Capítulos 11-14
Curación de Tobit
Capítulo 11
1Como xa se aproximaban a Acrim, diante de Nínive, Rafael dixo:
2‑" Ti sabes ben en que situación deixamos a teu pai. 3Imos, pois, adiantarnos á túa muller para preparar a casa mentres chegan os demais".
4E marcharon os dous xuntos. Rafael dixéralle a Tobías: ‑"Garda o fel e lévao na man". O can seguiu detrás deles. 5Ana estaba sentada, ollando o camiño por onde tiña que vir seu fillo. 6Viuno vir ó lonxe e díxolle ó pai:
‑"Alí vén o teu fillo co seu compañeiro".
7Rafael dixo a Tobías antes de que chegase onda o pai:
‑"Eu sei que os ollos de teu pai se abrirán. 8Aplícalle o fel do peixe sobre eles: o remedio fará que as nubes que ten salten, e desaparezan os leucomas; entón teu pai recobrará a vista e verá a luz".
9Ana correu para abrazarse no fillo e díxolle:
‑"Vólvote ver, meu fillo. Agora xa podo morrer".
E empezou a chorar. 10Tobit levantouse e, cambaleando, saíu pola porta do patio. 11Tobías correu ó seu encontro, co fel do peixe na man, soproulle nos ollos e, apreixándoo, díxolle:
‑"Bo ánimo, papá".
12Despois coas dúas mans fíxolle saltar os leucomas dos ollos. 13Entón Tobit botouse ó seu pescozo chorando, e díxolle: ‑"Vólvote ver, fillo, luz dos meus ollos". 14Logo dixo:
‑"Bendito sexa Deus.
Bendito o seu nome grande.
Benditos sexan todos os seus anxos.
Que o seu nome grande sexa sobre nós.
Benditos sexan todos os seus anxos en todos os séculos.
Pois o Señor, que me ferira,
permíteme agora ver o meu fillo Tobías".
15Tobías entrou na casa moi feliz; bendicindo a Deus en alta voz. Explicoulle ó seu pai o gran éxito da súa viaxe, como traía toda a prata e tamén como casara con Sárah, a filla de Reuel, próxima a chegar, pois xa se encontra ás portas de Nínive.
16Tobit, contento e loando a Deus, saíu ó encontro da súa nora cara ás portas de Nínive. Cando as xentes de Nínive o viron marchar e dar voltas con plena saúde, sen que ninguén o guiase, marabilláronse. Tobit pregoou diante deles que Deus tivera mágoa del, abríndolle de novo os ollos. 17Chegado xunto a Sárah, a muller de seu fillo, Tobías, bendiciuna nestes termos:
‑"Sexas benvida, filla. Bendito sexa o teu Deus, que te trouxo onda nós, filla. Bendito sexa o teu pai. Bendito sexa o meu fillo, Tobías, e bendita ti, filla. Entra na túa casa; sexas moi benvida, para ti a bendición e a ledicia; entra, filla".
18Nese día houbo gran gozo entre os xudeus de Nínive. 19Ahicar e Nasbás, os sobriños de Tobit, viñeron tamén onda el, cheos de felicidade.
Rafael dixo quen era e foise
Capítulo 12
1Rematados os festexos da voda, Tobit chamou polo seu fillo Tobías e díxolle:
‑"Fillo querido, disponte a pagar o salario do teu compañeiro de rota, engadindo algunha cousa".
2El contestoulle:
‑"Papá, ¿canto lle teño que dar? Aínda que lle dea a metade dos meus bens, non fago demasiado. 3Levoume san e salvo, curou a miña muller, recuperou a prata, e curoute a ti tamén. Despois de todo isto, ¿cal pode ser o seu salario?"
4Tobit díxolle:
‑"Filliño, é moi xusto que leve a metade de todo canto trouxo".
5Tobías chamouno e díxolle:
‑"Colle como salario a metade de todo o que trouxeches e vai en paz".
6Entón Rafael tomounos ós dous á parte e manifestoulles:
‑"Bendicide a Deus e celebrádeo diante de todos os viventes polo que fixo convosco. É bo bendicir e cantar o seu nome. Facede coñecer a todos os homes as marabillas de Deus, como se merece. Non sexades neglixentes en cantalas. 7É bo ter oculto o segredo do rei, mais as obras de Deus é bo pregoalas e revelalas. Celebrádeas, pois, como elas merecen.
Facede o ben e non vos atinxirá a desgraza. 8Máis vale a oración con verdade e a esmola xusta cá riqueza con inxustiza. Máis vale facer esmola que amontoar ouro. 9A esmola libra das tebras da morte e limpa de todo pecado e da inxustiza. Os que fan esmola veranse saciados de vida; 10os que cometen pecado e inxustiza son inimigos de si mesmos.
