Capítulos 16-20
A partilla dos fillos de Xosé
Capítulo 16
1E saíu como partilla para os fillos de Xosé, desde o Xordán de Xericó ata as augas de Xericó, polo oriente do deserto, e subía o lindeiro desde Xericó ata a montaña de Betel; 2saía de Betel cara a Luz, pasando por Atarot ‑lindeiro dos arquitas‑, 3e baixaba polo occidente cara á fronteira dos iafletitas, ata o límite de Bet-Horón de Abaixo e ata Guézer, indo dar ó mar.
4E recibiron a súa partilla os fillos de Xosé (Menaxés e Efraím).
5E foi o lindeiro dos fillos de Efraím, segundo as súas familias, polo oriente, Atarot-Adar, ata Bet-Horón de Arriba, 6e ía dar ó mar, a Micmetat, polo norte; e ía polo leste ata Tanat-Xiloh, pasando por ela ó oriente de Ianohah, 7e baixaba de Ianohah a Atarot e Narat, chegaba a Xericó e saía ó Xordán. 8Desde Zapúah ía o lindeiro cara ó oeste ata o torrente Canah, e saía ó mar. Esta era a herdanza da tribo dos fillos de Efraím, segundo as súas familias. 9E as cidades ciscadas dos fillos de Efraím estaban na herdanza dos fillos de Menaxés: todas as cidades e as súas aldeas.
10E non botaron fóra ós cananeos, que habitaron en Guézer, permanecendo no medio de Efraím ata o día de hoxe, pagándolle tributo de servos.
A partilla de Menaxés na banda occidental do Xordán
Capítulo 17
1E tocoulle a partilla á tribo de Menaxés (pois el era o primoxénito de Xosé). A Maquir, primoxénito de Menaxés e pai de Galaad, por ser guerreiro, déuselle Galaad e Baxán. 2E houbo tamén para o resto dos fillos de Menaxés, segundo as súas familias: para os fillos de Abiézer, para os de Hélec, que eran fillos de Asriel, os de Xequem, os de Héfer e os de Xemidá, todos eles fillos varóns de Menaxés ‑o fillo de Xosé‑, segundo as súas familias. 3Pero Selofhad, fillo de Héfer (o fillo de Galaad, o fillo de Maquir, fillo de Menaxés), non tivo fillos varóns, senón só fillas. Os nomes das súas fillas eran estes: Mahlah, Noah, Hoglah, Milcah e Tirsah. 4E foron onda o sacerdote Elazar, onda Xosué o fillo de Nun, e mais onda os príncipes, dicindo:
‑"O Señor mandou a Moisés darnos herdanza no medio de nosos irmáns".
E déronlles a partilla entre os irmáns de seu pai, de acordo co mandamento do Señor.
5E tocáronlle a Menaxés dez partes, ademais da terra de Galaad e o Baxán (que está na outra banda do Xordán), 6pois as fillas de Menaxés recibiron a herdanza no medio dos parentes del, sendo a terra de Galaad para os fillos varóns de Menaxés.
7E o lindeiro de Menaxés ía desde Axer ata Micmetat (que está enfronte de Xequem), continuando cara a Iamín, onda os veciños de En-Tapúah. 8A terra de Tapúah correspondeulle a Menaxés; pero a aldea ‑situada no extremo de Menaxés, pertencía ós fillos de Efraím. 9E baixaba o lindeiro ó torrente de Canah polo sur do torrente. Esas cidades de Efraím estaban no medio das cidades de Menaxés e o lindeiro de Menaxés ía tamén polo norte do torrente ata saír ó mar. 10Polo sur estaba Efraím; e polo norte Menaxés, tendo como lindeiro o mar; e atopábanse polo norte en Axer, e, polo leste, en Isacar.
11E foron para Menaxés, en Isacar e en Axer, Bet-Xeán e as súas vilas, Ibleam e as súas vilas, e os veciños de Dor e das súas vilas, e os veciños de En-Dor e das súas vilas, e os veciños de Tanac e das súas vilas, e os veciños de Meguido e das súas vilas: tres outeiros.
12Pero os fillos de Menaxés non puideron botar fóra ós veciños daquelas cidades; e viviron tranquilos os cananeos residindo naquela terra. 13Cando os fillos de Israel se fortaleceron, impuxéronlles tributo ós cananeos; pero botar, non os botaron.
