señor contra os fillos de Israel.
Primeiro ataque a Ai e desfeita de Israel
2Xosué enviou homes desde Xericó a Ai ‑que está a carón de Bet-Aven, ó oriente de Betel‑, dicíndolles: ‑"Subide e ollade a zona". Foron os homes e recoñeceron a vila. 3E volveron onda Xosué, e dixéronlle: ‑"Que non suba todo o pobo; que suban dous ou tres mil homes, e baterán a Ai; non canses a todo o pobo facéndoo ir aló, pois eles son poucos. 4Entón subiron uns tres mil de entre o pobo, e fuxiron diante dos homes de Ai. 5E os homes de Ai matáronlles uns trinta e seis e perseguíronos desde diante da porta ata Xebarim, baténdoos na baixada. Daquela, disolveuse o corazón do pobo, e fíxose coma auga.
6Xosué rachou as súas vestiduras e prostrouse co rostro por terra ata o serán diante da Arca do Señor, el e mais os anciáns de Israel; e botaron po nas súas cabezas. 7E dixo Xosué: ‑"¡Ah, meu Señor Iavé!: ¿Por que fixeches pasar o Xordán a este pobo, para poñéresnos nas mans dos amorreos e acabar connosco? ¡Oxalá tivésemos quedado na outra banda do Xordán! 8¡Meu Señor! ¿E que hei de dicir, despois de que Israel volveu o lombo diante dos seus inimigos? 9Oirano os cananeos e todos os veciños do país, e estreitarán o cerco contra nós e borrarán da terra o noso nome. ¿E que farás ti do teu grande nome?"
10E dixo o Señor a Xosué: ‑"¡Érguete! ¿Por que fas iso: abatéreste sobre o teu rostro? 11Pecou Israel, fenderon o meu pacto, o que lles encomendara; botaron man do consagrado, roubándoo e acochándoo, e poñéndoo despois cos seus arreos. 12Por iso os fillos de Israel non poderán levantar cabeza diante dos seus inimigos; volveranlles o lombo, pois fixéronse obxecto do exterminio. Non continuarei estando convosco, se non quitades do medio de vós o consagrado. 13Ti érguete, purifica o pobo, e dilles: Mantédevos puros para mañá, pois así di o Señor, Deus de Israel: Non poderás estar rexo fronte ós teus inimigos, ata que non fagades desaparecer o consagrado do medio de vós. 14Achegarédesvos na mañá, por tribos; e a tribo que de nós sinale o Señor, virá por familias; e a familia que escolla o Señor, comparecerá por casas; e a casa que de entre nós sinale o Señor, acudirá por varóns. 15E aquel que fose pillado co consagrado será queimado na fogueira ‑el e todo o que lle pertence‑, pois rompeu a Alianza do Señor e fixo unha ruindade en Israel".
A ruindade de Acán
16Xosué ergueuse pola mañanciña, e mandou comparecer a Israel, segundo as súas tribos; e foi designada a tribo de Xudá. 17E fixo acudir as familias de Xudá, e escolleu a familia do Zarhí; e fixo achegarse a familia do Zarhí por casas, e foi escollida a casa de Zabdí; 18e fixo comparecer a súa casa por varóns, e foi sinalado Acán, fillo de Carmí, fillo de Zabdí, fillo de Zérah, da tribo de Xudá. 19E díxolle Xosué a Acán: ‑"Anda, filliño, dá gloria e loanza ó Señor, Deus de Israel, e cóntame o que fixeches, sen me ocultares cousa". 20Respondeu Acán a Xosué: ‑"De certo, pequei contra o Señor, Deus de Israel, e fixen isto e mais isto: 21vin nos despoxos un bo manto de Xinar, douscentos siclos de prata e mais un lingote de ouro de cincuenta siclos de peso. Cobiceinos e collinos. Están agachados en terra, no medio da miña tenda, cos cartos por debaixo". 22E enviou Xosué mandadeiros, que correron en dirección á tenda; e velaquí que estaba todo acochado na súa tenda, cos cartos por debaixo. 23Colléronos do medio da tenda, e leváronllelos a Xosué e a todos os fillos de Israel, e puxéronos no chan, diante do Señor.
