Capítulos 6-10
Capítulo 6
1Entón o rei Darío deu a orde de facer investigacións nos arquivos da tesourería, depositados aló en Babilonia; 2e, na fortaleza de Ecbátana da provincia de Media, deuse cun rolo no que estaba escrito: ‑"Memorando. 3O primeiro ano do seu reinado, Ciro deu unha orde referente ó templo de Xerusalén:
A casa de Deus será reconstruída alí onde se ofrecen sacrificios e onde se encontran os fundamentos; a súa altura será de sesenta cóbados. 4Haberá alí tres ringleiras de pedras talladas e unha ringleira de madeira nova e a casa do rei cubrirá os gastos. 5Ademais, devolveranse os obxectos do templo de Deus, en ouro e prata, os que Nabucodonosor levara do templo de Xerusalén a Babilonia; cada un deles irá ó seu lugar no templo de Xerusalén. Depositaralos ti na casa de Deus".
6‑"Polo tanto, ti, Taznai, gobernador de Transeufratina, Xetar-Boznai e mais os seus colegas, xentes de Arfaxac de Transeufratina, non vos ocupedes diso. 7Deixádelles facer o traballo de levantar a casa de Deus ó gobernador dos xudeus cos seus anciáns, sobre os seus cimentos. 8Estas son as miñas ordes relativas ó que tedes que facer con eses anciáns dos xudeus que constrúen esa casa de Deus: levántana a expensas dos bens do rei, mediante os impostos de Transeufratina. Débeselles, pois, asegurar a paga a eses homes sen interrupción. 9Canto sexa necesario ‑tenreiros, carneiros, años para os holocaustos do Deus dos ceos; trigo, sal, viño e aceite, segundo as indicacións dos sacerdotes de Xerusalén‑ entregaráselles día a día, sen falta, 10para que poidan levar ofrendas ó Deus do ceo e aplacalo, e pidan pola vida do rei e dos seus fillos. 11Velaquí as miñas ordes concernentes ó que non cumpra este edicto: arrínqueselle unha viga da súa casa e que o empalen todo dereito enriba; e convertan, ademais, a súa casa nun montón de entullos. 12E aínda máis: que o Deus, o do nome que reside alí, aniquile todo rei e todo pobo que, en contra desta orde queira destruír ese templo do Deus en Xerusalén. Eu, Darío, eu mesmo, dei a orde; que se cumpra así exactamente".
13Entón o gobernador de Transeufratina, Taznai, Xetar-Boznai e os seus colegas fixeron exactamente segundo a orde do rei Darío. 14Os anciáns dos xudeus seguiron coa obra sen dificultade, de acordo coa profecía de Axeo e de Zacarías, fillo de Idó, ata rematar o traballo, segundo a orde do Deus de Israel e a orde de Ciro, de Darío e de Artaxerxes, rei de Persia. 15Terminouse este templo o terceiro día do mes de Adar, o ano sexto do reinado de Darío. 16Os israelitas ‑sacerdotes, levitas e o resto dos deportados‑ celebraron cheos de xúbilo a dedicación do templo de Deus.
17Ofreceron con este fin cen touros, douscentos carneiros, catrocentos años, e polos pecados de todo o pobo, doce machos cabrúns, un por cada tribo. 18Os sacerdotes, por grupos, e os levitas por clases estableceron o culto do templo de Xerusalén, de acordo coas prescricións do libro de Moisés.
A Pascua
19Os deportados celebraron a Pascua o día catorce do primeiro mes; 20dado que os sacerdotes xunto cos levitas se purificaran, todos estaban puros. Entón inmolaron a Pascua para todos os deportados, para os seus irmáns sacerdotes e para eles mesmos. 21Desta maneira os israelitas, chegados da deportación, comeron con todos os que, despois deles, romperan coa impureza dos pobos pagáns, con miras a buscar o Señor, o Deus de Israel. 22Celebraron con ledicia a festa dos pans ázimos, durante sete días, pois o Señor enchéraos de xúbilo, cambiando o corazón do rei de Asiria respecto deles, co fin de que afianzaran as súas mans na tarefa da casa de Deus, do Deus de Israel.