14E protestaron os fillos de Xosé a Xosué, dicindo:
‑"¿Por que nos destes só unha parte da herdanza e da terra, sendo nós un pobo numeroso, bendicido por Deus ata o remate?"
15Respondeulles Xosué:
‑"Se sodes un pobo numeroso, abride camiño na foresta, e preparade para vós alí, na terra dos perizitas e dos Refaím, xa que vos vén estreita a montaña de Efraím".
16Dixeron entón os fillos de Xosé:
‑"O monte non é abondo para nós; e ademais todos os cananeos que habitan en terra cha teñen carros de ferro, tanto os que están en Bet-Xeán e nas súas vilas, como os que moran na chaira de Iezrael".
17E dixo Xosué á casa de Xosé ‑a Efraím e a Menaxés‑:
‑"Ti es un pobo grande e tes moita forza: non levarás unha partilla soa, 18pois o monte será para ti. Como hai madeira, cortarala e aproveitaraste dela: e os seus lindeiros serán teus, pois botarás fóra ós cananeos, aínda que teñan carros de ferro e sexan tamén eles fortes".
A sorte das outras tribos
Capítulo 18
1E toda a asemblea dos fillos de Israel congregouse en Xiloh, e estableceu alí a Tenda do Encontro; e o país quedoulles sometido. 2Pero quedaban aínda sete tribos de entre os fillos de Israel sen recibiren a súa partilla. 3E dixo Xosué ós fillos de Israel:
‑"¿Ata cando continuaredes sendo lacazáns para pasar a herdar a terra que vos deu o Señor, Deus de vosos pais? 4Escollede de entre vós tres homes por tribo. Eu enviareinos, e eles ergueranse e irán polo país, e tomarán nota del no tocante á vosa herdanza, e volverán despois onda min. 5Eles dividirán o país en sete partes. Xudá quedará co seu territorio ó sur; e a casa de Xosé quedará co seu territorio ó norte. 6E vós faredes a descrición do país en sete lotes, e traerédesma a min, e eu sinalareivos as porcións aquí, diante do Señor, o noso Deus, 7porque os levitas non teñen parte ningunha entre vós ‑pois a súa parte é o sacerdocio do Señor‑, e Gad e Rubén e mais a media tribo de Menaxés colleron os seus eidos na outra banda do Xordán, ó oriente, e déullela a eles Moisés, o servo do Señor".
8Erguéronse os homes, e emprenderon camiño. E Xosué mandáralles describir a terra, dicindo:
‑"Ide, e percorrede a terra, e describídea: logo tornade onda min, e aquí escolmarei os lotes para vós, diante do Señor, en Xiloh".
9E foron os homes e percorreron o país, e describírono no libro por cidades, en sete partes; e tornaron onda Xosué ó campamento, en Xiloh. 10E Xosué partillou lotes para eles, en Xiloh, diante do Señor, e repartiu alí Xosué o país para os fillos de Israel, de acordo coas súas divisións.
A partilla de Benxamín
11E saíu o lote da tribo dos fillos de Benxamín, segundo as súas familias, e tocoulle o lindeiro da parte deles entre os fillos de Xudá e os fillos de Xosé. 12E saía o seu lindeiro norte desde o Xordán, continuaba pola montaña ó oeste, e saía ó deserto de Bet-Aven. 13Despois ía cara a Luz, e pasaba a carón de Luz, polo sur da cidade (de Betel), e baixaba a Atarot-Adar, na montaña que está ó sur de Bet-Horón de Abaixo. 14O lindeiro ía para adiante e volvía á beira do mar polo Sur, desde a montaña que está enfronte a Bet-Horón polo sur, e saía a Quiriat-Baal (que é Quiriat-Iearim, cidade dos fillos de Xudá), no tocante ó cuadrante occidental. 15En canto ó cuadrante sur, partía do remate de Quiriat-Iearim, e ía cara ó oeste, saíndo ás fontes das augas de Neftóah. 16Baixaba ata o remate da montaña que está enfronte do Val de Ben-Hinnom (ó norte do Val dos Refaím), ía polo val de Hinnom ‑a carón dos iebuseos, polo sur‑, e baixaba a En-Róguel. 17Continuaba polo norte e saía a En-Xémex; ía dar a Guelilot ‑que está enfronte da subida de Adumín‑, e baixaba á Rocha de Bohán, fillo de Rubén. 18Despois pasaba á outra banda ‑a da Arabah‑, polo norte, e baixaba ata a Arabah; 19pasaba a carón de Bet-Hoglah, polo norte, e saía ó norte da lingua do Mar do Sal, ó sur da desembocadura do Xordán (éste é o lindeiro meridional). 20E polo leste lindaba co Xordán.