Castigo de Acán
24E colleu Xosué a Acán, fillo de Zérah, cos seus cartos, o manto, o lingote de ouro, seus fillos e fillas, o seu asno, o seu gando, a súa tenda e todo o que tiña ‑en presenza de todo Israel‑, e leváronos ó Val de Acor. 25E dixo Xosué: ‑"¿Como nos angustiaches dese xeito? ¡Pois que o Señor te desgracie hoxe a ti!" E todos os israelitas apedrárono, e queimáronos na fogueira, e amorearon pedras enriba deles, 26e fixeron alí un monte grande de pedras, que permaneceu ata o día de hoxe. E depuxo o Señor a súa ira.
Por iso chaman a aquel sitio aínda hoxe o Val de Acor.
Capítulo 8
1E dixo o Señor a Xosué: ‑"Non temas nin te desanimes: colle contigo todo o teu exército e anda, sube contra Ai. Velaquí que entrego nas túas mans ó rei de Ai, o seu pobo, a súa vila e mais o seu país. 2Farás con Ai e co seu rei como fixeches con Xericó e co seu rei. Soamente colleredes para vós, como botín, os seus despoxos e mais o seu gando. Faille unha emboscada á vila polas costas".
3E ergueuse Xosué e todo o seu exército, para subir contra Ai; e escolleu Xosué trinta mil guerreiros, e enviounos de noite, 4des-pois de ordenarlles: ‑"Fixádevos ben: poñede unha emboscada á vila, por detrás; non vos afastedes moito da vila, e estade á espreita. 5Eu, e mais todo o pobo que vaia comigo, achegarémonos á vila, e, cando saian ó noso encontro, fuxiremos diante deles, como da outra vez. 6Eles sairán detrás de nós ata que os arredemos da vila, pois dirán: foxen de nós como da outra vez; e fuxiremos diante deles. 7Entón erguerédesvos da emboscada e ocuparedes a vila, pois o Señor, o voso Deus, púxovola nas mans; 8e, cando a ocupedes, prenderédeslle lume; habedes de actuar de acordo coa palabra do Señor. Fixádevos no que vos mando". 9E enviounos Xosué e foron poñer a emboscada, colocándose entre Betel e Ai, ó oeste de Ai. Aquela noite, durmiu Xosué entre o pobo.
10Xosué ergueuse de mañanciña, pasou revista ás tropas e subiu el e mais os anciáns de Israel, fronte ó pobo de Ai. 11Subiu tamén todo o exército que tiña con el, e avanzaron, ata chegaren fronte á vila. Acamparon ó oriente de Ai, quedando o val entre eles e Ai. 12(E Xosué collera arredor de cinco mil homes, que os puxera na emboscada, entre Bétel e Ai, ó oeste da vila; 13e o pobo estableceu todo o campamento ó norte da vila, e a súa retagarda ó oeste da vila. E Xosué pasou aquela noite no val).
14O tal ver o rei de Ai, buliron axiña e espertaron os homes da cidade, que se ergueron cedo. E saíron a loitar contra Israel, o rei e todo o seu pobo, no tempo sinalado, fronte á Arabah, sen se decataren de que lles tiñan posta unha emboscada detrás da vila. 15Xosué e mais todo Israel arredáronse de diante deles e colleron polo camiño do deserto. 16E todo o pobo que estaba na vila sentiuse movido a perseguilos; e abouxaron a Xosué, e afastáronse da vila, 17e non quedou un na vila que non saíse detrás de Israel: deixaron a vila aberta e perseguiron a Israel. 18E dixo o Señor a Xosué: ‑"Brande a lanza que levas na man contra Ai, pois voucha entregar". E brandiu Xosué contra a vila a lanza que tiña na man. 19Non ben estendeu Xosué a súa man, os da emboscada erguéronse axiña do seu refuxio, correron, e, entrando na vila, ocupárona; e de contado, prendéronlle lume.