O escriba Esdras
Capítulo 7
1Despois destes acontecementos, baixo o reinado do rei de Persia Artaxerxes, Esdras, fillo de Seraías, fillo de Azarías, fillo de Hilquías, 2fillo de Xalum, fillo de Sadoc, fillo de Ahitub, 3fillo de Amarías, fillo de Azarías, fillo de Meracot, 4fillo de Zerahías, fillo de Uzí, fillo de Buquí, 5fillo de Abixúa, fillo de Pinhás, fillo de Elazar, fillo de Aharón o sumo sacerdote ‑6este Esdras‑ subiu de Babilonia. Tratábase dun escriba experto na Lei de Moisés, dada polo Señor, Deus de Israel. O rei deulle todo canto tiña pedido, pois a man do Señor o seu Deus estaba con el. 7Entre os fillos de Israel e os sacerdotes, os levitas, os cantores, os porteiros e os servos, algúns subiron a Xerusalén, no sétimo ano do rei Artaxerxes; 8chegou, pois, a Xerusalén o quinto mes; era o sétimo ano do rei. 9En efecto, o primeiro día do quinto mes chegou a Xerusalén, pois a boa man de Deus estaba sobre el. 10Esdras, en efecto, entregárase de cheo a buscar a Lei do Señor, a poñela en práctica e a ensinar a Israel os mandamentos e costumes.
Carta de Artaxerxes
11Velaquí a copia da acta oficial que o rei Artaxerxes entregou a Esdras, o sacerdote escriba, escribán das palabras ordenadas polo Señor e das súas leis a Israel: 12‑"Artaxerxes, rei de reis, a Esdras, sacerdote e escriba da Lei do Deus dos ceos, saúde, etc. 13Velaquí a miña orde: Todo aquel do pobo de Israel que vive no meu reino, sexa sacerdote ou levita, e quere ir canda ti a Xerusalén, pode facelo libremente. 14Pois ti es o enviado polo rei e polos seus sete conselleiros, para observares como se practica en Xudá e Xerusalén a Lei de Deus, esa lei que ti tes na man; 15tamén para levares a prata e o ouro das ofrendas voluntarias do rei e dos seus conselleiros ó Deus de Israel, o que ten o templo en Xerusalén, 16e canta prata e ouro poidas xuntar en toda a provincia de Babilonia coas ofrendas voluntarias que o pobo e os sacerdotes aporten para a casa do seu Deus en Xerusalén. 17Así pois, con eses cartos coidaraste de mercar touros, carneiros, años e canto faga falta para as súas ofrendas e libacións; presentaralas sobre o altar da casa do voso Deus en Xerusalén. 18E o que conveña facer, segundo o teu parecer e o dos teus irmáns, co resto da prata e do ouro, farédelo de acordo coa vontade do voso Deus. 19Os obxectos que che serán dados para o servizo da casa do Señor, deposítaos diante do Deus de Xerusalén. 20O resto do que fai falta para a casa do teu Deus e que te incumbe asegurar, incluiralo na conta da tesourería do rei. 21Eu, o rei Artexerxes, eu dou a orde a todos os tesoureiros de Transeufratina para que fagan exactamente todo canto vos pida o sacerdote Esdras, escriba da Lei do Deus de Israel, 22ata a cantidade de cen talentos de prata, cen cargas de trigo, cen pipas de viño e cen de aceite, e canto sal queira. 23Fágase puntualmente canto ordene o Deus dos ceos referente ó seu templo, co fin de que a súa cólera non se excite contra o imperio do rei e contra os seus fillos. 24Facémosvos saber, ademais, que todos os sacerdotes, levitas, cantores, porteiros e servos e servidores de Deus, quedan eximidos de pagar impostos ou dereito de peaxe. 25En canto a ti, Esdras, coa sabedoría do teu Deus, que é o que te dirixe, nomea xuíces, maxistrados que fagan xustiza a todo o pobo de Transeufratina, a todos cantos coñecen as leis do teu Deus ‑e farédesllelas coñecer ós que as ignoran. 26A quen non cumpra a Lei do teu Deus e a lei do rei con exactitude, aplicaráselle a sentencia: ou de morte, ou de desterro, ou pagar unha multa, ou o cárcere".