11Agora vouvos dicir toda a verdade sen nada calar. Acabo de vos dicir: É bo esconder o segredo do rei e revelar con toda claridade as obras de Deus. 12Pois ben, cando ti rezabas, o mesmo ca Sárah, era eu quen presentaba as vosas oracións diante da gloria do Señor, e da mesma maneira cando ti enterrabas os mortos. 13Cando non dubidabas en erguerte e deixar a comida para ires enterrar o morto, foi entón cando fun enviado onda ti para te poñer á proba. 14Mais ó mesmo tempo envioume Deus para curarte, o mesmo ca á túa nora, Sárah. 15Eu son Rafael, un dos sete anxos que están diante da gloria de Deus e penetran na súa presenza".
16Ambos a dous, abraiados, caeron rostro a terra, cheos de santo temor. 17Pero el díxolles:
‑"Non temades. A paz sexa convosco. Bendicide a Deus por sempre. 18Cando estaba convosco, non se trataba de ningunha cousa miña, senón da vontade de Deus. É a El a quen debedes loar ó longo de toda a vosa vida, é a El a quen debedes cantar. 19Vós vedes agora que eu non comía nada, senón que tiñades unha visión.
20Bendicide, pois, ó Señor neste mundo e celebrade a Deus. Eu torno agora ó que me enviou. Escribide todo canto vos ocorreu".
E elevouse, 21e eles, por moito que ollaron cara ó ceo, xa non o viron. 22Bendicían e cantaban a Deus e celebrábano por todas as grandes obras que fixera por medio da aparición dun anxo.
Cántico de Tobit
Capítulo 13
1E Tobit dixo:
‑"Bendito sexa por sempre o Deus vivo,
bendito o seu reino.
2El é o que castiga e ten misericordia.
El fai baixar ata a morada dos mortos,
nas profundidades da terra,
e despois levanta de novo da gran perdición.
Ninguén pode escapar da súa man.
3Celebrádeo, fillos de Israel, diante das nacións,
entre as que El vos dispersou.
4Fíxovos ver alí a súa grandeza.
Exaltádeo perante todos os viventes,
pois El é o noso Señor, o noso Deus, o noso Pai.
El é Deus por todos os séculos.
5El castigouvos polas vosas iniquidades,
pero volverase compadecer novamente de todos vós
e recolleravos de entre todas as nacións
por onde fostes dispersados.
6O día en que volvades a El,
con todo o voso corazón e todo o voso ser
para obrardes segundo a verdade diante del,
entón El volverá a vós e non vos ocultará o seu rostro.
7E agora pensade o que fixo por vós
e celebrádeo a plena voz.
Bendicide ó Señor da xustiza
e exaltade ó Rei dos séculos.
8Pola miña parte, eu celébroo na terra
á que fun deportado.
Anuncio a súa grandeza e o seu poder
a unha nación pecadora.
Convertédevos, pecadores, obrade rectamente na súa presenza.
Poida que teña compaixón e vos acolla con misericordia.
9Eu enxalzo o meu Deus
e exulto, cheo de ledicia, no Rei do ceo.
10Que todos proclamen a súa grandeza
e o celebren en Xerusalén.
Xerusalén, cidade santa,
Deus castigoute polas obras dos teus fillos,
mais de novo hase compadecer do pobo xusto.
11Celebra ó Señor como é debido
e bendí ó Rei dos séculos
para que o seu templo sexa reconstruído en ti con ledicia.
12Que encha en ti de gozo a todos os deportados
e que ame en ti a todos os desgraciados polos séculos dos séculos.
13Unha viva luz alumará ata os confíns da terra.
Virán a ti de lonxe pobos en gran número,
e habitantes de todos os extremos da terra
virán cara ó teu santo nome,
coas mans cheas de ofrendas para o Rei do ceo.
Xeracións e xeracións encherán o teu corazón de xúbilo
e o nome da Elixida durará sempre.
14Malditos cantos falen de ti duramente.
Malditos os que te destrúan e derruben os teus muros,
todos os que abatan as túas torres e queimen as túas casas.
E benditos para sempre os que te teman.
15Vai, rebrinca de gozo a causa dos xustos,
pois serán xuntados todos e bendicirán ó Señor dos séculos.
Ditosos os que te amen.
Ditosos cantos se gocen na túa paz.
16Ditosos os que se vexan aflixidos por amor a ti,
a causa dos teus castigos,
pois gozarán en ti e verán
toda a túa ledicia por sempre.
Si, eu bendigo ó Señor, o gran Rei,
17porque reconstruirá Xerusalén
e nela o seu templo polos séculos.
Feliz de min, se queda alguén da miña raza
para ver a túa gloria e celebrar o Rei do ceo.
As portas de Xerusalén serán reconstruídas con zafiros e esmeraldas e todos os seus muros con pedras preciosas.