20Ollaron para atrás os homes de Ai, e viron que subía fume da vila cara ó ceo, e que non tiñan posibilidade de fuxir para parte ningunha , pois o pobo que collera cara ó deserto, tornou contra quen perseguía 21(pois Xosué e todo Israel, ó se decataren de que os da emboscada tomaran a vila, e que subía fume dela, volveron e atacaron ós homes de Ai). 22Os da emboscada saíron da vila contra os homes de Ai, de xeito que estes quedaron collidos por Israel por un lado e mais polo outro; e mallaron neles, ata non deixaren un sobrevivente nin un fuxitivo. 23E colleron vivo ó rei de Ai, e leváronllo a Xosué.
24E, cando Israel terminou de matar a todos os veciños de Ai que saíran ó campo, e no deserto ‑onde os abouxaran estes, caendo todos polo gume da espada‑, volveu todo Israel a Ai, e pasárona polo gume da espada. 25E os mortos naquel día, entre homes e mulleres, foron doce mil, toda a xente de Ai. 26E Xosué non pousou a súa man, ata que exterminou a todos os veciños de Ai.
27Os de Israel soamente colleron como botín para eles o gando e os despoxos daquela vila, de acordo co mandato do Señor a Xosué.
28Xosué queimou Ai e fixo dela un monte asolado, ata o día de hoxe: 29e ó rei de Ai colgouno dunha árbore ata o serán; e, cando se foi o sol, mandou Xosué que baixasen o seu cadáver da árbore, e que o chimpasen á entrada da porta da vila. E botáronlle enriba un monte grande de pedras, que quedou ata o día de hoxe.
O altar no Monte Ebal. Nova lectura da Lei
30Entón construíu Xosué un altar ó Señor, Deus de Israel, no monte Ebal, 31de acordo co mandado por Moisés, servo de Deus, ós fillos de Israel, como está escrito no libro da Lei de Moisés: un altar de pedras intactas, que non as traballase o ferro; e ofreceron nel holocaustos ó Señor, e sacrificios pacíficos. 32E gravou alí nas pedras unha reprodución da Lei de Moisés, que escribira diante dos fillos de Israel. 33E todo Israel ‑os seus anciáns, os seus oficiais e os seus xuíces‑, estaban dunha e doutra banda da Arca, diante dos sacerdotes levitas que levaban a Arca da Alianza do Señor: como o nativo, así o forasteiro. A metade, de fronte ó monte Garizim, e a outra metade, de fronte ó monte Ebal, como establecera Moisés, servo do Señor, ó comezo, para bendicir o pobo de Israel. 34Así dispostos, leu Xosué todas as palabras da Lei ‑loanzas e maldicións‑, de acordo con todo o escrito no libro da Lei. 35Non houbo palabra de todas as que mandou Moisés que non as lese Xosué diante de toda a asemblea de Israel, e mais diante das mulleres, dos nenos, e dos forasteiros que vivían entre eles.
Os nativos, amedrentados
Capítulo 9
1En oíndo isto todos os reis da beira do Xordán, das montañas e da Xefelah e de todas as costas do Mar Grande de fronte ó Líbano ‑os hititas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos‑, 2preparáronse todos á xunta para loitaren contra Xosué e contra Israel, todos eles de acordo.
A xogada dos de Gabaón
3Os veciños de Gabaón oíron o que fixera Xosué con Xericó e con Ai, 4e actuaron tamén eles con retranca, intentando pasar por mandadeiros. E colleron sacos vellos para os seus asnos, e coiros de viño vellos, e semellaban fendidos e angustiados, 5con calzados vellos e remendados nos seus pés, e vestindo roupa gastada; e todo o pan do seu fornecemento estaba balorecido e esmigallado.