27Loado sexa o Señor, o Deus dos nosos pais que puxo no corazón do rei a vontade de honrar deste xeito a casa do Señor, en Xerusalén. 28E granxeoume, o mesmo, o seu favor e o dos seus conselleiros e máis altos ministros. Cheo, polo tanto, de seguridade, ‑pois a man do Señor meu Deus estaba sobre min‑, xuntei algúns xefes de Israel para que saísen canda min.
Os compañeiros de Esdras
Capítulo 8
1Lista dos cabezas de familia, coas súas xenealoxías, que subiron canda min desde Babilonia, durante o reinado do rei Artaxerxes; 2fillos de Pinhás: Guerxom; dos fillos de Itamar: Daniel; dos fillos de David: Hatux, 3dos fillos de Xecanías; dos fillos de Parox: Zacarías cos que foron rexistrados cento cincuenta homes; 4dos fillos de Pahat-Moab: Elioenai, fillo de Zerahías e, con el, douscentos homes; 5dos fillos de Xecanías, fillos de Iahaziel e, con el, trescentos homes; 6e dos fillos de Adín: Ebed fillo de Ionatán e, con el, cincuenta homes; 7e dos fillos de Elam: Isaías fillo de Atalías, con el, setenta homes; 8e dos fillos de Xefatías: Zebadías fillo de Micael e, con el, oitenta homes; 9dos fillos de Ioab: Abdías, fillo de Iehiel e, con el, douscentos dezaoito homes; 10e dos fillos de Xelomit, fillo de Iosifías e, con el, cento sesenta homes; 11e dos fillos de Bebai: Zacarías fillo de Bebai e, con el vinte e oito homes; 12e dos fillos de Azgad: Iohanán fillo de Catán e, con el, cento dez homes; 13e dos fillos de Adonicam: os derradeiros, con estes nomes: Elifélet, Iehiel e Xemaías e, con eles, sesenta homes; 14e dos fillos de Bigbai: Utai e Zabud e, con el, setenta homes.
Viaxe de Esdras e Xerusalén
15Reuninos onda o río que vai morrer no Ahavá e acampamos alí tres días. Entón deime conta de que había leigos e sacerdotes, pero non había ningún levita. 16Mandei, pois, ós xefes Eliezer, Ariel, Xemaías, Elnatán e Iarib, Elnatán, Natán, Zacarías, Mexulam, e tamén ós instructores Ioiarib e Elnatán, 17coa orde de iren onda Idó, xefe da localidade de Casifiá; e puxen na súa boca as palabras que tiñan que dicir a Idó e ós seus irmáns os servidores na localidade de Casifiá, co fin de que nos trouxesen servidores para a casa do noso Deus. 18Como a boa man do noso Deus estaba sobre nós, mandáronnos un home asisado, un dos fillos de Mahli, fillo de Leví, fillo de Israel, é dicir, a Xerebías, cos seus fillos e irmáns, en total dezaoito, 19e tamén a Haxabías e con el Isaías, un dos fillos de Merarí, cos seus irmáns e seus fillos, en total vinte homes; 20e entre os servidores que David e os xefes deran para o servizo dos levitas, douscentos vinte servidores, todos designados polos seus nomes.