Esta é a herdanza dos fillos de Benxamín, segundo os seus lindeiros circundantes e segundo as súas familias.
21E correspondéronlle á tribo de Benxamín, segundo as súas familias, as cidades de Xericó, Bet-Hoglah, Émec-Quesis, 22Bet-Arabah, Semaraim, Betel, 23Avim, Parah, Ofrah, 24Quefar-Amonai, Ofni e Gaba: doce cidades coas súas aldeas. 25Gabaón, Ramah, Beerot, 26Mispeh, Quefirah, Mosah, 27Requem, Irpeel, Taralah, 28Selá, Élef, Iebusi ‑que é Xerusalén‑, Guibat e Quiriat: catorce cidades e as súas aldeas.
Esta é a herdanza dos fillos de Benxamín, segundo as súas familias.
A partilla de Simeón
Capítulo 19
1O segundo lote foi para Simeón, para a tribo dos fillos de Simeón, segundo as suás familias, e tiveron os seus eidos no medio da herdanza dos fillos de Xudá. 2E tocoulles en herdanza Beerxeba, Xeba, Moladah, 3Hásar-Xual, Balah, Sem, 4Eltolad, Betul, Hormah, 5Siclag, Bet-Marcabot, Hasar-Susah, 6Bet-Lebaot e Xeruhén: trece cidades e as súas aldeas: 7In, Rimón, Éter e Axán: catro cidades e as súas aldeas; 8e mais todas as aldeas que hai arredor desas cidades ata Balat-Beer (que é Ramat do Sur). Esta era a herdanza da tribo dos fillos de Simeón, segundo as súas familias.
9Da partilla dos fillos de Xudá, tocoulles herdanza ós fillos de Simeón, pois o lote dos fillos de Xudá era de máis para eles; e herdaron os fillos de Simeón no medio do territorio daqueles.
A partilla de Zebulón
10O terceiro lote foi para os fillos de Zebulón, segundo as súas familias, e chegou o lindeiro da súa herdanza ata Sarid. 11De aí subía cara ó occidente, e a Maralah, e chegaba a Dabéxet e mais ó torrente que está enfronte de Iocneam. 12E volvía de Sarid cara ó oriente ‑á saída do sol‑, ata o extremo de Quislot-Tabor, prolongábase ata Daberat, e subía a Iafía. 13Desde alí pasaba cara ó oriente, a Guitah-Hérfer e Itah-Casín, e saía a Rimón-Metoar e a Neah. 14Despois dobraba cara ó norte, a Hanatón, e remataba no val de Iefteel.
15Con Catat, Nahalal, Ximrón, Idalah e Belén, son doce cidades coas súas aldeas. 16Esta é a herdanza dos fillos de Zebulón, segundo as súas familias: esas cidades, coas súas aldeas.
A partilla de Isacar
17O cuarto lote que saíu foi para Isacar: para os fillos de Isacar, segundo súas familias. 18O seu lindeiro ía cara a Iezrael Quesulot, Xunem, 19Hafaraim, Xión, Anaharat, 20Rabit, Quixión, Abes, 21Rémet, En-Ganim, En-Hadah e Ben-Passés. 22O lindeiro chega ó Tabor, a Xahasimah e Bet-Xémex, e remata no Xordán. No total, dezaseis cidades e ás súas aldeas. 23Esta é a herdanza da tribo dos fillos de Isacar, segundo as súas familias: as cidades, coas súas aldeas.
A partilla de Axer
24O quinto lote que saíu foi para a tribo dos fillos de Axer, segundo as súas familias. 25O seu lindeiro ía por Helcat, Halí, Beten, Acxaf, 26Alamélec, Amad e Mixal; e polo Occidente chegaba ó Carmelo e mais a Xihor-Libnat. 27volvía cara ó oriente, a Bet-Dagón, e chegaba a Zebulón e mais á parte norte do val de Iefteel, e Bet-Émec e Neiel, e saía pola esquerda a Cabul, 28Hebrón, Rehob, Hamón e Canah, ata Sidón a Grande. 29O lindeiro xiraba cara a Ramah e ata a Forteza de Tiro, e volvía a Hosah, para saír ó mar pola parte de Aczib. 30Collía tamén Umah, Afec e Rehob: no total, vinte e dúas cidades coas súas aldeas. 31Esta era a herdanza da tribo dos fillos de Axer, segundo as familias: esas cidades e mais as súas aldeas.