6E foron onda Xosué, ó campamento de Guilgal, e dixéronlle a el e mais a todos os homes de Israel: ‑"Vimos de terra remota, para che pedirmos que fagas un trato connosco". 7E respondéronlles os homes de Israel ós hivitas: ‑"Pode que habitedes entre nós, e entón, ¿como imos facer un trato convosco?" 8Eles dixéronlle a Xosué: ‑"Somos os teus servos". Daquela, preguntoulles Xosué: ‑"¿Quen sodes, e de onde vides"? 9Respondéronlle: ‑"Os teus servos veñen dunha terra moi remota, por mor do nome do Señor, o teu Deus, pois chegou ós nosos oídos a súa sona, todo o que fixo en Exipto 10e o que fixo cos dous reis amorreos da outra banda do Xordán: con Sihón, o rei de Hexbón, e con Og, o rei do Baxán, que vivía en Axtarot. 11E dixéronnos os anciáns e todos os veciños da nosa terra: collede convosco fornecemento para o camiño e ide ó seu encontro e dicídelles somos os vosos servos. Daquela, facede agora un trato connosco. 12Velaquí o noso pan, collido quente das nosas casas para o noso fornecemento, o día que saímos para vir onda vós, e agora ben vedes que está balorecido e esmigallado. 13E estes coiros de viño, novos cando os enchemos, velaquí que romperon: e estes nosos vestidos e calzados volvéronse vellos de tan longo camiño".
14E colleron os homes de Israel do fornecemento, sen consultaren a palabra do Señor, 15e fixo con eles Xosué a paz, e conviñeron nun trato verbo da vida deles, e os príncipes da asemblea confirmárono con xuramento.
16Pero ós tres días de facer o trato con eles, decatáronse de que os tales eran os seus veciños, e que habitaban entre eles. 17Continuaron camiño os fillos de Israel, e, ó terceiro día, chegaron ás súas cidades. Eran estas Gabaón, Quefirah, Beerot e Quiriat-Iearim. 18Non obstante, os fillos de Israel non os mataron, pois os príncipes da asemblea xuráranlles polo Señor, Deus de Israel. Entón, toda a asemblea murmurou contra os príncipes. 19E os príncipes dixéronlle á asemblea: ‑"Nós xurámoslles polo Señor, Deus de Israel, e agora non podemos tocalos. 20Pero faremos deste xeito: deixarémolos vivir, e así non virá sobre nós a cólera por mor do xuramento que lles fixemos. 21Que vivan, e que sexan os cortadores de madeira e carrexadores de auga para toda a asemblea". Así falaron os príncipes.
22Chamou entón Xosué ós gabaonitas, e díxolles: ‑"¿Por que nos traizoaches dese xeito, dicindo somos de moi lonxe de vós, cando estades vivindo entre nós? 23Agora, malditos seredes, e non deixará de haber entre vós un servo: seredes cortadores de madeira e carrexadores de auga para a casa do meu Deus".
24Eles respondéronlle: ‑"Aconteceu que ós teus servos foilles mostrado con claridade o que mandara o Señor, o teu Deus, a Moisés, o seu servo, de darvos todo o país, e de eliminar a todos os veciños do país que vos apareceran diante. Entón trememos de abondo polas nosas vidas por mor de vós, armamos o argallo ese. 25E agora, velaquí que estamos na túa man: o que mellor e máis xusto che pareza facer connosco, faino".
26E fixo con eles así: librounos da man dos fillos de Israel, que non os mataron: 27e asignoulles Xosué no día aquel a carga de cortadores de madeira e carrexadores de auga para a asemblea, e para o altar do Señor ‑no lugar que El escollera‑, ata o día de hoxe.