As torres de Xerusalén serán edificadas con ouro e os seus baluartes con ouro fino.
As rúas de Xerusalén serán pavimentadas con rubís e pedras de Ufir.
18As portas de Xerusalén entoarán himnos de ledicia e todas as súas casas cantarán:
¡Aleluia, bendito sexa o Deus de Israel!
E os elixidos loarán o seu santo nome eternamente".
Capítulo 14
1Así rematou Tobit o seu canto de agradecemento.
Morte de Tobit
2Tobit morreu en paz á idade de cento doce anos e foi enterrado con magnificencia en Nínive. Pasaran xa sesenta e dous anos desde que perdera a vista; desde que a recobrou, viviu na abundancia e fixo esmolas, bendicindo sempre a Deus e celebrando a súa grandeza.`
3A punto de morrer, chamou o seu fillo Tobías e deulle as seguintes instrucións:
4‑"Fillo, leva lixeiro os teus nenos a Media; pois eu creo na palabra de Deus ó profeta Nahum contra Nínive: todo se realizará e abaterá sobre Asur e Nínive; todo canto din os profetas de Israel, enviados de Deus, hase de cumprir. Nada se quitará de todas as palabras, e todo se cumprirá no seu tempo. En Media vivirase en máis seguridade do que en Asiria ou Babilonia. Pois eu sei e creo que todo canto dixo Deus se ha de cumprir, realizarase: non se deixará de cumprir unha soa palabra dos profetas. Os nosos irmáns que habitan na terra de Israel serán empadroados e deportados lonxe desta terra feliz. Toda a terra de Israel quedará deserta, Samaría e Xerusalén quedarán desertas e o templo de Deus verase tamén desolado e queimado polas chamas durante algún tempo. 5Pero de novo terá Deus compaixón e faraos volver á súa terra de Israel. De novo construirán o seu templo, mais non coma o primeiro, ata que se cumpran os tempos fixados. Despois disto, volverán todos do seu desterro e reconstruirán esplendidamente Xerusalén. A casa de Deus será aí reconstruída segundo o que dela dixeron os profetas de Israel. 6Todos, en todas as nacións da terra enteira, virán e crerán en Deus en toda verdade. Todos abandonarán os seus ídolos mentireiros, que os extraviaban no seu erro, e bendicirán na xustiza ó Señor dos séculos. 7Todos os fillos de Israel, que serán salvos naqueles días por se lembraren do Señor na verdade, xuntaranse e virán a Xerusalén. Habitarán por sempre con seguridade na terra de Abraham que lles será devolta. Os que amen a Deus na verdade alegraranse, mais os que cometan o pecado e a iniquidade serán borrados da terra.
8E agora, fillos, velaquí as miñas instrucións: servide a Deus na verdade e facede o que lle sexa grato. Mandade ós vosos fillos practicar a xustiza e a esmola, lembrarse de Deus e de bendicir o seu nome en todo tempo, na verdade e con toda a súa alma. 9En canto a ti, fillo, vaite de Nínive, non sigas aquí. Despois de sepultares a túa nai onda min, non pases nin sequera unha noite no territorio desta cidade. Pois eu estouno vendo; hai aquí moita iniquidade e cométense nela grandes inxustizas, sen que ninguén se avergoñe. 10Considera, fillo, canto Nasbás lle fixo ó seu pai adoptivo, Ahicar: ¿Non o fixo baixar vivo ó corazón da terra? Mais Deus vingou a infamia baixo a mirada da vítima: Ahicar saíu á luz, mentres que Nasbás entrou nas tebras eternas, por querer matar a Ahicar. Mais este, debido ás súas esmolas, escapou da trampa mortal que lle tendera Nasbás, quen quedou prendido na rede que foi a súa ruína. 11Así, pois, fillos queridos, vede o froito que dá a esmola e o que produce a iniquidade ‑esta produce a morte‑. Pero váiseme a vida..."
Deitárono no seu leito e morreu. E foi enterrado con gran pompa.
Epílogo
12Morta tamén a nai, enterrouna Tobías co pai. Despois saíu coa súa muller para Media e habitou en Ecbátana co seu sogro Reuel. 13Colmou de atencións ós seus sogros na súa vellez. Enterrounos en Ecbátana de Media, e herdou o patrimonio de Reuel, o mesmo có de seu pai, Tobit. 14Morreu moi estimado á idade de cento dezasete anos. 15Coñeceu, antes de morrer, a ruína de Nínive e viu chegar á Media os ninivitas deportados por Ciaxares, rei de Media. Bendiciu ó Señor por todo o que fixera ás xentes de Nínive e de Asur. Alegrouse antes de morrer da sorte de Nínive, e bendiciu ó Señor Deus polos séculos dos séculos. Amén.