A partilla de Naftalí
32O sexto lote que saíu foi para a tribo de Naftalí: para os fillos de Naftalí, segundo as súas familias. 33O seu lindeiro ía desde Hélef ‑desde a aciñeira de Saananim, Adamí-Néqueb e Iabneel, ata Lacum e prolongábase ata o Xordán; 34voltaba polo occidente a Asnot-Tabor, dirixíase desde ali a Hucoc, chegaba a Zebulón polo sur, e tiña a Axer polo occidente e o Xordán polo oriente. 35Collía tamén as cidades de defensa, de Sidim, Ser, Hamat, Racat, Quinéret, 36Adamah, Ramah, Hasor, 37Quédex, Edrei, En-Hasor, 38Irón, Migdal-El, Harem, Bet-Anat e Bet-Xémex: dezanove cidades coas súas aldeas.
39Esta era a herdanza da tribo dos fillos de Naftalí, segundo as súas familias: esas cidades e mais as súas aldeas.
A partilla de Dan
40O sétimo lote que saíu foi para a tribo dos fillos de Dan.
41O lindeiro da súa herdanza collía Sorah, Extaol, Ir-Xémex, 42Xaalabín, Aialón, Itlah, 43Elón, Timnátah, Ecrón, 44Eltequeh, Guibetón, Baalat, 45Ihud, Bené-Berac, Gat-Ri-món, 46Me-Iarcón, e mais Racón, co lindeiro enfronte de Iafa.
47O lindeiro dos fillos de Dan saía fóra do seu territorio, pois os fillos de Dan foron e loitaron contra Léxem e ocupárona; despois, pasárona pola espada e posuírona e habitaron nela. E chamaron a Léxem, Dan, coma o seu devanceiro. 48Esta era a herdanza dos fillos de Dan, segundo as súas familias: esas cidades, e mais as súas aldeas.
A herdanza de Xosué
49Cando remataron de distribuír a terra segundo os seus lindeiros, os fillos de Israel deron herdanza a Xosué, fillo de Nun, no medio de eles, 50cumprindo co mandato do Señor. Déronlle a cidade que pediu: Timnat--Sérah, na serra de Efraím. Entón edificou a cidade e habitou nela.
Conclusión das partillas
51Estes son os territorios que herdaron o sacerdote Elazar e Xosué, fillo de Nun, e os xefes de familia das tribos dos fillos de Israel, por sortes, en Xiloh, diante do Señor, á porta da Tenda do Encontro e remataron así de repartir o país.
As vilas de refuxio
Capítulo 20
1E díxolle o Señor a Xosué:
2‑"Fálalles ós fillos de Israel, e dilles: Escollede para vós as cidades de refuxio, tal como vos prometín por medio de Moisés, 3de xeito que poida fuxir a elas o homicida que matase a alguén por erro, non de grado; e serviranvos de refuxio verbo do vingador do sangue. 4O homicida fuxirá a unha desas cidades, e deterase no limiar da porta, e contaralles o seu caso ós anciáns da cidade aquela; e acollerano na vila e daranlle un lugar para morar entre eles. 5E, aínda que o vingador do sangue o persiga, eles non entregarán o homicida nas súas mans, pois non de grado matou ó seu próximo, a quen antes non odiara. 6E morará na cidade aquela ata que teña o xuízo da asemblea, e ata a morte do Sumo Sacerdote de entón. Daquela volverá o homicida e entrará na súa vila e na súa casa, na cidade da que fuxira".
7E escolleron a Quédex, en Galilea, na serra de Naftalí, a Xequem, na serra de Efraím, e a Quiriat-Arbá ‑que é Hebrón‑, na serra de Xudá.
8E na outra banda do Xordán, ó oriente de Xericó, sinalaron a Béser, no deserto, á altura da tribo de Rubén; a Ramot, en Galaad, da tribo de Gad; e a Golán, no Baxán, da tribo de Menaxés.
9Esas foron as cidades de refuxio para todos os fillos de Israel, e mais para o forasteiro que andase no medio deles, para fuxir alí todo o que mate a alguén non de grado, de xeito que non morra a mans do vingador do sangue, namentres non compareza diante da asemblea.