A CONQUISTA DO SUR
Coalición dos amorreos contra Gabaón
Capítulo 10
1Cando soubo Adonisédec, o rei de Xerusalén, que Xosué conquistara Ai e a destruíra (como fixera con Xericó e co seu rei, así fixo con Ai e co seu rei), e que os veciños de Gabaón fixeran as paces con Israel, vivindo como estaban no medio deles, 2colleu moito medo, pois Gabaón era unha gran cidade ‑como unha das cidades reais‑, e porque era maior que Ai e todos os seus homes eran bos guerreiros. 3E enviou Adonisédec, o rei de Xerusalén, esta mensaxe a Hoham, rei de Hebrón, a Piram, rei de Iarmut, a Iafía, rei de Láquix, e a Debir, rei de Eglón: 4‑"Subide onda min e axudádeme, e destruiremos Gabaón, pois fixo as paces con Xosué e cos fillos de Israel". 5E reuníronse os cinco reis amorreos ‑o rei de Xerusalén, o rei de Hebrón, o rei de Iarmut, o rei de Láquix, e o rei de Eglón‑, e subiron con todos os seus exércitos, e acamparon diante de Gabaón, e declaráronlle a guerra.
Xosué axuda a Gabaón
6Os homes de Gabaón enviaron unha embaixada onda Xosué, ó campamento de Guilgal, para lle dicir: ‑"Non deixes da túa man ós teus servos: sube axiña onda nós e fai por salvarnos; axúdanos, pois aconchegáronse contra nós todos os reis amorreos que moran nas montañas".
7E subiu Xosué de Guilgal con todo o seu pobo, todos os guerreiros. 8E dixo o Señor a Xosué: ‑"Non lles teñas medo, pois púxenchos na túa man: non quedará vivo un só deles diante de ti".
Ataque de Xosué e desfeita dos amorreos
9E arremeteu Xosué de súpeto contra eles, despois de camiñar durante toda a noite desde Guilgal. 10E esnaquizounos o Señor diante de Israel, e bateunos cun grande estrago, en Gabaón; e perseguiunos polo camiño que sobe a Bet-Horón, e mallou neles deica Azecah e deica Maquedah. 11E, ó fuxiren de diante de Israel, aconteceu que o Señor mandou contra eles grandes petoutos desde o ceo, ata Azecah, e morreron, sendo máis os que morreron polos petoutos, que os que mataron os fillos de Israel pola espada.
Xosué quere rematar a vitoria nun só día
12Entón falou Xosué co Señor naquel día en que entregara os amorreos diante dos fillos de Israel, e dixo en presenza do pobo: ‑Sol, está quedo en Gabaón; e ti, lúa, no val de Aialón. 13E parouse o sol e contívose a lúa, ata que se ergueron sobre os xentís, os seus inimigos. ¿E logo non está escrito no libro do Xusto? E estivo parado o sol no medio dos ceos durante todo un día, sen bulir para poñerse, 14e non houbo nin antes nin despois un día como aquel no que o Señor escoitase así a voz dun home (pois o Señor loitaba do lado de Israel). 15E Xosué volveu ó campamento ‑a Guilgal‑, e con el todo Israel.
Apreixamento dos reis e conquista das cidades
16Os cinco reis aqueles fuxiron e acocháronse na cova de Maquedah. 17E anunciáronlle a Xosué: ‑"Deron cos cinco reis, acochados na cova, en Maquedah". 18E dixo Xosué: ‑"Acarrexade pedras grandes ata a boca da cova, e poñede onda ela homes que os vixíen. 19En canto a vós, non esteades quedos: correde tras dos vosos inimigos e mallade neles; non os deixedes meter nas súas cidades, pois o Señor, o voso Deus, volos puxo nas vosas mans".
20E resultou que, cando Xosué e mais os fillos de Israel estaban rematando de lles faceren un grande estrago, ata a totalidade deles, os fuxitivos entraron nas cidades de defensa. 21Todo o pobo volveu en paz ó campamento, onda Xosué, a Maquedah; e ninguén moveu a súa lingua contra os fillos de Israel.