21Proclamei alí, onda o río Ahavá, un xaxún, a fin de nos aflixirmos diante do noso Deus e buscar o seu favor e termos unha feliz viaxe, nós e os nosos nenos e bagaxes. 22Pois non ousabamos pedirlle ó rei infantes e xinetes que nos protexesen dos nosos inimigos durante a marcha, despois de que lle dixemos:
‑"O noso Deus protexe ós que o serven, mentres que o seu furor e cólera volven contra os que o abandonan".
23Xexuamos, pois, pedindo este favor ó noso Deus, e el escoitounos benignamente.
24Despois disto escollín doce xefes de entre os sacerdotes con Xerebías, Haxabías e dez dos seus irmáns con eles. 25Pesei diante deles a prata, o ouro e os obxectos que o rei, os seus conselleiros e os israelitas residentes alí entregaran como ofrenda ó templo do noso Deus. 26Xa pesados, puxen nas súas mans seiscentos cincuenta talentos de prata, obxectos de prata equivalentes a cen talentos, outros cen talentos de ouro, 27vinte copas de ouro por mil dáricos, dous obxectos de bronce brillante, fermosísimos, preciosos coma o ouro. 28Despois díxenlles:
‑"Vós estades consagrados ó Señor, eses obxectos están consagrados e a prata e ouro son unha ofrenda voluntaria ó Señor, o Deus dos nosos pais; 29gardádeo todo moi ben ata que o pesedes diante dos xefes de familia de Israel, en Xerusalén nas habitacións da casa do Señor".
30Entón os sacerdotes e os levitas tomaron ó seu cargo a prata, o ouro e os obxectos pesados para levalos a Xerusalén á casa do noso Deus. 31Saímos de onda o río Ahavá o doce do primeiro mes para irmos a Xerusalén. A man do noso Deus estaba sobre nós e, no camiño, arrincounos das mans do inimigo e dos salteadores en emboscada. 32Chegamos a Xerusalén e repousamos alí tres días. 33No cuarto día pesamos a prata, o ouro e os obxectos na casa do noso Deus, entre as mans do sacerdote Meremot fillo de Urías, de Elazar fillo de Pinhás, que estaba con el, e xunto con eles os levitas Iozabad fillo de Iexúa e Noadías fillo de Binui. 34Número e peso, todo estaba alí, e o total do peso foi consignado por escrito. Nese mesmo tempo, 35os que chegaron da catividade, os deportados, ofreceron en holocausto ó Deus de Israel doce touros por todo Israel, noventa e seis carneiros, setenta e sete años, doce machos cabrúns polo pecado: todo en holocausto ó Señor. 36Despois transmitiron as ordes do rei ós sátrapas e ós gobernadores de Transeufratina, que sostiveron o pobo e a casa de Deus.
Pregaria humilde de Esdras
Capítulo 9
1Rematado todo isto, viñeron onda min os xefes, dicíndome:
‑"O pobo de Israel, os sacerdotes e os levitas non viven afastados das xentes do país. Conformes coas súas abominacións ‑as dos cananeos, hititas, perizitas, iebuseos, amonitas, exipcios e amorreos‑, 2tanto eles coma os fillos casaron coas súas fillas, e a raza santa mesturouse cos pobos pagáns. Os xefes e os notables foron os primeiros en lixar as mans con esa infamia de infidelidade".