22Daquela dixo Xosué: ‑"Abride a boca da cova, e sacádeme para acó a eses cinco reis". 23E fixérono así: sacaron aqueles cinco reis da cova ‑o rei de Xerusalén, o rei de Hebrón, o rei de Iarmut, o rei de Láquix e o rei de Eglón‑, 24e, en levándolle aqueles reis a Xosué, chamou Xosué a todos os homes de Israel, e díxolles ós xefes dos guerreiros que ían con el: ‑"Achegádevos e poñede os vosos pés enriba das gorxas destes reis". E achegáronse e puxeron os seus pés sobre as gorxas deles.
25E díxolles Xosué: ‑"Non teñades medo nin vos acovardedes: sede rexos e valorosos, pois así fará o Señor con todos os vosos inimigos que loiten contra vós". 26Despois disto, golpeounos Xosué ata facelos morrer, e colgounos de cinco árbores, e estiveron pendendo delas ata o serán. 27Ao se poñer o sol, mandou Xosué que os baixasen das árbores e os botasen na cova onde se acocharan. E puxeron pedras grandes na boca da cova, que quedaron ata o mesmo día de hoxe.
28E a Maquedah tomouna Xosué aquel día, e pasouna polo gume da espada, xunto co seu rei: destruíunos a eles e mais a todo ser vivo que había nela; non deixou nin rastro e fixo co rei de Maquedah o mesmo que fixera co rei de Xericó.
29E pasou Xosué, e todo Israel con el, de Maquedah a Libnah, e loitaron contra Libnah. 30E púxoa tamén o Señor nas mans de Israel, xunto co seu rei, e pasouna polo gume da espada, con todo ser vivo que había nela: non deixou nin rastro; e fixo co seu rei como fixera co rei de Xericó.
31E pasou Xosué ‑e todo Israel con el‑, de Libnah a Láquix. Acampou enfronte dela, e loitou contra ela. 32E puxo o Señor a Láquix nas mans de Israel; tomouna o segundo día, e pasouna polo gume da espada, con todo ser vivo que había nela: todo do mesmo xeito que con Libnah.
33Entón subiu Horam, rei de Guézer, en axuda de Láquix, e bateuno Xosué, a el e mais ó seu pobo, sen deixar rastro del.
34E pasou Xosué ‑e todo Israel con el‑ de Láquix a Eglón, e acamparon enfronte de Eglón e loitaron contra ela. 35E tomárona naquel día, e pasárona polo gume da espada; e a todo ser vivo que había nela aquel día, exterminárono: todo do mesmo xeito que con Láquix.
36E subiu Xosué ‑e todo Israel con el‑ de Eglón a Hebrón, e loitaron contra ela. 37Tomárona, e pasárona polo gume da espada, tanto ó seu rei como a toda a cidade e mais a todo ser vivo que había nela. Non deixou nin rastro, todo como fixera con Eglón: exterminouna a ela e a todo ser vivo que había nela.
38E volveu Xosué ‑e todo Israel con el‑ a Debir, e loitou contra ela. 39E tomouna (ó seu rei e a toda a cidade), e pasounos polo gume da espada, e exterminou a todo ser vivo que había nela. Non deixou nin rastro. Como fixera con Hebrón, así fixo con Debir e co seu rei (o mesmo que fixera con Libnah e co seu rei).
40Conquistou así Xosué todo o país: a montaña, o Négueb, a Xefelah e mais as vertentes. De todos os seus reis non deixou nin rastro, e exterminou todo ser vivo, tal como mandara o Señor, Deus de Israel. 41Xosué arrasou desde Cadex-Barnea ata Gaza; e todo o país de Goxén ata Gabaón. 42Venceu Xosué dunha batida a todos aqueles reis, porque o Señor, Deus de Israel, loitaba do lado de Israel. 43E tornou Xosué ‑e todo Israel con el‑ ó campamento, a Guilgal.