3Cando souben iso, rachei o meu vestido e o meu manto, rapei a cabeza e a barba, e senteime desolado. 4Todos cantos tremían ante as palabras divinas xuntáronse comigo ó coñeceren tal desacato dos deportados. Eu seguín sentado ata a ofrenda da tarde. 5A esa hora dei remate á miña prostración e co vestido e manto rachados, axeonlleime e levantei as mans ó Señor, meu Deus, 6dicíndolle:
‑"Meu Deus, avergóñome e non me atrevo a levantar a ti o rostro, porque os nosos pecados exceden a nosa cabeza e chega ata o ceo a nosa culpa. 7Desde os tempos de nosos pais ata hoxe fixémonos reos de grandes ofensas; e polos nosos delitos, tanto nós coma os nosos reis e sacerdotes, fomos entregados ós reis estranxeiros, á espada, ó exilio, ó saqueo, á ignominia, que é, ó presente, a nosa triste situación. 8Mais agora, Señor, noso Deus, concedíchesnos un momento de respiro, deixándonos un resto e un sitio no teu lugar santo. Deste xeito, o noso Deus iluminou os nosos ollos e deunos un pouco de vida na nosa escravitude. 9Pois somos escravos, mais o noso Deus non nos abandonou na nosa servidume. Granxeounos o favor dos reis de Persia, verteu sobre nós a súa fidelidade co fin de darnos a vida para poder reconstruír o templo do noso Deus, recompoñendo as súas ruínas e dándonos un muro en Xudea e Xerusalén. 10E agora, Deus noso, ¿que podemos dicir despois de todo isto? Abandonamos os teus mandamentos, 11os que nos deches por medio dos teus servos os profetas, dicindo: A terra na que ides entrar para posuíla é unha terra inmunda, lixada polas xentes do país e polas abominacións que a enchen dun cabo ó outro coas súas miserias. 12Por conseguinte, non lles deades as vosas fillas ós seus fillos, nin tomedes as súas fillas por mulleres dos vosos fillos. Endexamais busquedes a súa alianza nin o seu favor, para que deste xeito vos fortalezades e poidades comer dos bens do país e deixárllelos en posesión ós vosos fillos para sempre. 13Despois de todo canto nos aconteceu polas nosas malas accións e pola nosa gran culpabilidade ‑aínda que ti, Deus noso, non te fixaches moito nos nosos delitos e deixáchesnos saír con vida‑, 14¿violaremos de novo os teus preceptos, emparentando con estes pobos abominables? ¿Non te anoxarías contra nós ata aniquilarnos sen deixar nin un sobrevivente?
15Señor, Deus de Israel, este resto que hoxe segue vivo demostra que ti es xusto. Aquí estamos diante de ti coma reos, pois non podemos xustificarnos na túa presenza despois de canto nos ocorreu".
Expulsión das mulleres estranxeiras
Capítulo 10
1Mentres Esdras, chorando e prostrado diante do templo de Deus, rezaba e facía esta confesión, unha multitude moi grande de israelitas ‑homes, mulleres e nenos‑ foise xuntando a el, chorando sen parar. 2Entón Xecanías fillo de Iehiel, un dos fillos de Elam, tomou a palabra e díxolle a Esdras:
‑"Fomos infieis ó noso Deus, tomando mulleres estranxeiras dos pobos pagáns. Mais isto aínda pode ter remedio para Israel: 3fagamos agora unha alianza co noso Deus, comprometéndonos a despedir as mulleres estranxeiras xunto cos fillos que delas tivemos, de acordo co que o señor di e segundo o consello de todos os que temen o mandato do noso Deus. Que se faga segundo a Lei. 4Ponte en pé, que isto é cousa túa; nós estamos ó teu lado. Animo e mans á obra".
5Entón Esdras levantouse e fixo xurar ós xefes dos sacerdotes, dos levitas e de todo Israel, que se faría como dixese. E xurárono. 6Entón Esdras levantouse de onde estaba, cara á casa de Deus, e dirixiuse ó apousento de Iehohanán fillo de Eliaxib. Unha vez chegado, non comeu nin bebeu nada, en sinal de dó, magoado pola infidelidade dos deportados.
7Fixo publicar unha proclama en Xudá e Xerusalén, a fin de que todos os deportados se xuntasen en Xerusalén. 8O que non acudise no prazo de tres días, tempo establecido polas autoridades e senadores, seríanlle confiscados os bens e el excluído da comunidade dos repatriados. 9Entón todos os homes de Xudá e de Benxamín xuntáronse en Xerusalén o terceiro día; era o vinte do noveno mes. Todo o pobo ficaba na praza do templo, tremendo por culpa dese asunto e pola moita chuvia. 10O sacerdote Esdras levantouse e díxolles:
‑"Fixestes moi mal casando con mulleres estranxeiras, crecendo por ese camiño a culpabilidade de Israel. 11Agora, pois, confesádevos ó Señor, o Deus dos vosos pais, e facede a súa vontade: afastádevos dos pobos pagáns e das mulleres estranxeiras".
12Toda a asemblea respondeu con forte voz:
‑"É verdade. Débese facer coma ti dis. 13Pero o pobo é numeroso e estamos na estación das chuvias. Non se pode seguir fóra. Ademais, non é cousa dun día nin de dous, pois somos moitos os que quebrantamos ese mandamento. 14Que os nosos xefes volvan aquí no nome de toda a asemblea e que todos cantos nas nosas vilas tomaron mulleres estranxeiras veñan no tempo fixado cos anciáns de cada vila xunto cos seus xuíces, ata que a cólera do noso Deus, acesa por este motivo, se aparte de nós".
15Non obstante, Ionatán fillo de Asahel e Iahzías fillo de Ticrah opuxéronse, apoiados por Mexulam e polo levita Xabtai. 16Mais os deportados fixeron como se lles dixera. O sacerdote Esdras escolleu a algúns dos cabezas de familia, segundo as súas liñaxes, designándoos polos seus nomes. 17E o un do primeiro mes remataron o asunto de todos os homes que casaran con estranxeiras.
Lista dos culpables
18Entre os fillos dos sacerdotes que tomaran mulleres estranxeiras, atopáronse:
Entre os fillos de Xosué fillo de Iosadac e seus irmáns: Maseías, Eliézer, Iarib e Guedalías; 19comprometéronse a despedir as súas mulleres e ofrecer un carneiro para repararen a ofensa; 20entre os fillos de Imer: Henaní e Zabadías; 21entre os fillos de Harim: Maseías, Elías, Xemaías, Iehiel e Ozías; 22entre os fillos de Paxhur: Elioenai, Ismael, Netanel, Iozabad e Eleasah.
23Entre os levitas: Iozabad, Ximí, Quelaías ‑o quelita‑, Petahías, Yehudah e Eliézer.
24Entre os cantores: Eliaxib.
Entre os porteiros: Xalum, Télem e Urí.
25Referente ós israelitas: entre os fillos de Parox: Ramíah, Izías, Malaquías, Miiamín, Elazar, Malaquías e Benaías.
26Entre os fillos de Elam: Matanías, Zacarías, Iehiel, Abdi, Ieremot e Elías; 27entre os fillos de Zatú: Elioenai, Eliaxib, Matanías, Ieremot, Zabad e Azizá; 28entre os fillos de Bebai: Iehohanán, Hananías, Zabai, Atlai; 29entre os fillos de Baní: Mexulam, Maluc, Adaías, Iaxub, Xeal, Ieremot; 30entre os fillos de Pahat-Moab: Adná, Kelal, Benaías, Maseías, Matanías, Besalel, Binuí, Menaxés; 31entre os fillos de Harim: Eliézer, Ixías, Malaquías, Xemaías, Simeón, 32Benxamín, Maluc, Memarías; 33entre os fillos de Haxum: Matenai, Matatah, Zabad, Elifélet, Ieremai, Menaxés, Ximí; 34entre os fillos de Baní: Madai, Amram, Uel, 35Benaías, Bedía, Keluí, 36Vanías, Meremot, Eliaxib, 37Matanías, Matenai e Iasai; 38Baní e Binui, Ximí, 39Xelemías, Natán, Adaías, 40Macnadbai, Xaxai, Xarai, 41Azarel, Xelemías, Xemaría, 42Xalum, Amarías, Xosé; 43entre os fillos de Nebó: Iehiel, Matatías, Zabad, Zebiná, Iadai, Ioel, Benaías.
44Todos eses tomaran mulleres estranxeiras; e mesmo entre eles había mulleres das que xa tiveran fillos.